Rosendo Salvado e os aborixes


Redacción.-

O Consello da Cultura Galega, neste ano 2014, en que se conmemoran douscentos anos do nacemento de Rosendo Salvado, quere, unha vez máis, lembrar af igura deste galego egrexio con diferentes actividades, entre as que sobresae a organización desta exposición conmemorativa que se inaugurou en Tui o 1 de marzo, data do seu nacemento, e despois, en Santiago, o 3 de abril, en San Martiño Pinario, mosteiro onde transcorreron os anos da súa formación.

Esta exposición ten un obxectivo claramente orientado a destacar o labor de Salvado a prol dos aborixes australianos e de aí o seu título, Rosendo Salvado, valedor do pobo aborixe. Resaltarase nela o talante decidido e arriscado do bieito galego nos seus primeiros contactos cos nativos, así como o tacto, intelixencia e discreción con que realiza a inmersión na súa cultura e tradicións. Tamén, ao par do seu idealismo misioneiro, o seu sentido organizador fóra do común, planificando con detalle cada un dos pasos que se daban na construción da abadía de Nova Nursia e na consolidación da explotación agrogandeira que a sustentaba. Así mesmo, a insistencia e a decisión coa que tivo que loitar en contra dun sentir xeral que consideraba as comunidades aborixes como etnias inferiores e practicamente irrecuperables para a civilización. E, finalmente, como o seu carácter xeneroso, aberto e comunicativo e a súa ampla cultura, humanista e musical pero tamén rica en saberes técnicos, lle abriron moitas portas e serviron para amolecer moitas vontades que non miraban, inicialmente, os seus proxectos cos mellores ollos.



Rosendo Salvado: valedor do pobo aborixe
Santiago, a partir do 3 de abril
San Martiño Pinario
Compostela

06/04/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión