Convenio Deputación de Lugo-IESCHA

Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro (na fotografía), vén de reunirse con Manuel Castro Santamariña, presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) de Vilalba, para asinar un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial apoia economicamente, con oito mil euros, o desenvolvemento da actividade anual desta entidade cultural.

A actividade do IESCHA contempla a celebración do Día da Cultura Chairega, que se celebra en setembro coincidindo co cabodano de Manuel María co espectáculo “Andando a terra. Uxía canta a Manuel María”, traballo musical sobre poemas do escritor chairego realizado por Uxía e Sérgio Tannus; a publicación de dous libros, obra de dous escritores contemporáneos chairegos do século XX, Cartas a Antón, de Bernardo García Cendán; e o libro de poemas ‘Fotogramas da desfeita’, de Martiño Maseda; así como dúas representación teatrais, ‘O asasino e o mordomo’, do grupo teatral a Contrabatuca, que se escenificou co gallo do Día das Letras Galegas; e ‘Historias de Branca Flor’, dirixida ao público infantil.

Ademais desta programación de actividades, o IESCHA desenvolve un importante labor de recompilación con diversas publicacións como cinco cadernos de estudos chairegos, cinco números da Revista Pena do Encanto, quince números da Biblioteca Chairega, ou catro facsímiles, entre outros.

Mario Outeiro destacou “o traballo realizado polo Instituto de Estudos Chairegos de cara a promoción da cultura da Terra Chá na comarca e na provincia. Estamos ante unha entidade que rexistra todo tipo de manifestacións culturais que deben ser obxecto de investigación e recuperación, como a arquitectura rural, composta principalmente por cruces e cruceiros; a música tradicional, a arte dos máis vellos oficios, e a literatura oral, entre outras”.

“Dende a área de Cultura da Deputación de Lugo apostamos pola investigación, o estudo, a conservación, a defensa e a difusión da Cultura Galega, especialmente no que se refire á lingua, á historia e ás tradicións da provincia de Lugo, xa que nos permite recuperar e conservar o noso patrimonio tanto material como inmaterial, algo que, na Terra Chá, cumpre á perfección o IESCHA, o que xustifica a nosa colaboración con esta entidade cultural”, concluíu o delegado.

30/09/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión