Recomendacions do COBG

Redacción.-

O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) lembra as súas recomendacións para a xestión URXENTE dos montes incendiados
Boas prácticas de xestión recomendadas nun catálogo publicado xa en 2006 en colaboración con Amigos da Terra.

O incendio do Pindo foi controlado despois de calcinar case 2.400 hectáreas de monte que forma parte da Red Natura 2000. O resto de incendios de Galicia tamén parecen estar sendo extinguidos, o que non quere dicir que a vaga de lumes non continúe nos próximos tempos.

O máis importante agora é non acumular máis impactos sobre os ecosistemas forestais, que despois dun incendio están nunha situación moi vulnerable fronte a calquera agresión humana ou ambiental. Os factores esenciais en relación co solo son dous : a pendente do terreo, que o fai moi erosionable se é moi acusada, e a vexetación que protexe a este solo, tanto na parte aérea como na subterránea.

O que hai que facer:
Son varias as boas prácticas que podemos aplicar, pensando na conservación dos
ecosistemas tras o lume, sobre todo
- Evitar a erosión do solo, talando o máis tarde posible e o menos posible.
- Reter o solo ao máximo repartindo mulching de palla ou de virutas en zonas con forte pendente ou en zonas próximas a regatos e ríos; deixando os restos forestais ou de podas sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía; poñendo filtros vexetais como feixes preto dos cauces dos ríos, para frear os arrastres do solo e evitar a contaminación das augas.
- Favorecer a alimentación e o refuxio dos animais, especialmente das aves, que actúan como dispersantes de sementes e axudan á recuperación da vexetación.
O que non hai que facer:
- Pisotear as zonas queimadas, porque se aumentaría a erosión.
- Cortar árbores ou romper pólas, porque supoñen unha boa protección contra a erosión por chuvia.
- Realizar sacas de madeira tempranas e de xeito agresivo.
- Laborear e roturar o solo.
- Utilizar maquinaria pesada ou agresiva.
- Asustar ou danar á fauna.
- Pastorear demasiado pronto, para evitar os efectos do gando sobre o solo e a vexetación.
É absolutamente fundamental que as tarefas de restauración non se fagan con técnicas agresivas porque algunhas delas causan máis erosión que o propio incendio. Temos que impedir por todos os medios que se dilapide a fertilidade dos solos forestais de Galicia e simultaneamente que se danen os ricos ecosistemas litorais a causa dos arrastres de materiais deses solos, arrastres que chegarán coas fortes chuvias do outono.
Desde o COBGA propoñemos outra vez máis unha política que prime a prevención do lume incluíndo, entre outras medidas, a educación ambiental e o aproveitamento integral e diversificado do monte. O monte ofrece recursos educativos importantes e bens materiais e ambientais diversos e valiosos. Por exemplo, se calculamos a cantidade de biomasa queimada neste ano 2013, comprobaremos a cantidade de enerxía non aproveitada e mesmo o seu valor en millóns de euros. Pero por riba desta consideración económica tan clara aínda está o enorme valor ecolóxico e social do monte galego. A sociedade galega ten que reaccionar ante estes graves impactos ecolóxicos nos montes e nas augas. O patrimonio biolóxico en ámbolos dous tipos de ecosistemas queda fortemente empobrecido, e mesmo o seu potencial
produtivo queda reducido.
Para máis información, http://www.biologosdegalicia.org/pdf/portada/diptico_incendios.pdf
Colexio Oficial de Biólogos de Galicia
981-53 14 40 comunicacion@biologosdegalicia.org

25/09/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión