María Lamas recolleu o Arume de poesía

Redacción.- Esta tarde a poeta chairega María Xosé Lamas, colaboradora de A Voz de Vilalba, recibiu o premio Arume de poesía, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Foi no decurso dun emotivo acto que comezou ás cinco da tarde na parroquia de Gres (Vila de Cruces), onde se atopa a sede da entidade. A obra Cantigas para aprender a soñar impúxose entre a ducia de traballos presentados ao certame e, segundo explicou a propia autora, "é un poemario que leva escrito varios anos. Os versos están redactados dunha forma moi sinxela e tamén musicable, para que resulten atractivos para os nenos". A obra ganadora publicarase en Edicións Embora, como lembrou hoxe Xosé Neira Vilas, presidente da fundación que leva o seu nome.

María Lamas é consciente da necesidade de letras coas que se poidan motivar aos nenos. Por iso, con esta obra non só dispón -e ofrece a todos os docentes- dun bo material didáctico, senón que, dalgún modo, "puiden regresar á miña nenez". O xurado tivo en conta o contido dos poemas, centrado nas estacións do ano, os meses e os astros, así como a súa "coherencia interna e a emoción lírica que emana de todos e cada un deles", como indica a acta do tribunal, integrado polo escritor Xosé Neira Vilas (presidente da fundación que convoca o premio), Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán e Luís Reimóndez (secretario da mesma entidade). Ademais destas características, nalgunhas das composicións tamén se coan refrans, outro bo material para aprender.

Lamas recolleu o galardón catro anos despois de que se representase en Gres unha peza teatral da súa autoría, lembrando a escola de Doloriñas. O xurado tamén concedeu menciones de honra a Cando as follas voan, de Antón Cortizas, e a o Libro dos medos que non son, de María Canosa, e Versos e bicos, de Xosé Luna. 

15 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión