2014, ano de Antonio García Hermida

Redacción.- O Consello de A Voz de Vilalba, reunido na capital chairega o pasado 28 de decembro, acordou por unanimidade prorrogar ao ano 2014 os actos de conmemoracion do XXX aniversario da nosa publicación. Esta decisión veu motivada polo feito de que no ano que hoxe comeza cúmprense 75 anos do pasamento do Antonio García Hermida (1885-1939), escritor e xornalista vilalbés que impulsou varias publicacións no primeiro terzo do século XX, considerada a etapa máis fructífera do xornalismo na capital da Terra Cha.
As inquedanzas de García Hermida no mundo da prensa comezaron a unha idade temprana; en 1902 editou o xornal manuscrito Ideal Villalbés, unha folla voandeira que precedeu ás súas colaboracións en El Eco de Villalba, xornal fundado por Manuel Mato Vizoso e, á morte deste, dirixido por Xosé Novo Pardo. Máis adiante, Tonito da Ponte -como era coñecido entre os seus conveciños- fundou e dirixiu a publicación literaria Azul y Blanco, cabeceira que simbolizaba as cores da bandeira galega e que viu a luz en 1914, hai xustamente un século. Esta foi outra efeméride que motivou a decisión de reivindicar, ao longo de 2014, a figura de Antonio García Hermida pola forte pegada que tivo no eido da cultura, tanto local como galega, xa que era militante activo das Irmandades da Fala -sendo secretario da Irmandade de Vilalba- e asiduo colaborador de Ilustración Gallega.
Pero o principal fito que protagonizou este home polifácetico na historia da prensa vilalbesa foi a aparición, o 4 de marzo de 1916, do xornal Heraldo de Villalba, subtitulado "Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa". Fundado e dirixido por García Hermida e con periodicidade quincenal, cesou a súa publicación co número 286, o 12 de abril de 1931, en vésperas da proclamación da II República.
García Hermida asinou os seus escritos cos pseudónimos D'Aponte, Garcimida e Ragrech. Ademáis da súa faceta de articulista, conta cunha breve pero intensa obra: Los niños y los árboles (1914); La herencia de Juanillo (1914); El jardín de Roberto (1919), premiado polo Ateneo-Biblioteca de Ribadeo; El huérfano y la esperanza, diálogo en verso; e Charetas, obra póstuma editada en 1973 polo seu fillo Xosé Luís García Mato, que recolle unha ampla selección dos seus poemas e contos. Os actos de reivindicación da figura de García Hermida contarán co inestimable apoio do Instituto de Estudos Chairegos "Pena do Encanto" e darán comezo o vindeiro mes de febreiro, para rematar o 4 de setembro, día do seu pasamento, no que A Voz de Vilalba publicará unha edición especial en papel.

01/01/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión