Novo Cazón, In memoriam

Moncho Paz.- A cultura chairega está de loito co pasamento de José Luis Novo Cazón. No día de onte recibiamos a triste noticia de que nos deixaba tras unha longa enfermidade. Foi un gran dinamizador e activista cultural; licenciado en Filosofía e Letras e doutor en Historia pola Universidade de Oviedo, da súa traxectoria hai que destacar a grande aportación como investigador, que se plasmou en varios libros, entre eles O legado santiaguista de Vilar de Donas (1989), Un xeito de ollar a obra escultórica de Víctor Corral (2001), Historia de Lugo (2002, con outros autores) ou A Memoria de Vilalba (2006). Porén, hai outras obras colectivas que non podemos deixar de lembrar, como Chanot, pintor gaditano-vilalbés (con Chema Felpeto), Capelas e ermidas da Costa (con Sabela Figueira e Carme Pernas) e Avelino Fernández, memorias dun mestre itinerante (en coordinación con Manolo Roca).

No eido da Administración autonómica, foi subdirector xeral do Libro, Bibliotecas e Patrimonio Documental (1984-87) e director xeral de Educación Básica (1987-1990). Unha das persoas que o coñeceu ben nesa etapa foi Lois Celeiro, xornalista de Samos, con quen coincidiu na Xunta de Galicia e que lembrando a súa figura destacaba precisamente o “carácter afable” de Novo Cazón e a súa capacidade e vontade como “home de consenso”. Tamén foi membro Consello de Fábrica da Catedral de Mondoñedo e asesor histórico en obras de restauración de Patrimonio Arquitectónico.

Ata a súa recente xubilación, José Luis foi xefe do Departamento de Xeografía e Historia no IES “A Nosa Señora dos Ollos Grandes” en Lugo. Pero de todas as súas facetas quixera destacar o importante papel que xogou como no ámbito cultural da Terra Cha: primeiro como un dos membros fundadores da asociación recreativo-cultural “Nausti” de Noche, a súa parroquia natal; e despóis como presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) entre 2005 e 2008, un período moi fructífero no esta entidade recibiu o pulo definitivo para situarse como auténtico referente na vida cultural vilalbesa e tamén noutros lugares da Terra Cha.

Cando penso en el, recibo a imaxe da súa actitude asertiva cada vez que outras persoas e asociacións propoñíamos a organización de actividades conxuntas. A súa resposta sempre era a mesma: “cara adiante”. Non o esqueceremos, sempre estará presente na nosa memoria. Unha forte aperta, José Luis, alí onde esteas permanecerás connosco.

07/11/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión