Benvida a revista 'Luzes'

Redacción.-

Esta mesma semana acaba de ver a luz a revista Luzes e pode considerarse unha boa nova para o sector da comunicación. O bo arranque xa se anticipou cos 200 exemplares vendidos no stand do Culturgal, en Pontevedra. Tamén cos 700 subscriptores que se sumaron case a cegas á proposta feita ademais a través da rede. E, por se fose pouco, cos más de 1.700 exemplares vendidos ao longo da semana. Desde avozdevilalba enviámoslles os máis que merecidos parabéns aos seus directores, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, que apostan por este novo proxecto herdeiro daquela La Naval dos oitenta ou daquelas Luzes de Galicia dos oitenta e noventa.

Con Iago Martínez como coordinador, e colaboracións, entre outros, de Santiago Jaureguizar, Agustín Fernández Paz, Manuel Jabois, Montse Dopico ou Diego E. Barros, e un amplo comité de redacción non limitado só a xornalistas (coa presenza de Julio Gómez, Juan Janeiro, Antón Lado, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, Belén Regueira, José Manuel Sande e María Yáñez) a revista aposta dun xeito moi exixente pola palabra, polas historias, polos contidos, polo papel, polo rigor informativo, xornalístico e, mesmo, literario, pois xunto á reportaxe, inserta ensaio, narración, poesía.

Cómpre salientar, malia todo, que trátase dunha aposta Valente e necesaria, nuns tempos como os actuais nos que (líase na prensa esta mesma semana), segundo os datos do informe da Asociación de la Prensa de Madrid (APM), a crise económica, unida aos efectos da dixitalización, fixo que, entre 2008 e 2013 fecharan 284 medios (73 nos dez primeiros meses deste año), destruíndo 11.151 postos de traballo (4.424 neste mesmo exercicio). Ese mesmo informe recollía o dato de que son, precisamente, as revistas o sector máis erosionado (desapareceron 182 títulos). Malia iso, ese mesmo informe di que as perspectivas que se agardan para o 2014 non son tan negativas e moitos desexan que iso sexa así.

Desde avozvilalba.com desexamos unha longa vida a Luzes, que veu alumar ese mundo cada vez máis desértico e menos plural dos mass-media co seu facho de creatividade e rigor. Longa vida.

14 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión