Non hai terra para nós

Xulio Xiz.-

Eu non sei se se trata dun modismo lingüístico vilalbés ou está así recollido nos libros de lingua, pero lembro moi claramente que nos anos da miña nenez e mocidade dicir “Non hai terra para nós” quería indicar que o mundo que tiñamos arredor non era abondo, que podíamos chegar moito máis lonxe, que os nosos camiños eran infinitos, as nosas forzas inconmensurables e iamos chegar onde ninguén antes ousara.

Eran os anos sesenta, os das emigracións masivas desde Galicia a zonas desenvolvidas do Estado e de Europa... Os polos de atracción chamábanse Bilbao, Madrid ou Barcelona... Francia, Alemania ou Suiza. Non había terra para nós, os galegos. E nos nosos dominios laborais seguía sen poñerse o sol porque aínda estaban vivos os vencellos cos paisanos que emigraran a Arxentina, México ou Cuba.

Cos anos foi languidecendo aquel vencello, porque a gran emigración á Arxentina rematara xa que as condicións económicas de antano xa non eran tan rendibles, e xa non digamos a Cuba, que coa chegada de Fidel Castro ao poder en 1959 deixara de ser un lugar para traballar e progresar.

Durante un longo tempo pareceu que nos conformábamos coa terra que tiñamos nos nosos contornos, e a emigración desapareceu, transformándonos en terra de inmigración. Ata que a crise propiciou de novo a necesidade de buscar novas terras, de ampliar o radio de acción, de comprobar de novo que non había terra abonda para nós en Galicia e en España, e había que buscar – podíase buscar- un destino exterior.

Nestes momentos calquera de nós sabe de alguén co que ten relación que está fóra, estudiando, formándose ou traballando, que fai falla saír ao estranxeiro para ter traballo, e facémonos á idea de que esta emigración é diferente, de que agora a xente vai moito máis preparada, de que sabemos idiomas, e a problemática que estes novos emigrantes europeos atoparán nada ten que ver con aquela paupérrima dos sesenta, nos que só se buscaba a subsistencia nun lonxano exterior.

“Non hai terra para nós”, dicíamos os rapaces de outrora como sinal de afouteza. Como aquí e agora non hai terra para nós, non hai traballo, non hai vida, hoxe coma onte, temos que emigrar para poder traballar; para poder vivir. A historia repítese.

11/02/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión