Uxía canta a Manuel María

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba escolleu o espectáculo ‘Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María’ para conmemorar o Día da Cultura Chairega no IX Cabodano do Pasamento do poeta da Terra Chá. O acto está financiado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Dende aquel primeiro cabodano de Manuel María, organizado polo IESCHA en setembro de 2005, polo Día da Cultura Chairega teñen pasado grupos tan senlleiros como Milladoiro, A Quenlla, Vichelocrego, Xarín ou Buxos Verdes; téñense proxectado películas coma “18 Comidas” de Jorge Coira; realizado recitais poéticos ou dramatizacións de obras de Manuel María; conferencias, mesas redondas, presentacións de libros, etc. Este ano 2013 será a cantante Uxía a encargada de poñer voz á xornada cos temas do seu disco máis recente. Será o venres 13 de setembro, ás 20,30 no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será totalmente gratuíta.
Os versos do poeta da Terra Cha convertidos en fermosas cancións escoitaranse no epicentro da súa lembranza e no medio dun ambiente de exaltación do patrimonio material e inmaterial deste singular territorio que Manuel María viviu, cantou e amou. Uxía estará acompañada polos músicos Sergio Tannus, Paulo Silva e Santi Cribeiro. Un trío de luxo para este espectáculo que naceu trala emotiva estrea-presentación do disco no Teatro Colón da Coruña en setembro do pasado ano. Ante a excelente reacción do público, a Fundación Manuel María, autora da idea, e O CABLE INGLÉS|Cooperativa Cultural, responsable do management de Uxía, decidiron producir o espectáculo “Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María”.
En palabras da propia Uxía, o repertorio de ‘Andando a Terra’ é “o gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou esta terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face a face”. Seguindo o seu exemplo, a cantante quixo arroupar a súa poesía coa delicadeza das melodías que foi atopando nos camiños, coa luz, a beleza, a paixón e 'o latexar sincero da emoción' que emana dos seus poemas, para poñer en valor o seu valiosísimo, o seu precioso e prezado legado. Ademais da metafísica, o amor, a nenez, a casa natal que quixo tanto, o seu amor á vida, á lingua e a esta terra que andou sen descanso, tamén se inclúen neste espectáculo adaptacións de temas tan emblemáticos como 'O Carro', que xa fora cantada por Fuxan os Ventos ou o 'Manual do Señorito' á que xa puxera voz María Manuela.

09/09/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión