Fahrenheit 451: o libro

Agustín Fernández Paz.-

Sei que lin este libro mediada a década dos sesenta (do pasado século, xaora), mais non consigo lembrar o ano concreto. Seguramente foi no 1966 ou 67, coincidindo coa estrea da película de Truffaut, da que falarei na próxima entrada do blog. A edición si que a lembro: era da editorial Plaza&Janés, nunha colección de libros baratos que, se non lembro mal, custaban 25 pesetas. Os “irmáns maiores” eran os da colección Reno, mais eses xa custaban 50 pesetas. Merqueino na de “Junor”, en Vilalba, durante unhas vacacións de verán, iso si que tamén o teño na memoria.

Era o primeiro libro que lía de Ray Bradbury. Poucos anos despois, xa no final da década, comezarían a venderse en España os libros da Editorial Minotauro, que fundara en Bos Aires o galego Francisco Porrúa, o mesmo que editaría os Cien años de soledad de García Márquez, o Rayuela de Cortázar ou O Hobbit e O Señor dos Aneis de Tolkien.

Minotauro, especializada en bos libros de ciencia ficción, foi unha marabilla para persoas coma min, que daquela era un entusiasta dela. Unha colección que se inaugurara en 1955, precisamente con outra novela de Ray Bradbury, Crónicas Marcianas, con prólogo de J. L. Borges (desta novela extraordinaria, hai tamén edición galega en Xerais). En Minotauro lin outras de Bradbury (El hombre ilustrado, Las doradas manzanas del sol…), e tamén títulos inesquecibles como Hacedor de estrellas de Olaf Stapledon, Soy leyenda de Richard Matheson ou La naranja mecánica de Anthony Burgess.

“Queimar era un pracer.”
Así comeza Fahrenheit 451, que Ray Bradbury (1920-2012) escribiu no ano 1953, nos anos en que os Estados Unidos vivían a represión da “caza de bruxas” do infame senador McCarthy. O propio Bradbury, nun texto imprescindible (“A lume vivo”) que se inclúe como introdución nalgunhas edicións do libro (por exemplo, na edición galega de Xerais, con tradución de Mª Magdalena Fernández Pérez) explica cal foi a xénese desta novela, tan afastada dos parámetros oficiais da ciencia ficción.

En realidade, aínda que nos seus libros empregue os recursos da ciencia ficción, os libros de Bradbury achégannos a temas que estaban de actualidade no seu tempo e que, en boa medida, seguen a estalo nestes primeiros anos do século XXI. Tal ocorre con Fahrenheit 451, unha fábula sobre a importancia da liberdade, sobre os perigos da manipulación social e da alienación tecnolóxica, sobre a opresión que nos chega desde o poder… E, sobre todo, unha defensa afervoada da cultura, dos libros e da lectura, de necesidade que temos as persoas de soñar, de que nos conten historias. E da rebeldía, como exemplifica a cita de Juan Ramón Juménez que abre o libro: «Se che dan papel raiado, escribe pola outra cara.»

A trama desta novela imprescindible xa é coñecida dabondo. Transcorre nunha sociedade futura onde a lectura está prohibida. Montag é un xefe dos bombeiros encargados de queimar os libros. Un día, cando se dispón a queimar os que descubriran na casa dunha anciá, colle algúns deles e gárdaos para si. Está intrigado, quere saber que hai neses
pequenos obxectos tan importantes para algunhas persoas. Leos, ás agachadas, e reincide máis veces, ata quedar atrapado nas redes da lectura. Converterase entón nun ilegal, perseguido polos que foran os seus compaéiros, forzado a fuxir se quere salvar a súa vida.

A queima de libros é máis ca unha metáfora. Temos na historia exemplos dabondo para comprobarmos que as sociedades totalitarias odian os libros (ou certa clase de libros) e fan canto sexa necesario para prohibilos ou para destruílos. Tamén para queimalos: aí están os exemplo da Alemaña de Hitler, do Chile de Pinochet e da Arxentina da Junta Militar ou da España de Franco (tremenda!, a foto da queima de libros na Coruña que Manuel Rivas coloca ao inicio do seu Os libros arden mal).

Hai moitos máis fíos neste libro, quen queira afondar nel pode facelo neste enlace, nestoutro ou noutro máis. E hai un final sorprendente e marabilloso, que pon unha raiola de esperanza no panorama opresivo que preside o libro. Un final que levou, entre outras realizacións, á creación do Proyecto Fahrenheit 451 (as persoas libro) por parte da Escuela de Escritores, unha iniciativa moi estimable, da que estes dous vídeos son unha mostra.

Este texto, con todas as ligazóns e vídeos, pode lerse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz.


18 de feb. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión