Afluentes 94. Os anos circulares

Redacción.-

Este venres 29 de novembro ás 19.00 horas, inaugurouse a exposición Afluentes 94. Os anos circulares. Últimas tendencias da figuración en Galicia 1994-2013 que pon punto e final ao ciclo Afluentes, proxecto que o Concello de Ferrol desenvolveu en colaboración coa Fundación Novacaixagalicia, no cal se fixo repaso durante todo este 2013 polas derivacións da arte da figuración en Galicia dende os anos setenta.

Os anos circulares. Afluentes 94 explora a situación da arte en Galicia a partir dos anos noventa, momento no que se producen varios feitos significativos que nos levan a falar dunha época de cambio no mundo da arte. Son intres de sinerxías, do xurdimento de institucións específicas como o CGAC, dunha realidade de infraestructuras que posibilita a formación e formulación dunha xeración diferente de artistas que asomará a mediados da década en exposicións colectivas como 30 anos no 2000, que se conformou con artistas saídos da primeira promoción da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e se reafirmou máis claramente con exposicións posteriores como Novos Camiñantes ou ciclos expositivos como Miradas virxes realizados no propio Centro Torrente Ballester de Ferrol. Da lentitude institucional de tempos pasados, da autoxestión, pásase a unha realidade de infraestructuras capaz de deseñar o presente e o futuro inmediato implicando cada vez a máis profesionais da arte.

No que respecta aos artistas, o seu coñecemento das linguaxes e o campo creativo, debido a súa incipiente formación teórica, permitiralles ensaiar propostas particulares, pero sobre todo manexar unha serie de materiais que os distinguirán claramente das xeracións anteriores. Entre eles non existirán lazos distintivos, nin tampouco podemos falar de que compartirán un imaxinario común, nin a ollada a un contexto determinado; tal vez si determinadas preguntas e a mesma busca de conceptos, distintas formas de partillar ideas. Seguramente, a facilidade para cambiar de medio ou ferramenta e o soporte teórico de críticos capaces de realizar reflexións que axudaron a definir unha actitude xeracional, será o que facilite un modo de achegarse á imaxe diferente, capaz de traballar indistintamente os estilos dun modo máis híbrido, máis contaminado.

Mentres, os nomes e iniciativas que aparecerán xa entrados no século XXI beberán do logrado nos anos noventa con exposicións realizadas a modo de balance como Urbanitas e un paulatino descenso das ofertas e das posibilidades nestes últimos anos de incerteza que deixarán outra vez a moitos artistas sen xeración, sen posibilidades, como se de cada vez houbese que comezar de novo, coma se os anos fosen circulares.

O redeseño das programacións artísticas dende políticas de maior austeridade delimitan as posibilidades de programación e lanzamento de novos artistas dos mermados espazos institucionais á vez que xorden novamente lugares de autoxestión efémeros que substituíndo aquelas primeiras propostas de autopromoción dos artistas galegos dos sesenta e setenta, pretende combater a carencia de espazos de visibilización do seu traballo. Os anos circulares é a exposición que pecha o proxecto Afluentes que ten como intención revisar a renovación de linguaxes na arte galega dende finais dos anos sesenta, a través de aqueles traballos que dalgún xeito exploraron aquilo que aínda hoxe, cos límites quebrados podemos seguir chamando figuración.

Artistas: Mónica Alonso, Misha Bies Golas, Vicente Blanco, Mar Caldas, Rosendo Cid, Antón Cabaleiro, Salvador Cidrás, Victoria Diehl, Suso Fandiño, Tamara Feijoo, Almudena Fernández, Félix Fernández, Fran Herbello, Jesús Madriñán, Tatiana Medal, Nano 4814, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Carlos Rial, Diego Santomé, Damián Ucieda, Manuel Vázquez e Diego Vites. Comisarios: Ángel Calvo Ulloa, José Luis Estévez, Violeta Janeiro e Mónica Maneiro.

Almudena Fernández, Misha Bies Golas, Tatiana Medal e Suso Fandiño conciben instalacións específicas para o espazo do Centro Torrente Ballester.

Na inauguración presentarase tamén o libro Afluentes 94 realizado con motivo da exposición e dentro do proxecto Afluentes que tivo como comisario editorial a David Barro.

Para máis información
www.centrotorrenteballester.com

01/12/2013

0 comentários :

Danos a túa opinión