Día do Libro en Galicia

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a cidadanía a celebrar o Día Internacional do Libro cunha ampla programación especial en toda Galicia arredor do 23 de abril. Ademais da súa habitual oferta de actividades, as bibliotecas nodais de toda Galicia preparan para esta data visitas guiadas, obradoiros, conferencias e sorteos de libros, que se completarán coa liberación de libros –bookcrossing– en centros museísticos dependentes da Consellería e coas iniciativas desenvolvidas polas bibliotecas escolares. Tamén coincidindo con esta data, a Biblioteca de Galicia agasallará cun libro ás persoas que visiten este espazo da Cidade da Cultura o día 23 pola mañá.

Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén de editar un marcapáxinas con forma de libro conmemorativo desta celebración cun texto de Paco Martín, autor do libro ‘As cousas de Ramón Lamote’ (o primeiro libro galego que obtivo o premio “O barco de vapor”, o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil e fixo a súa entrada na prestixiosa lista dos White Raven da biblioteca de Múnic). Este marcapáxinas pode consultarse no enlace http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/652.

Trátase dunha iniciativa que se realiza anualmente nesta data, centrado na primeira ocasión no texto de Carlo Frabetti “O liberespazo”, ao que seguiron en anos seguintes un poema de Gloria Sánchez, unha estrofa de Ramiro Fonte e outros textos da autoría de Carlos Negro, Paula Carballeira, Juan Mata ou Agustín Fernández Paz.

Ademais, as bibliotecas escolares teñen preparadas diferentes iniciativas para a celebración do 23 de abril, desde obradoiros a encontros con autores, lecturas colectivas, apadriñamentos lectores, exposición e intercambio de libros, etc. nun programa de actividades que se estende polo que se recoñece como “Abril, mes dos libros”.
Programación especial nas bibliotecas nodais

A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela celebrará o Día Internacional do Libro co obradoiro de creación literaria ‘A biblioteca imaxinaria’, no que Teatro Buratini axudará a nenas e nenos a partir de 6 anos a encher os andares de libros creados por eles mesmos con diversas técnicas. Mentres que na Coruña, a González Garcés ten previsto tamén un obradoiro de escrita de guión literario, da man de Adolfo Ponte Velasco, baixo o título ‘Gustouche máis o libro ou a película?’, dirixido á rapazada a partir de 16 anos. Así mesmo, realizará a actividade para a mocidade ‘Cita a cegas cun libro’, xunto coa entrega de premios do I Certame de Poesía que organiza esta biblioteca.

A programación especial na biblioteca nodal de Lugo dará comezo coa visita do alumnado do CEIP San Xoán de Becerreá e continuará ao longo da xornada coa sesión de contacontos ‘ZOO’, dirixida por Chus Álvarez; e cun obradoiro de gravación de audiolibros infantís dirixido a nais, pais e calquera adulto en xeral. Ademais, a Biblioteca Pública de Lugo realizará un acto de liberación de arredor dun cento de libros da man do colectivo Bookcrossing da cidade da muralla.

‘O príncipe predestinado’ será a actividade estrela do Día Internacional do Libro na biblioteca nodal de Ourense, unha proposta de Eugenia Muñoz a través da que os pequenos de 7 anos en diante poderán facer unha viaxe ao mundo dos xeroglíficos exipcios a través dun misterioso papiro esnaquizado. Ademais, tanto este centro como as nodais de Santiago de Compostela e de Lugo celebrarán visitas guiadas para o público e varias destas bibliotecas teñen previsto o sorteo de libros entre os usuarios e usuarias que leven algún material en préstamo o día 23 e agasallos.

No caso de Pontevedra, a biblioteca nodal Antonio Odriozola traslada as actividades conmemorativas ao venres 25, cando se celebrará a conferencia ‘Debo contarlle contos ao meu fillo?’, da psicóloga e psicoterapeuta Marié de Uña; e mais o espectáculo ‘Catalina Lino Lina’, unha peza teatral dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 12 anos que ten como obxectivo transmitirlles a paixón polos libros nesta data tan especial.

Con esta mesma finalidade, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo celebrará o obradoiro creativo ‘Marcapáxinas-lupa no día do libro, para guiar a lectura do Quixote’, no que Elena Carracedo lles mostrará a nenos e nenas de 6 anos en diante como facer da lectura unha aventura coa que ir descubrindo o mundo.
Bookcrossing nos museos

Os centros museísticos dependentes da Consellería tamén se sumarán a esta celebración. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo das Peregrinacións e de Santiago participarán nunha actividade de liberación de libros que se estenderá este 23 de abril a un total de 48 museos e centros de arte de toda España. Deste xeito as bibliotecas dos museos súmanse ao esforzo para o fomento da lectura e, máis en concreto, na difusión do coñecemento das distintas disciplinas culturais.

O obxectivo é encher as cidades con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas, poñendo en circulación –entre todos os participantes a nivel nacional– máis de 2.500 libros libres coa intención de que os que os recollan gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto do mundo. Todos os libros liberados estarán acreditados coas súas correspondentes etiquetas, que instrúen a persoa que recolle o libro sobre o obxecto da liberación de libros e sobre a conveniencia de participar nesta experiencia internacional. Os libros conterán as instrucións necesarias para facilitarlle ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web www.bookcrossing-spain.com, onde os lectores poderán indicar o lugar onde liberarán cada exemplar, o cal permite coñecer onde estivo a publicación e quen a leu, así como incorporar o novo lector ao seu diario de viaxe.

O vídeo preparado sobre a actividade pode verse en http://youtu.be/VXtkilmDRAY.

23/04/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión