I Recital de Coplas de Entroido

Redacción.-

Hoxe venres, 28 de febreiro, terá lugar ás 18:00 horas no Salón de Actos do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, na rúa Quiroga Ballesteros, 1 (Lugo), a presentación dun"Disfrace de campo" de Salcedo, a cargo da Asociación Veciñal de Salcedo (A Pobra de Brollón), amáis dun recital de coplas de Entroido co seguinte programa:
-As Chairegas de Sancovade (Vilalba)
-O Coxilitranco da Pata do Medio
-María do Caramelo "A Carameleira"
-O capador de galos
-Coplas de cego do Entroido de Salcedo

28 de feb. de 2014

Segue a rodaxe de 'Os Vilares'

Redacción.-

Esta fin de semana continua a rodaxe de Os Vilares, lareira de soños. O equipo dirixido por Cibrán Tenreiro e asesorado por Pastora Veres manterá unhas intensas xornadas de gravación de entrevistas a persoas dos Vilares sobre diversos temas da parroquia.

Despois de dús xornadas de gravación de exteriores e entrevistas improvisadas, acheganse agora a outras para falar de asuntos concretos e persoas coñecedoras da historia da parroquia así como outras máis novas que darán a súa visión actual dos Vilares.

O traballo irá desde o venres pola tarde ao domingo tamén pola tarde e está programado da seguinte maneira:

VENRES Á TARDE.

Pepe de Cristo, A Reboira.
Jesús de Larizo, A Reboira.
Luis de Fabete, entrada aos Vilares.

SÁBADO Á MAÑÁ

Alicia de Cacharrín, Nandulfe.
Josefa de Merra, Vilargavín.
Sara de Camilo, As Reixas.

SÁBADO Á TARDE

Pepe de Visita, Os Ramos.
Suso de Vicentiño, Os Ramos.
Xelo de Garapuxo, Os Ramos.
María Teijido, Os Ramos.

DOMINGO Á MAÑÁ

Ramiro de Merendeiro, O Merendeiro.
Jaime de Gaiteiro, O Cando.
Amparo de Rechena, Pena Fachada.

DOMINGO Á TARDE

- Luis de Patricio, Vilasuso.

En xornadas posteriores, entrevistarase a Vilaregos residentes fora da parroquia, outeos pendientes de entrevistar aínda e outeos numerosos recursos como festas e romarías, patrimonio etc.

27 de feb. de 2014

Alvarellos edita a obra de Aurelio Aguirre

Redacción.-

Alvarellos Editora acaba de sacar do prelo o libro Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858, que reúne até 133 poemas de Aurelio Aguirre, dos que máis de oitenta son inéditos. Outros, como o célebre “Brindis” de Conxo, aparecen agora por vez primeira completos e sen censuras.

Nunha edición crítica, introducción e notas a cargo da profesora Olivia Rodríguez González e cun estudo histórico da man de Xurxo Martínez González, tamén colaborador de A Voz de Vilalba. A reprodución de manuscritos inéditos completa esta coidada edición coa que pretendemos reparar en algo a débeda histórica que, cara á súa figura, Galicia enteira e tamén o movemento romántico español, contraeron durante todo este tempo.

O autor
Aurelio Aguirre Galarraga naceu en Santiago de Compostela en 1833 e, con tan só 25 anos de idade, faleceu traxicamente en 1858 na praia coruñesa de San Amaro. Foi un mozo cheo de talento, paixón pola vida e ansias de liberdade nunha Galicia e unha España convulsas baixo o reinado de Isabel II. Pero case ninguén, até agora, se ocupou da súa obra, boa parte dela, inédita.

Foi o poeta compostelán máis popular do seu tempo, o heroe do histórico Banquete de Conxo de 1856, o coñecido como o «Espronceda galego», o amigo íntimo de Murguía e Rosalía de Castro, e compañeiro de toda unha xeración de creadores que, moi pouco despois da súa morte, protagonizaría o Rexurdimento das Letras Galegas.

26 de feb. de 2014

García Hermida regresa con "Charetas"

Redacción.- O vindeiro venres 28 de febreiro comezarán os actos de celebración do ano de Antonio García Hermida, cos que o Consello de A Voz de Vilalba acordou  nomear ao 2014. Esta decisión veu motivada por coincidir co 75 aniversario do pasamento de Antonio García Hermida (1885-1939), escritor e xornalista vilalbés que impulsou varias publicacións no primeiro terzo do século XX, considerada a etapa máis fructífera do xornalismo na capital da Terra Cha.
A partir das 20:30 horas terá lugar na Casa da Cultura o acto “Charetas”, nome da escolma poética de García Hermida publicada en 1973 polo seu fillo Xosé Luis García Mato. Contará coa presenza de Pilar Maseda e Manuel Roca Cendán, en representación de A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, as dúas entidades organizadoras; estarán acompañados por Xesús Rábade Paredes, autor do epílogo de “Charetas”, e Lis García Ferreiro, fillo de García Mato e neto de García Hermida. O evento rematará cun recital poético, onde se darán cita importantes voces, como Helena Villar Janeiro, María Xosé Lamas, Martiño Maseda e Francisco Xosé Roca Constenla.
As inquedanzas de García Hermida no mundo da prensa comezaron a unha idade temprana; en 1902 editou o xornal manuscrito Ideal Villalbés, unha folla voandeira que precedeu ás súas colaboracións en El Eco de Villalba, xornal fundado por Manuel Mato Vizoso e, á morte deste, dirixido por Xosé Novo Pardo.Máis adiante, Tonito da Ponte -como era coñecido entre os seus conveciños- fundou e dirixiu a publicación literaria Azul y Blanco, cabeceira que simbolizaba as cores da bandeira galega e que viu a luz en 1914, hai xustamente un século. Esta foi outra efeméride que motivou a decisión de reivindicar, ao longo de 2014, a figura de Antonio García Hermida pola forte pegada que tivo no eido da cultura, tanto local como galega, xa que era militante activo das Irmandades da Fala -sendo secretario da Irmandade de Vilalba- e asiduo colaborador de Ilustración Gallega. Pero o principal fito que protagonizou este home polifácetico na historia da prensa vilalbesa foi a aparición, o 4 de marzo de 1916, do xornal Heraldo de Villalba, subtitulado "Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa". Fundado e dirixido por García Hermida e con periodicidade quincenal, cesou a súa publicación co número 286, o 12 de abril de 1931, en vésperas da proclamación da II República. García Hermida asinou os seus escritos cos pseudónimos D'Aponte, Garcimida e Ragrech. Ademáis da súa faceta de articulista, conta cunha breve pero intensa obra: Los niños y los árboles (1914); La herencia de Juanillo (1914); El jardín de Roberto (1919), premiado polo Ateneo-Biblioteca de Ribadeo; El huérfano y la esperanza, diálogo en verso; e “Charetas”, obra póstuma editada en 1973 polo seu fillo Xosé Luís García Mato, que recolle unha ampla selección dos seus poemas e contos.

Os actos de reivindicación da figura de García Hermida contarán co inestimable apoio do Instituto de Estudos Chairegos "Pena do Encanto" e rematarán o 4 de setembro, día do seu pasamento, no que A Voz de Vilalba publicará unha edición especial en papel.

25 de feb. de 2014

Os mortos de Spoon River

Agustín Fernández Paz.-

Lin este libro por vez primeira en 1974. cando o publicou Barral Editores na súa colección “Insulae Poetarum”. Eu adoitaba mercar os títulos que saían desa colección (este, na libraría Ágora, da Coruña), coñecese ou non o autor, porque me fiaba do criterio editorial (aquí apareceron José Ángel Valente ou Gil de Biedma) e, tamén, polas portadas que deseñaba Julio Vivas, sempre cun único elemento seriado enchendo todo o espazo.

Non coñecía de nada nin o libro nin o autor, así que o lin sen ningún condicionamento previo. Unha lectura gorentosa, tanto polo tema que o vertebraba como polo ton dos poemas, escritos en versos deliberadamente prosaicos, aínda que mesturados con outros de elevado lirismo. Segundo conta Alberto Girri no prólogo, a Lee Masters impresionáranlle as palabras ditas por Yeats nunha conferencia en Chicago: «escribir como se fala, tan sinxelo coma a máis sinxela prosa, coma un berro do corazón».

Durante estes anos pasados, volvín ao libro de cando en cando. Cada vez que debía tratar na clase a poesía de Celso Emilio Ferreiro, lembraba –e ás veces levábao, para lles ler un ou dous poemas– o libro de Lee Masters. Parecíame que Cemiterio privado está escrito no ronsel desta Antología de Spoon River, aínda que non teño ningún dato que me permita aseguralo.

Agora sei que houbo unha edición en Cátedra, en 1993, mais nese tempo non tiven noticia dela. Hai uns meses, cando Bartleby Editores publicou a edición completa da Antología de Spoon River, o libro do que quero falar hoxe, merqueino decontado, sobre todo ao constatar polo grosor que algo estraño sucedía coa edición que eu posuía (a de Barral ten 118 páxinas, mentres que a de Bartleby ten 375).

A comparación permitiume comprobar que a edición de Barral era incompleta: unha escolma da Antología! Son moitos os poemas novos que ten estoutra edición, que ademais ofrece -en letra diminuta, iso si- as versións orixinais en inglés. Velaquí unha imprescindible entrevista con Jaime Priede, o responsable da edición de Bartleby, que ademais recita varios dos poemas:

Spoon River. Jaime Priede

Todos, todos dormen no outeiro

Lendo os prólogos de Alberto Girri e Jaime Priede (moi breves, ambos os dous) e buscando enlaces xeitosos pola Rede para incluílos nesta anotación, souben moitos datos, que antes descoñecía, sobre o autor e o libro.

Edgar Lee Masters (1868-1950), aínda que é autor doutras obras que os críticos cualifican de mediocres, acertou a escribir este libro memorable (a edición orixinal é de 1915). Dis que en EEUU é o libro de poesía máis lido, imprescindible no ámbito educativo, e del hai múltiples adaptacións teatrais (non me estraña, o libro é o tal para iso), e cancións, e mesmo un grupo de rock chamado Spoon River Band. E souben tamén que a vila de Spoon River non existe; é unha creación de Lee Masters a partir de dúas ou tres vilas do Medio Oeste que coñecía ben.

Describir o libro é sinxelo. Ábrese cun poema, «O outeiro» («The Hill»), onde se nos ofrece unha visión xeral do cemiterio de Spoon River (All, all are sleeping on the hill). A seguir, o que atopamos é unha sucesión de poemas encabezados todos polo nome dunha persoa. O contido do poema é sempre unha reflexión desa persoa sobre algúns feitos significativos da súa vida. Coma se, ao pasearmos polo medio das tumbas, fósemos escoitando as voces da xente que alí está enterrada. Velaquí dúas mostras:

OLLIE MCGEE
¿Os habéis fijado en un hombre mustio y cabizbajo
que deambula por el pueblo?
Es mi marido, que con secreta crueldad,
nunca confesada, me robó juventud y belleza.
Hasta que, llena de arrugas y con los dientes amarillos,
perdida la dignidad y de vergüenza humillada,
me bajaron a esta tumba.
¿Y qué creéis que le roe a mi marido por dentro?
¡La cara de la que fui y la otra que hizo de mí!
Las dos le están llevando al sitio donde yazgo.
Logro mi venganza después de muerta.

A.D. BLOOD
Si ustedes en el pueblo pensaron que fue buena obra la mía,
yo que cerré las tabernas y prohibí los juegos de cartas
y que traje a la vieja Daisy Faser ante el Juez Arnett,
en una de tantas cruzadas para purgar a la gente de su pecado;
¿por qué dejan que Dora, la hija de la sombrerera,
y el indigno hijo de Benjamín Pantier
noche a noche hagan de mi tumba almohada sacrílega?

Aínda que nunha primeira lectura poden parecernos voces illadas, non tardamos en descubrir que unhas fan referencia ás outras (nas vilas, todo o mundo se coñece), algunhas veces con agarimo, outras con xenreira e desprezo. Deste xeito, vaise tecendo unha especie de “comedia humana” onde calquera de nós se pode ver reflectido. Pois os sentimentos, as paixóns, as vivencias, as miserias… son universais. E, libres xa de convencionalismos sociais, os mortos teñen toda a liberdade do mundo para contar as súas verdades.

Na Rede, hai múltiples comentarios sobre este libro, case sempre acompañados por uns poucos poemas que os exemplifiquen. Mergullarse na súa lectura é toda unha experiencia, dou fe. Paga a pena facelo!


Antología de Spoon River
Edgar Lee Masters.
Bartleby Editores, 2012.
376 pp.

O texto completo, con todas as ligazóns e imaxes, pode lerse na rede, no blog de Agustín Fernández Paz

23 de feb. de 2014

Vilalba, de Bernardo a Antón, libros

Ramón Chao.- Saiban cantos isto lean, que Vilalba (Lugo) non é de Fraga nin moito menos de Rouco Varela. Máis o sería de Antón, personaxe ficticio xurdido do maxín de Bernardo Cendán; mellor aínda, Antón somos todos os nados neste lugar de Galicia cuxo nome non podemos esquecer.

Este crego progresista é unha referencia vital básica para os convencidos de que a realidade vai máis aló do tanxible; para os que saben que a vida dun ser humano é o que un percibe, non só o que todos ven. O mundo interior e o exterior non son compartimentos separados e diferenciados. O pensamento crea realidade, é realidade. A Cervantes non o consideramos máis auténtico que a Don Quixote. Incluso o escudero vive máis entre nós que o seu creador.

Bernardo sabía que os personaxes irreais existen máis que os corpóreos. Nunca dubidou das fazañas de don Quixote e Sancho, aínda que ignorase a vida de Cervantes, tal como os seus propios biógrafos indican. E as biografías, ademais das propias referencias persoais, son tamén os escritos.

A vida de Bernardo desenvolveuse primeiro en Vilalba, lugar do seu nacemento, e en Mondoñedo, onde foi ordenado sacerdote tradicionalista. O seu xiro cara ao progresismo operouse en Meudon, parroquia de Rabelais, onde en 1551 este escritor intuitivo bosquexou os seus personaxes Gargantúa, Pantagruel e outros, hoxe máis vivos que nunca, e de cuxa existencia ninguén se decatou antes.

Na parroquia de Meudon tamén frecuentou ao pai André Aubry, terceiro-mundista que percorreu media América Latina ata establecerse en Chiapas (México). En San Cristóbal, Aubry creou o Instituto de Estudos Mayas, organismo básico para a actividade do Exército Zapatista dirixido polo subcomandante Marcos, cuxo principal conselleiro foi el.


Sen dúbida en Meudon Bernardo descubriu que só existe un camiño. O de sempre, da xustiza e a igualdade para todos. Comprendeu que non temos pegadas para seguir; que a vía terá que facela cadaquen, tenaz e ledamente, cortando a sombra do monte e os arbustos enanos que desordenan o bosque. Agora entendo que Bernardo desdeñara os amores dunha monxiña francesa que abandonou hábitos e convento por el, o que tanto lle reprochei. Preferiu a soidade en Vilalba, os seus paseos nocturnos aos que lle obrigaba o seu pertinaz insomnio, as súas charlas interminables con todo fillo de veciño. Desas charlas saíron estas seiscentas páxinas cheas de observacións pertinentes e afectivas. 
____________________________
Cartas a Antón, de Bernardo García Cendán
Prólogo de Agustín Fernández Paz.
Editado en febreiro 2014 polo Instituto de Estudos Chairegos.
572 páxinas (en galego), 20 euros 

22 de feb. de 2014

Galego na rede

Helena Villar Janeiro.-

A presenza do galego nas TICs é imprescindible. Lingua minorizada en contacto con millóns de falantes da lusofonía, ten moito futuro a través das redes. Afortunadamente hai voluntariado que posibilita que chegue ás novas plataformas nas que o utlizan persoas que a tiveron na programación escolar e aqueloutras que se atreven a escribila desde a fala.

En termos xerais, a súa calidade é moi mellorable. Se a rede democratiza a escrita dándolle a palabra á cidadanía, corre o perigo de que leve erros. É un problema de todos os idiomas, como podemos comprobar vendo o castelán, Pero, se un idioma non foi normalizado, o seu uso nos medios terá unha problemática ben máis complexa, feito que non nos pode coartar á hora de expresármonos nun código lingüístico que precisa ser vivificado e no que moita xente temos asentada a vida. Estas anomalías existen tamén na expresión diaria de xente que debera estar cualificada para tomar a palabra dignamente e deixamoito que desexar. O galego está acusando un deterioro alarmante nos últimos anos, non só no vocabulario, que é onde máis se fixan as actuacións por ser doado de adquirir e ter o apoio dos diccionarios. É nas súas estruturas fundamentais –a fonética e a morfosintaxe- onde os índices de contaminación do castelán, e doutros idiomas a través del, son a gran eiva para a fixación do idioma como o coñecemos ata agora. Quede a fonética para os medios audiovisuais e tratemos de corrixir a morfosintaxe nas dúas vertentes: a oral e a escrita.

Nese contexto, quen isto escribe iniciou narede un traballo de microprogramación case diaria para que un grupo de destinatarios, numeroso e heteroxéneo, fose mellorando o talón de Aquiles da desfeita: o uso e a colocación dos seus pronomes. O traballo só pretendía contribuír á mellora da calidade do galego nas e desde as redes, dándolle importancia á súa aprendizaxe permanente, obriga tanto de quen necesita aprendelo como de quen o escribe xa con habitualidade pero ten que consolidar a lingua estándar e corrixir os erros contaxiados desde as palestras que se toman como modelo. A acollida da iniciativa foi tan xenerosa que neste momento empeza a difundirse desde un blogue independente que se proxecta nas redes máis usadas, Facebook e Twitter. Galego na Rede únese así ao numeroso voluntariado que traballa pola normalización da lingua.

Foto: Helena Villar Janeiro

Publicado en El Correo Gallego (07-01-14)

21 de feb. de 2014

A cultura galega, a nosa angueira


A cultura galega, a nosa angueira é o título do comunicado conxunto que acaban de facer público a asociación de Editores (AGE), a de Escritores en Lingua Galega (AELG) e mais a do Libro Ifantil e Xuvenil (GALIX). No texto, os colectivos denuncian "o vento e a marea institucional que, escudándose na crise, practican a destrución cutlural de noso". Nese sentido, sinalan que "2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento de sectores culturais", e lembran medidas como a suba do IVE aos produtos culturais ou, a nivel autonómico, a supresión do Día de Rosalía do Calendario do libro e da lectura ou o recorte de fondos para bibliotecas e a edición de materiais didácticos en galego.

AELG, AGE, GÁLIX.- 

O panorama cultural galego identifícase hoxe máis ca nunca con aqueles lembrados versos de Díaz Castro no poema Penélope. Porque son tantos e tan dolorosos os pasos atrás …

Hoxe, tantos anos despois daquelas iniciativas culturais que na década dos 70 do pasado século ergueron o facho para alumearen o camiño da recuperación cultural de Galiza, segue sendo a iniciativa popular asentada en asociacións, colectivos, estruturas profesionais e algunhas institucións conscientes, a que mantén viva a nosa cultura, moitas veces contra o vento e a marea institucional que, escusándose na crise, practican a destrución cultural de noso e, por tanto, da industria cultural, empobrecendo o noso país ao privalo dun dos medios de produción propios.

A defensa da oralidade e das expresións orais, soporte de comunicación básico e primordial para garantir o futuro da nosa lingua e da cultura tradicional do noso pobo determinounos a non renunciar ao legado histórico recibido, procurando a resistencia á invisibilidade e negación desde o reforzo colectivo, aproveitando plataformas, medios e soportes de uso, tanto os tradicionais como os máis novidosos desde o punto de vista tecnolóxico. A consciente necesidade de continuar con criterio progresivo a apostar pola creación e difusión da cultura que facemos e en cuxos valores potenciais acreditamos, arraigada no imaxinario e expresión lingüística propios, motivou a tradicional interconexión con outras culturas que define a nosa, para partillar o escenario plural da diversidade global e pular pola formación das novas xeracións produtoras e consumidoras de cultura.

A confirmación sucesiva das alertas e ameazas de inacción dos postulados oficiais do actual Goberno galego, coincidentes coas do actual Goberno de España, reforzou o noso compromiso para coa sociedade á hora de ofrecerlle un produto cultural propio, de calidade, asequíbel e accesíbel a todos os formatos e sectores cidadáns. Abonda citar para confirmalo medidas fortemente gravatorias e impositivas para o seu desfrute individual e colectivo, que non sofren outras actividades de ocio, de cualidades formativas e educadoras ben cuestionadas, como os espectáculos futbolísticos ou taurinos, como acontece coa suba do gravame do IVE cultural até o 21%.

Significativo resulta apelar desde o Goberno galego ao herdo rosaliano, neste proactivo ano en que a cidadanía non cansou de ler, musicar, interactuar e interpretar, para maior admiración e recoñecemento, a modernidade da obra e pensamento rosaliano a nos aloumiñar e falar hoxe desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo, ao mesmo tempo que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se elimina de raíz o Día de Rosalía do Calendario do Libro e da Lectura, logo de ter impedido nos últimos anos que esa data, 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro, formase parte do calendario escolar como data conmemorativa referencial próxima.

Sorprendente semella parabenizarse dos recoñecementos a nivel estatal dos nosos creadores culturais cando desde o Goberno se desvirtuaron os mesmos premios homónimos galegos, anulando a súa identificación como cultura nacional, así como a dotación económica.

Mais a destrución da cultura galega escúsase decote en motivos económicos e acúsase de ser un produto illado, dependente e subvencionado, mentres percibimos as intencións espúreas dos que ao pór a garabata xa non saben falar a fala nai, a fala dos avós que teñen mortos.

Desde 2009 loitamos contra a redución da presenza da nosa lingua nas aulas, un elemento fulcral para o sostén da nosa cultura, mesmo por motivos económicos, se nestas escuras tebras en que vivimos haxa quen só entenda estes argumentos. Porque a produción de libros, materiais didácticos e diferentes ofertas culturais en galego para acompañar a docencia ou para servir como actividades complementarias ou extraescolares se traduciría en incremento do PIB, isto é, emprego e riqueza, que se multiplicaría tamén fóra do ámbito docente e dentro do corpus social.

Unha redución que vai conseguir que o proceso de desgaleguización comprobado que viven as xeracións máis novas non poida ser debidamente freado e perdamos así a sociedade futura que debería manter viva a nosa cultura e se perden a fala non serán ninguén.

O ano 2013 confirmou unha praxe política de desmantelamento dos sectores culturais, tamén xeradores de fortaleza económica como industria cultural, o que, desde actitudes desafiantes e provocadoras, se concretou na asfixia económica que pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.

Non son alleas á política cultural do actual Goberno galego (redución drástica de fondos destinados á adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas -un 64,8% menos- e das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos) situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total.

Tampouco é inocua á realidade dramática das compañías de teatro galegas nin aos datos que acaba de nos ofrecer o Instituto Nacional de Estadística confirmando o peche de 45 bibliotecas públicas en Galiza entre 2008 e 2012, o que converte o noso país na comunidade que máis espazos públicos de lectura e acceso á información perdeu en todo o Estado, mentres que neste o balance é positivo. Sorprenden neste contexto as recentes declaracións do Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, calificando o pasado ano 2013 como «ano vizoso para a cultura galega» (!).

Entendemos a cultura galega como tecido creador de cidadanía cohesionada con valores democráticos, depositaria e defensora da nosa identidade como pobo, humus irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza da vacina protectora para non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.

Recoñécennos alén das nosas fronteiras. Creadoras e creadores galegos son premiados fóra de Galiza e mesmo a lingua galega é recoñecida lonxe das súas orixes, pois o certo é que a cultura galega e quen a produce podería competir, se de tal se tratase, a todos os niveis e en calquera lugar. Mais, pola contra, é sistematicamente esquecida por aqueles que deberían ser os seus primeiros valedores, por aqueles que deberían esforzarse cada día do seu mandato por buscar fórmulas de proxección da nosa cultura, por buscar recursos para actividades culturais que, ademais, creen emprego e, por tanto, riqueza.

Non aceptaremos que pretendan enmudecernos ou facernos estranxeiras na nosa patria, por iso seguiremos soñando coa chuvia e desorballando os prados e prendermos o lume que quente a lareira da que seguen a nacer proxectos. Entre todas e todos, seguiremos a lembrarlle a quen debe representarnos que os números non serven para saber que altura é o reino do paxaro e que tamén precisamos da palabra para alimentar o espírito, a palabra nos libros, na escena, no pentagrama. Seguiremos creando con gracia ou sen ela, na lingua que falamos porque a nosa angueira é que a nosa lingua e a nosa cultura sexan plenamente normais e estean presentes en todos os lugares e en todos os tempos.

E é tanxíbel, porque nunca é tan posible como cando é un desexo.

Galicia, febreiro de 2014

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG

Asociación Galega de Editores, AGE

Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX

20 de feb. de 2014

Comeza o ano Díaz Castro

Redacción.-

Guitiriz acolleu onte, 19 de febreiro, a estrea do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, ás 20:00 horas na Casa Habanera. Tamén ás 19:00 no mesmo lugar a presentación do libro ‘Xosé María Díaz Castro: Vida e obra’, de Armando Requeixo, así como a inauguración da exposición ‘Nimbos de luz’, ás 18:00 e, ás 17:00 horas, unha ofrenda poético-floral no cemiterio da vila, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

Xermolos, en colaboración coa Xunta de Galicia, a RAG e o Concello de Guitiriz, levará a cabo ao longo do ano unha ampla programación, na que tamén participan o Centro Pen de Galicia, o Consello da Cultura Galega ou a editorial Galaxia, entre outras entidades. No Centro Galego de Artes da Imaxe proxectarase o ‘O instante eterno’, así como as pezas do ‘Proxecto Nimbos’, unha serie de filmes realizados por distintos cineastas, a partir dos poemas de Díaz Castro, e a iniciativa do colectivo Acto de Primavera, -Martin Pawley, Xurxo Chirro e José Manuel Sande-.

En canto a libros, prevese, segundo salienta a Consellería de Cultura nunha nota de prensa, a publicación dun volume con DVD, en colaboración coa editorial Galaxia, que ofrece un percorrido pola vida de Díaz Castro e que se distribuirá na Rede de Bibliotecas de Galicia; dun volume monográfico dos Cadernos Ramón Piñeiro titulado Nimbos: cáliz fervendo!; dunha edición institucional conmemorativa da figura de Díaz Castro; da reedición, en formato de banda deseñada, de Versos guitiricenses. Xosé María Díaz Castro, da Asociación Xermolos; e de dúas traducións ao inglés e o ruso e dunha edición bilingüe ao éuscaro, de Nimbos.

David Barro dirixirá a Fundación Lois Seoane

Redacción.-

Tras a convocatoria dun concurso público ao que se presentaron 36 candidatos, o padroado da Fundación Luís Seoane acordou por unanimidade, despois das entrevistas finalistas, outorgar esa responsabilidade a David Barro, editor da revista DARDO, crítico de arte e comisario de exposicións, que inicia unha nova etapa na súa traxectoria profesional ao asumir a dirección da Fundación Luís Seoane.

Habitual das páxinas do Cultural (El Mundo) e director de DARDOmagazine desde 2006, David Barro foi asesor da Fundación Barrié e responsable das adquisicións da súa colección. Como comisario realizou exposicións de artistas como Jessica Stockholder, Axel Hütte, Julian Opie, Alex Katz, Caio Reisewitz, Aitor Ortiz, José Pedro Croft ou Rui Chafes, así como numerosas mostras colectivas. Ademais do seu labor como editor e autor de libros en DARDO, publicou con outras editoriais ou institucións ensaios como Antonte e pasadomañá ou o que pode ser pintura hoxe e Imagens (Pictures) para uma representação contemporânea, así como monografías sobre artistas como Richard Long, Julião Sarmento ou Gary Hill.

David Barro foi director artístico da feira de arte de Vigo Espazo Atlántico, profesor de arte e cultura visual na Escola dás Artes da Universidade do Porto, membro do consello editorial de revísta Grial (Editorial Galaxia), director e fundador da revista portuguesa [W]art (anos 2003-2005) e director de revístaa Arte e parte. No ano 2010 foi director artístico do proxecto Look Up! Natural Porto Art Show que ocupou 9 edificios emblemáticos da cidade do Porto e en 2011 director artístico do Festival Internacional de Acción Artística Sustentable SOS 4.8, que se celebrou en Murcia.

David Barro sinalou que decidiu presentarse por "as moitas posibilidades que abre un artista universal como Luís Seoane, figura crave da arte español e arxentino do século XX". Tamén porque "o formato do edificio da Fundación, elegante e afastado dos espazos enormes, permite unha xestión e un tipo de exposicións máis sustentable na actualidade". Doutra banda, David Barro sinala que á hora de tomar esa decisión de cambio de rumbo na súa traxectoria profesional resultou clave "a existencia dun concurso e un xurado que cumpría cos principios de Boas Prácticas reclamados pola profesionais da arte, así como un padroado onde abundan intelectuais que admiro e respecto, cos que se pode dialogar e establecer estratexias comúns á hora de visibilizar e investigar distintos ámbitos da cultura".

Cultura no Camiño 2014

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Turismo de Galicia veñen de poñer en marcha a segunda edición do circuíto ‘Cultura no Camiño’ coa inscrición dun total de 86 concellos que poderán levar a cabo unha ampla programación de espectáculos galegos entre o 15 de abril e o 30 de setembro deste ano.

A proposta para participar neste programa de actividades, inserido na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, obtivo deste xeito unha ampla aceptación por parte dos municipios galegos, xa que se sumaron a esta iniciativa 31 localidades da Coruña, 20 de Lugo, 12 de Ourense e 23 de Pontevedra.

Con esta elevada cifra de concellos interesados, ‘Cultura no Camiño 2014’ duplica o número de destinos participantes na anterior edición, celebrada en outubro de 2013, e supón a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos radicados nas distintas rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.

Variedade de estilos
As localidades participantes acollerán concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, narración oral, maxia e novo circo nun intenso calendario de actividades coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración con Turismo de Galicia como entidade encargada de organizar e executar a celebración xeral do Ano Franciscano.

Todos os espectáculos teñen que ser producidos e distribuídos por asociacións culturais, sociedades civís, mercantís ou empresarios individuais con sede na Comunidade autónoma de Galicia.

Deste xeito, a Consellería suma un novo percorrido á súa oferta continuada de programación cultural, na que xa figuran circuítos asentados como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas ou a Rede Galega de Música ao Vivo; e outras de máis recente organización como ‘Troco x Troco’ (de intercambio teatral con Portugal) ou ‘Monumenta’ (que combina as representacións artísticas coa posta en valor do patrimonio arquitectónico).

A programación concreta, que se dará a coñecer proximamente, resultará da suma das seleccións realizadas polos programadores locais a partir da oferta de espectáculos e concertos inscritos para este fin, procedemento actualmente en trámite.

Financiamento compartido
O financiamento deste programa realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais seguindo criterios de poboación. Así, para concellos de máis de 20.000 habitantes, a Consellería e Turismo de Galicia achegarán o 40% dos importes dos cachés; en tanto que para os concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asumirá a metade dos custos. Estas cantidades serán aboadas directamente a cada compañía ou grupo.

Os concellos participantes deberán programar un mínimo de tres actuacións, preferentemente en fins de semana e sempre fóra do horario escolar. Ademais, nas programacións deberán estar presentes polo menos dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).

18 de feb. de 2014

Fahrenheit 451: o libro

Agustín Fernández Paz.-

Sei que lin este libro mediada a década dos sesenta (do pasado século, xaora), mais non consigo lembrar o ano concreto. Seguramente foi no 1966 ou 67, coincidindo coa estrea da película de Truffaut, da que falarei na próxima entrada do blog. A edición si que a lembro: era da editorial Plaza&Janés, nunha colección de libros baratos que, se non lembro mal, custaban 25 pesetas. Os “irmáns maiores” eran os da colección Reno, mais eses xa custaban 50 pesetas. Merqueino na de “Junor”, en Vilalba, durante unhas vacacións de verán, iso si que tamén o teño na memoria.

Era o primeiro libro que lía de Ray Bradbury. Poucos anos despois, xa no final da década, comezarían a venderse en España os libros da Editorial Minotauro, que fundara en Bos Aires o galego Francisco Porrúa, o mesmo que editaría os Cien años de soledad de García Márquez, o Rayuela de Cortázar ou O Hobbit e O Señor dos Aneis de Tolkien.

Minotauro, especializada en bos libros de ciencia ficción, foi unha marabilla para persoas coma min, que daquela era un entusiasta dela. Unha colección que se inaugurara en 1955, precisamente con outra novela de Ray Bradbury, Crónicas Marcianas, con prólogo de J. L. Borges (desta novela extraordinaria, hai tamén edición galega en Xerais). En Minotauro lin outras de Bradbury (El hombre ilustrado, Las doradas manzanas del sol…), e tamén títulos inesquecibles como Hacedor de estrellas de Olaf Stapledon, Soy leyenda de Richard Matheson ou La naranja mecánica de Anthony Burgess.

“Queimar era un pracer.”
Así comeza Fahrenheit 451, que Ray Bradbury (1920-2012) escribiu no ano 1953, nos anos en que os Estados Unidos vivían a represión da “caza de bruxas” do infame senador McCarthy. O propio Bradbury, nun texto imprescindible (“A lume vivo”) que se inclúe como introdución nalgunhas edicións do libro (por exemplo, na edición galega de Xerais, con tradución de Mª Magdalena Fernández Pérez) explica cal foi a xénese desta novela, tan afastada dos parámetros oficiais da ciencia ficción.

En realidade, aínda que nos seus libros empregue os recursos da ciencia ficción, os libros de Bradbury achégannos a temas que estaban de actualidade no seu tempo e que, en boa medida, seguen a estalo nestes primeiros anos do século XXI. Tal ocorre con Fahrenheit 451, unha fábula sobre a importancia da liberdade, sobre os perigos da manipulación social e da alienación tecnolóxica, sobre a opresión que nos chega desde o poder… E, sobre todo, unha defensa afervoada da cultura, dos libros e da lectura, de necesidade que temos as persoas de soñar, de que nos conten historias. E da rebeldía, como exemplifica a cita de Juan Ramón Juménez que abre o libro: «Se che dan papel raiado, escribe pola outra cara.»

A trama desta novela imprescindible xa é coñecida dabondo. Transcorre nunha sociedade futura onde a lectura está prohibida. Montag é un xefe dos bombeiros encargados de queimar os libros. Un día, cando se dispón a queimar os que descubriran na casa dunha anciá, colle algúns deles e gárdaos para si. Está intrigado, quere saber que hai neses
pequenos obxectos tan importantes para algunhas persoas. Leos, ás agachadas, e reincide máis veces, ata quedar atrapado nas redes da lectura. Converterase entón nun ilegal, perseguido polos que foran os seus compaéiros, forzado a fuxir se quere salvar a súa vida.

A queima de libros é máis ca unha metáfora. Temos na historia exemplos dabondo para comprobarmos que as sociedades totalitarias odian os libros (ou certa clase de libros) e fan canto sexa necesario para prohibilos ou para destruílos. Tamén para queimalos: aí están os exemplo da Alemaña de Hitler, do Chile de Pinochet e da Arxentina da Junta Militar ou da España de Franco (tremenda!, a foto da queima de libros na Coruña que Manuel Rivas coloca ao inicio do seu Os libros arden mal).

Hai moitos máis fíos neste libro, quen queira afondar nel pode facelo neste enlace, nestoutro ou noutro máis. E hai un final sorprendente e marabilloso, que pon unha raiola de esperanza no panorama opresivo que preside o libro. Un final que levou, entre outras realizacións, á creación do Proyecto Fahrenheit 451 (as persoas libro) por parte da Escuela de Escritores, unha iniciativa moi estimable, da que estes dous vídeos son unha mostra.

Este texto, con todas as ligazóns e vídeos, pode lerse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz.


Conservas ecolóxicas

Redacción.-

A empresa CONSERVAS ANTONIO PEREZ LAFUENTE pasa a ser a primeira entidade benfeitora da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

A prestixiosa conserveira de Vilanova de Arousa (Pontevedra) é pioneira na produción de conservas ecolóxicas de marisco e peixe baixo a marca PAN DO MAR sendo a primeira conserveira española que conseguiu a certificación ecolóxica. Os produtos de PAN DO MAR proceden da pesca sustentábel e controlada e están elaborados con aceites e mollos provenientes da agricultura ecolóxica. Alén das tradicionais conservas de peixe e marisco a empresa produce tamén patés e saladas con atún ou mexillóns.

O compromiso desta empresa centenaria coa produción sustentábel levouna a aplicar uns altos criterios de calidade na selección dos fornecedores de peixe, marisco e aceites. Como mostra, pódese indicar, por exemplo, que o mexillón procede do primeiro bateeiro que conseguiu o certificado de Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (CRAEGA), que as sardiñas proceden da pescaría do Norte de Portugal que conta co carimbo do Marine Stewardship Council, ou que o atún provén de pescarías do Atlántico Norte que utilizan a pesca con caña, método que evita o descarte de outras especies protexidas ou sen valor comercial.

II Xornadas sobre o Entroido

Redacción.-

O vindeiro xoves día 20 de febreiro darán comezo as “II Xornadas sobre o Entroido de Galiza”, organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega coa colaboración do concello de Pontevedra. Se queren afondar máis no coñecemento dunha das festas de maior arraigo da nosa cultura xa saben cando e onde é a cita. Ademais, quen así o queira, poderá visitar a exposición do Entroido en Galiza que montamos co gallo destas xornadas. Están todos convidados.

14 de feb. de 2014

Concurso Nacional de Danza

Redacción.-

Os días 15 e 16 de marzo celébrase no Teatro Campoamor de Oviedo o Concurso Nacional de Danza Fase 1 onde só os que acaden o primeiro posto de cada categoría e modalidade pasarán á Final Absoluta que este ano será en Huesca no mes de maio.
As modalidades nas que se pode participar no Concurso Nacional de Danza son Clásico, Contemporáneo, Jazz, Hip-Hop, Escuela Bolera, Estilizada, Flamenco e Fusión, que a súa vez se dividen en función da idade nas seguintes categorías: Preparatorio, 1, 2, 3 e 4. En todas elas o xeito de participación pode ser Individual, Duo ou Grupal (máximo 12 bailaríns)

Un ano máis a Escola de Iniciación ao Movemento de Vilalba acude con 28 nenas de 7 a 16 anos. Nenas que adestran dende o mes de octubro durante un día semanal na nova Sala de Danza instalada na planta baixa do Auditorio Municipal. Estas 28 bailarinas representarán ao resto de 90 compañeiras e compañeiros que comparten clases en 3 grupos repartidos segundo a idade que vai dende os 3 ata os 16 anos. As nenas e nenos manifestan a gran ilusión que lles reporta saber que estas 28 nenas estarán representándoos a todos nun evento Nacional. Este é un traballo en equipo e de non ser pola participación e compañerismo dos que non teñen a posibilidade de ir, ninguén melloraría nin viviría estas maravillosas experiencias.

As coreografías a representar son as seguintes:
Mulán - Grupal - Modalidade Fusión - Categoría Preparatorio con Excepción (nenas de 7 anos que necesitan autorización paterna para participar): Emma Pena, Lucía Noche, Candela Vérez, Candela Ferreiro e Sara Díaz (7 e 8 anos)
Cazafantasmas - Grupal - Modalidade Fusión - Categoría Preparatorio: Naiara Bello, Lucía Díaz, Noa Sande, Carla Mosteiro, Alba García, María Santalla, Lucía Debasa, Zaida Currás, Estrella Celeiro, Carla Sánchez, Noa Rouco e Ariadna Cabarcos. (9 a 11 anos)
Fama - Modalidade Fusión - Categoría Preparatorio: Naiara Bello, Lucía Díaz, Noa Sande, Carla Mosteiro, Estrella Celeiro, Carla Sánchez, Noa Rouco, Leticia López e María Santalla. (9 e 10 anos)
Honey - Grupal - Modalidade Fusión - Categoría 1: Sofía García, Uxía Lamas, Aldara Hermida e Jessica García. (10 a 12 anos)
The 60´s - Grupal - Modalidade Fusión - Categoría 2: Nerea Franco, Raquel Díaz, María Purriños, Ana Purriños, Sandra Felpeto, Zaira Bello. (15 anos)
Quiet - Grupal - Modalidade Jazz - Categoría 2: Nerea Franco, Raquel Díaz, María Purriños, Ana Purriños, Sandra Felpeto, Zaira Bello. (15 anos)
Funny Colours - Duo - Modalidade Fusión - Categoría 1: Sofía García e Uxía Lamas. (12 anos)
Sueños rotos - Duo - Modalidade Fusion - Categoría 2: Ana e María Purriños (15 anos)
Impossible - Individual - Modalidade Fusión - Categoría 3: Nerea Franco (15 anos)

Galicia terra de músicos

Redacción.-

Galicia, terra de músicos, que abría as súas portas o pasado xoves seis de febreiro, achega ao Museo de Pontevedra un percorrido pola música galega desde o século XIX ata mediados do XX. A proposta atende por igual os diferentes estilos musicais da época, desde a música tradicional ata a clásica, sen esquecer as bandas de música. Segundo explica Milagros Bará, comisaria do proxecto canda a Alejo Amoedo, "faise unha compilación de material tematizada e por provincias". En total poden verse preto de oitenta fotografías enmarcadas, outras sesenta impresas en plotters e, ademais unha serie de instrumentos e de partituras da época. E a inmensa maioría deste material, moito do cal é inédito, foi compilado por xente interesada na cuestión a través da páxina de Facebook Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego.

Virtual
O Proxecto Virtual "naceu hai uns catro anos. Comezou porque eu son familiar de Manuel Quiroga, o violinista, e dinme conta que o patrimonio a nivel xeral, e en particular o musical, está encorsetado en museos, e arquivos. E eu quería facelo accesible á xente", explica Milagros Bará, promotora da iniciativa. Para isto, optou polo Facebook como plataforma de difusión. "Mesmo coas limitacións que ten, porque non permite ordear ben as cousas, Facebook facilita que a xente achegue datos e revele cousas descoñecidas sobre o material". No tempo que leva en marcha o proxecto superou xa as 3.000 referencias, na súa maior parte fotografías pero tamén documentos e partituras, e máis de 5.000 seguidores. Bará apunta que, mesmo contando con numerosos seareiros e colaboradores "levo eu soa o traballo do proxecto, aínda que hai moita xente que colabora e achega cousas". Entre estes atópanse mesmo grupos organizados. "Resulta moi sinxelo colaborar. Hai quen escanea unha imaxe ou mesmo lle tira unha fotografía e a envía. Logo hai casos como a xente de Berros do Castro de Ferrol, que fan unha pescuda casa por casa, falan coa xente e fotografan as imaxes que conservan nas casas", explica.

Fondos
Canda ao material colleitado a través da rede, a mostra que se pode ver no Museo de Pontevedra ata o 16 de marzo, recolle tamén fondos propios deste centro. Así, por vez primeira poden verse xuntas as dúas zanfonas de Perfecto Feijóo, unha en mans desta institución e a outra nos arquivos da coral Cántigas da Terra. Canda a isto, material da colección de Alejo Amoedo, comisario do proxecto, os instrumentos orixinais de Os Trintas de Trives ou unha ocarina de grande tamaño cedida por un colaborador fan parte da exposición. Boa parte dos contidos da mostra inclúen un código QR que permite ampliar a información sobre os mesmos vía web. Encol do xeito no que un proxecto virtual como este deu nunha mostra nun dos principais museos do país, Bará apunta a que foi o interese da Deputación de Pontevedra que o fixo posible. "Ana Isabel Vázquez, deputada responsable de Cultura, deuse conta da importancia do proxecto e viu que era algo que debía estar presente no Museo. Para min supón unha culminación do proxecto".

Pezas
Dentro de todo o material recuperado no marco deste proxecto, Milagros Bará destaca algunhas pezas. "Non había fotografías coñecidas de Pepe Curros, violinista de Compostela, e agora temos un cartafol dedicado a el e estou en contacto cos seus familiares. Tamén do Enrique Lens, de quen só había unha fotografía que se vía moi mal". Felipe Paz Carbajal, importante compositor para bandas de música é outro dos músicos que se están a documentar no seo do proxecto. "Alejo Amoedo recuperou tamén rolos de pianola coa Alborada de Veiga e con música de Enrique Lens. Do fondo de Henrique Alvarellos recuperamos dúas fotos, unha inédita e outra da que non estamos certos, que amosan a Xoán Montes co Orfeón Lucense nos Xardíns da Deputación. Isto é algo moi importante porque de Montes hai moi poucas imaxes".

Vencello emocional
Malia ao interese da promotora por atender a todo tipo de xéneros musicais, aínda que hai espazo mesmo para os grupos pop, no proxecto detéctase unha maior presenza de material vencellado ás música popular e mais ás bandas. "É o que ten unha maior aceptación entre os seareiros da páxina. En xeral por todo o territorio verifícase de debaixo de cada pedra hai un músico ou un familiar de músico". E é que a miúdo son familiares os que envían material ou solicitan información. "Chégannos peticións de cousas. Ao mellor unha persoa sabe que o seu pai ou o avó tocaban nunha banda e quere atopar fotos. Hai unha carga emocional importante que vincula a xente co proxecto. Os colaboradores vense moi apoiados cando se publica unha foto que achegan, editada e preparada para que se vexa ben". Con esta base "difúndese tamén o traballo de moitos músicos e grupos que só eran coñecidos a nivel local, a xente está moi contenta".

Posibilidades
A importancia da documentación recollida fica tamén en relevo polo eco que acada o proxecto. "Teño peticións de xornalistas e de musicólogos que queren facer artigos, a nivel estatal e tamén de Sudamérica", recoñece a responsable. "Xa procuro que cada imaxe estea ben referenciada para que, se alguén poida tirar do fío, saiba quen a proporcionou e por onde pode procurar". Canda as fotografías, teñen especial importancia na iniciativas as partituras. "En Galicia hai moitísima obra composta moi boa á que é difícil ter acceso, ben porque é material inédito ou ben que se editou hai cen anos e non se sabe onde o atopar". Así, ademais das achegas dos colaboradores, a propia Bará realiza investigacións en hemerotecas e completa a información que recibe. "Antes ao mellor había que se desprazar para ter acceso a este material. Eu pretendo que isto sexa un punto de partida para que a xente poida facer cousas". Un exemplo disto púidose ver no primeiro encontro do proxecto que artellou Bará e que se celebrou en 2012. A Casa das Crechas, en Compostela, acolleu o evento, no que diferentes músicos como os membros da asociación ferrolá Berros do Castro ou Anxo Pintor interpretaron temas recuperados no marco do proxecto.

Futuro
De cara ao futuro, Bará apunta que lle gustaría "dar un paso máis, e sen abandonar o Facebook, desenvolver outro soporte que fose máis axeitado para ordenar ben a información pero que tamén permita a participación. Pero é algo que terá que ficar para cando teña tempo". Apunta que polo momento, o apoio da Deputación de Pontevedra para desenvolver a actual exposición é o único apoio institucional para o proxecto.

13 de feb. de 2014

Non hai terra para nós

Xulio Xiz.-

Eu non sei se se trata dun modismo lingüístico vilalbés ou está así recollido nos libros de lingua, pero lembro moi claramente que nos anos da miña nenez e mocidade dicir “Non hai terra para nós” quería indicar que o mundo que tiñamos arredor non era abondo, que podíamos chegar moito máis lonxe, que os nosos camiños eran infinitos, as nosas forzas inconmensurables e iamos chegar onde ninguén antes ousara.

Eran os anos sesenta, os das emigracións masivas desde Galicia a zonas desenvolvidas do Estado e de Europa... Os polos de atracción chamábanse Bilbao, Madrid ou Barcelona... Francia, Alemania ou Suiza. Non había terra para nós, os galegos. E nos nosos dominios laborais seguía sen poñerse o sol porque aínda estaban vivos os vencellos cos paisanos que emigraran a Arxentina, México ou Cuba.

Cos anos foi languidecendo aquel vencello, porque a gran emigración á Arxentina rematara xa que as condicións económicas de antano xa non eran tan rendibles, e xa non digamos a Cuba, que coa chegada de Fidel Castro ao poder en 1959 deixara de ser un lugar para traballar e progresar.

Durante un longo tempo pareceu que nos conformábamos coa terra que tiñamos nos nosos contornos, e a emigración desapareceu, transformándonos en terra de inmigración. Ata que a crise propiciou de novo a necesidade de buscar novas terras, de ampliar o radio de acción, de comprobar de novo que non había terra abonda para nós en Galicia e en España, e había que buscar – podíase buscar- un destino exterior.

Nestes momentos calquera de nós sabe de alguén co que ten relación que está fóra, estudiando, formándose ou traballando, que fai falla saír ao estranxeiro para ter traballo, e facémonos á idea de que esta emigración é diferente, de que agora a xente vai moito máis preparada, de que sabemos idiomas, e a problemática que estes novos emigrantes europeos atoparán nada ten que ver con aquela paupérrima dos sesenta, nos que só se buscaba a subsistencia nun lonxano exterior.

“Non hai terra para nós”, dicíamos os rapaces de outrora como sinal de afouteza. Como aquí e agora non hai terra para nós, non hai traballo, non hai vida, hoxe coma onte, temos que emigrar para poder traballar; para poder vivir. A historia repítese.

11 de feb. de 2014

Revista avozdevilalba.com 2014 en PDF






Redacción.-


Do mesmo xeito que en anos anteriores, os contidos da edición dixital de avozdevilalba.gal están ao dispor dos lectores nunha revista editada en formato de arquivo .pdf. Isto permite imprimilos ou gardalos de xeito cómodo no seu ordenador, tablet ou teléfono móvil. Calquera lector pode acceder aos números editados clicando nas imaxes das portadas que acompañan este texto.

10 de feb. de 2014

Normativa contra o Maltrato do Territorio

Carlos Henrique Fernández Coto.-

O Maltrato do Territorio ou da Paisaxe, tamén chamado “Canibalismo Urbanístico” pola súa depredación da man dos humanos, pero cuxo atributo máis popular é o de FEÍSMO, consiste no abuso do noso territorio herdado, o mal gusto na construción de edificacións, en síntese, a hipoteca da nosa paisaxe pola acción humana, que responde a intereses particulares ou por ignorancia.

Se hai algo que distingue a un pobo, alén da lingua é o territorio. Unha nación exerce a súa identidade a través dun espazo xeográfico, da súa territorialidade, na que reflicte a vida do seu pobo, o desenvolvemento, a súa transformación, mesmo a súa decadencia. En resumo, a memoria histórica. Este territorio atesoura, no seu devir histórico, un patrimonio, un acervo construído que é a base da nosa identidade.

O territorio galego é rico e complexo cunha grande riqueza medioambiental e cun patrimonio natural e edificado de altísimo valor, pero con unha alta fraxilidade ambiental.

Durante séculos, o pobo galego foi modelando o territorio para satisfacer as súas necesidades vitais, tomando del os propios materiais (a pedra, a madeira, a terra) e con eles chegar a construír o que hoxe coñecemos como Arquitectura Tradicional, así como os elementos da paisaxe que lle arrodeaba (as pontes, os valados, os socalcos, etc..). Todo construído cos materiais da propia paisaxe, a escala humana, e sen apenas destrución.

Entrado o século pasado, e coa aparición de materiais creados de xeito industrializado (ladrillo, cemento, aluminio), e a aparición das máquinas, que foron un gran avance por poder transformar o terreo con máis forza material pero con menos esforzo humano, comezaron outra depredación do territorio, sen control, proliferando as canteiras, os movementos de terra, a construción rápida en altura, etc.. É certo que acadamos melloras para a sociedade, pero unicamente pensando no día a día, sen nos preocupar polo futuro, nin sequera no noso territorio, base da nosa vida e da nosa memoria histórica.

_Dun tempo a esta parte, xa que logo, asistimos a un deterioro progresivo da nosa contorna, intervindo no territorio sen nos preocupar pola repercusión dos nosos actos sobre el, con actuacións caóticas e desprezables.

_Definiuse o Feísmo como “o conxunto de construcións ou obras humanas que degradan dalgún modo o seu ámbito", se ben non existe aínda un acordo xeneralizado acerca de como aplicar o vocábulo neste contexto, por ser de recente extensión e impreciso como concepto, aínda que o seu uso se estendeu entre certo grupo de expertos en urbanismo e arquitectura.

¡ PODEMOS COMBATELO, CON MEDIDAS PREVENTIVAS E REPARADORAS !

O Parlamento tramita unha Nova Lei do Solo, é o momento de incorporar unha normativa contra o Maltrato do territorio e da paisaxe, Canibalismo urbanístico, ou Feismo.

É por isto que solicitamos aos Voceiros de tódolos grupos con representación no Parlamento que non deixen pasar a OPORTUNIDADE para comezar a combater esta lacra territorial.

Moitas Grazas polo teu apoio. Obrigado. Thanks..!!

9 de feb. de 2014

30 anos de novela negra en Galicia

Redacción.-

Escritores como Domingo Villar, Manuel Forcadela, Bieito Iglesias, Diego Ameixeiras ou Miguel Anxo Fernández participaron o pasado xoves 6 de febreiro, nunha xornada de debate e análise sobre os 30 anos de novela negra en Galicia. A xornada conmemoraba o nacemento do xénero en lingua galega coa publicación de Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, hai tres décadas.

“Nunha fase na que o xénero está a experimentar unha grande expansión e popularidade, o CCG abre un espazo de reflexión e análise sobre as particularidades dun modelo creativo que xa é moito máis ca un fenómeno literario”, aseguran as coordinadoras, Teresa López e Dolores Vilavedra.

Deste xeito, os escritores Manuel Forcadela, Bieito Iglesias e Carlos Reigosa falaron na mesa redonda “Viaxe á historia da novela negra galega“. Exploraron o policial alén do literario, con Alberto Guntín, director de desenvolvemento de Voz Audiovisual e editor de guión das series Padre Casares e Matalobos, Manuel López Poy, xornalista e guionista de BD e Miguelanxo Prado, autor de BD.

Pola tarde, a mesa redonda “Xénero negro: máis aló do estereotipo” abordou os límites e os discursos subxacentes á novela negra, coa profesora Elena Losada e as escritoras Dolores Redondo e Domingo Villar. E, para rematar, na mesa redonda “Crime, memoria e identidade” participarán os escritores Diego Ameixeiras e Miguel Anxo Fernández, canda a xornalista Montse Dopico.

A xornada puido seguirse en directo desde o web do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.org) e culturagalega.org

8 de feb. de 2014

Un museo para a Galicia do futuro

Manuel Vilar Álvarez*.-

A idea do museo como unha institución ao servizo da cidadanía, nace co ideario da Ilustración e da revolución francesa, e faino como unha ferramenta máis para a educación dos cidadáns. No contexto da formación dos novos estados os museos teñen que mostrar “o propio”, e fano para exaltar as respectivas culturas e estender o sentimento dunha identidade colectiva. Co romanticismo aparece a idea de mostrar “as bondades do pasado” diante do comezo do desmantelamento da vida rural e do mundo das artesanías, facendo efectiva a afirmación de David Lowenthal de que a percepción da ameaza de extinción sobre algo aviva o desexo de protección e permanencia.

Colocados no museo, os obxectos, e aquí falamos especialmente dos chamados etnográficos, sofren unha modificación de valor e temos outra relación con eles, unha relación distinta a cando forman parte do cotián, onde o valor de uso é predominante. Agora hai unha distancia e unha posición desafogada, de aisance, que diría Pierre Bourdieu. Isto é o que nos permite unha relación especial, polo que “as cousas vellas” pasan a ter outro significado e a ter un valor simbólico: son testemuños da vida das xentes, dunha vida social. Así, o museo acaba sendo un lugar da memoria e un espazo público para o consenso social.

No noso país o proceso de musealización, e de musealización etnolóxica en concreto, ten un percorrido, podemos dicir, semellante ao doutros lugares. Hai unha mirada cara ao propio parella ao rexurdir cultural desde o Rexurdimento. Houbo iniciativas pioneiras, como o museo de Pías, creado polos irmáns Peinador ao carón do balneario de Mondariz. Pero a iniciativa máis interesante agroma dentro do Seminario de Estudos Galegos (SEG), e 1926 pode ser unha data de referencia para este “Museo Etnográfico Galego”. A importancia do mesmo vén dada polo interese que para as xentes do SEG tiñan os materiais etnográficos. Eles construíron bens culturais con pezas que até entón só pertencían á vida e ao traballo cotiá das xentes sen historia, pero xentes que fixeron Historia, pero non tiveran quen lla contara. A xente do SEG converteron estes materiais en portadores dun significado colectivo, en testemuños dun modo de vida. Máis isto de pouco serviría si os creadores deste museo non foran conscientes de que detrás había unha sociedade que participase deses significados, polo tanto, que construíra eses obxectos como un patrimonio que os identificaba.

Pero chegou o levantamento militar de 1936 e o desmantelamento do SEG e do seu Museo polas bravas. O franquismo non foi un tempo propicio para incidir na especificidade cultural. Houbo que agardar á transición política para crear, de novo, un museo para poder abrir a porta principal aos que sempre entraron na historia pola porta de atrás. Así, no 1976 nace o Museo do Pobo Galego (MPG), que abrirá as portas por primeira vez o 29 de outubro de 1977. Nel non só van ter acollida os superviventes do Museo do SEG, como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, e estamos orgullosos de ser os seus continuadores, senón que tamén acollemos parte do seu ideario, inquedanzas e compromiso coa cultura que se fai en Galicia.

Mais a continuidade require adaptación aos tempos, e os tempos de agora non son os de 1926, tampouco a sociedade é a mesma. Déronse fortes cambios e transformacións socioeconómicas, especialmente debido á aceleración do tempo e a contracción do espazo nunha sociedade globalizada, cambios que producen desterritorialización e homoxeneización, e onde moitas prácticas que viñan sendo tradicionais son agora tan só prácticas da memoria.

Desde o MPG queremos, como a xente do SEG, dignificar un patrimonio que foi desvalorizado e silenciado, como silenciada foi a cultura e a xente que o ten creado. Repítese teimosamente na teoría museolóxica que un museo non existe sen coleccións. No MPG gardamos obxectos que falan das respostas dadas por un grupo humano ante as necesidades vitais, polo tanto son documentos esenciais para entender o noso presente cultural, e referentes precisos para camiñar cara ao futuro, porque queremos un futuro digno e próspero.

Pero as coleccións precisan ser estudadas e documentadas para afondar no coñecemento que gardan os obxectos e poder, tamén, exhibilas dignamente para que o público perciba e comprenda mellor a mensaxe multidimensional deses obxectos, deses documentos.

Mais, para lograr isto, temos que ter medios para poder estudalo e expoñelo en condicións. Só así, a sociedade poderá ter un mellor acceso a ese coñecemento, poderá facer uso do mesmo e gozar libremente del. Se é así, ao final estaremos, tamén, aumentando a autoestima, sempre necesaria en momentos de fortes cambios e inestabilidades, estaremos lanzando áncoras para a nosa seguridade.

Aquí reclamamos, pois, o apoio da sociedade, porque somos un museo de sociedade e para a sociedade, porque, como sociedade, necesitamos coñecérmonos mellor para estar mellor situados no mundo, para ser respectuosos e que nos respecten nunha sociedade global e democrática. Pensamos que somos útiles a nosa sociedade e queremos seguir cumprindo este papel. Pero para cumprilo precisamos o apoio da sociedade civil, precisamos medios para levar adiante o noso labor como institución museística. Será a sociedade a que nos diga se somos útiles.

O antropólogo James Clifford, utilizando un concepto procedente da pedagoxía, dixo que os museos eran zonas de contacto. Nós pretendemos que o Museo do Pobo Galego sexa unha zona de contacto dos galegos e galegas coa realidade social na que viven e co futuro no que queren vivir. Non somos un museo para lamentarnos por un mundo que se foi, para chorar a perda dun patrimonio, somos un museo para mostrar e ensinar cultura, para que os visitantes aprendan sobre a nosa identidade e aprendan a respectar outras identidades. E, como todo museo, temos vocación de permanencia.

*Manuel Vilar Álvarez é Secretario do Museo do Pobo Galego

3 de feb. de 2014

Fotogramas da desfeita

David Otero.-

Boa tarde a todas e a todos.

De primeiras, con contundencia, hoxe aquí… entre amigas e amigos, lectoras e lectores, dicir que quen nos preside é a palabra. A palabra nacida de manancial creativo noso. A palabra que corre como auga limpa e cristaíña… a toda luzada de ben pola terra de nós… neste pobo noso do galego. A palabra emerxente da experiencia intensa. Da vida pois… A palabra integrada en sensacións, desexos, a mesturas de imaxes, con pensamentos en exercício activo. A palabra posta e disposta a versos tecidos na marabilla… para que o papel sexa un soporte e así na Lingua Galega a súa esencia.Pois mal hai civilización posible…sen a palabra. Sen a palabra que nos pon na tradición e na historia. E así á palabra tamén digámoslle natureza de sermos… en poesía… digámoslle forma de beleza…digámoslle contido intenso da Lingua.
E tamén así …

Ti escoita palabra nosa…
vai e avisa,
por ocos e andares,
por silencios e balbordos,
lonxe e máis alá ( como dixo Manuel Antonio)
e chama…
a todas e a todos
sen diferencias…
e nesa fraternidade
ponlle ferramentas de pensar
de existencia e de vivencia
para…
sentir forzas en poesía
acariños de dozura…en poesía.
crítica de vida…en poesía
desafío á mortalidade…en poesía.

Pon pois no aire na palabra nosa…
o teu dicir
e que se lea intensamente nese papel
, este libro…
limpo tan emocional
cheo de tempo chairego contemporáneo
nese universo,
feitos hoxe hóspedes, que así lectores,
do noso anfitrión, así poeta,
facéndonos máis persoas con outras,
cando hoxe máis mundo no mundo
e nacendo nos sorrisos consentidos
e nas feridas padecidas
nese sentido que nos acolle.

E no aporte de poesía construída
A todo corazón…
no creativo de poñer alimento vivificante
indo por cerca de todo
nesa dialéctica do poeta
percibámonos lectoras e lectores…
no aflorar de versos multiplicados
que nos vinculan e determinan…
amorosos
ata mesmo por veces disentindo
pero sempre nos soños compartidos,
na imaginación creadora…
e nos desexos
e nos proxectos.

Nesa unidade…
Contexto de creación,
Nese diálogo…
acto de buscar…
de todas e de todos
na nacencia fundamental
palabra a palabra
nesa percepción intuitiva
xorde intensamente e versos a verso
a marabilla da obra traballada pedra a pedra
seriamente
para nela compartir mornura
para nela gustar sabor
pois nela será volver aos días…
e vestilos de bo campar
na poesía que respira
na poesía como manifesto de vida
no falar das rúas e dos casais
das Vilas e das cidades
nomeando.

Pois ben…hoxe presentamos, tal recén saído do forno…un poemario noviño e fresco, libro arrecendente,de mans traballadoras, en imaxe global-local…de chaira labrada,definida na sensibilidade do vivir, e posto á mira e como chamo:FOTOGRAMAS DA DESFEITA.

Un soporte que nos colle de ganchete. E nos invita a nos manter ocupados no exercício da liberdade que é a lectura e asemade niso…ben sabedores a nome e apelidos do poeta autor: MARTIÑO MASEDA LOZANO. Niso… sen olvidar a mediación exquisita e responsable, xa que logo plenamente cultural, do Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba.

Si… Invitación a manternos ocupados na lectura e así no sentir en vida das palabras feitas poesía.Nesa enorme elasticidade feita voces de ben dicirelas tan pretas de nóse postas nos versos do poeta Martiño, pois así del poderemos dicir:… Que as lectoras e os lectores… seguiremos os nosos camiños, pero el, o Martiño, quédase na poesía… e así escoitamos a teimosía da súa man traballadora…cando o verso fala… e o poema fala…e a poesía fala…así mesmo…nese trebón de fantasías…e dicindo así sempre…facendo aos pobos habitables.

Hoxe pois estamos nun día de presente e de memoria, de sinalar, nun acontencer, cun libro en vida..a toda poesía aflorecendo a luz… en días de medrar na candelaria e no san brais…recordando hai dous días o nacemento de Rafael Dieste e a morte de Manuel Antonioe onte o nacer á vida á Daniel Castelao.Xaneiro de Gloria diremos.

Hoxe pois así…medra máis o pensamento…as palabras teñen a súa carga existencialmesmo confirman patoloxías…e niso…sen facer as cousas cómodas en poemas…celebramos poesía…e celebramos palabras emerxentes a modos de dicir na substancia patria da Lingua nosa… sen poder prescindir da nosa capacidade de emoción na lectura establecendo un itinerario consentido polos Fotogramas dos Fotogramas da Desfeita de Martiño na nosa Cultura e identidade… e neste pobo da Chaira entre amigas e amigos… digo Vilalba.

E así xa polo libro a percorrido de liberdade,a todo ler…na súa primeira parte titulada: A CASA DAS SOMBRÍAS PAREDES sinálase unha liña poética de fillo a pais,de pais a fillo, toda vital, direi asi Martiño…e nese percorrido cámara a ombro marcando o ronsel da hecatombe…imos pola cancela da aira e sabendo do exordio do propio autor.Tamén as portas da casa polas que liberar. Pois dentro están as asombradas paredes dos corredores que concorren nos corazóns sentidos do sanque que constitúe.

E velaí o dicir poético do autor desde as ventás da casa, as cales debesen deixar ver como a vida vai de camiño polos ires e vires dos días que circulan a ritmos propios deles e se enluman cara adentro para deixaren ver como se disgregan as miserias que se debuxan nas pedras mortas das asombradas paredes, facendo forzas para reflictírense nos sentires, nos avisos, nas dúbidas e nas certezas, existenciais do noso autor, o poeta, digo Martiño.

A outra marca vai nun corpo que se constrúe desde o noxo, o desprezo, os crimes,que se proxectan no medo, na mentira e na morte.Non se fala para indiferentes.O sangue dos vencidos zumega…Eles son quen habitan na memoria dos que non esquencen.E claro, di o poeta…claro que hai que neutralizar as inercias caando na busca da absoluta liberdade.Ese predicado ineroxorable.

E van logo esquecementos e logo derrotas…E os día minguan…E gotexan as desesperanzas… E outra vez…as derrotas. E na casa o silencio que sinala.

E deixándose morrer mentres se tenta atopar os anacos de sorrisos roubados para escribir FELICIDADE Esa marcha. E así xorde o berro…Non…!!! A memoria…E vai todo logo… entre preguntas, nun horizonte musical, quizabes direi futuro novo…convidando a luz…e saíndo fóra por beber…agora grolos de esperanza tan necesarios.

E segue o libro pola súa segunda parte, O SANGUE QUE NOS CONSTITÚE,E por ela…a ando poético…Un introducir de mans de criminal,Indiferente a fotogramas do medo,Da mentira,Da morte…

Na invernía dos abrazos onde a rebeldía ule a derrota e o silencio devora o corpo da palabra.A vesanía baixou do monte pondo palabras que aldraxan a memoria. A vesanía con nomes de moitos nomes.A nai co seu fillo morto proclama FÓRA OS IMPERIALISTAS e pregúntase que foi daquel soño de ser raíña do seu palacio de cristal.E o cidadán de nome plural é suxeito submetidoE anda espido ao frío do sistema que lle aterece os pasos…

Pero na casa resiste mentres fóra …e con máis…Triunfa a linguaxe do sátiro…e actúan os hipócritas faladores.
E polo andar do libro… os anos foxen e as lembranzas quedan e seguen as ínfulas do déspota e segue o sorriso do dictador.O tren do solpor avanza. E a soidade vai no corpo de macho homicida.E a nai chora.E soamente desexa…Que a morte fo fillo non fose en balde.

-Quen gusta, preguntamos… e así o poeta Martiño… da PALABRA MORTA?

E destas as hostes da desfeita avanzan borrándose dos rostros os naturais sorrisos tratando de soterrar historiasE quedan as bágoas.O sangue das derrotas.As esperanzas traumatizadas…Asi e alí…Nesa vía sen retorno (di o poeta). E confesa…na esperanza de ser…na raíz do verbo, que o pobo é alento que non sucumbe á derrota, pois non debe ser pedra ou libro aos que se lle arrinquen as memorias.Nós dicimos pola nosa conta que non son os vencedores os únicos que contarán as historias.Non basta.

Estes fotogramas da desfeita son obra do poeta Martiño Maseda.Poeta chairego que vai indo na búsqueda convencida.E que nomea, que fai luz propia e menceres.El canta - confesional do sentir- a tons de conversas no falar popular, intensamente, en poesía.Regresando sempre á casa, pois el nunca se olvida de volver.

E así, logo da lectura deste poemario,gustaríame que o seu autor recibise chamos de lectoras e de lectores…e que lle dixesen:

Teño algo que dicirche Martiño.
Lin o teu libro
E en min gardeino todo ben
para que todo sexa transparente.

Escoita …Escoita ben, Martiño
achégate ao meu oído
e falemos despacio
moi despacio
e sen présas…
como se parasen de se marcaren os tempos,
pois agora…
todo é …
algo máis distinto

Escoita…
que che vou falar…
vouche falar…
dos teus versos.

Ponlle atención…
a este meu entusiasmo
na palabra do meu ler
na palabra miña e túa
esa medida de mundos nosos
nese soñar espertos…
nolos dous…
Neste desexo…
Fundamental.
Escoita…

E nós preguntámonos::::

-Que se contarán…?
https://plus.google.com/photos/114541783706633431124/albums/5975924541295792273

Pica na imaxe para ver todas as fotos do evento


David Otero é mestre e escritor.

2 de feb. de 2014

'Fotogramas da desfeita', exercicio de catarse

Redacción.- 

No serán de onte tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba a presentación do poemario Fotogramas da desfeita, de Martiño Maseda Lozano. O autor estivo acompañado de David Otero, Xoán Xosé Fernández Abella e Manuel Castro Santamariña, en representación do Instituto de Estudos Chairegos.

Na súa intervención, David Otero lembrou que "estas as hostes da desfeita avanzan borrándose dos rostros os naturais sorrisos tratando de soterrar historias. E quedan as bágoas, o sangue das derrotas, as esperanzas traumatizadas...".

Fotogramas da desfeita forma parte da colección Biblioteca Chairega. Constitúe un canto de Maseda a tons de conversas no falar popular, intensamente, en poesía. "Regresando sempre á casa, pois el nunca se olvida de volver", como afirmou onte David Otero.

Para rematar o acto, varios amigos do poeta recitaron algúns versos do libro. Entre eles, Chema Felpeto, Francisco Xosé Roca Constenla, Pilar Maseda e María Xosé Lamas.

1 de feb. de 2014