Villanueva falará en Vilalba sobre a RAE

Redacción.- Darío Villanueva Prieto, secretario da Real Academia Española, falará sobre os 300 anos da institución en Vilalba, un aniversario que comezou a celebrarse o pasado mes de setembro e que rematará no outono de 2014 cunha nova edición do Diccionario de la lengua española. A conferencia terá lugar o vindeiro venres 20 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura. O académico será presentado por Mario Paz González, co-editor do xornal A Voz de Vilalba, e por Manuel Roca Cendán, membro da xunta directiva do Instituto de Estudos Chairegos “Pena do Encanto”.

Nado en Vilalba no ano 1950, Darío Villanueva é na actualidade un dous principais teóricos e críticos literarios do Estado español. Fillo de asturiano e galega, a súa infancia transcurriu entre Luarca e Vilalba. Os seus estudos de bacharelato desenvolvéronse en Lugo, onde se trasladara a súa familia, que desde 1970 fixou definitivamente a súa residencia en A Coruña.

Este ilustre vilalbés é profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, como  Catedrático de Teoría da literatura e Literatura comparada. E desde 2007, pertence á Real Academia Española, ocupando o sillón da letra D; o seu discurso de ingreso, lido o 8 de xuño de 2008, versaba sobre "O Quixote antes do cinema".

É membro da Asociación Internacional de Hispanistas, da Sociedade Española de Literatura Xeral e Comparada -da que é Presidente-, da Asociación Española de Teoría da literatura (ASETEL) -que presidiu entre 1996 e 2001- da Sociedade Española de Semiótica e da Twentieth Century Spanish Association of America. Foi Secretario e posteriormente Decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre 1978 e 1990. En xuño de 1994 produciuse a súa elección como Rector desta e en maio de 1998 a súa reelección para un segundo e derradeiro mandato de catro anos.

Asemade, Villanueva foi Profesor visitante da Escola española de Middlebury College (Vermont) en 1987; nos outonos de 1988 e 1993 da Universidade de Colorado en Boulder, a cuxo claustro pertence desde 1989 en calidade de Catedrático adxunto; e entre 1989 e 1991 da Universidade de Borgoña (Dijon). Durante máis de corenta anos escribiu en publicacións xeralistas e especializadas, destacando o seu labor como crítico literario do suplemento El Cultural do diario El Mundo.

18 de dec. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión