53 anos da viaxe de Iuri Gagarin

Agustín Fernández Paz.-

12 de abril de 2014: cincuenta e tres anos dun día memorable
Dentro de dúas ou tres semanas aparecerá publicada a novela que me tivo ocupado desde hai máis dun ano: A viaxe de Gagarin (Xerais, 2014). Dentro do intenso, e apaixonante, proceso de documentación ao que me obrigou este libro, unha parte importante estivo centrada na figura do cosmonauta Iuri Gagarin e na súa histórica viaxe, que inauguraba a era espacial. Tanto, que Gagarin (que non é un personaxe do libro, aínda que figura como pano de fondo ao longo de toda a historia) acabou sendo unha persoa moi próxima durante varios meses. E tamén as súas palabras ao contemplar a Terra desde o espazo: Habitantes do mundo: salvagardemos esta beleza, non a destruamos. Unha mensaxe que segue tendo unha total vixencia.

Hoxe, cando escribo estas liñas, é o 12 de abril de 2014. Celebramos o cincuenta e tres aniversario do primeiro voo espacial tripulado. Esta pasada noite foi A Noite de Iuri, que científicos e afeccionados á astronáutica celebran cada once de abril desde hai xa varios anos. E o meu xeito de unirme á celebración é dedicarlle unha entrada no blog, aínda sabendo que salto de novo as normas que me autoimpuxen. Mais é que hai datas que o merecen!

Unha data para a historia
Foi o 12 de abril de 1961. Ese día, desde o cosmódromo de Baikonur, situado no que na actualidade é Kazaxistán, a nave Vostok 1 iniciaba o que sería o primeiro voo espacial tripulado. No seu interior ía Iuri Gagarin, a primeira persoa en saír ao espazo exterior e realizar unha órbita completa ao redor da Terra. Na terminoloxía soviética, o primeiro cosmonauta.

O proxecto Vostok, o seguinte despois do Spútnik, tiña como obxectivo poñer en órbita naves tripuladas. A primeira foi a de Gagarin; a sexta e última, a de Valentina Tereshkova.

Iuri Gagarin naceu en 1934, nunha familia que formaba parte dunha granxa colectiva. Foi un dos máis de tres mil aspirantes para participar no programa espacial da URSS, dos que foron seleccionados dezaoito. Finalmente, foron el e German Titov (que logo tripularía a Vostok 2) os elixidos para o primeiro voo.

Gagarin finou nun accidente aéreo en marzo de 1968, cando pilotaba un avión MIG. Daquela só tiña 34 anos. Non se souberon as causas reais que provocaron o accidente ata o ano 2013, cando o goberno ruso deu a coñecer o que realmente sucedera.

É moita a documentación que podemos atopar sobre a vida de Gagarin. Dela, selecciono aquí este documental feito pola Canle Historia:

A viaxe de Gagarin
Aínda que visto desde hoxe semelle moi sinxelo, o voo de Gagarin foi un fito non só na carreira espacial, senón na historia da humanidade. Significou un gran éxito para a URSS e tivo unha enorme repercusión mundial. Daquela non se sabía nada dos efectos que a saída ao espazo podía ter nun ser humano. Consciente da súa transcendencia, Gagarin pronunciou unha breve mensaxe antes de se introducir na nave:

Queridos amigos, coñecidos e descoñecidos, os meus queridos compatriotas e toda a humanidade, nos próximos e breves minutos posiblemente unha nave espacial me leve ao distante espazo exterior do universo.
Que podo dicir nestes últimos minutos antes de partir? Toda a miña vida aparece diante de min neste único e fermoso momento. Todo o que fixen e vivín foi para isto.

Velaquí dous valiosos vídeos sobre o voo e a súa repercusión. O primeiro deles está feito en Moscova, no ano 1971, cando aínda existía a URSS. O segundo, está feito na actualidade pola canle de TV Rusia Today.

Hai dous anos, fíxose en Rusia unha película sobre a vida do cosmonauta, Gagarin, o primeiro no espazo. A ela corresponde esta secuencia onde se reproduce o lanzamento do foguete e os primeiros minutos do voo:

O legado de Gagarin
O 12 de abril do ano 2011 celebrouse en todo o mundo “A noite de Iuri“, para conmemorar os cincuenta anos da súa histórica viaxe. Esta celebración, que xa comezara uns anos antes, continúa a producirse cada ano. Ademais, a noticia que desvelaba as causas reais do accidente que causou a súa morte, contribuíu a reavivar o interese pola vida de Gagarin.

Na Rede existe un conxunto de blogs e webs que lle renden homenaxe, a Iuriesfera. Quero destacar un blog interesantísimo, La pizarra de Yuri, con exhaustivas entradas de carácter científico. Paga moito a pena ler a entrada onde narra a aterraxe de Gagarin. nun lugar case deshabitado, a mil cincocentros quilómetros do cosmódromo de Baikonur.

Existe unha interesantísima conta de Twitter, Yuri Gagarin (@yuriesfera) onde se recollen informacións de todo tipo, tanto históricas como actuais) sobre o cosmonauta soviético e a aventura espacial.

O texto completo, con todas as ligazóns e vídeos, pode lerse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz: http://agustinfernandezpaz.eu/es/blog-afp/


12/04/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión