111 bicicletas no Culturgal

Redacción.-

111 buguinas soando. 111 bicicletas como instrumentos. O Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) solicita a participación do público no concerto “Eine Brise” de Mauricio Kagel, unha acción fuxidía que terá lugar o próximo domingo 1 de decembro no Culturgal. As 12 da maña O TAC vén de gañar o Premio da Crítica e está finalista dos Premios Galegos da Música.

Inscríbete no correo electrónico: 111bicicletas@culturgal.com.

Trátase dunha acción fuxidía para 111 bicicletas, unha proposta que o TAC prepara para a Feira de Industrias Culturais (Culturgal) e que terá lugar o próximo domingo 1 de decembro. Precisan 11 persoas que asistan coas súas bicicletas para participar no concerto “Eine Brise”, de Mauricio Kagel, a proposta coa que o TAC iniciou a súa andaina en marzo de 2010 na Praza do Obradoiro en Santiago. Reivindicaba así “por un lado a cercanía que a música contemporánea pode ter para calquera tipo de público, e por outro a posibilidade de facer concertos introducindo novos elementos”.

O concerto de Pontevedra partirá ás 12 horas do peirao das Corvaceiras e nel pode participar calquera persoa que teña unha bicicleta con timbre. As persoas voluntarias terán que ir vestidas con pantalón negro e parte superior branca. Recorrerán arredor de 1.800 metros pola Avenida de Uruguai, a ponte das Correntes e o paseo de Domingo Fontán para chegar ao Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra que será o espazo no que os membros do TAC darán as instrucións e procederán a un pequeno ensaio da Acción fuxidía para 11 bicicletas.
500 metros e 90 segundos.

Entre o Pavillón e o Pazo da Cultura de Pontevedra, na rúa Alexandre Bóveda -arredor de 500 metros-, desenvolverase o concerto que ten unha duración duns noventa segundos. Quen queira participar na proposta tense que anotar no correo 111bicicletas@culturgal.com.

O TAC atopa na obra de Mauricio Kagel unha proposta que se adapta especialmente ao seu obxectivo de ampliar o público para a música contemporánea. Con ese fin, interpretou a obra de Satie cun piano de cola no faro de Fisterra ou desenvolveu numerosas accións como “Os seráns do TAC” na Cidade da Cultura encamiñadas a achegar a música con formatos orixinais e singulares. Recentemente promoveron unha nova iniciativa de concertos simultáneos en streaming.
“O interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo”, defendeu o xurado dos Premios da Crítica ao escoller ao TAC como gañador na categoría de música. O Taller Atlántico Contemporáneo é tamén finalista aos Premios Galegos da Música.

http://www.youtube.com/watch?v=LTJEXR81QVA

http://culturgal.com/participa-no-concerto-para-111-bicicletas-do-tac/http:/

www.gulans.com/albumkagel/

28/11/2013

Os Territorios sentimentales de Carmen Pena

Xulio Xiz.-

A profesora Carmen Pena López, vilalbesa en Madrid, Catedrática de Historia da Arte contemporánea, publica TERRITORIOS SENTIMENTALES (Arte e identidad), na colección Ensayo, da Biblioteca Nueva, libro que ven de ser presentado o pasado 15 no Museo de Bellas Artes da Coruña.

Carmen Pena, aínda que nacida en Salamanca en Vilalba considéraselle vilalbesa. É filla de xuiz, en Vilalba estudiou alomenos un curso na histórica escola de Dona Amelia, e mantivo coa vila e as súas xentes un permanente contacto. Só na súa familia se da a circunstancia de que tres dos seus membros foron mantedores do Certame Literario de Vilalba e Pregoeiros das festas patronais. En 1986 foino seu pai, Pablo Pena de Olano. O ano 2000 foino ela, e anos despois seu irman José María Pena López. Aos tres tiven a honra de presentalos como secretario do xurado do Certame Literario. Carmen Pena, por certo, foi tamén Raíña das nosas festas patronais.

Carmen Pena ten no seu haber amplas investigacións e numerosas publicacións, merecendo ser subliñado un libro adicado á historia da paisaxe española da fin do século XIX e comezos do XX que veu a luz en Editorial Taurus en 1983, reeditado en 1998, no que analiza a paisaxe española na arte, especialmente o mito da paisaxe castelá en contraposición simbólica coas paisaxes do norte, especialmente de Galicia.

Ten publicado, asimesmo, unha historia da arte galega dentro do libro “Los Gallegos” en Editorial Galaxia, e no xornal El Independiente foi, durante cinco anos, crítica da arte contemporánea.

O libro TERRITORIOS SENTIMENTALES é unha profunda e orixinal visión da interacción entre a arte e a terra, o pensamento, os sentimentos, ata o punto de entender que a arte dun pobo e dunha xente é como unha radiografía histórica, esencial, sentimental, das xentes que a crean e a disfrutan.

A miña visión do libro, forzosamente de profano asomado á fondura dun tema no que nunca me tivera parado a pensar, é dunha lonxana aproximación a un mundo novo, no que a arte se evidencia cun vencello moi especial coa vida, co sentir, coa historia, coa personalidade dun país e das súas xentes.

Destaca a autora que España, desde o Renacemento, non foi “emisora ou productora de propostas modernas” senón unha “esplendorosa e magnífica periferia” comparada con Roma, París, Florencia ou Nova Iorque. E sen embargo Velázquez, Goya, Picasso, Miró, Gris, Chillida, Tapies ou Barceló foron pezas centrais e universais do barroco, da pintura moderna, e da construcción vangardista e postvangardista universal.

Como primeira mostra do arte hispano coñecido, aparece a Dama de Elche, “icono emerxente do sochán dos antigos rituais, que brota da terra coma a auga, coma a herba, coma os árbores, coma o trigo”, pero o estudio da profesora Pena parte especialmente da obra de Goya, -“fogonazo de luz”-, precisamente cando España “tocaba fondo no seu proceso de decadencia como imperio”, e do feito de que a arte española – desde a súa periferia ou a causa dela- “xirou de forma obsesiva en torno á cuestión especifica da identidade – das identidades- para mitificala ou desmitificala, para academizala ou para catapultala á esfera do moderno e universal”.

De Goya analiza as paisaxes, “oscuras, densas, inquietantes”, que herdarían as vangardas plásticas do 25 ou literarias do 27, e así España e os españois foron vistos – cualificados- a través da pintura, das
escuridades, de Goya, ao que consideraron “expresivo do español”, destacando que aquela identidade única fragméntase logo cando se procuran outras identidades nacionalistas – catalana, vasca, galega... – cada unha cos “seus tópicos identitarios, en competencia coa idea dunha identidade única.

Eu sempre adoitei considerar a arte como unha expresión estética, sen máis trasfondo, tendo en conta o necesario carácter comercial que convén á necesidade de pervivencia do propio artista, pero velaquí que existen outros territorios – os do sentimento, os da alma, os da nosa profundidade humana – nos que a arte ten moito que ver ( teno todo), e este libro da profesora Pena é a porta perfecta para “meternos en fonduras” adentrándonos en terreos sensibles e profundos nos que mirarnos e comprender.

27/11/2013

Contra a violencia de xénero

Redacción.-

Dende que comezaron as estatísticas sobre violencia de xénero no ano 2003, e até 2012, foron asasinadas 652 mulleres a man das súas parellas ou ex-parellas sentimentais. Neste 25 de novembro de 2013, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, observamos con gran preocupación o incremento de comportamentos violentos en franxas de idade cada vez máis baixas.

Por iso, desde a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, fan un chamamento ás administracións públicas, e á sociedade no seu conxunto, para rematar coa maior lacra social que temos na actualidade. Cómpre, dunha vez por todas, adoptar as medidas necesarias para atallar este problema, posto que unha sociedade que se di democrática non pode consentir esta situación. Son moitas as campañas e actos que ao redor deste día estamos a ver e escoitar nos medios de comunicación, pero esta loita contra a violencia machista ten que ser continua, xa que é un problema que afecta á sociedade no seu conxunto.

Existen toda unha serie de desigualdades e de violencias consentidas coas que nos afacemos a vivir: na educación, nos medios de comunicación ou nos videoxogos, por citar uns casos, séguense a promover roles completamente diferenciados para mulleres e homes e, decotío, cunha grande carga de violencia na consecución dos resultados.

A falla de dereitos propios e de autonomía económica fai que moitas mulleres tamén sexan moi vulnerables ante as situacións de violencia. Isto agrávase no medio rural para as mulleres que se dedican á profesión agraria. Para a Secretaría das Mulleres do SLG é fundamental que a Lei de Titularidade Compartida non quede só nun texto aprobado e publicado no BOE. Os datos facilitados polo Ministerio de Medio Rural, en setembro de 2013, reflectían que no Estado Español o número de solicitudes de titularidade compartida foi de 52. Na Galiza, as solicitudes limitáronse a 2. Dende a Secretaría das Mulleres do SLG esiximos do Goberno medidas, recursos e un serio compromiso cos dereitos das mulleres labregas, moitas das cales, a día de hoxe, seguen a ser consideradas como “axuda familiar”.

Nesta conxuntura de recortes, de desmantelamento de moitos servizos públicos no rural, asistimos a unha cada vez maior feminización da pobreza. Cando se eliminan recursos, estase a incrementar a precariedade de vida das mulleres. Non queremos deixar de nomear neste día o que para as mulleres labregas supón a reforma da Lei de Pensións. As estadísticas reflicten que moitas labregas non cotizan ou que comezan a facelo a unha idade avanzada.

Dende a Secretaría das Mulleres do SLG pensan que facer políticas axeitadas para o medio rural e xerar riqueza e emprego debe ser un dos camiños para a solución. Afirmamos que é de xustiza dispor dos recursos axeitados para vivir dignamente, con independencia de que vivamos no medio rural ou nos centros urbanos.

Neste 25 de novembro, a Secretaría das Mulleres do SLG participará, a través da súa coordinadora, María Ferreiro Santos, nun acto na casa de cultura de Vilalba Vilalba ao redor da violencia de xénero. Comezará ás 18:30 e, mentres María Ferreiro Santos falará sobre a violencia de xénero no rural; a xuíza Estela San José Asensio fará outro tanto sobre “A Violencia de xénero e a independencia da muller”.

25/11/2013

Imaxes de "Soños de auga" e "Sobre ruínas"

https://plus.google.com/u/0/photos/114541783706633431124/albums/5949873318009218529?authkey=CKKlqZmpl9BXRedacción.-

O pasado venres, 22 de novembro, presentáronse en Vilalba, nun acto duplo organizado polo Iescha e A Voz de Vilalba, a mostra fotográfica "Soños de auga", de Helena Villar Janeiro, e o libro "Sobre ruínas", de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos editora. No acto participaron tamén Henrique Alvarellos, María Xosé Lamas e Mario Paz González.

Fotos: Chema Felpeto

Poden premer na fotografía da esquerda para ver outras imaxes do acto.

24/11/2013

A loita pola dignidade


José Manuel Pena*.-

Soidade, anguria e indefensión. Así se atopaba unha muller da bisbarra da Barbanza, a piques de quedar na rúa por causa dun procedemento de execución hipotecaria iniciado a instancias dunha coñecida entidade financieira. Iso foi o que nos moveu a coller as rendas e constituír unha Plataforma para protexer ás familias humildes do poder omnipotente dos bancos e presionar á clase política sobre a necesidade de garantir, de xeito efectivo, o dereito de todo cidadán a unha vivenda digna.

Eramos conscientes da cruzada que comezabamos contra o poder político e financieiro, mais nunca cremos atoparnos con tal cantidade de familias afectadas, en pouco máis de ano e medio de vida: case un cento de casos coa total imposibilidade de facer fronte ás súas obrigas hipotecarias, e moitas delas con graves dificultades para chegar a fin de mes, incluso sen nada que levar á boca.

Comezamos con entrevistas cos máximos responsables municipais e os departamentos de servizos sociais, todo iso xunto con campañas, nos diferentes medios de comunicación, co obxectivo de que a propia sociedade civil fose consciente da necesidade de loitar e oporse aos abusos bancarios, de obrigar ás entidades financieiras a negociar antes de que ningunha familia humilde, por causas económicas, tivese que perder a súa vivenda habitual.

Refinanzamento dos préstamos, moratorias, dacións en pago, alugueres sociais e cantidade de fórmulas existentes, todas elas para chegar a acordos puntuais coas entidades antes de que unha soa familia quedase na rúa. Un ano e medio despois do comezo, isto, sen dúbida algunha  foi un obxectivo sobradamente cumprido.

Tamén nos centramos en recoller sinaturas, para presentar a Iniciativa Lexislativa Popular no Congreso dos Deputados: na bisbarra de Barbanza obtivemos o apoio escrito de máis dun milleiro de persoas. Pero a "chantaxe" do poder financieiro puido máis que a "sensatez" da clase política. Boas verbas e intencións pero os desafiuzamentos seguen a producirse, nun país con máis de seis millóns de persoas sen emprego, con máis de tres millóns de familias que viven na pobreza extrema e, nos últimos catro anos, con máis de medio millón de desafiuzamentos de familias humildes.

Mais non tardaron en implicarse no noso labor, de carácter permanentemente altruista, o Valedor do Pobo e varios profesionais liberais de prestixio (avogados e analistas financieiros), que, coa suficiente experiencia profesional, puideron oporse aos procedementos xudiciais e presionar ás entidades financieiras para obter o compromiso firme de non botar a ninguén da súa única vivenda. E mentras, comezaron a saír as primeiras sentenzas xudiciais dalgúns tribunais superiores. Sentenzas que protexían os Dereitos Humanos das familias contra a usura e o abuso da maioría das entidades: cláusulas e intereses abusivos, concesión de hipotecas-lixo, taxacións irregulares e concesión de préstamos hipotecarios coas garantías de avalistas, sabendo da clara imposibilidade de que a familia, en poucos anos, ía seguir cumprindo coas súas obrigas crediticias e entón o banco íase incautar de varias vivendas para logo especular e vendelas ao mellor postor. E facían todo isto aínda por enriba fachendeando, na maioría dos casos, de que estaban a cumprir o código de boas prácticas bancarias.

De contado nos demos conta de que Bruxelas lexislaba para protexer aos consumidores, namentres Madrid continuaba amparando o saqueo do patrimonio dos bancos por parte dalgúns membros dos consellos de administración con indemnizacións multimillonarias e vizosos plans de pensións. Mentras, milleiros de familias xa apenas poden pensar en pagar a hipoteca cando non son capaces de alimentar, vestir e custear os estudos dos seus fillos. Moitos dos seus membros xa teñen graves secuelas sicolóxicas polo acoso constante dos responsables das entidades financieiras. Mesmo algún ten varios intentos de suicidio ás súas costas.

Seguiremos loitando pola dignidade de todas estas familias. Cada vez somos máis e os verdugos xa están contra as cordas.


*JOSÉ MANUEL PENA é o portavoz de “Stop Desafiuzamentos" de Barbanza.

23/11/2013

Soños de auga


Helena Villar Janeiro.-

Unha das cousas que desexo atopar cando saio coa cámara é a auga. A orballada nas arañeiras, nas herbas finas, nas follas planas, nos pétalos das flores… A brétema no colo dos macizos montañosos. A batida do mar contra os cons… E, por encima de todas, a auga estancada con residuos. A dos cacharros que dormen fóra, a do fondo de fontes e surtidores, dos vellos lavadoiros, das pucharcas. A chuvia nas pedras pulidas actuando de espello. As ondas do mar rizadas polo vento que reflicten obxectos da súa beira…
A virtualidade destas augas para modificar formas e volumes, mesturar realidades e espellismos, combinar luces e sombras, multiplicar perfís, cambiar o estatismo en movemento, e confundir dimensións e posturas é unha fonte de gozo para esta fotógrafa serodia que ama o abstracto, a polisemia dos contornos, a resemantización das imaxes.

A serie Soños de auga é unha mostra desa colección de augas na que o ollo quere sempre atopar un cadro escondido.

Mostra Fotográfica "Soños de auga"
Do 22 de novembro ao 12 de decembro
Casa da Cultura
Praza de Suso Gaioso, 1
27800 Villaba



22/11/2013

Chega o Culturgal 2013

Redacción.-

Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, é a gran casa da cultura galega. Un espazo de encontro, unha oportunidade e unha ferramenta. Un punto de encontro no que o sector da cultura amosa a súa forza de conxunto e no que se produce un rico diálogo e intercambio de ideas. Unha oportunidade para amosar novos proxectos e iniciativas ante outras empresas, programadores, institucións e público en xeral, nun escaparate excepcional.

Pero ademais Culturgal é unha ferramenta para promover, apoiar e reforzar a acción cultural que se desenvolve en Galicia. Remarcar o valor social e económico desa acción cultural é unha misión central da Feira; Culturgal quere ser unha ferramenta útil no novo escenario no que empresas e axentes culturais deben desenvolver o seu traballo. Estimular a confianza dos diferentes gremios na utilidade da feira, convidándoos ademais a participar activamente na programación, e pulsar os intereses dos diversos públicos que asisten a ela son obxectivos primordiais.

A organización de Culturgal 2013, a desenvolver os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro, apela á corresponsabilidade compartida entre todos os axentes culturais: institucións, empresas, creadores, xestores e públicos. Todos implicados de maneira activa na promoción da actividade cultural como parte fundamental do desenvolvemento social. Todas e todos implicados en Culturgal como proxecto común, necesario e eficaz.

21/11/2013

Publicidade enganosa

Modesto Renda Santiso.-

A operación está en marcha. En torno a unha carta aberta subscrita polos flamantes compañeiros de viaxe do PSOE co ex xuíz Baltasar Garzón á fronte, o aparato económico-mediático capitaneado polo grupo pinza, quero dicir Prisa, púxose mans á obra facendo unha chamada velada ao "voto útil". "A unión da esquerda", "A casa común da esquerda", e o "Todos xuntos contra o PP", non responden unicamente , como se podería pensar, á enésima campaña de marketing , nin ao eco do canto deseperado das miles de clientelas políticas que ven perigar as súas poltronas.

Sabe a banca amiga, a gran patronal e os medios afíns que se cae Ferraz o réxime estará ferido de morte e penderá dun fío a súa propia existencia. Unha debacle que suporía a quebra do bipartidismo dinástico gobernante, e con el, o punto e final do suculento turnismo que dende a transición pilotou a "democracia" co único fin de manter o statu quo contra vento e marea.

Situámonos ante unha estratexia dentro do sistema, e polo tanto controlada por el, para dar resposta á posibilidade de que o bloque de poder se quede sen o seu instrumento fundamental. Unha sorte de "pseudo esquerda" perfectamente domesticada, que sen vontade ningunha de poñer en cuestión os designios do capital sexa capaz de recrear ilusións electorais de cambio; e só partindo dunha caracterización das forzas políticas baseada no papel que estas xogan nas relacións de clase, fuxindo das "conclusións lóxicas" que se desprenderían do lugar que, comunmente e polos medios, a estas se lles asigna no clásico abano entre a dereita e a esquerda, estaremos en disposición de aproveitar as gretas que se abran e contribuír a desactivar falsos ilusionismos acerca de alternativas supostamente de máis esquerda ante a "dereita de sempre"
Con todo, o primeiro que debemos ter en conta é que PSOE e PP non son iguais. Dende o punto de vista histórico do poder económico no Estado Español, os primeiros resultaron moito máis eficaces á hora de aplicar a política de desregularización laboral e de "liberalización" da economía que, tras o período franquista, o capitalismo de Estado requiría para a súa integración nos circuítos internacionais e máis especialmente no bloque imperialista da Unión Europea, debido, entre outras razóns, á falta de marxe ideolóxica pola súa orixe de todo o que logo culminou no PP e que invalidaba a toda esa dereita de cara a afrontar as protestas que xurdiran entre uns traballadores aos que había que someter nun novo marco laboral e que desfavorablemente para o capital e o seu estado, estaban fortemente organizados dende os anos da Transición.
A súa acción no goberno permitiu organizar e fortalecer a unha oligarquía española á que lle comezaba a resultar asfixiante o autárquico réxime franquista, coa privatización entre outras de Telefónica, Iberdrola, Gas Natural, Repsol, Iberia, Unión Fenosa e Mapfre, así coma o apoio á concentración de capital financeiro español (BBVA, Banco de Santander) para máis tarde convertese en intermediarios dos negocios destas compañías en América Latina, contribuíndo deste xeito á "modernización", e dicir, saqueo, dese continente durante os anos noventa.

Plans de emprego xuvenil que introducían o contrato lixo entre os mozos, ETTs coas que extraer aínda máis plusvalías da forza de traballo, liberalización do chan e a vivenda, reformas laborais que remataron de precarizar o emprego ou o famoso "medicamentazo" que eliminaba certas subvencións a medicamentos, ao tempo que as mobilizacións dos traballadores eran aplacadas pola vía da represión das forzas policiais e nas comisarías se torturaba cos mesmos métodos e verdugos do franquismo.

Tampouco se quedaron atrás os servizos prestados ao monopolismo europeo coa reconversión industrial que ,nos anos oitenta, veu a desmantelar boa parte da industria siderúrxica, a minaría do carbón, a construción naval e outros, como a industria química, o téxtil, os bens de equipo e os contratistas de defensa co obxectivo de adaptalas á nova división internaional do traballo eliminando así calquera atisbo de competencia ao capital alemán e que supuxo a perda de centos de miles de postos de traballo en todo o país.

Se a lle isto sumamos que tampouco ían ser, dende logo, os herdeiros directos do Caudillo os que mellor aguantasen as tendencias centrífugas de vascos e cataláns ante a mínima crise máis ou menos seria que afectara ao Estado español, non é difícil comprender que ata os mesmos intereses dos Borbóns, tanto económicos coma de supervivencia, encontrasen no PSOE ao seu mellor aliado.

A prol dun interclasismo acorde coa súa nova identidade "atrápalo todo", asumiron xa non a consecución dun socialismo democrático, senón a dun capitalismo de cor rosa, repensado dende a súa cociña ideolóxica como unha nova Arcadia, na que o rico e o pobre, o explotador e o explotado, o banqueiro e o "currante" de salario mínimo unirán as súas mans alegres e felices festexando o triufo da harmonía e a fraternidade perpetuas. Tres décadas de bucle bipartidista, nas que, utilizando dun xeito interesado o feito de que a nosa realidade transcurre nuha sociedade post-industrial na que a clase traballadora aparece fragmentada, dividida e sometida non poucas veces a conflitos internos en tanto que clase ,puxo énfase en convencernos de que todos formamos parte dese concepto etéreo que oculta as profundas contradicións que se derivan das relacións de producción chamado "clase media"; e agora, coincidindo coa perda do poder político, propón como solución á crise a volta a unha especie de paraíso perdido de "benestar" que sobre a base da primacía da aceptación da competitividade como instrumento supremo para xerar riqueza e crear postos de traballo xa non é posible en tanto que a globalización determina que, se non cambiamos de raíz as relacións de poder, a lei de ferro da competencia impoñeranos as mesmas condicións laborais e sociais de escravitude que rexen nos países aos que deslocalizan as empresas e a guerra para o saqueo das súas materias primas.

A aplicación da LOU-Bolonia, facendo caso omiso ás masivas manifestacións, encerros e protestas estudantís que se alzaban contra esta medida que converte a educación universitaria nun privilexio para quen poida pagala; a reforma do artigo 135 da Constitución, pactada con nocturnidade e aleivosía co PP, e que lonxe de tratarse dunha simple ferramenta técnica para garantir o equilibrio presupostario constitúe unha arma ideolóxica co máximo rango xurídico para poder xustificar os recortes na protección social das clases populares e afondar na vulnerabilidade da clase asalariada; a posta en marcha da doble rede educativa que permitía a creación de colexios concertados financiados polas arcas públicas, comezando o proceso privatizador que agora resulta en que a diminución do presuposto en educación fai que as partidas se destinen a estes colexios pechando os públicos; a súa alianza para aprobar a Lei 15/97 de Novas Formas de Xestión que dá cobertura legal ao desmantelamento da sanidade pública actual; ou a negativa a aprobar unhas medidas de mínimos que a plataforma de afectados pola hipoteca leva esixindo dende fai catro anos, cun PSOE no Goberno, poñen de manifesto que a solución non reside unicamente en "parar a dereita", un maniqueismo estúpido que impide ver a dimensión real do problema, que non é outro que a opción do PP e do PSOE (e de CiU e PNV en Cataluña e País Vasco) de apostar polo modelo económico que impoñía o Tratado de Maastricht, onde se deseñaba unha Europa na que os estados membros e as súas institucións deberán someterse á rixidez dos dogmas neoliberais, e na que os grandes emporios económicos transnacionais son os que ditan a política que teñen que seguir os representantes electos da vontade popular.

Non hai terceiras vías. A contradición fundamental aparece descarnada. Fronte a ela só cabe a acumulación de forzas para formular a cuestión central da disputa do poder político, mostrando con claridade que o esencial non é que partido político goberna, senón que clase ten o poder. Construír da man do pobo unha realidade onde os intereses colectivos da clase traballadora sexan hexemónicos por enriba da lóxica insaciable do capital. En definitiva, retomar o fío do proxecto histórico que a Transición pretendeu truncar para sempre: a emancipación de clase e os dereitos nacionais dos pobos.

20/11/2013

Simposio da Lingua Galega 2013

Redacción.-

Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega vén organizando cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios.

Ao poñer o foco sobre ese asunto, o ILG pretende propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, difundir o novo coñecemento xerado e, asemade, contribuír á renovación en métodos e resultados. Este ano a atención céntrase na fronteira galegoportuguesa. Pouco sabemos dos criterios con que foi trazada en orixe nin, polo tanto, en que medida respondía a trazos antropolóxicos, lingüísticos, xeográficos ou doutro teor. A raia atravesou as terras do antigo reino de Galicia e partiu en dous o territorio constitutivo do protorromance galego, do que logo habían xurdir a lingua galega e a lingua portuguesa; as vicisitudes históricas dunha e outra foron consolidando a raia como unha fronteira tamén lingüística que cómpre estudar con perspectivas renovadas. Mais desde o punto de vista lingüístico a raia ten outra característica non exenta de misterio: distintos estudos mostran que en localidades raianas existen variantes non compartidas nin cos veciños galegos nin cos veciños portugueses, pois só se dan —en Galicia ou en Portugal— lonxe de alí.

Ora ben, os organizadores cren que non hai que contemplar as fronteiras como liñas divisorias senón como espazos de convivencia e intercambio, así como de creación dun tipo de cultura propio das áreas fronteirizas. Esa perspectiva centra o noso interese presente e lévanos a propoñer esta nova ollada desde múltiples enfoques interdisciplinares: desde a historia, a xeografía, a antropoloxía, o cinema e, naturalmente, a lingüística.

Como cada ano, o Simposio ILG 2013 está organizado polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega; nesta anualidade conta, ademais, coa participación do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa. Diríxese preferentemente a profesores e alumnos universitarios de distintas áreas do saber, a profesores de ensino primario e secundario, de escolas oficiais de idiomas e de formación profesional, docentes das áreas da lingüística, historia, xeografía, antropoloxía e etnografía; e tamén, na mesma liña de formación continua, a profesionais de distintos sectores. Está aberto ao público xeral, a todas asa persoas que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.

Pódese encontrar máis información sobre as Xornadas, homologadas por parte da Consellería de Educación con 18 horas lectivas, e o Simposio na seguinte páxina:

http://ilg.usc.es/gl/actividades/simposio-ilg-2013


19/11/2013

'Soños de auga' e 'Sobre ruínas'

Redacción.-

O vindeiro venres, 22 de novembro, vai ter lugar ás oito da tarde na Casa da Cultura de Vilalba (Lugo), un acto doble organizado conxuntamente polo Instituto de Estudos Chairegos e a Asociación Cultural “A Voz de Vilalba”.

Por unha banda, a presentación da mostra fotográfica “Soños de auga”, da poeta Helena Villar Janeiro, que ficará exposta ata o 12 de decembro e que reúne unha serie de fotografías desta escritora galega que teñen como nexo común o tema da auga en todas as súas formas: a orballada, a batida do mar, a brétema, a chuvia… Nestas fermosas imaxes Helena Villar amosa, en palabras dela mesma, “a virtualidade destas augas para modificar formas e volumes, mesturar realidades e espellismos, combinar luces e sombras, multiplicar perfís, cambiar o estatismo en movemento, e confundir dimensións e posturas”.

Por outra banda, terá lugar no mesmo acto a primeira presentación (antes da oficial que se fará en Compostela o día 28) do libro Sobre ruínas (Alvarellos Editora, 2013), de Xesús Rábade Paredes, un conxunto de poemas para o combate neste tempo de vencidos e derrotas. Unha poesía de altura sobre ruínas e fronte a elas, un berro para espelir aos rendidos, un laio contra a desolación. Álzase neles a voz contra os malditos, os ruíns e os mercadeiros ou como di no poema “Devastación”: “Quizais é que exhibimos en exceso / a infinita paciencia. / Que na mesma mirada delatamos, / como os peixes e as vacas, / a tristeza xenética”.

No acto, que se inclúe na programación cultural que conmemora os trinta anos do nacemento do xornal chairego A Voz de Vilalba, participarán os autores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, amais de Henrique Alvarellos (en representación de Alvarellos Editora), a poeta María Xosé Lamas (en representación do Instituto de Estudos Chairegos) e Mario Paz González (por parte da Asociación Cultural A Voz de Vilalba).

Os autores
Helena Villar Janeiro. Recoñecida escritora galega que ten cultivado varios xéneros, especialmente a poesía e a narración ou o artigo xornalístico, mais tamén ten publicado libros de literatura infantil e xuvenil. Pertenceu ao colectivo poético Cravo Fondo e da súa obra destacan títulos como Alalás (1972), Rosalía no espello (1985), Festa do corpo (1994), Álbum de fotos (1999), Nas hedras da clepsidra (1999) ou Palpebra azul (2003). Dende 2005 ata 2012 foi presidenta da Fundación Rosalía de Castro e tamén, nese mesmo período, membro do Plenario do Consello da Cultura Galega. Casada co escritor Xesús Rábade Paredes, é a nai da poeta María do Cebreiro e do músico de jazz Abe Rábade. Na actualidade ten ampliado o seu eido estético traballando no campo da fotografía e, entregada a esta nova paixón artística, axiña a incorpora á súa expresión combinando a imaxe co pequeno texto literario: haiku e nanorrelato, principalmente. Mostra o seu traballo nas redes sociais e forma parte de varios grupos artísticos. As súas coleccións máis numerosas son FIESTRAS e OS SOÑOS DA MARQUESA. A valoración que esta obra recibe a través das redes anímaa a participar en exposicións colectivas e a pensar na preparación dalgunha individual, proxecto que animará a súa amiga artista polifacética Luz Darriba. Ten participado en exposicións colectivas: ENARBORAR O BOSQUE (Santa Cruz de Oleiros, 2011), A NOSA COLLEITA POR SOMALIA (Vigo, 2011) e OLLADAS 2012, DE LUGO A BRUXELAS (Bruxelas, 2012; e tamén realizou varias exposicións individuais como: PALABRAS EN IMAXE (Bruxelas, 2012), con 22 fotografías en gran formato acompañando cadanseu nanorrelato de nove palabras; ou SOÑOS DE AUGA, exposta en Santiago de Compostela (2012) e en Fene (2013) e, agora, en Vilalba.

Xesús Rábade Paredes. Poeta, narrador, ensayista e tradutor de dilatada trayectoria. Iniciouse moi novo na creación, sendo alumno no Instituto de Lugo de dous excelentes profesores: Mª Victoria Moreno e Xesús Alonso Montero. Membro da promoción poética de 1968 e antologazo en Os novísimos da poesía galega (1974), en 1977 subscribe o manifesto de renovación Cravo fondo. Con Helena Villar, a súa dona, ten colaborado en proxectos creativos e didácticos. Obtivo, entre outros, os premios Manuel Antonio, Galicia, Esquío e González Garcés. A súa obra poética reúnese nos seguintes volumes: Xuntos cara o mañán (1969), O sangue na paisaxe (1979), No aló de nós (1981), Matria de sombra (1987), Poldros de música (1993), Cabeleira de pedra (1993), Os dedos dos loureiros (2000), Os anos da memoria (2006) e Lugar do canto (autoescolma bilingüe, 2008).

18/11/2013

O liño, Arte e Cultura

Redacción.-

O vindeiro 23 de novembro de 2013 terá lugar no Museo Provincial de Lugo, ás 8 da tarde, a presentación do documental "O liño, Arte e Cultura", a cargo da Asociación de Mulleres de San Bartolomeu de Insua (Vilalba) co respaldo da área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.

- Presentación do acto: Mario Outeiro, delegado de Cultura.
- Ponentes:

Ana Belén López Perez, autora do libro O liño e as foliadas no concello de Vilalba.
Lourdes Otero Mato, secretaria e portavoz da Asociación de Mulleres de Insua.
Miriam Fernández Otero, estudante de cuarto ano de Historia da Arte da USC e membro da asociación.


Grazas de antemán pola vosa difusión.

Un cordial saúdo,

Asociación de Mulleres de Insua (Vilalba)

PuntoGal, premio "Galicia Enteira"

Redacción.- A Asociación PuntoGal recibiu onte á noite en A Estrada (Pontevedra) o premio San Martiño Galicia Enteira, en recoñecemento ao seu labor ao longo de máis de sete anos para conseguir o dominio .gal para a lingua e a cultura galega. Desde a xunta directiva da entidade facilitáronnos a intervención do seu presidente, Manuel González, no devandito acto. O Consello de Redacción de A Voz de Vilalba decidiu reproducir parcialmente as súas palabras, tendo en conta a importancia deste fito histórico que contribúe á mellora do posicionamento de Galicia no resto do mundo.

“Quero agradecer á agrupación O Brado, aos membros do xurado e a quen nos propuxo que pensasen en Puntogal para o Premio Galicia enteira, dentro dos Premios San Martiño que desde hai anos veñen sendo unha referencia importante dentro do mundo cultural galego.

Por fin, queridos amigos, o soño converteuse en realidade. Un soño polo que comezaba a traballar a Asociación PuntoGal o ano 2006, co apoio decidido naquel momento do goberno presidido por D. Emilio Pérez Touriño e posteriormente do presidido por D. Alberto Núñez Feijoo. Desde o primeiro momento esforzámonos en que PuntoGal fose unha inicitiva integradora, na que tivesen cabida todas as ideoloxías, todas as sensibilidades.

Co apoio de todas as forzas políticas, fomos quen de concitar ao redor dun obxectivo claro, preciso e ilusionante axentes tan dispares como as grandes institucións culturais (encabezadas pola Real Academia Galega, onde ten a sede oficial a asociación), as tres Universidades de Galicia, o mundo editorial galego, as asociacións e colexios profesionais do ámbito da informática e das telecomunicacións, o mundo do xornalismo e medios de comunicación, o mundo do dereito, o Eixo Atlántico, o mundo da empresa, o conglomerado do asociacionismo cultural de Galicia. En total, máis de 120 entidades, que procuramos que fosen as máis representativas dos diversos sectores. Todos xuntos, todos xuntos coa única meta da promoción da lingua, da cultura e dos valores de Galicia en Internet, a través da consecución dun dominio, dun carné de identidade que nos identifique en todo o mundo.

Un dominio .gal para os galegos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, pero tamén para os cidadáns das zonas estremeiras da nosa comunidade que teñen como lingua natural o galego, e dunha maneira moi especial para os galegos da emigración, para os galegos da diáspora, e por iso lle concedemos tanta importancia á participación de Centros Galegos, das Casas de Galicia, dos Centros de Estudos Galegos das Universidades ou das Agrupacións de empresarios galegos en distintos países do mundo.

Traballamos con teimosía para explicarlle á ICANN as razóns polas que consideramos que nos corresponde un dominio deste tipo. Fixémoslle saber que:

a) A galeguidade está constituída por unha comunidade con forte presenza en moitos países do mundo, e os galegos da diáspora teñen dereito a utilizar unha marca que os identifique como pertencentes a e esta comunidade, residan en México, na Arxentina, no Brasil, en Alemaña ou en Inglaterra.
b) Posuímos unha lingua propia, na que se expresa unha parte importante da poboación de Galicia, e que goza do estatus de lingua oficial en Galicia.
c) A lingua galega foi vehículo de expresión dunha cultura milenaria, que contou cunha  das literaturas máis importantes da Idade Media, e foi utilizada por trobadores non só do territorio de Galicia, senón de diversos espazos da Península Ibérica e mesmo de máis aló dos Pirineos. Cultura milenaria que se manifesta tamén na etnografía, nas institucións xurídicas propias, nunha maneira particular de ver o mundo. Cultura milenaria que como todas as culturas se transforma, e que quere seguir sendo dinámica e creativa desde a propia identidade.
d) O galego ten unha considerable presenza na rede, pero necesita a visibilidade que lle pode dar un dominio lingüístico.

Despois dun traballo arduo e dunha longa espera, por veces, poden crerme, mesmo desesperante, chegou por fin o momento en que a ICANN abriu a convocatoria para a solicitude de novos dominios. Desde aquela estabamos espectantes, preocupados polo resultado, pero estabamos ao mesmo tempo serenos e moi esperanzados, porque a nosa candidatura era sólida, non había ningún grupo minimamente relevante que se opuxese a ela, non era unha candidatura conflitiva, e sobre todo contaba cuns informes técnicos solventes: tanto o estudo sobre a necesidade do dominio, coma o da súa viabilidade económica e sobre todo o do seu funcionamento técnico son dun rigor e dunha seriedade incontestables
.
O día 14 do pasado mes de xuño a ICANN deu luz verde para que a lingua e a cultura galegas poidan ter un dominio propio en Internet, e este venres pasado eu mesmo asinei con este organismo o contrato de delegación do dominio. Cada vez que calquera usuario en calquera lugar do mundo abra un enderezo .gal estará recibindo a información de que existe unha lingua galega, existe unha cultura galega, existe un país que se chama Galicia".

15/11/2013

No Paseo dos Soños

Xulio Xiz.-

Que Vilalba ten un paseo chamado PASEO DOS SOÑOS ao mellor pasa desapercibido para moita xente, porque non hai rótulo que o indique. Pero si que hai paseo, e vai da Magdalena ao Rañego, pola beira do río, entre árbores, e polo que teño entendido está manifestamente concurrido por vilalbeses que queren camiñar por un lugar tranquilo e de tránsito doado.

Desde hai oito anos este Paseo dos Soños, bautizado así pola xente da Irmandade Manuel María e Xermolos, ve incrementada a súa dotación ornamental cunha nova escultura cada ano, sendo a máis recente a que hai unhas semanas se inaugurou preto do Muíño dos Pasos xa de cara á Magdalena.

Desde o Rañego teñen monumento Manuel María, Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Darío Xohán Cabana, Xavier Puente Docampo, Xose Manuel Carballo e Margarita Ledo Andión. E desde agora tamén o matrimonio formado por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes.

A maior parte das esculturas son de Valdi, un fervoroso artista que traballa en pedra ou metal, axeitándose ao escritor e á súa obra, cun toque persoal que fai que todos se vexan “retratados” neles.

Valdi, rapaz aínda en termos de creación e vitalidade, xa lle ten botado o ollo a un xoven escultor vilalbés, para que o día de mañá sexa o seu sucesor, e nos próximos anos o colaborador máis directo. Puiden falar con el, e saber que se chama Marcos Ladra, e que vive no Muiño da Magdalena, ese edificio senlleiro cun estanque diante que a min de pequeño me asombraba porque me parecía que de tan misterioso non podía ter fondo. Marcos Ladra afirmoume que naquel estanque aprendeu el a nadar. Ou sexa, que pode non ter fondo, pero hai quen o domina, por vivir á súa beira.

Temos Paseo, temos monumentos no paseo, temos milleiros de caminantes. Deixémonos ir de cando en cando polo Paseo dos soños, e comprobemos que se hai moita vida na natureza do arredor, hai tamén determinados elementos –oito monumentos xa- que nos falan de chairegos ilustres que, polas súas obras, quedan inmortalizados nun paseo que naceu para ser camiño e para –nel- soñar.

Inauguración de 2014. Antes de irse.



Redacción.-

Hoxe, 14 de novembro, tivo lugar ás 20.00h a inauguración do proxecto expositivo e editoria "2014. Antes de irse. Ideas sobre a pintura", comisariado por David Barro, no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC), na Avda. de Arteixo 171 en A Coruña.

O proxecto 2014 achégase a unha xeración de artistas españois, ou residentes en España, que non alcanzaron a idade de 40 anos, e que foron capaces de redefinir o que hoxe entendemos por pintura contemporánea.

A exposición, que estará aberta ao público até o próximo 30 de marzo de 2014, mostra unha selección de obras de sete artistas (Miren Doiz, Jerónimo Elespe, Philipp Fröhlich, Santiago Giralda, Laura González Cabrera, Guillermo Moura e Alain Urrutia) que representan sete tendencias ou sete formas de entender a pintura contemporánea, unha pintura que fixo da contaminación unha das súas razóns de ser, unha pintura que se move despois da pintura e que asumiu con naturalidade que xa non é unha técnica e si unha tradición, unha idea con capacidade de reformulación constante de si mesma.

A exposición, que presenta varias obras site-specific e obras realizadas ex profeso para o proxecto, partirá dunha conversación do comisario cos artistas participantes.

2014 é ademais un proxecto editorial que recolle a obra e reflexións persoais de 40 artistas españois ou residentes en España, representantes de toda unha xeración. Tanto o libro como a exposición tratan de historiar por primeira vez o presente da pintura mirando de lonxe e de preto; por iso é polo que unha das claves editoriais sexa a complicidade cos artistas á hora de seleccionar as súas imaxes e para achegarse visualmente aos seus estudos, ese lugar onde todo detense e tórnase adictivo.

Artistas presentes na publicación:
Hugo Alonso / Rosana Antolí / Antonio Ballester Moreno / Tania Blanco / José Díaz / Miren Doiz / Jerónimo Elespe / Julio Falagán / Alejandra Freymann / Philipp Fröhlich / Fernando García / Kepa Garraza / Santiago Giralda / Antonio González / Laura González Cabrera / Irene Grau / Rubén Guerrero / Secundino Hernández / Yago Hortal / Miki Leal / Maider López / Carlos Maciá / Maíllo / Fernando Martín Godoy / Nacho Martín Silva / Ángel Masip / Gorka Mohamed / Guillermo Mora / Nuria Mora / Nico Munuera / Nano4814 / Sonia Navarro / Kiko Pérez / Guillem Juan Sancho / José Luis Serzo / Santiago Talavera / Alain Urrutia / Mar Vicente / Nelo Vinuesa / Jesús Zurita

14/11/2013

A Pita do monte en Galicia

Redacción.-

A AGCT e a SGO coa colaboración do Proxecto Life + Urogallo cantábrico da Fundación Biodiversidade organizan o vindeiro 23-24 de novembro en Piornedo (Cervantes, Lugo) a xornada "A Pita do monte en Galicia: pasado, presente e futuro".

A asistencia á xornada é de balde, previa inscripción ate o 15 de novembro.
Para inscribirse é preciso enviar un correo a custodiadoterritorio@gmail.com ou ben a sgosgo@sgosgo.org. Tamén no tfno, 620593892.

Desde a AGCT desenvólvese un proxecto de custodia no Mte. Agulleiro e os seus membros participan no Life + Urogallo cantábrico.

A xornada será unha boa ocasión para debatir sobre a conservación da cordilleira cantábrica, así coma un excusa para pasar unha fin de semana nun marco incomparable da montaña oriental galega.

Ata o 24 de novembro poderase visitar a exposición intinerante sobre a pita do monte realizada no marco do proxecto Life + Urogallo cantábrico.

Por fuciños! Por cacheiras!

(A ilustración é de Miguelanxo Prado, e está tomada da web da TVG)

Agustín Fernández Paz.-

“XABARÍN 18″

Hai varios meses, as mestras da Escola de Educación Infantil “Monte da Guía” de Vigo puxéronse en contacto comigo, como antes fixeran con outras persoas que nos dedicamos á escrita ou á ilustración. Os membros do ENL do centro, en unión dos do CEP de Sequelo-Marín, decidiron homenaxear ao Xabarín, con motivo do seu 18º aniversario. O Xabarín da TVG, si: o heroe do programa inesquecible de varias xeracións de nenas e nenos de Galicia, o personaxe ao que lle deu forma o noso Miguelanxo Prado. O programa que tanto fixo pola normalización da lingua entre a poboación infantil.

Eses nenos e esas nenas que seguiron o Xabarín desde o seu comezo en 1994, todos eses milleiros que se fixeron socios e conseguiron o seu carné, son agora mozos e mozas e teñen o seu aquel de nostalxia por un programa en que, ademais das series de debuxos animados, puideron ver e escoitar os mellores grupos galegos cantando as cancións que, case sempre, estaban feitas para seren emitidas no programa.

Esas canción andan agora en vídeo polo Youtube (coma tal, esta) e tamén están recollidas en varios CDs que non sei se seguen á venda. E non é casualidade que unha revista infantil que acaba de saír, OINK!, tome o seu nome do popular Xabarín.

Un programa que (ía poñer inexplicablemente, mais supoño que se explica con facilidade) a TVG decidiu suprimir cando maior era a súa popularidade. Habería medo a que acabase contaxiándolle a lingua á xente máis nova?



Foron moitas as actividades e exposicións que levaron a cabo este magnífico grupo de docentes. O
proxecto enteiro pode verse aquí. Para poñerlle o ramo a todo o seu traballo, pensaron nunha publicación, Xabarín 18, onde se recollen os textos e as ilustracións que fixemos as persoas ás que nolo pediron.

Un exemplar deste pequeno libro chegou hai uns días ás miñas mans. Nun “Anexo” ao final da publicación, as persoas que coordinaron o proxecto explican polo miúdo a xénese e a amplísima variedade de actividades que realizaron, nas clases e coa comunidade educativa, arredor do Xabarín.

Como a edición é non venal (supoño que se pode pedir escribíndolle a algún dos dous centros), apetéceme reproducir no blog o texto da miña colaboración. Trátase dun conto breve, cunha chiscadela final ao amigo Miguelanxo:

DE COMO O XABARÍN ACABOU CONVERTIDO
NUNHA ESTRELA DA TELEVISIÓN

Para noites frías, as da Terra Chá. Nos meses de inverno as xeadas son tan intensas que a terra amence dura coma se algún feiticeiro a transformase en pedra, e as herbas, branquexadas polo frío, semellan delicadas figuras de cristal que van rompendo conforme alguén as pisa.

Desas noites de xeada soubo axiña o noso Xabarín. Todo foi ben mentres era noviño e se refuxiaba no cálido agocho a carón da súa nai e dos seus tres irmáns. Mais o malo chegou cando, ao ir medrando, se viu na obriga de buscar alimento pola súa conta. Aínda bo era que a pel dura a as espesas serdas que a cubrían mitigaban un algo as coiteladas do intenso frío nocturno.

O alimento non abundaba na extensa zona que percorrían os da súa manda. E os homes que os perseguían un día si e outro tamén tiñan armas poderosas que lles permitían matar desde a distancia. Unha mañá en que o frío era tanto que se lle metía ata a cana dos ósos, tocoulle ver como a súa nai e os tres irmáns caían para non erguérense máis. Eran tantos os humanos e estaban tan ben situados que aínda non se explicaba como conseguira fuxir daquela chuvia de disparos.

Privado da súa familia, Xabarín comezou unha vida solitaria. Abandonou as terras frías de Vilalba, que tantas lembranzas amargas lle traían, e marchou lonxe, seguindo sempre o camiño do sol. E así foi dar a unhas terras non menos frías, mais si menos poboadas e con fragas onde a vida era máis doada. Por fortuna, non tardou en localizar un extenso clareiro onde a auga zumegaba da terra e formaba pozas nas que, sobre todo cando as morneaba o sol, daba gusto meterse e enzoufarse na lama.

Un día, cando acababa de se dar un daqueles baños de barro que tanto o confortaban, bateu cun home sentado enriba dun gran penedo situado nas beiras do claro. Aquel humano non tiña ningún pau de lume nas mans, senón un pequeno caderno e un delgado carabullo que utilizaba para trazar liñas sobre o papel.

O home non tiña intención de fuxir, como adoitaba suceder cando Xabarín se atopaba con outros humanos. Ao revés, fitaba atentamente o animal, cunha ollada que o desconcertaba. Así permaneceron os dous durante ben de tempo, coma se houbese unha rede de fíos invisibles que os unían.

No momento en que o sol deixou de iluminar o claro, Xabarín deu media volta e marchou en dirección ao interior da fraga, onde tiña o seu agocho. Nunca chegou a saber que aquel home se chamaba Miguelanxo e que, cando baixou do penedo, levaba no caderno os bosquexos que, algúns días despois, lle servirían para dar vida ao Xabarín que alegrou as tardes da infancia da miña filla e de tantos nenos e nenas de todos os lugares de Galicia.



Lido no blog de Agustín Fernández Paz: http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/

11/11/2013

Revista avozdevilalba.com de outubro 2013

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 64 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de outubro de 2013. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

10/11/2013

Novo Cazón, In memoriam

Moncho Paz.- A cultura chairega está de loito co pasamento de José Luis Novo Cazón. No día de onte recibiamos a triste noticia de que nos deixaba tras unha longa enfermidade. Foi un gran dinamizador e activista cultural; licenciado en Filosofía e Letras e doutor en Historia pola Universidade de Oviedo, da súa traxectoria hai que destacar a grande aportación como investigador, que se plasmou en varios libros, entre eles O legado santiaguista de Vilar de Donas (1989), Un xeito de ollar a obra escultórica de Víctor Corral (2001), Historia de Lugo (2002, con outros autores) ou A Memoria de Vilalba (2006). Porén, hai outras obras colectivas que non podemos deixar de lembrar, como Chanot, pintor gaditano-vilalbés (con Chema Felpeto), Capelas e ermidas da Costa (con Sabela Figueira e Carme Pernas) e Avelino Fernández, memorias dun mestre itinerante (en coordinación con Manolo Roca).

No eido da Administración autonómica, foi subdirector xeral do Libro, Bibliotecas e Patrimonio Documental (1984-87) e director xeral de Educación Básica (1987-1990). Unha das persoas que o coñeceu ben nesa etapa foi Lois Celeiro, xornalista de Samos, con quen coincidiu na Xunta de Galicia e que lembrando a súa figura destacaba precisamente o “carácter afable” de Novo Cazón e a súa capacidade e vontade como “home de consenso”. Tamén foi membro Consello de Fábrica da Catedral de Mondoñedo e asesor histórico en obras de restauración de Patrimonio Arquitectónico.

Ata a súa recente xubilación, José Luis foi xefe do Departamento de Xeografía e Historia no IES “A Nosa Señora dos Ollos Grandes” en Lugo. Pero de todas as súas facetas quixera destacar o importante papel que xogou como no ámbito cultural da Terra Cha: primeiro como un dos membros fundadores da asociación recreativo-cultural “Nausti” de Noche, a súa parroquia natal; e despóis como presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) entre 2005 e 2008, un período moi fructífero no esta entidade recibiu o pulo definitivo para situarse como auténtico referente na vida cultural vilalbesa e tamén noutros lugares da Terra Cha.

Cando penso en el, recibo a imaxe da súa actitude asertiva cada vez que outras persoas e asociacións propoñíamos a organización de actividades conxuntas. A súa resposta sempre era a mesma: “cara adiante”. Non o esqueceremos, sempre estará presente na nosa memoria. Unha forte aperta, José Luis, alí onde esteas permanecerás connosco.

07/11/2013

O AVE en Vilalba

Xulio Xiz.-

Facer planes ou especular é unha tarefa lexítima, que pode servir de pauta a gobernantes e gobernados para entender o que pode pasar e tratar de conseguilo.

É historia o proxecto do tren que desde Lugo viaxaría ata a costa pasando por Vilalba, por Mondoñedo, e que daría saída cara o norte a todo o interior da provincia. O
proxecto quedou sobrepasado polas novas estradas, pola mobilidade que proporciona o transporte privado, e polo paso do tempo.

E agora aparece outro proxecto que, xa que estamos nos tempos do Ave, sería un Ave galego, circular, que daría a volta a Galicia en pouco máis de dúas horas, e que iría de Ourense a Lugo, de Lugo a Ferrol, e desde alí a Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo de novo Ourense.

A idea, aquí e agora, parece de ciencia ficción, xa que trazado así requeriría un investimento multimillonario para o que non é o mellor momento, e unha garantía de viaxeiros posibles que habería que estudiar detidamente porque o tren en Galicia ten perdidas tantas batallas que se esta se plantease e vencese sería como a do Cid, gañando batallas despois de ter morto.

E iso que a idea é ben bonita... pensar nun Ave que desde Ourense parase en Monforte, Sarria e chegase a Lugo. E que desde Lugo puidese parar en Outeiro de Rei, e logo en Vilalba, un pouco despois nas Pontes, e por fin en Ferrol, onde enlazaría co ferrocarril da costa Ferrol-Gijón. De Lugo a Ferrol a viaxe duraría arredor de media hora, co que de Lugo a Vilalba serian pouco máis de dez minutos.

Elucubrar non costa nada, e pensar o servizo que un medio de comunicación así prestaría á vertebración do país, fai vibrar algo no interior de nós, aíndo que unha obra coma esta, faraónica, posiblemente non sexa asumible nun tempo máis ou menos prudencial. Pero non me negaredes que ten o seu encanto, que fai pensar, que revolucionaría o transporte e revitalizaría o comercio e a vida de toda Galicia.

É unha idea, que pode parecer tola. Pero un Ave galego, que esquecese o sistema radial tradicional e centralista, sería un perfecto afianzamento da nosa realidade e viabilidade como país.

05/11/2013

Nace "Somos ninguén. Ideas para o común"


Redacción.-

Acaba de ver a luz na rede o boletín dixital de pensamento político "Somos ninguén", presentándose co seguinte manifesto no que expoñen a súa liña editorial:

Quen somos?


Richard Sennett dicía que a autocompracencia -a actitude guiada polo principio de que todas as cousas son as mellores posibles no mellor dos mundos posibles- unida ao individualismo está a minguar a capacidade das persoas para algo que as persoas levaban facendo desde tempos inmemoriais: cooperar. Cando nada do existente merece ser desafiado e cando cada un debe ocuparse en exclusiva dos seus propios asuntos, a idea de cooperar para acadar un fin superior ao que conseguiría cada parte por separado naufraga.

As persoas que conformamos Somos Ninguén rexeitamos a autocompracencia, non cremos vivir no mellor dos mundos posibles. Avogamos tamén por combater o andazo do individualismo separador que só interesa aos ocupantes dos Palacios. Así, a nosa avinza quere traballar mancomunadamente na Crítica do existente, tanto no vencellado coa situación política xeral como coa situación particular das esquerdas. E quere facelo aplicando xa, na práctica, o que o comunitarismo implícito a toda esquerda aconsella: situar o nós sobre o eu.

O mesmo que o fedello do Ulises de Homero, Somos Ninguén porque gozamos xogando a despistar un chisco aos Cíclopes. Como @s zapatistas que protagonizaron o primeiro grande alzamento antineoliberal iluminándonos o camiño, Somos Ninguén porque pensamos que a vantaxe do pasamontañas é que detrás del pode estar calquera. Somos Ninguén, tamén, porque os nosos e as nosas son aquelas que nos libros de historia non adoitan aparecer individualizados co nome propio e si como turba anónima ou espectro ameazante.

O boletín Somos Ninguén terá unha periodicidade mensual e dedicarase á reflexión política. Primaremos a elaboración, por parte do consello de redacción, dun editorial mensual de análise da conxuntura. Unido a isto, o colectivo actuará como prescriptor de artigos e outros materiais tanto propios como alleos.

Somos Ninguén é un proxecto en construción. No ano V da última crise sistémica do capitalismo globalizado queremos chantar estes alicerces sen saber moi ben -e sen preocuparnos demasiado- como serán as paredes, as fiestras nin o teito.

Polo momento, esta é a nosa humilde casa. A entrar nela é que vos convidamos.

http://www.somosninguen.org

04/11/2013