Crónicas da clase obreira

Agustín Fernández Paz.-


(As viñetas da ilustración pertencen a Ha muerto un hombre 
de Kris e Étienne Davodeau. Ponent Mon, 2007)


La mala gente. Una historia de militantes.
Étienne Davodeau (Ponent Mon, 2006)

O meu encontro coa obra de Étienne Davodeau foi no ano 2007. En agosto viaxei á Coruña para ver as exposicións que Viñetas desde o Atlántico organizara para a edición daquel ano. Antes de regresar, mantiven unha conversa con Miguelanxo Prado e pregunteille que autores pagaban de verdade a pena entre os que viñeran aquel ano. Miguelanxo citoume varios nomes, entre eles o da israelí Rutu Modan, mais insistiume en que, de ningún xeito, podía perder a obra de Davodeau.

Eu non o coñecía de nada, xa había algún tempo que desistira de estar ao día de todo canto se publicaba no eido da BD. Mais, fiándome como me fío dos gustos de Miguelanxo, merquei decontado as dúas obras que atopei de Davodeau: La mala gente e Ha muerto un hombre.

Que marabilla! Fiquei fascinado con aqueles dous álbums. O debuxo, en aparencia, non tiña artificio ningún, mais era moi eficaz para contar unhas historias soberbias, planificadas dun xeito admirable. Desde aquel encontro, convertinme en seareiro do autor francés (non son o único), do que fun coñecendo logo outros traballos seus que se publicaron en España: Caída de bici, Lulú, mujer desnuda (en dous álbums), Los ignorantes , El testimonio e a recuperación recente de Rural, citados aquí pola orde en que os fun lendo. Ningún deles me defraudou, nin creo que o fagan os seus traballos futuros.

Dubidei sobre cal daqueles dous primeiros álbums elixir para comentar no blog, pois ambos son excelentes. Axiña me decidín por La mala gente. Una historia de militantes, publicado en Francia no 2005 e en España ao ano seguinte, por Ponent Mon.

Aparentemente, a historia que nos conta esta novela gráfica non pode ser máis sinxela. O propio Étienne Davodeau, convertido en personaxe da súa obra (recurso que utilizará noutras), decide relatar a historia dos seus pais, xa xubilados, que foron sindicalistas e militantes socialistas desde a década dos cincuenta, nunha bisbarra de Francia profundamente conservadora, con estruturas caciquís e moi marcada pola relixión católica.

Davodeau desexa contar a historia dos seus pais non só pola dimensión afectiva, senón porque nela se reflicten moi ben as loitas que deron lugar ao nacemento dos sindicatos na zona. Un obreiro e unha obreira cunha longa historia de militancia detrás.

Tras convencelos, non sen traballo, para que acepten a proposta, asistimos ás conversas coa nai (Marie-Jo) e co pai (Maurice), por separado. Fillos de obreiros, obrigados a traballar desde os catorce anos. Ela, nunha fábrica de calzado; el, de aprendiz nun taller mecánico. Son os anos cincuenta: as condicións de traballo son duras e, sobre todo no caso de Marie-Jo, non se albisca ningunha perspectiva de mellora.

A finais dos cincuenta chega á zona un cura novo, en teoría para lles axudar aos párrocos da bisbarra. Na práctica, para promover a creación da J.O.C. entre mozos e mozas. Maurice intégrase nun grupo de mozos, Marie-Jo noutro de rapazas. A J.O.C., como tamén sucedeu en España, foi un xermolo da loita sindical.

Para os dous, estes son anos de formación, de descubrir que hai outros horizontes, de decatarse das condicións inxustas en que traballan. En 1962, cando comeza o Concilio Vaticano II e acada significación o movemento dos curas obreiros (que tamén tivo repercusión en España, eu tiven trato con algúns deles), tanto Marie-Jo como Maurice xa son dirixentes de grupos da JOC.

Coñécense en 1965 e casan poucos meses despois. Non se nos conta a súa vida privada, foi unha das condicións que puxeron os pais, pero si a súa loita sindical e política a medida que van adquirindo formación e conciencia de clase. A narración chega ata 1981, ano do triunfo de Françoise Mitterand como presidente da república.

Unha novela gráfica que paga moito a pena ler. Como tamén o merece Ha muerto un hombre, que toma o título dun poema de Paul Éluard (Morreu un home /cuxa única defensa eran / os seus brazos abertos á vida…). Nel nárrase a gran folga que houbo en 1950 na cidade de Brest, a través dos ollos do cineasta René Vautier, que filmou toda a secuencia das loitas obreiras. Dous álbums que se inscriben na corrente de BD que narra historias do movemento obreiro. Étienne Davodeau, un autor que nos ofrece nas súas obras un espello da realidade, un autor que paga a pena seguir.

O texto, con todas as imaxes e ligazóns que o acompañan pode lerse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz.

06/03/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión