Os mortos de Spoon River

Agustín Fernández Paz.-

Lin este libro por vez primeira en 1974. cando o publicou Barral Editores na súa colección “Insulae Poetarum”. Eu adoitaba mercar os títulos que saían desa colección (este, na libraría Ágora, da Coruña), coñecese ou non o autor, porque me fiaba do criterio editorial (aquí apareceron José Ángel Valente ou Gil de Biedma) e, tamén, polas portadas que deseñaba Julio Vivas, sempre cun único elemento seriado enchendo todo o espazo.

Non coñecía de nada nin o libro nin o autor, así que o lin sen ningún condicionamento previo. Unha lectura gorentosa, tanto polo tema que o vertebraba como polo ton dos poemas, escritos en versos deliberadamente prosaicos, aínda que mesturados con outros de elevado lirismo. Segundo conta Alberto Girri no prólogo, a Lee Masters impresionáranlle as palabras ditas por Yeats nunha conferencia en Chicago: «escribir como se fala, tan sinxelo coma a máis sinxela prosa, coma un berro do corazón».

Durante estes anos pasados, volvín ao libro de cando en cando. Cada vez que debía tratar na clase a poesía de Celso Emilio Ferreiro, lembraba –e ás veces levábao, para lles ler un ou dous poemas– o libro de Lee Masters. Parecíame que Cemiterio privado está escrito no ronsel desta Antología de Spoon River, aínda que non teño ningún dato que me permita aseguralo.

Agora sei que houbo unha edición en Cátedra, en 1993, mais nese tempo non tiven noticia dela. Hai uns meses, cando Bartleby Editores publicou a edición completa da Antología de Spoon River, o libro do que quero falar hoxe, merqueino decontado, sobre todo ao constatar polo grosor que algo estraño sucedía coa edición que eu posuía (a de Barral ten 118 páxinas, mentres que a de Bartleby ten 375).

A comparación permitiume comprobar que a edición de Barral era incompleta: unha escolma da Antología! Son moitos os poemas novos que ten estoutra edición, que ademais ofrece -en letra diminuta, iso si- as versións orixinais en inglés. Velaquí unha imprescindible entrevista con Jaime Priede, o responsable da edición de Bartleby, que ademais recita varios dos poemas:

Spoon River. Jaime Priede

Todos, todos dormen no outeiro

Lendo os prólogos de Alberto Girri e Jaime Priede (moi breves, ambos os dous) e buscando enlaces xeitosos pola Rede para incluílos nesta anotación, souben moitos datos, que antes descoñecía, sobre o autor e o libro.

Edgar Lee Masters (1868-1950), aínda que é autor doutras obras que os críticos cualifican de mediocres, acertou a escribir este libro memorable (a edición orixinal é de 1915). Dis que en EEUU é o libro de poesía máis lido, imprescindible no ámbito educativo, e del hai múltiples adaptacións teatrais (non me estraña, o libro é o tal para iso), e cancións, e mesmo un grupo de rock chamado Spoon River Band. E souben tamén que a vila de Spoon River non existe; é unha creación de Lee Masters a partir de dúas ou tres vilas do Medio Oeste que coñecía ben.

Describir o libro é sinxelo. Ábrese cun poema, «O outeiro» («The Hill»), onde se nos ofrece unha visión xeral do cemiterio de Spoon River (All, all are sleeping on the hill). A seguir, o que atopamos é unha sucesión de poemas encabezados todos polo nome dunha persoa. O contido do poema é sempre unha reflexión desa persoa sobre algúns feitos significativos da súa vida. Coma se, ao pasearmos polo medio das tumbas, fósemos escoitando as voces da xente que alí está enterrada. Velaquí dúas mostras:

OLLIE MCGEE
¿Os habéis fijado en un hombre mustio y cabizbajo
que deambula por el pueblo?
Es mi marido, que con secreta crueldad,
nunca confesada, me robó juventud y belleza.
Hasta que, llena de arrugas y con los dientes amarillos,
perdida la dignidad y de vergüenza humillada,
me bajaron a esta tumba.
¿Y qué creéis que le roe a mi marido por dentro?
¡La cara de la que fui y la otra que hizo de mí!
Las dos le están llevando al sitio donde yazgo.
Logro mi venganza después de muerta.

A.D. BLOOD
Si ustedes en el pueblo pensaron que fue buena obra la mía,
yo que cerré las tabernas y prohibí los juegos de cartas
y que traje a la vieja Daisy Faser ante el Juez Arnett,
en una de tantas cruzadas para purgar a la gente de su pecado;
¿por qué dejan que Dora, la hija de la sombrerera,
y el indigno hijo de Benjamín Pantier
noche a noche hagan de mi tumba almohada sacrílega?

Aínda que nunha primeira lectura poden parecernos voces illadas, non tardamos en descubrir que unhas fan referencia ás outras (nas vilas, todo o mundo se coñece), algunhas veces con agarimo, outras con xenreira e desprezo. Deste xeito, vaise tecendo unha especie de “comedia humana” onde calquera de nós se pode ver reflectido. Pois os sentimentos, as paixóns, as vivencias, as miserias… son universais. E, libres xa de convencionalismos sociais, os mortos teñen toda a liberdade do mundo para contar as súas verdades.

Na Rede, hai múltiples comentarios sobre este libro, case sempre acompañados por uns poucos poemas que os exemplifiquen. Mergullarse na súa lectura é toda unha experiencia, dou fe. Paga a pena facelo!


Antología de Spoon River
Edgar Lee Masters.
Bartleby Editores, 2012.
376 pp.

O texto completo, con todas as ligazóns e imaxes, pode lerse na rede, no blog de Agustín Fernández Paz

23/02/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión