Vilalba, de Bernardo a Antón, libros

Ramón Chao.- Saiban cantos isto lean, que Vilalba (Lugo) non é de Fraga nin moito menos de Rouco Varela. Máis o sería de Antón, personaxe ficticio xurdido do maxín de Bernardo Cendán; mellor aínda, Antón somos todos os nados neste lugar de Galicia cuxo nome non podemos esquecer.

Este crego progresista é unha referencia vital básica para os convencidos de que a realidade vai máis aló do tanxible; para os que saben que a vida dun ser humano é o que un percibe, non só o que todos ven. O mundo interior e o exterior non son compartimentos separados e diferenciados. O pensamento crea realidade, é realidade. A Cervantes non o consideramos máis auténtico que a Don Quixote. Incluso o escudero vive máis entre nós que o seu creador.

Bernardo sabía que os personaxes irreais existen máis que os corpóreos. Nunca dubidou das fazañas de don Quixote e Sancho, aínda que ignorase a vida de Cervantes, tal como os seus propios biógrafos indican. E as biografías, ademais das propias referencias persoais, son tamén os escritos.

A vida de Bernardo desenvolveuse primeiro en Vilalba, lugar do seu nacemento, e en Mondoñedo, onde foi ordenado sacerdote tradicionalista. O seu xiro cara ao progresismo operouse en Meudon, parroquia de Rabelais, onde en 1551 este escritor intuitivo bosquexou os seus personaxes Gargantúa, Pantagruel e outros, hoxe máis vivos que nunca, e de cuxa existencia ninguén se decatou antes.

Na parroquia de Meudon tamén frecuentou ao pai André Aubry, terceiro-mundista que percorreu media América Latina ata establecerse en Chiapas (México). En San Cristóbal, Aubry creou o Instituto de Estudos Mayas, organismo básico para a actividade do Exército Zapatista dirixido polo subcomandante Marcos, cuxo principal conselleiro foi el.


Sen dúbida en Meudon Bernardo descubriu que só existe un camiño. O de sempre, da xustiza e a igualdade para todos. Comprendeu que non temos pegadas para seguir; que a vía terá que facela cadaquen, tenaz e ledamente, cortando a sombra do monte e os arbustos enanos que desordenan o bosque. Agora entendo que Bernardo desdeñara os amores dunha monxiña francesa que abandonou hábitos e convento por el, o que tanto lle reprochei. Preferiu a soidade en Vilalba, os seus paseos nocturnos aos que lle obrigaba o seu pertinaz insomnio, as súas charlas interminables con todo fillo de veciño. Desas charlas saíron estas seiscentas páxinas cheas de observacións pertinentes e afectivas. 
____________________________
Cartas a Antón, de Bernardo García Cendán
Prólogo de Agustín Fernández Paz.
Editado en febreiro 2014 polo Instituto de Estudos Chairegos.
572 páxinas (en galego), 20 euros 

22/02/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión