Cultura no Camiño 2014

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Axencia Turismo de Galicia veñen de poñer en marcha a segunda edición do circuíto ‘Cultura no Camiño’ coa inscrición dun total de 86 concellos que poderán levar a cabo unha ampla programación de espectáculos galegos entre o 15 de abril e o 30 de setembro deste ano.

A proposta para participar neste programa de actividades, inserido na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, obtivo deste xeito unha ampla aceptación por parte dos municipios galegos, xa que se sumaron a esta iniciativa 31 localidades da Coruña, 20 de Lugo, 12 de Ourense e 23 de Pontevedra.

Con esta elevada cifra de concellos interesados, ‘Cultura no Camiño 2014’ duplica o número de destinos participantes na anterior edición, celebrada en outubro de 2013, e supón a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos radicados nas distintas rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.

Variedade de estilos
As localidades participantes acollerán concertos de diversos estilos, así como funcións de teatro, danza, narración oral, maxia e novo circo nun intenso calendario de actividades coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), en colaboración con Turismo de Galicia como entidade encargada de organizar e executar a celebración xeral do Ano Franciscano.

Todos os espectáculos teñen que ser producidos e distribuídos por asociacións culturais, sociedades civís, mercantís ou empresarios individuais con sede na Comunidade autónoma de Galicia.

Deste xeito, a Consellería suma un novo percorrido á súa oferta continuada de programación cultural, na que xa figuran circuítos asentados como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas ou a Rede Galega de Música ao Vivo; e outras de máis recente organización como ‘Troco x Troco’ (de intercambio teatral con Portugal) ou ‘Monumenta’ (que combina as representacións artísticas coa posta en valor do patrimonio arquitectónico).

A programación concreta, que se dará a coñecer proximamente, resultará da suma das seleccións realizadas polos programadores locais a partir da oferta de espectáculos e concertos inscritos para este fin, procedemento actualmente en trámite.

Financiamento compartido
O financiamento deste programa realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais seguindo criterios de poboación. Así, para concellos de máis de 20.000 habitantes, a Consellería e Turismo de Galicia achegarán o 40% dos importes dos cachés; en tanto que para os concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asumirá a metade dos custos. Estas cantidades serán aboadas directamente a cada compañía ou grupo.

Os concellos participantes deberán programar un mínimo de tres actuacións, preferentemente en fins de semana e sempre fóra do horario escolar. Ademais, nas programacións deberán estar presentes polo menos dúas das cinco disciplinas ofertadas (teatro, circo, danza, música e maxia).

18 de feb. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión