Destrozos dos xabaríns

Redacción.-

O Sindicato Labrego Galego volve reclamar da Consellaría de Medio Rural unha resposta efectiva diante dos estragos que están a causar as laradas de xabarís nas leiras de millo forraxeiro, cultivo indispensable para a mantenza do gando e para aforrar nos custes de produción da alimentación animal nas explotacións gandeiras.

A semana pasada, a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), publicaba un estudio no que revelaba que o gasto medio en pensos aumentou un 15'8% nos últimos cinco anos, de maneira que agora o desembolso en concentrados alimenticios para o gando supón xa o 52'2% dos gastos totais dunha explotación. Esa é unha das principais razóns para que o cultivo do millo forraxeiro se estea incrementando ano tras ano, cultivándose na actualidade case 65.000 hectáreas na Galiza, segundo a superficie declarada na solicitude da PAC de 2012. Estas cifras evidencian que os cultivos de millo forraxeiro destinado a alimentación animal son vitais para a economía das explotacións, xa que producir forraxes propias para alimentar ao gando diminúe considerablemente os custes de produción.

O problema na Galiza é que, a pesares de termos un clima idóneo para producir millo forraxeiro, o seu cultivo faise case imposible por mor dos ataques do xabaril, que estraga as leiras en todas as etapas do proceso produtivo, dende o fresado da terra e a sementeira até o intre da recolección final. Segundo o coordinador dos Sectores Gandeiros no SLG, Xabier Gómez Santiso, “este ano está sendo peor que os anteriores, e os xabarís están a aniquilar a colleita de millo nas zonas onde este cultivo é importante, coa conseguinte perda de miles de euros por explotación”.

Lonxe de facer algo para paliar e compensar estes danos, a Xunta desmantelou as escasas e deficientes medidas de prevención e protección que existían no pasado. Pola súa banda, os Tecores (os “territorios cinexeticamente ordenados” que substituíron aos cotos de caza) amósanse completamente inútiles á hora de manter controlada a poboación de xabarís na Galiza, que levan anos actuando como unha auténtica e destrutiva praga.

Para o Sindicato Labrego, é inxusto que teñan que ser os labregos e labregas os que custeen a mantenza da fauna salvaxe de Galicia a costa de ver aínda máis minguadas as súas cativas rendas. Para Xabier Gómez Santiso, “é necesario que un patrimonio colectivo da sociedade como é a fauna salvaxe, sexa custeado pola propia sociedade a través do erario público e dos nosos impostos. Polo tanto, a Xunta de Galicia debe pagar estes custes ás persoas que os están financiando: fundamentalmente, as explotacións agrarias e, en xeral, toda a xente que vive no medio rural”.

10/09/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión