Ramón Chao, Prisciliano e Vilalba

Redacción.-

O pasado sábado, 31 de agosto, tivo lugar, no Auditorio Municipal de Vilalba ás 18:30 horas, un cine-coloquio coa proxección de A Vía Láctea, película realizada por Luis Buñuel en 1969. O acto estivo moderado polo escritor Ramón Chao e polo xornalista Moncho Paz.

O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, o xornal A Voz de Vilalba e a plataforma cívica "Amigos de Prisciliano", contou coa asistencia de numeroso público que, logo da proxección da película entablou un breve debate en torno aos temas tratados nela: a importancia do Camiño, a figura de Prisciliano ou outros moi caros ao director como o catolicismo, o comunismo e o surrealismo.

O guión do filme foi obra do propio Buñuel e do francés Jean-Claude Carrière, que na cinta interpreta o papel de Prisciliano e que na actualidade é o presidente de honra da plataforma cívica “Amigos de Prisciliano”, fundada por Ramón Chao e Ignacio Ramonet.

A Vía Láctea é unha obra única na filmografía de Buñuel, e recolle todas as obsesións do autor. Dous peregrinos contemporáneos parten, como o fixeron desde a Idade Media, da Rue Saint-Jacques en París cara a Santiago de Compostela. O formato é o da tradicional narración picaresca na que unha parella de desposeídos sobreviven ao longo do trazado xacobeo. Asemade, é a narrativa aínda máis tradicional do cabaleiro andante e o seu escudeiro na procura busca da fe e da honra.

Como colofón deste acto, Ramón Chao interpretou ao piano "O lago de Como", famosa peza musical de C. Galos que deu o título á súa primeira novela publicada hai trinta anos, en 1983, e que foi finalista no Premio Nacional de Narrativa.

Pódense ver aquí as imaxes do evento.

1 de set. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión