Inclino a cabeza sobre o teu cadáver

Miguel Barrera.- O ceo énchese de nubarros e chove sobre as inmensas praderas de Kentucky. Da súa man camiñei por mundos mergullados no noxo iluminado, alucinoxenando nos desvaríos de Leopoldo María Panero.

Cando tiven a desgraza de coñecelo non fun capaz de soportar outra poesía. Traizoei a Peter Pan e delatei onde estaban agachados or nenos perdidos e violei a Safo (á miña Safo "coroada de violetas, sorriso de mel”) e bebín o seu sangue virxinal e cuspín sobre o manifesto Dadá e funme con Baudelaire a beber un tumbadios ao Toural.

Fun incapaz de compartir o que sentín, o trastorno que provocou no meu corpo de estudante a mensaxe de Leopoldo. A miña inocencia foi macelada e o desgarro interno foi cruel e inmisericorde. "Vi el licor sagrado cubierto de estiércol".

Se os lúcidos contemporáneos sodes capaces de soportar o vómito recoméndovos reléelo, e se me permitides, recoméndovos "Narciso en el acorde último de las flautas"  e, en particular "Last river together" e non deixedes de ler o poema "El día en que se acaba la canción".

Hoxe véxoo indefinido e defunto e algo de min síntese orfo, condeado a velo na mirada perdida do seu retrato e maldigo con todo o meu pesar a súa perda consolado, esta vez si, polos seus versos.

ERASE UNA VEZ
Cuentan que la Bella Durmiente
nunca despertó de su sueño.

26/03/2014

O pazo das musas e Díaz Castro

Redacción.-

O vindeiro xoves, 27 de marzo, ás 20:00 h., vaise adicar o número 35 da revista oral O pazo das musas a lembrar a figura do poeta e tradutor de Guitiriz Xosé María Díaz Castro (Guitiriz,1914-Lugo, 1990), con motivo de cumprírense 100 anos do seu nacemento o pasado mes de febreiro, e que este ano a Real Academia Galega decidiu adicarlle o Día das Letras Galegas.

Contarase coas intervencións do profesor Armando Requeixo, que falará da vida e da obra; Alfonso Blanco Torrado traerá a memoria á súa amistade; X. Antón Cascudo, desde o mundo do audiovisual, falará dos segredos do seu documental “O instante eterno”, e varios alumnos e alumnas do IES “Díaz Castro” de Guitiriz recitarán os versos máis coñecidos do poeta.

A revista contará no apartado musical coa actuación de 2naFronteira, dúo composto por Carmen Penín e Maurizio Polsinelli. A súa intervención é moi oportuna pois coincide cos días previos á publicación dun disco de seu no que musican gran parte dos poemas de “Nimbos”, a obra cume de Xosé Mª Díaz Castro. Un total de 15 cancións para voz, piano e harmonio, entre as que están temas que interpretarán nesta revista como Penélope, Nimbos, A noite é necesaria, Coma unha espada, Coma un río, Ai capitán, …

24/03/2014

Campaña "Como cho digo"

Redacción.-

Co impulso da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CNTL), esta campaña foi -e está a ser- un dos maiores éxitos na aposta pública polo uso normal da lingua propia de Galicia dos últimos tempos. Cando aínda seguen a recolleitar parabéns e recoñecementos públicos pola iniciativa, caso por exemplo do premio Xoán Manuel Pintos, a CTNL está xa inmersa nun novo proxecto, que se dará a coñecer este martes 25 de marzo ás oito da tarde no Espazo Cultural da compostelá Nave de Vidán.

Apoia esta campaña xente como Luís Davila, Fernando Vázquez, Moncho Fernández, Sés, Verónica Boquete, Pilar Neira, Manuel Bragado, Ezequiel Mosquera, Yolanda Castaño, Luís Villares ou María Mera.


23/03/2014

Unha parroquia virtual

Redacción.-

O proxecto, Os Vilares, lareira de soños segue avanzando e despois da novidade dun logo corporativo, estrea agora un sitio web, unha páxina na que mirar os pasos do proxecto pensada para que sexa sinxela, asequible a calquera persoa e que cumpla co mínimo para ser un instrumento útil para o proxecto e para apropia parroquia, orfa ate o de agora de calquera tipo de lugar promocional especifico na rede e que inaugurou con notable éxito este proxecto co www.facebook.com/osvilares e que continúa agora ampliándose‎ a un sitio web propio.

O nome, http://dosvilares.com busca que o nome faga xa sentirse " dos Vilares", de pertenza,‎a quen traspase os lindes desta parroquia virtual, onde atopará novas, historia, imaxes do patrimonio, festas, persoas, paisaxes, pasado...

Quen percorra esta parroquia virtual poderá ver videos nun canal de YouTube e acceder ao seu facebook para estar ao día do que pasa nos Vilares. Coñecerán aos nosos colaboradores, e ademáis poderán participar directamente na elaboración de ideas e novos proxectos a través do contacto da mesma.

Esta "parroquia virtual" dos Vilares pretende ser un territorio vivo e participativo, ao servizo de tod@s e soporte publicitario e turistico da parroquia e de todo o que alí aconteza ademáis de canalizador de novas iniciativas que están a puntiño de entrar na lareira e que iremos anunciando nesta web de tod@s.

A alcaldesa pedanea desta parroquia virtual é a moza dos Ramos, María Teijido Caínzos, estudante de secundaria en Guitiriz e presente e futuro dos Vilares, que coordinará o funcionamento da web e coordinará futuras iniciativas buscando así implicación dos máis mozos, frescura e dinamismo.

Como calquer proxecto serio e con vocación continuista, estamos a crear plataformas de traballo para o futuro, nunca excluíntes e sin máis pretensión que poñer en valor esta parroquia chairega, berce de Díaz Castro, e ‎colaborar en toda canta iniciativa en positivo se leve adiante nela e poñemos este novo instrumento ao servizo da parroquia naquelo que se precise, non só do noso proxecto sinón de outros traballos e organizacións.

Festas, romerías, eventos varios, todo aquelo que sexa susceptible de promover tanto para organizadores como para os veciños, terá cabida aquí, na http://dosvilares.com ademáis de opinión, propostas e iniciativas‎. Como nos Vilares, o lugar existe pero son as xentes as que verdadeiramente lle dan vida.

María Teijido Caínzos, ao igual que Pastora veres,autora da publicación e Cibrán Tenreiro, director do documentario garantizan unha visión actual e de futuro dos Vilares desde o respeto e a admiración ao pasado.

dosvilares.com agarda como a propia parroquia aos seus visitantes acolledoramente e honrados con que percorran este noso território chairego recibindo a carón da quentura desta lareira de soños e lareira de tod@s. Benvidos!

22/03/2014

Nick Waterhouse en Compostela

Redacción.-

Nick Waterhouse, arranque de luxo para VI Edición do Ciclo Galicia Importa, estará o xoves 27 de marzo na Sala Capitol de Compostela.

Nick Waterhouse foi unha das sorpresas da último Primavera Sound en Barcelona. Con só 25 anos e un disco no mercado, o músico e produtor californiano recibiu eloxios de prestixiosos medios como a influente revista inglesa Mollo, que destacou o seu álbum de debut “Time is all Gone” como o mellor disco de soul de 2012.

Este mes de Marzo publica o que será o seu flamante 2º disco “Holly”, en claro homenaxe ao seu ídolo e producido en Los Ángeles polo propio Waterhouse xunto a Kevis Augunas (Cold War Kids, The Black Keys) e no que conta con colaboracións de luxo como a do seu bo amigo Ty Segall.

20/03/2014

E todos, todos se van

Agustín Fernández Paz.-

Stefano, de Mª Teresa Andruetto 
 (Galaxia, 2010 / Ediciones SM, 2010)

Unhas palabras sobre a autora

Lin esta novela ao pouco de aparecer publicada en España (a edición orixinal arxentina é de 1997). Primeiro coñecín a versión galega editada por Galaxia, traducida por Ánxela Gracián. E pouco despois souben da edición en castelán de SM, que lin fascinado, como xa me ocorrera coa versión galega.

O meu primeiro coñecemento da escritora arxentina María Teresa Andruetto, malia saber que tiña unha ampla obra narrativa e poética, só moi parcialmente publicada en España, foi a través dos seus traballos sobre a promoción da lectura e da escritura entre a infancia e a mocidade, especialmente no ámbito escolar. Con ela, ocorreume o mesmo que co inglés Aidam Chambers: lendo os seus escritos tiña, e teño, a sensación de que as ideas e as prácticas que defendo sobre a promoción da lectura aparecen reflectidas de forma maxistral nos seus textos. Supoño que terían unha sensación semellante todas aquelas persoas ás que me sinto unido (en Galicia, en España, en Latinoamérica) neste obxectivo fundamental que é a revolución da lectura como vía para unha sociedade democrática.

A obra literaria de María Teresa Andruetto acadou un amplísimo recoñecemento internacional. No ano 2009 obtivo o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil e no ano 2012, o Premio Andersen que o IBBY concede cada dous anos. Cando lle foi entregado, pronunciou un discurso que paga moito a pena ler. Quen desexe saber máis sobre ela, encontrará ampla información na Rede (agradecemento especial á imprescindible revista Imaginaria). Tamén na súa propia voz, como podemos ver neste vídeo:


A emigración incesante

Mais do que nos toca falar hoxe é do seu Stefano. Non contarei case nada do argumento, que desenvolve un tema esencial tamén na historia de Galicia: a emigración aos países americanos nas primeiras décadas do século XX.

Chega con narrar a situación inicial: nunha aldea do sur de Italia viven Stefano, un adolescente, e Agnesa, a súa nai viúva. Instalados na pobreza máis extrema, en Stefano agroma a idea de emigrar a América, seguindo os pasos de tantos mozos que abandonaron Italia, e Galicia, nas primeiras décadas do século pasado. Ao facer dezaseis anos, Stefano, xunto con outros mozos da bisbarra, embarca rumbo a Bos Aires.

Canta vida pode conter unha novela que non chega nin as cen páxinas! Ao lermos Stefano, é inevitable lembrar a metáfora do iceberg, que adoita atribuírse a Hemingway. En esencia, dino que toda boa novela é como un iceberg. O que lemos son só as 2/5 partes visibles, mais por baixo da superficie ocúltanse as 3/5 partes restantes, a gran masa de xeo que sostén todo o conxunto.

Esta idea adquire sentido pleno na novela de María Teresa Andruetto. Por debaixo dun texto que combina fragmentos de aparencia documental con outros de intenso lirismo, discorre un poderoso río subterráneo que alimenta os múltiples camiños que a novela nos ofrece.

Está, por riba doutros, o drama da emigración. A pobreza, a inxusta estrutura social, o atraso… As causas que forzaron a emigrar a Arxentina a un gran número de persoas do sur de Italia, de Grecia, de Galicia e Asturias, así como a xudeus dos países da Europa do este. As persoas que forman as raíces da Arxentina actual, onde os apelidos da poboación reflicten e lembran as terras de orixe.

Disto, e da dura loita pola supervivencia no país de adopción, é do que nos fala a novela de Mª Teresa Andruetto. A autora faino do xeito en aparencia máis sinxelo: narrando a historia dunha vida, que se erixe en paradigma de moitas outras. Un tema da maior vixencia nesta Europa que ergue valados mortíferos para conter o imparable: a fuxida da pobreza e a ansia dunha vida mellor por parte da poboación de tantos países de África.


Stefano: unha alfaia

Stefano, o mozo protagonista, experimenta a dor da marcha, a amargura do desarraigamento, a dura adaptación a un novo país, a unha nova vida. A música, as cancións da terra que deixou e o idioma familiar serán algúns dos seus puntos de apoio na travesía vital. Coñeceremos o seu itinerario sentimental, as súas relacións con Lina e Tersa, ambas insatisfactorias, e o permanente remorso de saber que deixou soa á nai e que nunca volverá vela. E, por riba, a inquietude e o desacougo, a procura obsesiva dunha estabilidade emocional que só chegará cando o azar o decida.

Se a trama é rica en temas e matices, non o é menos a estrutura narrativa que a autora constrúe para contárnola. A novela preséntasenos coma un puzzle, unha sucesión de breves fragmentos nos que se alternan dúas voces narradoras (unha en terceira persoa, omnisciente; outra en primeira persoa, a de Stefano). Fragmentos que ao primeiro non sabemos ben como situar, porque a estrutura temporal non é lineal; mais, aos poucos, imos adiviñando os perfís do conxunto. As derradeiras pezas constitúen un final perfecto para esta novela inesquecible. Amargura e lirismo, paixón e tenrura, desarraigamento e amizade, soidade e amor: un xogo de contrastes que enriquece un texto onde non sobra nin a máis pequena palabra. Que gozo, podelo ler!

O texto completo, con todas as ligazóns, vídeos e imaxes, pode lerse na rede, no blog de Agustín Fernández Paz

Novo logo de Os Vilares

Redacción.-

O proxecto Os Vilares, lareira de soños crea novo logo corporativo, que pretende a identificación visual do mesmo coa parroquia. O azul plomizo do ceo ou o monte raso do que falou Manuel María no seu poema Terra Chá, ou o cordal de Montouto tan nomeado por Díaz Castro en Nimbos compoñen esas franxas integradas en cores tan galegas, azul do ceo, verde dos prados e o branco nevado dos montes na invernía.
Manuel María que propuxo este traballo a Pastora Veres, Díaz Castro, indíxena da parroquia e a quen se adica este ano o Día das Letras Galegas, inspiran este logo coa Chaira de fondo.

En proximos días estará xa operativa unha web que será dirixida pola rapaza dos Vilares María Teijido Caínzos e que servirá de fío conductor de jovas iniciativas deste proxecto e que se irán anunciando na mesma. De momento se atopa en fase de construcción, pero o seu dominio será

http://dosvilares.com

O proxecto será presentado aos veciños da parroquia o 20 de Abril na sesión vermú das festas da Pascua pola actriz Isabel Risco e María Teijido Caínzos.

Tanto o documental como a publicación se atopan nunha avanzada fase de rodaxe e redacción respectivamente, e estarán rematados após do verán para ser apresentados publicamente no próximo outono.


www.facebook.com/osvilares
http://dosvilares.com (en construcción)


19/03/2014

Os "pepes" de Vilalba

Xulio Xiz.-

Aí ven xa, un ano máis, e van cincuenta e catro, a Festa dos Pepes vilalbesa que xunta a todos os Pepes e Pepitas, Josés e Josefas e ás súas parellas, nunha convivencia orixinal que xa forma parte da historia vilalbesa máis recente.

Porque na actualidade é moi normal que os colectivos se xunten, tanto polo que a nomes se refire como a profesións ou como membros dunha colectividade veciñal, pero naquel comezo dos sesenta os Pepes vilalbeses fixeron historia, e moitas xuntanzas que agora se celebran tomaron exemplo desta convivencia e espíritu festeiro que caracterizou aos vilalbeses que celebran o seu santo o 19 de marzo.

E resulta ser xusto e necesario que esta xuntanza se aproveite para honrar a memoria de Pepe Apenela, que morreu o pasado setembro, e que por ser impulsor de numerosas actividades vilalbesas, tamén o foi desta festa dos Pepes, da que sempre se mostrou como o máis importante valedor.

Sinal de que “Os Pepes” son importantes en Vilalba é o de dispor dunha rúa con ese nome, caso singular que entendo non se dará en ningún outro lugar, polo que ben está que nesa rúa o día en que fan festa – este sábado, quince, adiantándose catro días á festa do seu padroeiro- se xunten para reivindicar o lugar como pertencente a un colectivo cada vez máis forte e ilusionado.

Que cada ano sexa un Pepe o que organice os actos, que hai catro anos se impuxera unha medalla a todos os que foron presidentes en anos anteriores, que os máis veteranos vaian cedendo o paso aos máis novos, e que este ano o organizador sexa un Pepe de vintepoucos anos garante que a nosa festa vaia para largo e os Pepes vilalbeses estean máis vivos ca nunca.

Eu xa me teño lamentado públicamente que non me bautizaran Pepe para poder participar na festa, e quizais por iso cando cumpriron as cincuenta festas me levaron a pregoar e me deron unha medalla pola que sempre lles estarei agradecido. E vaia desde aquí, co meu agradecemento, e a lembranza a Pepe Apenela, o desexo de que teñan unha ben xeitosa Festa dos Pepes, que Vilalba e todos os Pepes que foron e serán, meréceno.

17/03/2014

De códigos éticos e estéticos

Xosé Manuel Pacho.-

Vou facer un código ético. Xa o decidín. Vivimos tempos difíciles, e moita xente estao a pasar mal. Os políticos teñen roubado a mans cheas, e as familias e os postos van pasando de pais a fillos, como se dunha monarquía se tratase. A este paso, ata se vai herdar o posto de presidente da Deputación. Se se heredan concellos e ministerios, isto non debería ser raro no noso país, na nosa sociedade.

Esta é a razón do código ético. Alguén debe dar un paso adiante. Acabaremos coas prebendas políticas, cos caciques, coa monarquía. Non, con isto último non. Pero deixaremos de permitir que se coloquen a dedo votantes afíns, amigos, a cambio de diñeiro. Deixaremos de permitir testaferros e intermediarios que cobren a mordida, como se isto fose a Idade Media ou como se isto fose a Deputación de Baltar ou a de Besteiro.

A partir de agora, está feito. Esta será a nosa nova consigna, sen facer diferenza entre votantes dun tipo ou doutro, así, como se todos fosemos iguais. Non haberá cacicadas electorais. Non se aceptarán máis de cinco porteiros por porta, nin coleccións de coches antigos pagadas e mantidas co diñeiro dos cidadáns. Tampouco aceptaremos que as adxudicacións públicas vaian sempre ás mans dos parentes dos políticos ou dos seus amigos.

Home, cousa distinta é que alguén queira facer homenaxes. Como se é a min. A min ou ao meu pai. Pero nada de obrigar a ir aos enchufados e aos que pagaron as súas prazas. Non.

A partir de agora non se permitirán que as axudas públicas vaian para as empresas afíns. A partir de agora, non se permitirá enchufar a ex-noras ou a cuñados, ou a fillos de amigos. Nunca máis. Dende este momento, esixiremos os principios de igualdade, mérito e capacidade. Contrataremos legalmente. Dende agora actuaremos coma se fosemos unha democracia. Coma se fosemos Europa. Si, señor, como Europa.

E ademais do código ético, espero que a xustiza actúe coma sempre. Sen facer nada. Mirando para o outro lado. Sempre vai haber algún xuíz vaidoso que se suba ao carro, e os demais con que non investiguen, abonda.

Só me faltaba isto, aprobar un código ético, e vestirme de sheriff con traxe de coiro a medida, para o próximo Entroido. Ou peor, ver a Bono, o cantante, o irlandés, falar no mitin do PP europeo. O outro Bono, o cantante, que foi presidente de Castela, este xa era fillo de falanxista…

15/03/2014

"Puntos de pintura" e "Gravados" no Torrente

Redacción.-

Onte venres día 14 de marzo ás 19.00 h., tivo lugar no Centro Torrente Ballester de Ferrol o acto de presentación da doazón dunha peza do artista ferrolán Ricardo Segura Torrella ao Concello de Ferrol pola familia Loureiro Maneiros. Paralelamente, inauguráronse as mostras Puntos de pintura e Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol.

Puntos de pintura nace coa intención de achegarnos a unha serie de artistas nos que o tamaño das súas pinturas é menos relevante que o seu peso e a súa forza. Trátase de obras de dimensións reducidas, que nacen a partir do ínfimo para tensar a mirada e lembrarnos a fortaleza dun discurso independente do formato. Ao longo da exposición oito artistas compoñen os seus pequenos mundos expandindo as súas obras como minúsculos puntos onde deter a nosa atención. Entre os autores que configuran o percorrido expositivo atópanse algúns dos nomes máis relevantes do panorama nacional, é o caso de Nacho Martín Silva, Teo Soriano ou Vítor Mejuto e tamén do internacional como a alemá Daniela Krtsch e o uruguaio Fernando Velázquez. Sen esquecer a importante presenza de creadores galegos, como as ferrolás María Ledo Olcoz e Sofía Piñeiro ou a artista coruñesa Arantza Pardo.

Por outra banda, Gravados da Colección de Arte Concello de Ferrol realízase con motivo da presentación neste ano 2014 da nova edición do Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos. Esta mostra configúrase como unha exposición retrospectiva dedicada á posta en valor da importante colección de gravado que atesoura a Colección de Arte Concello de Ferrol e que se ten construído a partir das distintas edicións do Premio Máximo Ramos así como das compras e doazóns feitas polos artistas ao Concello de Ferrol. Partindo dos gravados de Luis Seoane presentes na Colección, a exposición fai unha lectura da presenza do gravado en Galicia centrándose en artistas moi representativos da escena cultural desde os anos setenta ata hoxe. Así, obras de Rafael Baixeras, Berta Cáccamo, Juan de la Colina, Xavier Correa Corredoira, Manuel Facal, Xosé Freixanes, Xurxo Gómez Chao, Anxel Huete, Menchu Lamas, Xurxo Oro Claro, Cruz Pérez Rubido, Alberte Permuy, Manuel Quintana Martelo ou Manuel Facal conforman este percorrido pola escena do gravado en Galicia.


Para máis información
www.centrotorrenteballester.com

Revista avozdevilalba.com febreiro 2014

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 69 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de febreiro de 2014. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

10/03/2014

Nunca estiven en Sicilia

Xulio Xiz.-

Pola miña idade, o tempo das novas tecnoloxías chegoume non tarde pero xa con moito camiño andado polo que me tiven que ir reciclando constantemente, desde aqueles primeiros tempos laborais en que aprendín a escribir a máquina nas vellas Hispano Olivetti que hoxe son historia ata os actuais ordenadores onde, se sabes tocar onde hai que tocar, che solucionan case todo.

Lóxicamente, manexo Internet, porque xa se sabe que quen non acceda a Internet é igual que o que hai medio século era un analfabeto que non sabía ler e escribir. Pero xa cando falamos de redes sociais tipo Facebook preciso axuda para mandar mensaxes ou recibir todo tipo de comunicacións.

Chamoume a atención estoutro día ver que na miña parcela que teño en Facebook indícase, sen que eu puxese nada diso, que son oriundo de Vilalba (Sicilia), e ata o de agora ninguén me dixo nada a pesar de que cando o dezasete foi o meu cumpleanos, a través desa páxina me chegaron un par de centos de felicitacións.

Prefiro pensar que en Sicilia existe un pobo co mesmo nome e aos rectores do Facebook que programan automáticamente os datos da súa web lles sone máis que o noso. Porque outra posibilidade que cabería é que asimilen aos chairegos, siquiera simbólicamente, co amor a terra dos sicilianos cando se di que temos unha grande querencia á nosa terra de orixe, chegándose a indicar que a escala informativa, de escritores, da cultura, somos una pequena mafia chairega.

Xa digo que prefiro quedarme coa primeira posibilidade e pensar que é un erro informático, e que en calquera célula presuntamente intelixente dun cerebro electrónico de calquera val dixital dos Estados Unidos de América, saltou o nome de Sicilia á hora de buscar referencia para achegarse a Vilalba.

De todas maneiras vou pedir axuda á miña descendencia a ver se é posible manipular ese dato en concreto para dicirlle a Facebook que, polo de agora, Vilalba é a capital da Terra Chá, senlleira comarca de Galicia, e que Sicilia nos queda moi lonxe a todos os efectos. Que somos un fisterra, asomado ao Atlántico, e que a pouco que se confíen téñennos aló para dicirlles catro cousas.

Curso de aptitude empresarial

Redacción.-

O Sindicato Labrego Galego da Terra Chá comeza hoxe, 10 de marzo, un curso de aptitude empresarial agraria que se desenvolverá no local da organización agraria en Vilalba ao longo de 2014, tendo o seu remate o 21 de outubro. O curso terá unha parada técnica dende finais de primavera até o remate do verán para que as 20 persoas inscritas poidan afrontar sen atrancos o incremento estacional do traballo que se produce nesta época do ano nas súas explotacións.
Respecto aos contidos do curso, abranguen toda a complexa parte burocrática que implica a xestión dunha granxa (contabilidade, administración, informática, fiscalidade, esixencias medioambientais, relacións laborais e prevención de riscos, asociacionismo, comercialización...) amais da temática centrada na produción.

Ramón Pernas, premio Azorín de novela


Redacción.- O escritor Ramón Pernas (Viveiro, 1952) resultou gañador da XXXVIII edición do Premio Azorín de Novela coa súa obra 'Paradiso', na que relata a conexión entre un ancián de 86 anos e unha elefanta do circo Tívoli no momento da morte do home. 

O fallo deuse a coñecer o pasado xoves no decurso dunha gala celebrada no Auditorio da Deputación de Alacante. Pernas presentouse ao certame baixo o pseudónimo Marinetti e a novela coa que concorreu ao galardón, dotado con 45.000 euros -23.000 menos que os 68.000 euros cos que ata a edición do ano pasado premiábase ao ganador- levaba o lema de 'Unha furtiva lacrima'. 

En total, presentáronse 201 obras á 21 edición do premio de novela da man da Editorial Planeta, unha das edicións máis concorridas dos 38 anos de vida de historia da distinción que outorga a Deputación de Alacante. 

09/03/2014

A privatización do Sergas

Pablo Vaamonde.-

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten, para o ano 2014, un orzamento de 3.326 millóns de euros, que é case 400 millóns máis baixo que en 2010. As externalizacións e os concertos con centros privados aumentaron de forma extraordinaria; representan xa preto do 50% do presuposto total xunto co gasto en farmacia e material sanitario, que segue a ser moi elevado (1335 millóns de euros). O descenso orzamentario afecta sobre todo ao gasto en persoal (pola destrucción de prazas e a reducción salarial, descende un 14% respecto a 2010 e representa o 44% do total). Con tanto gasto comprometido para a actividade privatizada e a factura das farmacias, o Sergas só dispón do 5% do presuposto para todo o demáis (obras, dotación, equipamento, funcionamento etc.), a todas luces insuficiente. Os actuais gobernantes levaron a situación a tal extremo que o Sergas ten cegada toda posibilidade de investimento e mellora, situación terrible para calquera organización que queira ser punteira.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ven de facer público un excelente informe no que deixa ben ás claras a estratexia privatizadora impulsada polo PP en Galicia. A forma de actuar é a mesma que empregan no ámbito educativo: recortan os orzamentos, reducen o persoal e desprestixian o seu traballo, e despois ceden a empresas privadas o labor que viñan realizando os empregados públicos. Núñez Feijóo, experto privatizador (a nefasta experiencia das Fundacións Sanitarias e a privatización de Correos figuran no seu currículo), impulsou esta liña de actuación desde o primeiro día en Monte Pío. A folla de ruta é ben clara: fragmentan a sanidade pública en diversas áreas de actividade para proceder logo á súa privatización. Deste xeito destrúen postos de traballo e descapitalizan os centros públicos; non garanten unha mellor calidade na prestación pero sí que provocan, en todos os casos, un maior custe económico. Neste estudo destacan, pola súa repercusión negativa para o futuro, a privatización de alta tecnoloxía (mediante a curiosa figura legal chamada “socio tecnolóxico”) que queda en mans das propias empresas subministradoras, e serán as que decidan que tecnoloxía se implementa e donde se sitúa: aumentará o gasto e o uso excesivo e inadecuado destes recursos, como se demostrou noutros estudos. Tamén é unha substraccion moi relevante a entrega a mans privadas da docencia, a formación e a avaliación de tecnoloxías; o sistema público perde o control dunha área fundamental: a investigación e o coñecemento que permiten construir o futuro.

Con esta táctica o PP entregou xa a mans privadas parcelas moi amplias dos centros sanitarios: o servizo de ambulancias, as telecomunicacións do Sergas, o almacenamento e suministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica (Ianus) e a receita electrónica, a central de chamadas (que presta un servizo penoso), a alta tecnoloxía etc. Agora pretenden privatizar os servizos de esterilización de todos os centros sanitarios de Galicia, unha decisión de alto risco e que pode deixar sen traballo a preto de douscentos profesionais. O citado documento, que cómpre ler polo miudo, revela cales son as empresas beneficiadas polas privatizacións, sinala os numerosos conflitos de interese existentes nas decisións políticas e destapa o papel cómplice das empresas consultoras neste acelerado proceso privatizador, e os seus vínculos co entorno do partido gobernante.

A ADSPG remata o seu escrito facendo un chamamento: “Hai que parar este desmantelamento ilexítimo e seguramente ilegal do noso Servizo Galego de Saúde”. Se non somos capaces de frear esta estratexia privatizadora, no futuro será moi difícil recuperar a titularidade pública dos servizos privatizados. Cómpre actuar xa, sen máis demora.

08/03/2014

Obradoiro de Sistemas Alimentarios

Redacción.-

Mañá venres 7 de marzo, ás 19:00 h. no Centro de Interpretación da R.B Terras do Miño (Paseo do Rato, Lugo) terá lugar unha xornada de diseminación de resultados do “Obradoiro Internacional de Sistemas Alimentarios Locais” que se desenvolve a partir de mañá mércores no ámbito do Masterterra que organiza o Laboratorio do Territorio (Laborate) e no que colabora a AGCT.

Neste obradoiro internacional participan alumnos do Masterterra e estudantes de arquitectura da paisaxe da universidade holandesa de Van Hall Larensteinen que se centraran en estudar como o fomento dos sistemas alimentarios locais e a agricultura tradicional poden axudar a conservar a paisaxe e os valores naturais dentro da reserva da biosfera.

06/03/2014

Crónicas da clase obreira

Agustín Fernández Paz.-


(As viñetas da ilustración pertencen a Ha muerto un hombre 
de Kris e Étienne Davodeau. Ponent Mon, 2007)


La mala gente. Una historia de militantes.
Étienne Davodeau (Ponent Mon, 2006)

O meu encontro coa obra de Étienne Davodeau foi no ano 2007. En agosto viaxei á Coruña para ver as exposicións que Viñetas desde o Atlántico organizara para a edición daquel ano. Antes de regresar, mantiven unha conversa con Miguelanxo Prado e pregunteille que autores pagaban de verdade a pena entre os que viñeran aquel ano. Miguelanxo citoume varios nomes, entre eles o da israelí Rutu Modan, mais insistiume en que, de ningún xeito, podía perder a obra de Davodeau.

Eu non o coñecía de nada, xa había algún tempo que desistira de estar ao día de todo canto se publicaba no eido da BD. Mais, fiándome como me fío dos gustos de Miguelanxo, merquei decontado as dúas obras que atopei de Davodeau: La mala gente e Ha muerto un hombre.

Que marabilla! Fiquei fascinado con aqueles dous álbums. O debuxo, en aparencia, non tiña artificio ningún, mais era moi eficaz para contar unhas historias soberbias, planificadas dun xeito admirable. Desde aquel encontro, convertinme en seareiro do autor francés (non son o único), do que fun coñecendo logo outros traballos seus que se publicaron en España: Caída de bici, Lulú, mujer desnuda (en dous álbums), Los ignorantes , El testimonio e a recuperación recente de Rural, citados aquí pola orde en que os fun lendo. Ningún deles me defraudou, nin creo que o fagan os seus traballos futuros.

Dubidei sobre cal daqueles dous primeiros álbums elixir para comentar no blog, pois ambos son excelentes. Axiña me decidín por La mala gente. Una historia de militantes, publicado en Francia no 2005 e en España ao ano seguinte, por Ponent Mon.

Aparentemente, a historia que nos conta esta novela gráfica non pode ser máis sinxela. O propio Étienne Davodeau, convertido en personaxe da súa obra (recurso que utilizará noutras), decide relatar a historia dos seus pais, xa xubilados, que foron sindicalistas e militantes socialistas desde a década dos cincuenta, nunha bisbarra de Francia profundamente conservadora, con estruturas caciquís e moi marcada pola relixión católica.

Davodeau desexa contar a historia dos seus pais non só pola dimensión afectiva, senón porque nela se reflicten moi ben as loitas que deron lugar ao nacemento dos sindicatos na zona. Un obreiro e unha obreira cunha longa historia de militancia detrás.

Tras convencelos, non sen traballo, para que acepten a proposta, asistimos ás conversas coa nai (Marie-Jo) e co pai (Maurice), por separado. Fillos de obreiros, obrigados a traballar desde os catorce anos. Ela, nunha fábrica de calzado; el, de aprendiz nun taller mecánico. Son os anos cincuenta: as condicións de traballo son duras e, sobre todo no caso de Marie-Jo, non se albisca ningunha perspectiva de mellora.

A finais dos cincuenta chega á zona un cura novo, en teoría para lles axudar aos párrocos da bisbarra. Na práctica, para promover a creación da J.O.C. entre mozos e mozas. Maurice intégrase nun grupo de mozos, Marie-Jo noutro de rapazas. A J.O.C., como tamén sucedeu en España, foi un xermolo da loita sindical.

Para os dous, estes son anos de formación, de descubrir que hai outros horizontes, de decatarse das condicións inxustas en que traballan. En 1962, cando comeza o Concilio Vaticano II e acada significación o movemento dos curas obreiros (que tamén tivo repercusión en España, eu tiven trato con algúns deles), tanto Marie-Jo como Maurice xa son dirixentes de grupos da JOC.

Coñécense en 1965 e casan poucos meses despois. Non se nos conta a súa vida privada, foi unha das condicións que puxeron os pais, pero si a súa loita sindical e política a medida que van adquirindo formación e conciencia de clase. A narración chega ata 1981, ano do triunfo de Françoise Mitterand como presidente da república.

Unha novela gráfica que paga moito a pena ler. Como tamén o merece Ha muerto un hombre, que toma o título dun poema de Paul Éluard (Morreu un home /cuxa única defensa eran / os seus brazos abertos á vida…). Nel nárrase a gran folga que houbo en 1950 na cidade de Brest, a través dos ollos do cineasta René Vautier, que filmou toda a secuencia das loitas obreiras. Dous álbums que se inscriben na corrente de BD que narra historias do movemento obreiro. Étienne Davodeau, un autor que nos ofrece nas súas obras un espello da realidade, un autor que paga a pena seguir.

O texto, con todas as imaxes e ligazóns que o acompañan pode lerse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz.

Consecuencias dos temporais no agro

Redacción.-

A Consellaría de Medio Rural abandona á súa sorte ás explotacións damnificadas polos temporais.
Tras unha xuntanza co Sindicato Labrego Galego o 26 de febreiro, e trala comparecencia diante da Comisión de Agricultura do Parlamento do 28 de febreiro, a Xunta teima en propor como única solución a subscrición de seguros que non están adaptados á realidade galega.

Hai unhas semanas, o Sindicato Labrego Galego solicitaba unha reunión de urxencia con responsables da Consellaría de Medio Rural para tratar a crise provocada polos estragos dos últimos temporais nas explotacións agrogandeiras galegas, especialmente nas de horta1. A resposta da Xunta non se fixo agardar e celebrouse unha xuntanza coa directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, e o subdirector xeral de Apoio ás Explotacións, Nicasio Mejuto; á que acudiron o responsable do sector de Horta, Froita e Flor do SLG -Miguel Méndez-, e a técnica Conchi Mogo. Deste encontro, que se celebrou o 26 de febreiro, do mesmo xeito que na posterior Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia do 28 de febreiro, pouco se sacou en limpo, xa que en Medio Rural seguen convencidos de que son os seguros agrarios deben cubrir este tipo de vicisitudes.

Dende o SLG explicóuselle a Patricia Ulloa a vella problemática de que o meirande das liñas de seguro para o agro non están adaptadas á realidade galega e que, por esta razón, son moi poucas as explotacións que os contratan. A pesares diso, dende a Consellaría de Medio Rural non deron o brazo a torcer e negáronse a crear unha partida orzamentaria para apoiar ás explotacións que sufriron os estragos dos temporais. Patricia Ulloa remitiu calquera posible axuda directa ás que vai poñer en marcha o Ministerio de Agricultura e que só beneficiarán a unha listaxe de concellos afectados e a casos moi restrinxidos que, con toda probabilidade, se limitarán aos costeiros e se esquecerá do meirande dos estragos acontecidos no interior e no rural.

O único positivo que se tirou desta xuntanza foi o compromiso da directora xeral de traballar novas propostas de seguros agrarios para Galiza no futuro e de estudar a posibilidade de dar preferencia ás explotacións damnificadas á hora de conceder as axudas dos plans de mellora, sempre e cando o orzamento non chegue para atender tódalas solicitudes. O resto das propostas do Sindicato Labrego Galego perdéronse en respostas vagas e sen concreción ningunha.

Para o responsable da Dirección de Horta, Froita e Flor do SLG, a fraca reacción da Consellaría de Medio Rural supón un desprezo total polo campo e polos labregos e labregas. “Vemos nos titulares dos medios de comunicación axudas para recompoñer paseos marítimos ou obras que se fan sen sentido, quitándolle ao mar un espazo natural que despois recupera; e para o campo, para asegurar a produción de alimentos en Galiza, nada de nada”, critica Miguel Méndez. Para este labrego de Vedra “está ben que nos reciban, mais a Consellaría terá que comezar a facer algo de política e non deixarnos á marxe de todo. É moi difícil que o rural se recupere e que a xente moza vexa o campo como un lugar de traballo con futuro, cando recibimos este desprezo total por parte das institucións”.
Finalmente, Miguel Méndez considerou que “darnos os seguros como saída aos danos dos temporais, cando saben que non hai pólizas contratadas, é o mesmo que mandarnos producir a Marte. Non hai seguros contratados, polo que só nos queda facerlle fronte ás perdas as propias persoas que as sufrimos, sen capacidade financeira para facelo ou, simplemente, contar os días que nos restan como activos agrarios”. Méndez recordou que os problemas das nosas explotacións “non son cousa só dos labregos e labregas. Son un problema de toda a sociedade galega, e teremos que implicarnos en defender o futuro das fincas agrarias se non queremos, dentro de pouco, ser completamente dependentes de fóra para alimentarnos”.

05/03/2014

II Curso de ilustración de natureza

Redacción.-
Recen finalizado o I curso de ilustración da natureza, a Asociación Galega de Custodia do Territorio comeza xa coa 2ª edición...
no C.E.N CASA DAS INSUAS, Rábade (Lugo),  impartido pola artista-ilustradora Mariana Roura.

O obxectivo deste curso é iniciarse no mundo da ilustración natural, que serve como ferramenta de traballo para naturalistas, estudosos e interesados na natureza. Tratarase de aprender as principais técnicas, os materiais máis utilizados e nocións sinxelas para poder sacarlle o maior partido as nosas saídas de campo con papel e lapis.

Ademais, sempre que sexa posible, os días que dure o taller rematará a teoría con prácticas de campo ao aire libre, que é a mellor forma de aprender. As clases serán polas mañás, así aproveitarase mellor a luz natural.

O horario será de 10 a 14h, os sábados e domingos segundos de cada mes, a partir de marzo. En principio o curso durará 5 meses, podendo prologalo máis se houbese interese por parte dos asistentes.

Practicarase a capacidade de observación, xunto coa memoria visual, volume..., conceptos moi necesarios para debuxar animais. Tamén farase un repaso aos principias materiais, técnicas e practicas de cor. Cada fin de semana tratarase un grupo de animais, para así ver o máis representativo de cada un.

Pero todo o anterior irase ampliando e aplicando con exercicios prácticos. Tamén adicarase un fin de semana á flora.

O obxectivo deste taller prolongado é que os propios alumnos practiquen pola súa conta durante o mes seguinte, poñendo en práctica o aprendido. Pode ser moi interesante xuntar todas as obras e comentalas no seguinte taller.

O primeiro día só será necesario traer un lapis HB, papel ou blogue e un sacapuntas. O resto do material irase engadindo a medida que as clases avancen. É interesante que os asistentes vaian facéndose co seu propio material, que é sempre moi persoal e depende dos gustos. Haberá a
posibilidade de poder adquirir os materiais necesarios a un bo precio na Casa das Insuas.

PROGRAMA
1o TALLER: 8 e 9 de marzo de 2014, de 10 a 14h Sábado 8 de marzo - A ilustración da natureza ao longo da historia. A
ilustración científica.
- Principais materiais usados na ilustración. - O caderno de bosquexos. Practicar, experimentar, tomar apuntes.
Domingo 9 de marzo,
- O que hai que saber para debuxar seres vivos e natureza.
- Conceptos no debuxo dos animais: Encadre, estruturas en formas básicas, proporcións, volume, contraste, luz e sombras. A teoría do color.
- Principais técnicas e medios máis usados na ilustración. Acuarela, gouache, plumilla, ceras, lápices...
Exercicios prácticos no interior e exterior Posta en común. Dúbidas e preguntas

2o TALLER: 12 e 13 de abril de 2014, de 10 a 14h. Sábado 12 de abril,
O debuxo dos animais. A anatomía ósea e muscular. Anatomía comparada. A estrutura básica a partir das formas básicas. Animais en movemento.
Luz e sombras para determinar o volume. Perfil e modelado do debuxo. Estudio do cabalo. Estrutura básica. Distintas posicións.
Posta en común, preguntas e prácticas no interior/exterior. Coller fotos de animais, estudar as súas formas, simplificar formas de mamíferos... Claves, técnicas, consellos, trucos...
Domingo 13 de abril,
- Os mamíferos. Estudio da súa anatomía. Anatomía comparada dos mamíferos. Anatomía comparada co home. Anatomía e movemento.
- O cráneo. Detalle da cabeza. Os ollos. - As patas. Extremidades en movemento.
Práctica de debuxo con cráneos de mamíferos. Debuxo dun mamífero real. (Ex.: un cabalo, un can, unha vaca...) Aplicación de cor e algunha técnica.

3o TALLER: 10 e 11 de maio de 2014, de 10 a 14h.
Sábado 10 de maio,
- As aves. Estrutura ósea e muscular. As plumas. - A cabeza. Picos.Ollos. Volume. - As patas e ás. - Posicións e movemento.
Debuxo de algún cráneo de ave. Toma de apuntes de aves ó natural, salvaxe ou doméstica (ex.: unha galiña)
Domingo 11 de maio,
- Elección dun ave por parte do alumno e debuxo da mesma a partir do cráneo, documentación fotográfica e guías de campo.
- Aplicación da cor usando as técnicas aprendidas anteriormente.

4o TALLER: 7 e 8 de xuño de 2014, de 10 a 14h.
Sábado 7 de xuño,
- Os insectos. Descrición e partes dun insecto. - As bolboretas. Escaravellos. Estrutura e forma.
Practicas debuxando algún exemplar de escaravello, bolboreta, libélulas Recordaranse as técnicas anteriores. Traballarase sobre o detalle, os brillos e a cor. Practicarase a ilustración a tinta.
Domingo 8 de xuño, de 10 a 14h.
- Os peixes. Anatomía dun peixe. Brillos, transparencias e cores. - Os réptiles e anfibios. Anatomía. Características para o seu debuxo.
Practicarase algunha das técnicas do apunte, ceras ou acuarela. Deixarase a persoa que elixa a súa técnica e vaia orientando a súa maneira de debuxar e as súas preferencias á hora de tomar apuntes e debuxar do natural. Tamén se volverá a traballar coa tinta. Momento de experimentar.

5o TALLER: 12 e 13 de xullo de 2014, de 10 a 14h.
Sábado 12 de xullo,
- O debuxo da flora a través da historia. Importancia na botánica descritiva.
- A ilustración da flora. Apuntes, características máis frecuentes. - As flores. Simetría, encadre. Volume. - As árbores. As coníferas, as caducas. Os brillos. As piñas, froitos... - Os fungos e os liques. As algas. Detallismo e realismo. Texturas.
Practicarase o debuxo de algunha especie vexetal na natureza. Faremos comparacións e estudio das diferentes formas dos vexetais, técnicas e trucos para o debuxo da flora. Interesante o debuxo das piñas, para practicar proporcións.
Domingo 13 de xullo,
- A paisaxe como temática naturalista e documental. - Técnicas de debuxo de paisaxes - Os fondos nas ilustracións. - Paisaxes invernais, outonais e primaverais. O xogo das cores. - Paisaxes costeiros, rochedos, acantilados e mariños.
- A auga. Os brillos, as luces, os reflexos.
Practicarase algunha técnica de acuarela e intentarase facer una paisaxe ó exterior. Ademais como remate, tomaranse apuntes do natural con total liberdade por parte do alumno e porá en práctica todo o seu coñecemento aprendido.O importante é soltarse e experimentar.
Faremos un balance de todo o aprendido. Resolveranse dubidas e expoñeremos as nosas obras e todos os progresos.
... ... e debuxar, debuxar e debuxar

Homenaxe a Antonio García Hermida

Redacción.-

O pasado venres 28 de febreiro comezaron os actos de celebración do ano de Antonio García Hermida, cos que A Voz de Vilalba acordou nomear ao 2014.

Esta decisión veu motivada por coincidir este ano co 75 aniversario do pasamento de Antonio García Hermida (1885-1939), escritor e xornalista vilalbés que impulsou varias publicacións no primeiro terzo do século XX, considerada a etapa máis fructífera do xornalismo na capital da Terra Cha.

O acto comezou ás 20:30 horas na Casa da Cultura coa presenza de Pilar Maseda e Manuel Roca Cendán, en representación de A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, as dúas entidades organizadoras. Estiveron por Xesús Rábade Paredes, autor do epílogo de “Charetas” -o libro de Antonio García Hermida que fora editado polo seu fillo Xosé Lois García Mato- e Lis García Ferreiro, fillo de García Mato e neto de García Hermida.

O evento remataou cun recital poético, onde se deron cita importantes voces, como a poeta e creadora Helena Villar Janeiro, Martiño Maseda e Francisco Xosé Roca Constenla.

Antonio García Hermida
As inquedanzas de García Hermida no mundo da prensa comezaron a unha idade temprana; en 1902 editou o xornal manuscrito Ideal Villalbés, unha folla voandeira que precedeu ás súas colaboracións en El Eco de Villalba, xornal fundado por Manuel Mato Vizoso e, á morte deste, dirixido por Xosé Novo Pardo.

Máis adiante, Tonito da Ponte -como era coñecido entre os seus conveciños- fundou e dirixiu a publicación literaria Azul y Blanco, cabeceira que simbolizaba as cores da bandeira galega e que viu a luz en 1914, hai xustamente un século. Esta foi outra efeméride que motivou a decisión de reivindicar, ao longo de 2014, a figura de Antonio García Hermida pola forte pegada que tivo no eido da cultura, tanto local como galega, xa que era militante activo das Irmandades da Fala -sendo secretario da Irmandade de Vilalba- e asiduo colaborador de Ilustración Gallega.

Pero o principal fito que protagonizou este home polifácetico na historia da prensa vilalbesa foi a aparición, o 4 de marzo de 1916, do xornal Heraldo de Villalba, subtitulado "Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa". Fundado e dirixido por García Hermida e con periodicidade quincenal, cesou a súa publicación co número 286, o 12 de abril de 1931, en vésperas da proclamación da II República. García Hermida asinou os seus escritos cos pseudónimos D'Aponte, Garcimida e Ragrech.

Ademáis da súa faceta de articulista, conta cunha breve pero intensa obra: Los niños y los árboles (1914); La herencia de Juanillo (1914); El jardín de Roberto (1919), premiado polo Ateneo-Biblioteca de Ribadeo; El huérfano y la esperanza, diálogo en verso; e Charetas, obra póstuma editada en 1973 polo seu fillo Xosé Luís García Mato, que recolle unha ampla selección dos seus poemas e contos.

Os actos de reivindicación da figura de García Hermida contarán co inestimable apoio do Instituto de Estudos Chairegos "Pena do Encanto" e rematarán o 4 de setembro, día do seu pasamento, no que A Voz de Vilalba publicará unha edición especial en papel.

As fotos do acto, de Chema Felpeto, poden verse nesta ligazón.

02/03/2014

Que non deixe de cantar o merlo

Redacción.- Aconteceu en Madrid na invernía dun día de febreiro na Casa de Galicia. Xentes da diáspora, artesáns do verso, académicos, fabulistas das artes escénicas, vellos corroídos na memoria da República, políticos acontecidos, algún curioso, familiares e amigos.

O Grupo Bilbao de poesía galega en Madrid, rendeulle homenaxe ao editor e escritor Sabino Torres Ferrer. O acto estivo organizado por Rafa Yáñez e Manuel Pereira e presentado por Vicente Araguas. A cousa rodou emotiva entorno á colección de poesía “Benito Soto” (1949-1951) o último pirata galego, facendo un percorrido polos 17 números da colección.

É sabido que o valor desa colección é incuestionable para comprender a literatura galega de posguerra e, para os chairegos, o inicio da inmensa obra do noso bardo Manoel María da Casa de Hortas, xa que o número X  (1950) da colección foi “Muiñeiro de brétemas” inaugurando así a “Escola da tebra”.

Sendo fieis ao dito por Xavier Rodríguez Baxeiras no libro “Manuel María” da Asociación Cultural Xeremolos respecto a “Muiñeiro de Brétemas”,  cómpre destacar que a relevancia deste libro descansa en ser o primeiro título dun poeta mozo escrito despois do 36.  

O acto comezou coa proxección da película muda “La gran truchada” protagonizada por Sabino nos anos 50; a continuación escoitáronse anacos da presentación feita por Víctor Freixanes na conferencia: “A colección Benito Soto , de Sabino Torres” (Casa de Galicia, 8 de xuño de 1999).

Continuou cun recital de poesía da colección Benito Soto, a cargo dalgúns dos compoñentes do grupo Bilbao: Inés Canosa, Laura Mundo Torres, Marta González Suárez, Ricardo Pichel, Vicente Araguas, Begoña Regueiro, Manuel Pereira, Xesús Varela, Marga Vázquez, Rafa Yáñez, Yolanda López, Vítor Garabana, Carme Lamela, Miguel Barrera, Xosé Soto (Pepiño da Gaita), Fermín Bouza e Pilar Mera.

O acto rematou cunhas verbas de Ana Acuña, unha carta de Alonso Montero e unha exaltación de amizade de Antonio Bonet Correa, presidente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Sabino agradeceu esta homenaxe con gran emoción e non puido chorar, por prescrición de Vicente. Na fotografía, o poeta chairego Rafael Yáñez Jato, recitando "Muiñeiro de brétemas".

01/03/2014

Novos tempos para DARDO

Redacción.-

Tras o seu nomeamento como director da Fundación Luís Seoane, David Barro deixa a codirección editorial de DARDO, empresa de deseño gráfico e xestión cultural, así como a codirección da revista DARDOmagazine.

David Barro, fundador conxuntamente con Paulo Reis de DARDOmagazine en 2006, abandona a codirección da revista, función que compartía actualmente co arquitecto Fernando Agrasar -director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (E.T.S.A.C)-, que é asumida por Mónica Maneiro, até agora redactora xefa da publicación. O labor de redactor xefe de DARDOmagazine pasa a recaer no crítico e comisario Anxo Calvo Ulloa.

Doutra banda, a dirección do grupo DARDO continúa en mans de Conchi Maio, quen desde o ano 2008 encargouse de coordinar toda a produción gráfica e editorial.