Homenaxe a Helena Villar e Xesús Rábade

Palabras de agradecemento


Helena Villar Janeiro.-

Se a palabras «gracias» (grazas non me gusta, aínda que a acate normalmente) non estivese desgastada polo uso e o abuso, case abondaría con pronunciala para cumprir coa agradable obriga que vos debo. Dado que está moi baleirada de contido e que non explicaría circunstancias especiais deste recoñecemento, vou tratar de transmitirvos o que merecedes escoitar e eu vos desexo dicir.

Eu son chairega adoptada, polo que esta consideración que recibo ten máis mérito que se ma concedesen na terra nativa. Teño a meu favor estar moi próxima á Terra Chá en diferentes etapas da vida a través do cariño de moita xente. Entre as miñas amizades de Maxisterio –a primeira saída dos Ancares-, as vilalbesas foron as máis frecuentadas. Tita, Mari Carmen e Blanca, entre elas; Paredes e Braña, entre eles. A Vila Branca foi a segunda cabeza de partido xudicial que coñecín e deixoume pegada para sempre.

Pasada unha década, os amigos da COPE de Lugo, a emisora máis progresista da época onde naceu a fonda amizade que comparto con Xulio Xiz e na que foi unha honra traballar, póñenme en contacto outravolta coa Chaira. O novo lazo chámase Xosé Luís García Mato. Enviárame o libro Charetas de Antonio García Hermida, seu pai, recén publicado, polo corresponsal que cubría as novas da comarca. Daquela escueta carta de agradecemento saíu unha fluída correspondencia de escola a escola, desde Gaibor a Armesto. Foi o primeiro amigo literario, o primeiro lector da miña poesía, o que me animou a seguir escribindo e mesmo promoveu a creación do premio Xosé María Chao Ledo coa esperanza de que eu o levase un día. Por medio del, coñecín nun xantar a Manuel María, que era testemuña daquela amizade, e ao que se converteu ao pouco tempo nese nó definitivo que me ata a Terra Chá, o Suso Rábade Paredes, co que levo felizmente compartidos 38 anos, unha filla e un fillo que non nos deron máis que satisfaccións e alegrías, varias obras escritas en común e moitos soños e arelas ás que Galicia nunca foi allea. Del recibín o apoio que precisaba unha muller da miña xeración para dedicarse con normalidade ao traballo intelectual. Disto é boa testemuña o benquerido compañeiro cravofondista e membro da mesa, Xulio López Valcárcel, que é quen mellor conta a historia da formación daquel colectivo.

Quero compartir, non só co meu home senón convosco, esta xenerosa distinción do hectómetro oito –o meu número favorito despois do catro-. E darvos, agora si, as gracias ás dúas institucións outorgantes, Xermolos e Irmandade Manuel María, aos membros da mesa que intentaron coas súas intervencións convencervos de que os nosos nomes son merecedores de quedar escritos para moitos anos na singular obra de Valdi e a familiares e xente amiga que nos acompañades nun día cheo de significado para nós.

Imaxes: Helena Villar Janeiro

31 de out. de 2013

Nace a revista Luzes

Moncho Paz.- O nacemento dun novo medio sempre é unha boa noticia. Onte á noita tivo lugar en Compostela a presentación da revista Luzes, unha publicación -mensual e en lingua galega- dirixida por Manolo Rivas e Xosé Manuel Pereiro (ambos na fotografía superior) e coordinada por Iago Martínez.

Sairá á rúa o vindeiro 29 de novembro, cunha edición de calidade e un suplemento cultural no interior, República. Entre os seus contidos haberá reportaxes, entrevistas, pensamento e creación. Historias, ideas e voces. Primeiro en papel e logo tamén para tablets. Debemos permanecer atentos a esta iniciativa, pois pretende ser un “xornalismo que conta”, en palabras de Pereiro, quen non dubidou en calificar de "priscilianista" o acto de presentación da publicación. Na memoria da maioría dos asistentes -máis de cen persoas- estaba a antiga Luzes de Galiza, aquela revista cultural dos anos oitenta, fundada por Lino Braxe e tamén dirixida por Rivas, que tiña entre os seus principais colaboradores ao poeta Lois Pereiro, ao escritor Francisco Castro, ao filósofo Antón Baamonde ou á fotógrafa Chus García.

O seu manifesto fundacional da nova revista Luzes, baixo o lema Prendamos as luces do xornalismo, é unha verdadeira declaración de intencións: “Estamos un tanto a escuras. Cada sociedade, en cada momento, ten a súa visión do mundo, que se concreta nunha literatura, nunha música, nuns medios de comunicación. Un periódico, a prensa, dicía Arthur Miller, é unha nación mirándose a si mesma. Nós pensamos que o que vemos non nos gusta, ou non nos recoñecemos niso”.

Desde A Voz de Vilalba desexamos moita sorte aos promotores deste proxecto, do que poden atopar máis información en www.revistaluzes.com

30 de out. de 2013

O .gal obtén o Premio da Cultura Galega

Redacción.- A Asociación PuntoGAL agradece á Xunta de Galicia e á Feira das Industrias Culturais CulturGAL o premio e a nominación recibidos. En concreto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicoulle o luns o outorgamento do Premio da Cultura Galega na categoría de lingua. Ademais, o venres CulturGAL informou da nominación do puntoGAL ao Premio do Público.

PuntoGAL felicita aos outros premiados e nominados. No caso dos Premios da Cultura Galega son: Luz Pozo Garza, na categoría das Letras; a Fundación Granell, na modalidade das Artes Plásticas; a Asociación Cultural Abrente-Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, na de Artes Escénicas; o Castro de Viladonga, en Patrimonio Cultural; o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, en Proxección Exterior; Juan Durán, en Música; e Bambú Producciones no apartado de Creación Audiovisual. O Festival de Cine de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra son os outros dous nominados aos que o público pode votar na web do culturGAL.

En opinión da Asociación, o recoñecemento público e o éxito popular destas iniciativas demostra que a sociedade galega respalda a normalización do idioma nos máis diversos sectores.

PuntoGAL está formada por máis de 120 colectivos de todos os sectores, incluídas as principais institucións culturais do país (Real Academia, Consello da Cultura, etc.), as tres universidades, máis de vinte asociacións de emigrantes baseadas en 10 estados (España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil), colexios profesionais, empresas de novas tecnoloxías, medios de comunicación, asociacións culturais de base, etc. 

O .gal conta co apoio máis de 12.800 internautas que asinaron en liña a prol dun identificador para a lingua e cultura galegas. A Asociación non ten ánimo de lucro, senón que reinvistirá todos os beneficios que xeren os dominios en promover o galego nas novas tecnoloxías.

29 de out. de 2013

Fernández Paz, candidato ao Premio Alma

Redacción.-

O pasado 10 de outubro, no marco da Feira do Libro de Frankfurt, fíxose pública a relación de candidatos ao Astrid Lindgren Memorial Award 2014, o premio que o goberno de Suecia creou no ano 2003, como homenaxe a Astrid Lindgren a a súa obra de dimensión universal.

Nesa relación de candidatos ao ALMA, Agustín Fernández Paz figura como o autor proposto por España. Canda el, os ilustradores Arnal Ballester e Elena Odriozola, así como as institucións Municipi Lector e Centro Internacional del Libro Infantil y Juvenil.

Fernández Paz xa foi proposto para este relevante galardón nas edicións dos anos 2008, 2009, 2011 e 2013. Desta xeira, compite con 238 candidaturas procedentes de 64 países.

A relación completa de candidatos pode consultarse aquí:
http://www.alma.se/Documents/2013/Kandidater%202014/nomi_2014_web.pdf

27 de out. de 2013

30 de outubro "Día de Nós"

Redacción.-

O vindeiro 30 de outubro cúmprense 94 anos desde que saiu do prelo o primeiro número da revista Nós. A Asociación Pronós2020 celebra un ano máis esta efeméride singular e central na historia de Ourense cunha serie de actividades abertas ao público.

29 de Outubro ENCONTRO CÍVICO DA RÚA DA PAZ (antiga Rúa dos Zapateiros)

19.30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos na Livraría Torga (Ventos do Sul)
20.30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz (antiga rúa dos Zapateiros) coa intervención musical da Coral de Ruada de Ourense.
21.30 h. “O feitizo das ruínas”. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e R. Otero Pedrayo. Número 21 da rúa da Paz.
21.30 h. Convivio con viño e petiscos. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz

30 de Outubro “DÍA DE NÓS”

17,00 h. Acto festivo e ofrenda floral no Cemiterio de San Francisco:
Lectura da declaración institucional do “Día de Nós” no adro do Cemeterio.
Roteiro memorial e ofrenda floral polo cemeterio en alaudo dos escritores i escritoras da cidade de Ourense, cunha mención especial á Xeración Nós, guiado por Camilo Valdehorras.
21,00 h. “LerNós”,unha noite de literatura, poesía e teatro coa colaboración de Iria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro. Será no Grándola, na Praza de San Marcial.

A Chaira vista polos chairegos

Redacción.-

Díxose moitas veces que a Terra Chá é a comarca galega que máis autores ten dado á literatura galega, nomeadamente a partir da posguerra civil. Se cadra isto explica por que calquera intento de explicación sociolóxica desta unidade debe ir mais alá de consideracións físicas ou xeográficas e entrar de cheo no ámbito da ecoloxía humana.

Sen embargo, unha coidada explicación do ámbito chairego choca lóxicamente coa ausencia de estruturación legal, política ou administrativa dunha realidade que, se ben está presente no imaxinario colectivo dende hai moito tempo, non se traduciu nunha organización formal deica finais do século XX, e aínda daquela deu lugar a unha comarca administrativa baleira de contido e mutilada na súa extensión xeográfica e sentimental.

Xenaro Pérez López (Guitiríz, 1942), sociólogo formado na Universidade Católica de Lovaina e na Complutense de Madrid, propúxose abordar para a súa tese doutoral a complexa realidade da nosa comarca se ben, como el mesmo declara, a falla de tempo e medios para abordar o estudo de campo frustraron este anceio. Orabén, neste proceso tíñalle achegado unha abondosa bibliografía relativa á Terra Cha, e propúxose comentala e publicala en forma de libro.

A Chaira vista polos chairegos. Unha bibliografía da Terra Cha. 1940-1975, editado pola Deputación de Lugo, é o primeiro froito deste esforzo, que verá a continuidade cunha próxima publicación na que abordará os autores posteriores a 1975.

A primeira parte do libro contén unha aproximación ao devir histórico da organización administrativa da comarca chairega, desde as xurisdiccións do Antigo Réxime e os concellos liberais decimonónicos, até o Plan de Comarcalización que a Xunta de Galiza puxo en marcha nos anos noventa. Analisa, asimesmo, os procesos de cambio poboacional rexistrados durante o século XX, e as migracións que foron transformando a estrutura de poboación na bisbarra.

A segunda parte é a que nos achega aos autores e as obras que, entre 1940 e 1975, trataron da Terra Cha como unidade, ou referíndose a algún dos seus concellos, parroquias ou lugares de xeito específico. O corte temporal elixido por Xenaro Pérez non é casual: responde tanto ao que o considera a toma de conciencia acerca do subdesenvolvemento que se produce en torno aos anos 50 do século XX tanto entre a intelectualidade galega como entre outras capas da poboación, como ao intenso proceso migratorio que se intensificou a partir dos anos sesenta e que, segundo o autor, sumiu nunha crise á poboación rural galega cuxas dinámicas aínda están a configurar o espazo tanto presente como futuro.

Forman parte da relación analisada os poetas Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro ou José Crecente Vega, con obras xa canónicas na tradición chairega, o fundacional Terra Cha de Manuel María, dous importantes textos inéditos do xeógrafo Río Barja, e outros autores como Vicente Otero Cao, Margarita Ledo Andión, Darío Xoán Cabana e Elías Valiña Sampedro, así como entidades como o antigo IRYDA ou a Diócese de Mondoñedo.

Entre as conclusións do traballo, o autor destaca como a literatura lírica cumpría importantes funcións na antiga sociedade rural que á fin se viu enfrontada con rápidos cambios culturais, que liga ao concepto de destradicionalización de Anthony Guiddens.
O libro remata cun epílogo en homenaxe ao falecido Bernardo García Cendán, compañeiro de estudos do autor no Seminario de Mondoñedo.

Cumpría un achegamento como este á literatura como testemuña e ao tempo conformadora dun innegábel ethos chairego. Algúns dos autores reseñados puxeron en valor unha unidade xeográfica e humana esquecida nas sucesivas organizacións administrativias, ao tempo que axudaban a fixar no imaginario colectivo o ser chairego. Manuel María, no seu Terra Cha, deixounos quizais a mellor definición dunha comarca inmersa na crise do medio rural, no cambio de era que, se cadra, aínda non rematou:

A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.



Pérez López, Xenaro.
A Chaira vista polos chairegos.
Unha bibliografía da Terra Cha. 1940-1975
Lugo. Deputación Provincial, 2013

20 de out. de 2013

III Foro Espazos para a Cultura

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Gaiás o III Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), no que se analizará o impacto que están a ter os grandes festivais artísticos no panorama cultural e o fará da man dalgúns dos directores de festivais máis prestixiosos do mundo.

Do 15 e 16 de novembro grandes expertos como Sir Jonathan Mills, director do Festival Internacional de Edimburgo; Hortense Archambault, co-directora do Festival de Avignon; David Binder, recoñecido produtor de espectáculos de Broadway; Jesús Cimarro, director del Festival Internacional de Teatro de Mérida; Francisco Martín, director de La Mar de Músicas e María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest, estarán na Cidade da Cultura para intervir na terceira edición deste foro.

Co título de A revolución dos festivais artísticos, o encontro realizarase no marco do Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), que terá lugar no Centro de Innovación Cultural (CINC). Este cita chega a súa terceira edición, despois de abordar o futuro das infraestruturas culturais no 2011 e a relación delas coas novas tecnoloxías no 2012, e convocar a profesionais de institucións como o MoMA, a Tate Gallery, o British Museum, o Lincoln Center, o Smithsonian, o Barbican Centre ou o IRCAM Pompidou,

A través deste foro, dirixido a profesionais e estudantes do ámbito cultural, a Cidade da Cultura busca promover en Galicia un debate ao redor do impacto dos festivais tanto na vida cultural, como a súa capacidade para transformar pequenas vilas en espazos de creación e tamén o seu importante impacto económico.

A conferencia inaugural correrá a cargo de David Binder, catro veces nominado aos premios Tony e produtor de espectáculos en Broadway e eventos especiais con artistas da talla de David Bowie, Jane Fonda, Ewan McGregor, Arcade Fire, Laurie Anderson ou Sean “Puffy” Combs.

Festivais de Edimburgo, Avignon e Mérida

O FIEC contará tamén con Sir Jonathan Mills, director e xefe executivo do Festival Internacional de Edimburgo desde 2006. Mills é considerado un dos directores de festivais máis experimentais de Australia. Os seus cargos anteriores inclúen o de Director Artístico do Festival Internacional de Artes de Melbourne, ou a organización do Festival Bienal Internacional de Música de Brisbane.

Xunto a Edimburgo, tamén estará representado no Gaiás o outro gran festival internacional de teatro en Europa, o Festival de Avignon. A súa codirectora, Hortense Archambault que, xunto con Vicent Baudrillar, é responsable da proxección internacional, estará tamén no Gaiás .

O festivais do mundo do teatro contarán tamén coa presenza de Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, ademais do director xerente do Teatro La Latina (Madrid).
Literatura e música

Mais a análise deste foro irá máis alá dos festivais do teatro e abordará experiencias exitosas como a de Hay Festival of LIterature and the Arts. Será María Sheila Cremaschi, directora da edición de Segovia e Budapest, quen desvele o segredo deste orixinal evento que tivo a súa orixe na pequena localidade galesa de Hay-On-Wye –vila con 1.500 veciños e 41 librerías- e que, debido ao seu contundente e rápido éxito, foi exportado a países como India, Italia, México, Colombia ou España. O ex presidente de Estados Unidos Bill Clinton describiu este festival como “o Woodstock da mente”.

A música ocupará tamén un espazo importante e o fará da man de Francisco Martín, director de La Mar de Música, festival que se celebra en Cartaxena e que se ten transformado nos últimos anos nun dos eventos con maior transcendencia internacional do noso territorio, convertendo coa súa programación musical e as súas actividades paralelas a cidade murciana nun foco de diversidade cultural.

As inscricións para o FIEC están xa abertas en www.cidadedacultura.org. A asistencia terá un custo de 50 euros para público profesional e de 30 para estudantes.

O crime da Legua Dereita

Alba S. Naseiro.-

Os espectadores que acudiron en masa -a expresión non é irónica, o excesivo aforo obrigou aos organizadores a ofrecer un segundo pase- a ver a película que se estreaba onte levaron unha gran sorpresa. “O crime da Legua Dereita” non tiña nada que ver coas ideas que moita xente tiña preconcebida.

O proxecto xa era coñecido dende había tempo: unha película low cost que reflexaba o escabroso suceso -ollo, non digo lenda urbana!- que todo chairego coñece. A espectativas eran boas: a historia real ocorrida no 1911 dá moito de si como argumento. Hai de todo: os curandeiros, as supersticións, os sacaúntos, as xenreiras xa existentes entre a vítima e a man executora, os poderosos manipulando aos débiles para sacar proveito, o remedio que chega demasiado tarde. Se a collera Spielberg por banda, xa tiñamos unha triloxía.

Pero o guión foi por outros camiños. Non hai nada histórico, salvo unhas leves referencias ao comezo, pois o argumento é totalmente ficticio. Os crimes trasládanse á actualidade para crear un “thriller rural” no que a investigación policial e a persecución dos asasinos é a absoluta protagonista. O resultado é un filme galego de corte americano, no que o cuartel de Lugo parece as oficinas do FBI en Las Vegas. Os procedementos policiais propios de Hollywood, que xa contaminaran as series e películas españolas dende hai tempo, substitúen o carácter case totalmente burocrático das institucións do noso pobo. A táctica do poli bo e o poli malo non funcionaría cun galego. E xa non falemos de ir a 180 quilómetros por hora pola Ronda da Muralla, pois os semáforos fan que isto sexa algo materialmente imposible!

En canto ao guión... non gañaría un premio da Academia, precisamente. Usar a técnica de “palabra malsonante por minuto” de Scarface pode dar énfase, pero non reflicte a nosa realidade lingüística... Nete, por moito que nos empeñemos, non é o Bronx. Ah! Ademáis, calquera lucense quedaría lixeiramente mosqueado ao escoitar a frase “un tal Cunqueiro”. Ou non?

Poderiamos tamén meternos cos actores. Si, poderiamos, pero non deberiamos facelo. Por que non? Porque se trata de voluntarios, moitos deles xente do teatro aficionado. O teatro esixe un tipo de actuación moi diferente da bile dramática que segregan os thrillers americanos. A esaxeración ou moderación das súas interpretacións dá moito xogo sobre os escenarios, pero non luce tanto diante dunha cámara.

Por último, no aspecto técnico -que tampouco vou a dilapidar ao tratarse dun filme sen presuposto- sí se pode destacar un abuso de certos tipos de planos e de secuencias -primeirísimos primeiros planos que cambian rápidamente, ángulos de cámara extremos- que convirten a metraxe nunha carreira angustiosa cara o abismo.

Pero, mirade, a película ten o seu mérito. Rodada en tres días, con voluntarios, de coste cero. Estrea gratuíta, cun éxito total en canto á cantidade de público. As entradas esgotadas! E o inesperado final, que non vou desvelar, non é o típico final de blockbuster policial norteamericano. Cambia a concepción de toda a película.

Para ser sinceros, é unha boa idea. Hai que vela con humor, e contando coas circunstancias da produción. Hai que vela como unha parodia. Si, unha parodia! Unha parodia maxistral que nos fai darnos conta do que vemos habitualmente, do que nos fan ver. E logo, quen non tomou totalmente en serio ao inspector neoiorquino cando se dirixía ao narco nos mesmos termos que o policía local lucense desta película se dirixía á primeira sospeitosa? E a este último non o tomamos en serio, claro que non!

É un bo tema de reflexión, non si?

Marca España


Modesto Renda Santiso.-

No contexo dunha realidade económica e social que non deixa de agravarse, a corrupción nas máis altas instancias do réxime español leva meses centrando a actualidade política.

Ao escándalo da Gürtel, caracterizado pola "prolongación" no tempo da súa instrución xudicial, sumouse este ano o provocado polas revelacións do caso Bárcenas, antigo responsable nacional das finanzas do PP e que involucrou á práctica totalidade dos seus dirixentes, provocando unha ondada de indignación que pouco a pouco foi acalando o formalismo xurídico e o medo dun PSOE que mide os seu pasos tentando de non se afundir nun fango que non lle é alleo ao tempo que trata de non alimentar o "fantasma", cada vez máis corpóreo, de que o pobo dirixa a súa mirada cara o conxunto do sistema comezando por sinalar á súa clave de bóveda, envolta nun dos procedementos máis soados e que salpica de cheo ao xenro do Borbón e á súa filla, que nunha parábola simbólica da España monárquica ten como avogado ao reaccionario Miquel Roca, un dos "pais" da Constitución e histórico representante da burguesía catalana.
A denominada "casta política" é considerada pola maioría como unha banda de corruptos, á vez que os medios tratan de desviar os tiros aludindo a "rexeneracións democráticas" e "leis de transparencia".

Sendo incuestionable a dimensión e gravidade da corrupción que se veu poñendo ao descuberto, parece fóra de toda dúbida, non obstante, polas formas e os tempos en que se producen os descubrimentos, que existe o risco de que o "circo" mediático derive nunha cortina de fume sobre os problemas subxacentes e permita, polo tanto, lavarlle a cara ao réxime cun simple cambio de xestores, Borbón incluído.

Mentres os corruptos son expostos insistentemente ninguén coñece nin sabe da simple existencia do motor deste proceso. Os grandes corruptores non aparecen por ningures e non nos debe sorprender que así sexa.

As tertulias reproducen discursos infantís e grotescos co fin de salvar as engrenaxes corruptas do sistema; sinalan os "excesos" individuais ou colectivos duns "políticos desvergonzados", para acabar concluíndo que estes deben de ser "removidos" co fin de que todo volva ao "estado natural das cousas". Así, entre Gürtels, Bárcenas, ERES ou Palaus, o mito relixioso da "humanidade pecadora" que se "redime" cunhas cantas dimisións ou cun par de reformas aquí ou alá, corrixindo a inefable "cobiza humana", ábrese camiño co fin de enganar á clase traballadora e blindar os sagrados principios fundacionais do corrupto ciclo da acumulación do capital, o asunto da propiedade sobre os medios de producción e a explotación asalariada.

O problema de fondo da mal chamada "clase política" (unha clase é un grupo social que ten unha relación historicamente determinada cos medios de produción e a súa superestrutura política, ideolóxica, xurídica, etc.) non é que sexa "corrupta", senón que representa e xestiona os intereses concretos dunha clase (o capital) que explota e exerce o seu dominio sobre o conxunto das maiorías sociais e as capas asalariadas.

Debemos contextualizar o fenómeno da corrupción, que lonxe de ser unha "distorsión" do "bo facer democrático" ou unha realidade que se da conxunturalmente baixo algúns supostos, é un elemento consubstancial ao capitalismo na súa fase monopolista, na que o ciclo acumulativo se reproduce da man de dous procedementos inseparables como son a propia corrupción e a extracción de plusvalor.

A gravidade dos casos Bárcenas, Urdangarín, ou o entramado corrupto no seo da familia Pujol non deixan de ser anécdotas que ocultan os miles de millóns do presuposto público que van parar a mans do capital. Ou é que o "saneamento" do sector financieiro que imos pagar todos non é corrupción?, Ou é que o feito de que o Banco Central Europeo regale diñeiro ao 1% á banca, para que esta poida comprar débeda pública dos diferentes países a tipos de interese moito máis elevados non é corrupción? A privatización da sanidade, da educación, as reformas laborais, a reforma das pensións, o recorte dos salarios... non son acaso corrupción?

Así pois, baixo esta orxía frenética que enche horas de televisión e verte riadas de tinta describindo a tan magna exposición de fauna delincuencial xunto coas xa consabidas reflexións falaces e alienantes entorno a máxicas receitas contra a corrupción; o pasado 15 de xullo, no máis sepulcral dos silencios, os grandes corruptores tiñan unha unha cita na Moncloa.

Alí, os Alierta (Telefónica), Sánchez (Iberdrola), Fainé (Caixabank), Brufau (Repsol), González (BBVA), Del Pino (Ferrovial), ou Roig (Mercadona), entre outros, daban renovadas instrucións ao seu monicreque político de turno. Baixo a insultante máscara do "Consello Empresarial pola Competitividade", o núcleo duro do capitalismo monopolista de Estado, máis coñecido como "marca España" instaba ó Presidente a acelerar a depauperación da clase traballadora e o empobrecemento das clases populares. As ordes eran claras: profundizar na escravitude asalariada no sector privado (reforma laboral), intensificar o estrangulamento dos traballadores xubilados (reforma do sistema de pensións) e encamiñarse cara o despido masivo de persoal da función pública (reforma da administración).

O carácter do Estado non é ,pois, neutral nin alleo á base económica sobre a que se desenvolve. Como elemento indispensable da superestrutura toda a maquinaria estatal responde sempre aos intereses da clase economicamente dominante que é a que levanta e reforza a superestrutura para consolidarse como clase politicamente dominante. Ese carácter agudízase ao tempo que estreita os seus vínculos coas capas máis desenvolvidas e fortalecidas do capital na súa fase imperialista, sendo así como a oligarquía traza todas as conexións necesarias para asegurarse de que o Estado responda aos seus intereses.

O paro, a fame, a pobreza e os desafiuzamentos son o resultado dunha política consciente e deliberada ao servizo do poder financieiro e o capital transnacional. Os que planifican o empobrecemento xeneralizado, os que deixan sen vivenda a centos de familias e os que expulsan da Universidade a miles de estudantes, teñen responder destas atrocidades.

Debemos elixir entre o continuismo dun modelo económico e social baseado no paro, a precariedade e a miseria de amplos sectores da poboación, ou ruptura. Xogámonos o noso futuro e o das novas xeracións. É posible saír desta barbarie e impoñer un cambio de rumbo, e ese cambio comeza pola unidade, unidade de todas as organizacións políticas e sociais que teñan como obxectivo último poñer fin a esta podremia política que nos está a destruír. Crear unha fronte capaz de forxar unha alternativa que atraia a millóns de cidadáns enfastiados, indignados e asustados. Chegou o momento de deixar a un lado absurdos personalismos, intereses mesquiños e diverxencias ideolóxicas secundarias. Ou nos unimos ou nos esmagan.

VI Ruta Por Galicia adiante

Redacción.-

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando co desenrolo da súa programación do ano 2013, organiza para o domingo, día 20 de outubro, a VI Ruta Por Galicia adiante - Andando as Terras... de Mañón: Ruta Ribeiras do Bispo-Coto de Segade”.

Tramo:
Ribeiras do Bispo-Coto de Segade
Trátase dun espectacular tramo á beira do río Sor, bastante ben con-servado, fácil de facer e apto para todas as idades. Atópase nun entorno natural moi pouco explotado, cunha paisaxe agreste e frondosa e cunha vexetación autóctona misturada con especies foráneas que se adaptaron perfectamente á zona. As augas do río son limpas e cristalinas. En fín, todo un luxo que merece a pena ser visitado.
A saída do autobús hacia o inicio da ruta –Ribeiras do Bispo-, realizarase dende as inmediacións da Casa da Cultura de Vilalba, e está programada para as 9:30 horas do domingo, 20 de outubro de 2013.
O custo por participante fixouse en 25 € (inclúe comida e autobús). Os menores pagarán 5 €.
Unha vez rematada a Ruta, trasladarémonos a Casa Urbano en Grañas do Sor onde terá lugar a comida, sobre ás 14,30 horas.
As persoas interesadas en participar na Ruta poderán inscribirse, ata o 17 de outubro, nos teléfonos: 639-246459 // 651-361628, comunicalo directamente a calquera membro da Xunta Directiva ou enviando unha mensaxe á conta de correo do IESCHA, info@iescha.org.

18 de out. de 2013

Unha nena

Rosa Aneiros.-

Afirmei en numerosas ocasións que a literatura debía volver ao xornalismo, de onde foi apartada bruscamente en nome da falsa e sobrevalorada obxectividade, ese mito que erixe en verdade absoluta os feitos sen aceptar que, dependendo da perspectiva dende onde se mire, estes mudan radicalmente. Claro que eu me refería aos recursos estilísticos das pezas informativas, non aos feitos narrados. Cuestionaba o como, nunca o que, aspecto que sigo a crer a cerna básica do oficio: o que. Porén, na práctica xornalística actual, o QUE parecer ser o de menos. E aceptar isto implicaría asumir que son as tendencias e os índices de audiencia os que marcan o exercicio da profesión e non os códigos deontolóxicos, as regras máis elementais do oficio, as normas básicas que rexen a elaboración das pezas informativas. Porque no caso do asasinato da nena Asunta cruzáronse todas as liñas vermellas.

Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna? Por que silenciar todos eses suculentos dIxomedíxomes que percorren a vella Compostela e non convertelos en elemento noticiable? Como obviar adxectivos despectivos, diminutivos e o máis mínimo detalle da intimidade familiar se iso permite unha foto fixa dun escenario truculento? Por que respectar a presunción de inocencia? Por que non dar creto ás teorías máis escabrosas? Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia? Por que calar se podemos apostilar “segundo algunhas fontes” e meter calquera dato por moi especulativo que sexa? Por que non acudir a menores se podemos sacar tallada? Por que agardar a confirmar os datos se algunha fonte da investigación ávida de gloria efémera nolos está ofrecendo en bandexa? Neste caso todos os actores decidiron interpretar outro rol e nun xogo desconcertante de cadeiras hai axentes que xogan a detectives, coadoiros xudiciais que filtran datos, presuntos amigos e familiares que enxurran, xornalistas con vocación de literatos, avogados con ínfulas de manager, responsables de informativos que confunden peza informativa con faladoiros de barra de bar, consumidores de morbo que catapultan os índices de audiencia e unha constatación clara: todo vale. E todo o demais, tamén. Resulta evidente que non escarmentamos co caso de Rocío Wanninkhof porque, de ser así, evitariamos, custe o que custe, os xuízos paralelos e teriamos en máis alta estima a presunción de inocencia esixible nun estado democrático.

Pero non ollemos cara a outro lado porque nesta farsa orquestrada ninguén sae indemne. Cada pau debe aguantar a súa bandeira. As fontes da investigación por querer converterse en estrelas mediáticas filtraron e filtran sen atender ao segredo de sumario. Os avogados dos imputados compórtanse como representantes de famosos de medio pelo e empregan os medios nun xogo perverso e manipulador en prol dos supostos intereses dos seus defendidos. Os imputados alimentan co seu comportamento as máis variadas teorías conspirativas. A sociedade sacia a súa frustración no consumo das máis execrables miserias alleas. Os medios esixen sangue e vísceras a xornalistas que en ocasións preferirían omitir certos datos, que saben que ás veces nesta profesión vale máis o que sabes e calas que o que afirmas. Porque un medio de comunicación suponse que conta información e non ruxerruxes de patio de veciños. Porque cando consumimos medios buscamos respostas a preguntas e non murmurios infundados que se desmenten en poucas horas. Advírtenolo o Colexio de Xornalistas, a Facultade de Ciencias da Comunicación e o Sindicato de Xornalistas: a precariedade acabará segando os pés a esta profesión que xa está nos últimos postos da listaxe das profesións máis valoradas. Non pretendo restar responsabilidade a quen asina a peza pero, dende logo, non é exclusiva de quen redacta. Tamén o é de quen manda, de quen consome, de quen alimenta, de quen filtra, de quen intoxica.

E no medio deste balbordo de datos, especulacións, detalles morbosos e mentiras que provocan xa non só a incredulidade senón o riso chocalleiro de quen devora minutos de radio e televisión e páxinas de xornal, esquecemos a cerna do caso: que hai unha nena, Asunta, que non chegou a facer os trece anos porque alguén decidiu acabar coa súa vida. E esa nena que nos olla tímida e tristeira desde as fotografías merece algo máis que un ohhhh irónico cando coñecemos polos medios asuntos turbios da súa familia. Merece algo máis ca unha rexouba por tanto despropósito de afirmacións, desmentidos e mentiras abertas.

Porque era una nena, Asunta. Unha nena. Unha nena.

E todas somos, ou poderiamos ser, esa nena.

Unha nena.

Asunta.

17 de out. de 2013

Semana Guapa

David Otero.-

Pois é verdade, si, será unha semana guapa de ano lector.Ano que se constrúe a cada día e a cada libro xunto con outros soportes. E ben se sabe onde.Na Biblioteca. E por iso a semana do 21 ao 25 deste mes celébrase, enténdase que con maior acento ou singularidade, a Semana da Biblioteca ( sendo o 24 o día internacional das Bibliotecas) , si,nese espazo de corazóns desexosos de saber e de sabores novidosos, cheos de múltiples arrecendos , de doces musicalidades colocadas na Lingua propia, nas outras Linguas,e sempre no tecido primoroso da Cultura e nas vivencias que suman, ou quizabes restan, facendo lectura a través de exercícios de pensamentos na liberdade para que as experiencias sexan gratificantes, constructivas, edificadoras da casa propia.

E desta maneira , en lectura viva, activa e creativa, todo o ano na Biblioteca será como o executarmos fermosas melodías que medran harmónicas pero intensas, desde os diferentes usos dos libros primordialmente.A orquestra sinfónica serano as lectoras e os lectores que aportan execucións gustosas e voces limpas, contrastes e opinións, a clubes de lectura, para así facer resoar as vidas de cada quen a definicións determinadas. Unha marabilla de execución e de audición para comunicar e contrastar a ritmos persoais e grupais, pois a lectora e o lector non son simplemente o quen len no soporte, deben lerse en si , nas outras e nos outros, comprendendo e así recoñecendo. Iso debe producir pensamentos e así facendo lectura aportar para motivar o fluír emerxente de palabras e ideas xa que logo,milleiros de soños e fantasías, cantidade de proxectos con traxectos.E por iso na Biblioteca día a día se posibilitan libros e demáis soportes. Lecturas pois.Velaí a Biblioteca guapa feita espazo de lectura a todas as letras, a toda páxina amical xigante compartida.

“Ai amor, poderás dicirlle ao libro, a ti que te acariño, que vou contigo ao paso do andar das follas, e mírote, e léote, e enamórome. Ti gústasme e quero posuirte ( e así grazas á mellor mediación na Biblioteca, a das Bibliotecarias, a dos Bibliotecarios, nesa atmósfera de dozura, irei a ese outro lugar de libros para mercarte: a Librería), pois repito que quero terte libro, repetirme na túa lectura atopándome moito máis, sentindo que son máis eu.Eu que son área dun puñado xeneroso, pero con tantos así tamén se fan montañas. Eu que son pinga de auga atlántica posta en circulación e faise doce ou salgada, río ou océano.Por iso eu quero ir na miña corrente de vida. E nela levar soportes de lectura.Facer lectura.Grazas Biblioteca. Segue máis guapa ca nunca.


Adeus a Marcial González Vigo


Redacción.- Marcial Xosé González Vigo, que durante máis de tres décadas estivo vinculado profesionalmente á emisora de Radio Popular de Lugo, finou a semana pasada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) debido a unha doenza coronaria que padecía desde hai anos. Os seus restos foron incinerados e repousan xa no Xardín das Lembranzas do cemiterio de San Froilán.

Nado en 1945 en San Andrés de Vea, A Estrada (Pontevedra), desde 1968 Marcial desenvolveu un amplo labor cultural e informativo en Radio Popular de Lugo, como no programa de actualidade “A Carón”. Traballou no departamento de Relacións Públicas da Sociedade Española de Radiodifusión (Ser), e Radio Panadés de Vilanova y la Geltrú, Radio Almería, Radio Antequera, Radio Madrid e Radio Valladolid. Foi delegado de La Región de Ourense e colaborador de Televisión Española en Galicia.

14 de out. de 2013

Revista avozdevilalba.com setembro de 2013

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 64 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de setembro de 2013. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

10 de out. de 2013

Nenos nas escolas

Xulio Xiz.-

Eu fun a escola de pago en Vilalba, que daquela a oficial, gratuita, non estaba moi valorada, e miña nai quixo que desde o primeiro momento gozase dunha formación axeitada.

E desde os tres anos, idade na que aprendín a ler, fun á escola de dona Amelia Mato, na parte superior da praza de Santa María, onde por veces viña doña Felicia, que era mestra oficial, Dona Carmen ensinaba aos pequenos e dona Amelia aos maiores. Alí estiven ata que pasei á Academia.

A saber cantos nenos había en cada aula. Daquela non importaba o número, e doña Amelia –filla do gran Mato Vizoso- tiña sona de ser unha magnífica mestra no ensino dos nenos. Como dona Sagrario o facía na carretera, pero para a miña casa quedaba bastante máis lonxe.

Un ano que rematei o curso cedo e fun para a aldea dos meus tíos, en Ambosores de Ourol, para non perder o tempo, fun á escola mixta que atendía unha mestra lucense e na que había arredor de sesenta nenos entre os cinco e os quince anos. E non pasaba nada. Nada malo, me refiro.

Os meus fillos, trinta anos despois, foron ás Josefinas de Lugo, finais dos anos setenta e comezo dos oitenta. En cada clase, corenta ou corenta e cinco nenos e nenas... e a formación era xeitosa, proveitosa, e eles a
estas alturas, que son pai e nai de familia, recoñecen o traballo que con eles efectuaron, e os resultados conseguidos.

Na actualidade, parece que só importa o tamaño, a medida, o número. E os nenos non poden pasar de vintecinco na aula, o profesor ten que ser especialista na materia, os nenos non deben aprender a ler ata os seis anos, e todo o mundo anda queixoso pola educación, xa que faltan medios, aulas, profesores... os grupos nas escolas deben ser pequenos e proporcionados. E sen embargo a educación anda cada vez peor, os nenos de agora non saben máis ca os nenos de hai trinta anos, e desde logo non máis ca os que fomos nenos hai sesenta anos e estudiábamos sen libros, sen internet, sen medios, sen mobiliario...

A conclusión debería ser doada para quen tivera interese en saber o que pasa... Nin por menos nenos, nin por máis medios, nin por máis profesores, nin por mellores aulas, nin por sustituir memoria por intuición, se van conseguir mellores resultados. Ao mellor o que pasa é que antes había fame de educación, o réxime de autoridade funcionaba nas casas e nas escolas... e o tamaño importaba moi relativamente. Agora, é o único que importa... que sexan poucos nenos. E así nos vai.

8 de out. de 2013

Premio CPEIG á Asociación PuntoGAL

Redacción.- Manuel González González, presidente da Asociación PuntoGAL, recolleu o pasado venres o galardón especial concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).  A Xunta de Goberno do CPEIG decidiu por unanimidade premiar a aprobación dun dominio para a lingua e cultura galegas por parte da ICANN, o organismo que goberna as direccións da Internet.

González recolleu o premio durante a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, organizada polo CPEIG no Hotel Monumento San Francisco de Compostela. O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, foi quen entregou a figura conmemorativa. 

A aprobación do .gal é un fito histórico conseguido grazas a toda sociedade galega. O presidente de .gal salienta en particular que o apoio da comunidade da enxeñaría informática, e en xeral de todo o mundo relacionado coas tecnoloxías da información, foi fundamental para que a ICANN aprobase o dominio. 

Sobre a significación do puntoGAL, González explicou no seu discurso que "hai quen trata de mirar os demais sempre desde arriba, desde o alto, desde unha posición de superioridade; hai outros que se resignan a ver o mundo desde abaixo, de xeonllos, submisamente; a nós non nos gusta nin unha actitude nin a outra: queremos mirar os demais fronte por fronte, en pé de igualdade. Dentro duns meses, grazas a este dominio .gal poderemos empezar a mirar os demais á altura dos ollos".

Unha vez aprobado o dominio en xuño, puntoGAL xa iniciou os trámites administrativos é técnicos diante da ICANN de cara a súa posta en funcionamento. A Asociación, de acordo aos prazos publicados pola propia ICANN, estima que a comezos de 2014 poderanse dar os primeiros pasos para rexistrar os .gal


O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é unha das máis de 120 entidades de todo tipo que colaboran como membro da Asociación puntoGAL. O .gal conta tamén co respaldo de case 13.000 particulares. A todos eles puntoGAL quere trasmitir de novo o seu agradecemento. O dominio é voso.

7 de out. de 2013

Por un Monte Pindo Parque Natural

Ubaldo Cerqueiro.-

Amencía o pasado sábado 28 de setembro de 2013 case tan negro no ceo coma quedou o Monte Pindo tralo tráxico incendio de dúas semanas atrás. Pero case medio millar de valentes desafiaron o tempo e a negrura do monte para berrar ben alto “Pedregal, Monte Natural”, que rima mellor que “Monte Pindo, Parque Natural!”.

O roteiro, titulado en clave de esperanza “Do negro ao verde”, convocado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, comezaba ás 11:00h dende o lugar do Pindo, e dende Caldebarcos. Xentes comprometidas coa conservación da natureza e do Olimpo Celta, chegadas dende todas partes da bisbarra e dende Galicia, agás do propio Pindo, comezaban a rubir as calcinadas ladeiras do monte. Dende Caldebarcos, e da man da Comunidade de Montes, guiados por unha enciclopedia “pindexa” como César Cambeiro, rubiron unhas 150 persoas. Dende O Pindo, e con Xilberto Caamaño, da entidade organizadora á cabeza, pasaban das 250.

A estampa convertíase pronto en dantesca, comprobando o preto que chegou o lume das casas, e comprobando o completamente arrasado que quedou o monte. O 99,9% da zona teoricamente protexida pola Rede Natura do Monte Pindo, e das súas 630 especies, quedou calcinada.

A chuvia, por momentos intensa, ademais, facía de ameaza constante, pois precisamente as escorrentías cheas de cinza por mor de chuvias fortes poden facer perigar a riqueza de zonas como a Berberecheira de Carnota, ou ensenada do Ézaro. Non chegaron a caer grandes torrenciais de auga, polo que é posible que esas febles chuvias fagan asentar a cinsa como abono, pero así e todo, os regos pasaron en apenas unha semana de estar completamente secos a levar litros e litros de auga.


Un berro unido polo Monte Pindo

Os grupos xuntábanse no Chan das Lamas, dende onde se baixaba cara o lugar de San Cibrán, esa aldea de turismo rural xa arrasada no 2006, que volvía quedar no medio das lapas. Alí, as 450 persoas escoitaron as verbas do Secretario da Asociación MPPN e do seu Presidente, que facía lectura do Manifesto “Por unha Galiza sen Lumes, por un rural con futuro”.

A cor verde foi totalmente protagonista, nunha manifestación tan política como ten que ser, pero sen partidismos. Coas bandeiras, os paraugas, os ponchos ou os lazos, a veciñanza demostrou que, unida, pode berrar po alto.



Preparando a Manifestación do 6 de outubro


Precisamente, “Por unha Galiza sen Lumes, por un rural con futuro” será o título da Manifestación que o día 6 de outubro a partir das 12:00 horas percorrerá desde a Alameda as rúas de Compostela “para esixirlle á Xunta outra política de montes, que tome a iniciativa para revertir o abandono ao que está abocado o noso rural e que teña máis en conta os espazos naturais e especialmente os protexidos, varios dos cales levan sufrido importantes incendios e danos nos últimos anos. E, por suposto, que declare a zona catastrófica en Carnota para paliar os danos dos incendios e minimizar o perigo de riadas, e declare dunha vez por todas o Parque Natural do Monte Pindo que levamos 3 anos esixindo”.

1 de out. de 2013

Homenaxe a Risco hoxe na RAG

Redacción.-

Hoxe, ás 19:30, terá lugar no Salón de Actos da Real Academia Galega, na rúa Tabernas d'A Coruña, a presentación dunha reedición de Un caso de lycantropía (O home - lobo), o discurso de ingreso de Vicente Risco na institución. No acto participarán Luís Martínez Risco-Daviña, vicepresidente segundo da Fundación Risco; Arturo Lezcano, vicepresidente primeiro da Fundación Risco, e Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.

Xesús Rodríguez, vicepresidente de IARTEM

Redacción.- O profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar, o chairego Xesús Rodríguez, acaba de ser nomeado vicepresidente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico (IARTEM) na reunión da directiva celebrada no transcurso do décimo segundo congreso internacional sobre ‘Libros de texto e material didáctico’ celebrado en Ostrava (República Checa). Xesús Rodríguez é ademais vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación e membro do grupo de investigación Stellae, así como membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e director da Revista Galega de Educación.

IARTEM é unha das asociacións internacionais máis importantes a nivel internacional neste ámbito e a ela pertencen investigadores de máis de 50 países do mundo que realizan actividades de investigación neste ámbito. A directiva está conformada por membros de Australia, Sudáfrica, Alemaña, Noruega, República Checa, Brasil, Reino Unido, Holanda e Francia. O novo presidente é o profesor da Central Queensland University de Australia Mike Horsley, quen sustitúe á profesora Susanne K. Knudsen da Vestfold University College de Noruega. 

Para os próximo anos, IARTEM ten entre os seus obxectivos fundamentais a organización do encontro internacional sobre libros de texto e materiais didácticos que terá lugar en Berlín en 2015, a organización de diversos encontros rexionais e seguir fortalecendo a función da asociación como espazo de encontro entre docentes e investigadores de diferentes países. Ademais, a asociación traballará tamén en impulsar o desenvolvemento de proxectos e liñas de investigación neste ámbito. 


Unha das actividades fundamentais da asociación é a publicación da revista IARTEM E-journal (http://biriwa.com/iartem/ejournal/), que se encontra incluída nalgunhas das bases de datos internacionais máis importantes. Nos próximos anos preténdese que a revista tamén poida recoller publicacións en español e portugués.