Xornalismo social e cooperación

Redacción.-

O curso desenvolverase na USC do 25 de febreiro ao 13 de maio e tres participantes desprazaranse logo a Marrocos para traballar con ONGD. A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) veñen de abrir o prazo para inscribirse na cuarta edición do Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’. O curso inclúe unha expedición a Marrocos onde tres estudantes traballarán con organizacións locais.

As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa do IV Seminario. Da man de organizacións do Terceiro Sector, investigadoras e xornalistas especializados, profundarase asemade no tratamento mediático da inmigración, o xénero, a discapacidade ou a enfermidade mental. Tamén terán cabida o xornalismo con enfoque de Dereitos Humanos e o xornalismo ambiental.

Un mínimo de tres asistentes ao Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ completarán a súa formación en Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación sobre os diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en áreas como a saúde, emigración, xénero, medio ambiente ou educación.

As aulas impartiranse entre o 25 de febreiro e o 13 de maio, os martes de 16 a 20 horas, na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que colabora coa iniciativa. Cunha duración total de 40 horas, a actividade está dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 14 de febreiro en seminario@agareso.org. As prazas son limitadas e o custe da matrícula é de 100 euros.

O obxectivo do Seminario é capacitar xornalistas e futuros xornalistas no coñecemento da comunicación social e, máis concretamente, da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade. No marco desta acción formativa, estudarase ademais a posibilidade de realizar unha visita ao centro penitenciario da Lama, en Pontevedra, para coñecer os proxectos que alí desenvolve Agareso. O IV Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ conta co apoio económico da Xunta de Galicia.


+info: Carmen Novas. Tel. 616 145 077 seminario@agareso.org www.agareso.org

21 de xan. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión