Prezado amigo Palmeiro...

Manuel Fernández Rodríguez.- Había unha vez un neno que vivindo moi preto do mar, nun concello de mar como Barreiros, na costa de Lugo, nunca vira o mar. Isto pasaba antes nas aldeas. Non vos estrañedes os máis novos: eu o viaxe máis longo da miña primeira infancia fíxeno subido no carro de vacas do meu avó, enriba duns sacos de gran, para ver o muíño de Marzán. A tres kms da casa!

En fin, o neno ao que me refiro marchou tamén subido no carro de vacas do seu pai descubrir e falarlle ao mar, tan próximo e tan distante del, á praia da Area Longa. E alí contoulle o que vía por primeira vez a ese mar... Foi o mesmo día, día inesquecible, no que logo, á noitiña, tamén descubriu que había un aparello con luces no interior do que saían palabras... Era unha radio. Acababa de traela á casa un tío seu. A poucos nenos concedía daquela a providencia tanta maxia concentrada nun só día.

Por iso, ese neno quedou marcado para sempre. E decidiu que cousas así, cousas tan grandes, tiña que contalas, ou mellor aínda, que tiña que compartilas. Sería deste xeito como, xa de mozo, o destino o levou ao xornalismo para, xa sendo o Palmeiro, este Palmeiro querido de quen falo, dar co xeito de contalo. E hai corenta anos, xusto corenta anos, comezou a contalo sen parar.

Corenta anos ininterrompidos contandónolo desde os máis diversos medios galegos e españois. Desde La Voz de Galicia, da que foi delegado en Ferrol, desde a revista Teima, o primeiro semanal escrito integramente en galego, do que foi un dos animadores, desde a TVE en Galicia e, xa na democracia, desde a Televisión de Galicia, e sobre todo, desde a radio, desde Radio Galicia nunha primeira experiencia, e logo, desde 1982 a 1994, desde a mítica Radio Popular de Vigo, onde exerceu como xefe de informativos de Cope Galicia e se converteu nun dos referentes do xornalismo galego da democracia e a autonomía. Unha etapa esta que, por certo, me permitiu coñecelo ben estando eu en Cope Santiago, entre outros e outras, con Amelia González, con Celia Díaz, con Ana Balseiro, que aquí están tamén. En fin, unha etapa que me permitiu, que nos permitiu, telo como mestre e finalmente como amigo nunha radio que hoxe creo imposible por moitos motivos e onde eu, e outros, cobrabamos por aprender cada día de mestres como Palmeiro.

En fin, tamén as palabras coas Palmeiro contou chegáronnos desde os xornais El País, La Región, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, desde os libros nos que colaborou e escribiu, e desde as súas moitas charlas e conferencias.

O prestixio da súa figura foi tamén aproveitado para a xerencia, e daquela Palmeiro contou cos xestos como a mellor xestión é a do diálogo e o encontro. Fíxoo desde a dirección autonómica de Onda Cero Galicia, desde a dirección da Fundación Torrente Ballester e, por elección de nós, os seus colegas, desde o Colexio de Xornalistas de Galicia, do que foi o primeiro decano.

E tamén nolo contou desde experiencias de xornalismo dixital como o xornal Noticias del Camino, de APECSA, e desde as súas responsabilidades de comunicación no Consello da Cultura Galega e desde as asociacións e entidades do mundo da comunicación e do Camiño de Santiago ás que pertenceu e segue pertencendo. Cito, neste sentido, a Asociación de Periodistas e Estudos do Camiño, Apecsa, da que é vicepresidente.

En definitiva, hai acordo en que Palmeiro é un dos xornalistas imprescindibles da Galicia autonómica, unha das voces escoitadas naqueles tempos nos que aínda se escoitaba...

... Porque impoñía o seu bo facer, a súa profesionalidade. Era desa xente na que se percibe que hai algo máis, neste caso logo da súa voz reflexiva, cadenciosa. E eu, como outros, creo que o que había era sentimento, solidariedade, equidistancia. En definitiva,  compromiso, un compromiso sen matices co xornalismo informativo como servizo público. E, se o queredes máis concreto, como servizo a Galicia.

E quizais por todo isto, por ter a conciencia libre de cargas, nunca un enfado lle vin, como moito, como moito, unha desvaída aproximación a un cabreo unha vez ao ano, que non fai dano... Tampouco nunca unha crítica furibunda nin unha ofensa a ninguén. Nin en antena nin, o que é máis difícil e sorprendente, en privado. Como moito, como moito nestes casos, podía ter unha aproximación á fina ironía ou ao humor requintado, onde é tamén mestre inimitable, incansable, por veces, imparable. Non se pode ser malvado a carón de Palmeiro. Vístese cada mañá co traxe transparente da bonhomía.

E todo isto converteuno nun dos poucos seres de encontro e entendemento sen complexos que levo coñecido. Un valor, por certo, hoxe moi á baixa na Bolsa da Convivencia, pero que algún día, ou acabamos perdendo todos a razón ou ha volver cotizar alto nunha sociedade máis libre e xusta.

... Palmeiro, que sorte terte coñecido. E que sorte que sexas xa parte de nós.

Nós... eses que sabemos que máis que no tempo da xubilación, mereces entrar no tempo de soñar máis ca nunca, de imaxinar máis ca nunca, de escribir máis ca nunca, navegando o aínda non navegado, que tanto é! Permitídeme, neste punto, uns versos:

Quen dera ser nao senlleira
naquel mar non presentido
das xa mergulladas terras!

Quen dera ser nao senlleira!
Sen fito, estrela nin porto,
ser eu a propia ribeira!!!

Quen dera...!

Así cantou e soñou a nao senlleira, a de navegar o que vén, Fermín Bouza Brey.

Querido Palmeiro, pois iso, o mellor dos desexos: que máis ca nunca sexas NAO SENLLEIRA e a túa PROPIA RIBEIRA, desde o mar de Vigo á praia da Area Longa, esa onde lle falaches por primeira vez ao mar coa mesma palabra primixenia coa que logo nos falaches a nós e a tantos. Nao e ribeira para o que ha de vir, amigo, e nelas toda canta liberdade encontres na travesía e, permitíndome parafrasearte... e que cante o cuco.

Remato. Unha ringleira de apartas e bicos de palabras, Palmeiro, de todas e todos nós. Bicos e apertas ás que buscamos darlles a forma de todo canto nos levas contado. E, sobre todo, do que nos has contar de hoxe en diante, porque coñecéndote, o mellor está aínda por contar.

Grazas, Palmeiro. Un millón de grazas.


E, agora si, definitivamente, que cante o cuco! Que cante canto poida!

_______________
Na fotografía de Moncho Paz, o autor do artigo, á esquerda, xunto con Xosé María García Palmeiro.

29/09/2013

1 comentários :

Danos a túa opinión