8000 persoas viron 'Os bolechas'

Redacción.-

Os Bolechas remataron hoxe, mércores, en Vilalba a xira de Nadal que os levou por once cidades e vilas galegas. Os populares personaxes creados por Pepe Carreiro estrearon o seu novo espectáculo, Os Bolechas cantan con Lady Vina, o día 22 de decembro en Vilagarcía e desde entón pasaron por Pontevedra, Vigo, Burela, Santiago, Cangas, Ourense, Narón, Lugo, A Coruña e Vilalba, lugar da clausura desta xira de Nadal 2013.

Máis de 8.000 persoas viron este musical nalgún dos teatros e auditorios nos que se representou coincidindo coas vacacións de Nadal dos máis pequenos, e na meirande parte das localidades houbo que colgar o cartel de “non hai entradas” malia que este ano se aumentou en tres o número de vilas da xira con respecto ao ano pasado. Isto foi posible grazas a colaboración da Xunta de Galicia, a través de Agadic, xunto coa TVG, Novagalicia Banco e a Fundación Novacaixagalicia.

Os Bolechas cantan con Lady Vina permitiu aos fans dos Bolechas coñecer os monicreques da serie de televisión que desde hai case dous anos e medio se emite diariamente na canle pública autonómica. Os seis irmáns mais o seu cadelo, Chispa, compartiron escenario con Lady Vina, unha cantante moi fachendosa que pretendía roubarlles protagonismo aos irmáns pero que, afortunadamente, non logrou calalos.

Deste xeito, o público puido gozar das cancións dos Bolechas, en especial das do novo disco Os Bolechas fan unha banda, no que participan dez dos grupos e intérpretes galegos máis relevantes do actual panorama musical. Precisamente o libro-disco dos Bolechas foi o grande éxito editorial deste Nadal, tanto nas librarías galegas como no posto de venda que se instalou nos teatros o días das funcións. Tamén o reloxo dos Bolechas tivo unha grande acollida e tampouco pasou desapercibida a Biblioteca Básica coa súa prezada Mulecha, a vaca-maleta dos Bolechas.

Tanto o director do espectáculo, Santi Prego, como os actores aseguran estar “moi satisfeitos” co resultado da xira, que foi “gañando en cada función”. Os manipuladores dos bonecos, que estaban sobre o escenario cos seus personaxes, aseguran que foi “unha experiencia profesional incrible”, posto que poucas veces se ten representado en Galicia “un espectáculo destas características”. Tamén resaltan o gratificante que é “recibir o aplauso do público infantil” e o “contacto directo cos nenos tras cada espectáculo”.

Polos comentarios nas redes sociais, este foi precisamente un dos momentos máis emocionantes para as nenas e nenos, o poder ver de preto os seus personaxes preferidos e mesmo tocalos e fotografarse con eles tras a función. Moitos levan un recordo impagábel deste espectáculo que por uns días sacou Os Bolechas da pequena pantalla para levalos á vida real.

Ademais do espectáculo musical, Os Bolechas estiveron tamén este Nadal na Pobra de Trives, en Porto do Son, en Pontevedra e nas cabalgatas dos Reis de Vigo e Santiago de Compostela.

08/01/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión