Presentado o Rallye San Froilán 2013

Redacción.- O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable das áreas de Benestar Social e Deporte, Antonio Veiga, presentou hoxe, xunto co delegado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, o XXXV Rallye San Froilán, que se disputará os días 6 e 7 de setembro. A proba, que está organizada pola escudería Miño en colaboración co ente provincial, transcorrerá polos concellos de Vilalba, Muras, Outeiro de Rei, Pol e Lugo e será puntuable para o Campionato Galego de Rallyes 2013. Tamén participaron na presentación Carlos Íñiguez, presidente da escudería Miño; Ramón Carballo, subdelegado do Goberno en Lugo; Iván Corral Pérez, presidente da Federación Galega de Automobilismo; José Manuel Díaz Grandío, en representación do Concello de Lugo, así como os alcaldes das demais localidades polas que circulará o rallye.
A presente edición do Rallye San Froilán, que conta con 135 equipos inscritos, consta dun percorrido de máis de 430 Km, dos cales máis de 90 Km corresponden a 9 treitos cronometrados por estradas asfaltadas pechadas ó tráfico. A proba comezará o venres 6 cun tramo espectáculo no polígono das Gándaras para o que se agarda unha gran afluencia, mentres que o día 7 se desenvolverán o resto dos tramos. 
Durante a súa intervención, Antonio Veiga deu parabéns á escudería Miño-Lugo polos anos que leva traballando na promoción deste Rallye e afirmou que “este evento debe ser apoiado en todo momento polas institucións xa que o automobilismo lucense conta non só con importantes pilotos e unha alto nivel de participación senón tamén con moita afección”.
O vicepresidente da Deputación lembrou que “o Rallye San Froilán é unha proba histórica pola que teñen pasado os mellores pilotos da esfera nacional e estatal, que xa se ten consolidado como unha referencia a nivel estatal, algo que repercute de forma positiva a nivel turístico e económico xa que permite achegar a milleiros de persoas a lugares do noso rural que se saen dos circuítos turísticos habituais”.
Pola súa banda, Mario Outeiro explicou que “o Rallye San Froilán son 430 quilómetros de escaparate pola mellor paisaxe da provincia de Lugo, non só para os pilotos participantes senón tamén para os milleiros de afeccionados que cada ano se achegan a disfrutar desta proba deportiva na que se dá cabida o mellor do automobilismo galego e estatal”.
Antes da presentación, as autoridades presentes puideron observar e subirse a algúns dos vehículos que van participar nesta edición, xa que permaneceron durante un tempo na praza de San Marcos.

3 de set. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión