Entrega do X premio José Couso

Redacción.- Os xornalistas Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa recollen hoxe en Ferrol o X Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que comparten co reporteiro Marc Marginedas. O galardón está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’.

Marc Marginedas, que non puido asistir a entrega en Ferrol por problemas de axenda, enviou un vídeo no que agradece o premio e salienta que "os que verdadeiramente son os protagonistas do drama sirio son os cidadáns". Marginedas afirmou que para el, este premio é un "incentivo" para seguir sendo reporteiro en países en conflito e onde a liberdade de prensa está en perigo.

Nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello da cidade departamental, celebrada está mañá, Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa expresaron expresaron a súa gratitude por recibir "un premio que leva o nome dun compañeiro que morreu por informar". Espinosa denunciou que "a precariedade está redundando na ausencia de información dos conflitos" e lembrou que máis do 90 por cento da información en Siria está realizada por freelances. Pola súa banda, García Vilanova expresou a esperanza de "que o premio sirva para tomar conciencia do que está a acontecer en Siria".

O acto comexou coa intervención do vicepresidente do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia, quen afirmou que "é unha satisfacción" ter chegado até a décima edición do galardón. Rubia quixo destacar tamén que a entrega do José Couso aos tres reporteiros en conflito "quere premiar e valorar o sacrificio que supón o traballo destes profesionais"

A continuación, Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, salientou que "cos premiados nesta décima edición, o Couso volve ás orixes, dado que non hai que esquecer que Couso era un freelance e que cada vez hai máis xente que traballa á peza, tamén nos países en conflito". Pereiro manifestou a súa convicción de que "o sentido do premio non é que tiveran a mala sorte de ser secuestrados, senon que estean alí onde os necesitamos a pesar de que desde o punto de vista económico non paga a pena.

No acto tamén estiveron presentes o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen reiterou "o agradecemento da cidade" porque Ferrol sexa sede do premio e se sumou "unha vez máis á demanda de xustiza" da familia de José Couso, e o director territorial de "la Caixa" en Galicia, Marc Arthur Benhamou, que afirmou que é "un orgullo" para "la Caixa" participar na organización do galardón e destacou que "se premia a tres persoas que desenvolven un traballo duro e difícil".

Os tres xornalistas premiados foron presentados de forma conxunta en recoñecemento ao seu traballo e á difícil labor de informar nestes momentos en Siria, con mención especial a Vilanova polo seu traballo como freelance sen ter a cobertura dun gran medio detrás.

Ricardo García Vilanova (Barcelona 1972) é un video e fotorreporteiro freelance que leva quince anos traballando como fotoxornalista. O seu traballo publicouse nos xornais e revistas máis prestixiosos do mundo e expúxose en varias capitais do mundo. Recibiu premios en Europa e Estados Unidos e traballou como reportero gráfico para CNN, Channel 4, Reuters, APTN, Euronews, Cuatro, Telecinco e TV3; ademais de colaborar con organizacións como Nacións Unidas, o Comité Internacional da Cruz Vermella, Human Rights Watch, Médicos sen Fronteiras e Médicos do Mundo. O pasado 16 de setembro foi secuestrado en Siria por un grupo vinculado a Al Qaeda, xunto co seu compañeiro Javier Espinosa. Ambos foron liberados recentemente.

Javier Espinosa é enviado especial do xornal El Mundo ao conflito sirio. Nacido en Málaga en 1964, iniciou a súa carreira xornalística en Canarias e desde 1994 publica en El Mundo. Na súa etapa como correspondente en México, cubriu informacións como o caso Pinochet ou o conflito de Chiapas. Despois da súa experiencia americana regresou a África como correspondente en Marrocos, desde onde cubriu todos os grandes acontecementos do continente negro. En 1999, permaneceu 48 horas secuestrado polos rebeldes de Sierra Leona e en 2012 estivo atrapado na cidade siria de Homs.

Marc Marginedas, pola súa banda, naceu en Barcelona en 1967, e estudou Xornalismo na Universidade de Navarra (1990) e Relacións Internacionais pola Universidade de Amsterdam (1991). Comezou a súa traxectoria profesional hai 25 anos como corresponsal en Argelia. É redactor de El Periódico desde xullo de 1992 e na actualidade exerce como enviado especial en zonas de conflito, como Irak, Afganistán ou Siria. Foi secuestrado nos arredores da cidade de Hama o pasado 4 de setembro e foi liberado o pasado 2 de marzo.

Con García Vilanova, Espinosa e Marginedas xa son dez as edicións do Premio das Ás Ceibes. Ademais deles, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011), o Consejo de Informativos da RTVE (2012) e Mónica García Prieto (2013).

30/04/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión