A privatización do Sergas

Pablo Vaamonde.-

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten, para o ano 2014, un orzamento de 3.326 millóns de euros, que é case 400 millóns máis baixo que en 2010. As externalizacións e os concertos con centros privados aumentaron de forma extraordinaria; representan xa preto do 50% do presuposto total xunto co gasto en farmacia e material sanitario, que segue a ser moi elevado (1335 millóns de euros). O descenso orzamentario afecta sobre todo ao gasto en persoal (pola destrucción de prazas e a reducción salarial, descende un 14% respecto a 2010 e representa o 44% do total). Con tanto gasto comprometido para a actividade privatizada e a factura das farmacias, o Sergas só dispón do 5% do presuposto para todo o demáis (obras, dotación, equipamento, funcionamento etc.), a todas luces insuficiente. Os actuais gobernantes levaron a situación a tal extremo que o Sergas ten cegada toda posibilidade de investimento e mellora, situación terrible para calquera organización que queira ser punteira.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ven de facer público un excelente informe no que deixa ben ás claras a estratexia privatizadora impulsada polo PP en Galicia. A forma de actuar é a mesma que empregan no ámbito educativo: recortan os orzamentos, reducen o persoal e desprestixian o seu traballo, e despois ceden a empresas privadas o labor que viñan realizando os empregados públicos. Núñez Feijóo, experto privatizador (a nefasta experiencia das Fundacións Sanitarias e a privatización de Correos figuran no seu currículo), impulsou esta liña de actuación desde o primeiro día en Monte Pío. A folla de ruta é ben clara: fragmentan a sanidade pública en diversas áreas de actividade para proceder logo á súa privatización. Deste xeito destrúen postos de traballo e descapitalizan os centros públicos; non garanten unha mellor calidade na prestación pero sí que provocan, en todos os casos, un maior custe económico. Neste estudo destacan, pola súa repercusión negativa para o futuro, a privatización de alta tecnoloxía (mediante a curiosa figura legal chamada “socio tecnolóxico”) que queda en mans das propias empresas subministradoras, e serán as que decidan que tecnoloxía se implementa e donde se sitúa: aumentará o gasto e o uso excesivo e inadecuado destes recursos, como se demostrou noutros estudos. Tamén é unha substraccion moi relevante a entrega a mans privadas da docencia, a formación e a avaliación de tecnoloxías; o sistema público perde o control dunha área fundamental: a investigación e o coñecemento que permiten construir o futuro.

Con esta táctica o PP entregou xa a mans privadas parcelas moi amplias dos centros sanitarios: o servizo de ambulancias, as telecomunicacións do Sergas, o almacenamento e suministro de material, o mantemento dos equipos sanitarios, a historia clínica (Ianus) e a receita electrónica, a central de chamadas (que presta un servizo penoso), a alta tecnoloxía etc. Agora pretenden privatizar os servizos de esterilización de todos os centros sanitarios de Galicia, unha decisión de alto risco e que pode deixar sen traballo a preto de douscentos profesionais. O citado documento, que cómpre ler polo miudo, revela cales son as empresas beneficiadas polas privatizacións, sinala os numerosos conflitos de interese existentes nas decisións políticas e destapa o papel cómplice das empresas consultoras neste acelerado proceso privatizador, e os seus vínculos co entorno do partido gobernante.

A ADSPG remata o seu escrito facendo un chamamento: “Hai que parar este desmantelamento ilexítimo e seguramente ilegal do noso Servizo Galego de Saúde”. Se non somos capaces de frear esta estratexia privatizadora, no futuro será moi difícil recuperar a titularidade pública dos servizos privatizados. Cómpre actuar xa, sen máis demora.

08/03/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión