María Xosé Lamas, premio Arume de poesía


Redacción.- A creadora chairega María Xosé Lamas (Vilalba, 1961) é a ganadora da sétima edición do premio Arume de poesía para nenos, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. A obra Cantigas para aprender a soñar impúxose entre a ducia de traballos presentados ao certame e, segundo explica a propia autora, "é un poemario que leva escrito varios anos. Os versos están redactados dunha forma moi sinxela e tamén musicable, para que resulten atractivos para os nenos".


María Xosé é colaboradora habitual da edición dixital de A Voz de Vilalba, ademais de poeta e actriz e profesora de música. Nesta faceta, é consciente da necesidade de letras coas que se poidan motivar aos nenos. Por iso, con esta obra non só dispón -e ofrece a todos os docentes- dun bo material didáctico, senón que, dalgún modo, "puiden regresar á miña nenez". O xurado tivo en conta o contido dos poemas, centrado nas estacións do ano, os meses e os astros, así como a súa "coherencia interna e a emoción lírica que emana de todos e cada un deles", como indica a acta do tribunal, integrado polo escritor Xosé Neira Vilas (presidente da fundación que convoca o premio), Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán e Luís Reimóndez (secretario da mesma entidade). Ademais destas características, nalgunhas das composicións tamén se coan refrans, outro bo material para aprender.


O Arume de poesía non é o primeiro premio que gaña esta escritora, que xa en 2002 obtivo un accésit no Certame Literario do Concello de Vilalba con Cartafol de nostalxias. Ao ano seguinte, foi gañadora con Tempos verbais. Lamas confesa que non lle gusta presentar obras a certames literarios, "aínda que é certo que é unha forma de darse a coñecer". Á hora de buscar inspiración, non só bota man das lembranzas da súa nenez, senón que bebe de poetas lusos como Sophia de Mello ou Vergílio Alberto Vieira, sen descoidar toda a poesía escrita a este lado do Miño, "desde a lírica medieval ata Manuel María", como confesaba hai uns anos nunha entrevista publicada na edición galega de ABC.


O vindeiro 15 de decembro, María Xosé Lamas recollerá o galardón nun evento que terá lugar na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, catro anos despois de que se representase en Gres unha peza teatral da súa autoría, lembrando a escola de Doloriñas. O xurado tamén concedeu menciones de honra a Cando as follas voan, de Antón Cortizas, e a o Libro dos medos que non son, de María Canosa, e Versos e bicos, de Xosé Luna. A obra ganadora publicarase en Edicións Embora.

6 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión