X Encontro de Mulleres Labregas

Redacción.-

Celebrouse nos Ancares, entre o 28 e o 30 de marzo, o X Encontro de Mulleres do Sindicato Labrego Galego. Entre o venres e a mañá do sábado, o medio cento de asistentes debateron e analizaron, entre outras moitas cuestións e coa participación de expertas como Nanina Santos ou Celia Balboa, temas como a aplicación do feminismo no día a día das labregas, o recorte de dereitos que supón a Lei do Aborto impulsada polo Partido Popular, ou o impacto que terá na vida diaria das mulleres que viven no rural a reforma da Lei de Réxime Local.

Máis alá destes espazos de reflexión e diálogo, a responsable da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro, destacou o encontro mantido con Amelia Amigo Santín, do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) de San Román de Cervantes, que falou de tódalas actividades que se realizan na zona para enfrontarse ao agudo despoboamento e recorte de servizos públicos que están a sufrir Os Ancares. Grazas ao traballo voluntario, maioritariamente feito por mulleres, o Centro de Desenvolvemento Rural de San Román ten en activo varios programas de actividades, tanto para a infancia, como para persoas adultas e maiores, que van dende actividades extraescolares, moitas veces dirixidas a aumentar a estima da rapazada polo medio no que viven; até apoio a diversos colectivos da zona poñendo á súa disposición as instalacións e recursos do Centro. María Ferreiro fixo unha mención especial do Programa para Mulleres que están a levar a cabo dende o CDR, traballando moito na socialización nun entorno onde a inexistencia de transportes públicos fai que moitas mulleres vivan illadas. “Así, grazas a este programa”, explica María Ferreiro, “organízanse grupos de mulleres para reunirse con regularidade e facer xunta diversas actividades”. Neste senso, María Ferreiro subliñou a colaboración entre o Sindicato Labrego Galego e o Centro de Desenvolvemento Rural de San Román, grazas á cal varias mulleres da zona obtiveron o carné de conducir, algo indispensable para rachar co illamento ao que se ven abocadas. Para decatarse da importancia que ten para as mulleres rurais dos Ancares poder dispor dun medio de transporte, hai que ter en conta que, para ir ao hospital en Lugo, deben percorrer case 200 quilómetros entre a ida e a volta; facer tratamentos médicos como radioterapia, para o cal hai que ir a Coruña ao carecer deste servizo o HULA, supón xa unha odisea que pode levar un día enteiro para unha sesión de ás penas 15 minutos.

Outros temas tratados neste encontro foron as loitas que están a levar a cabo grupos de mulleres en zonas de montaña contra os recortes en sanidade, ou un relatorio e traballo ao redor da loita que están a desenvolver as Asociacións de Nais e Pais do rural e da montaña diante de problemáticas como o peche de escolas, o recorte no cadro de persoal dos colexios, a supresión de rotas de transporte escolar, o encarecemento de servizos como as garderías ou comedores, etc. A raíz deste debate, púxose en común o impacto destes recortes na vida diaria das labregas, e as medidas e actuacións que se poden facer para poñer couto a tanta desfeita. Finalmente, o encontro rematou cunha visita guiada á explotación gandeira de Olga Alba Alonso, en Fonfría (As Nogais), onde está a criar razas de gando autóctonas en ecolóxico.

01/04/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión