X Premio José Couso

Redacción.- A candidatura conxunta de Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas foi proclamada hoxe como a gañadora da X Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, un ano máis, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’.

O fallo deuse a coñecer esta mañá na sede de la Caixa na Coruña, nun acto que contou tamén cunha multiconferencia cos tres galardonados. Os tres profesionais, secuestrados en Siria e recentemente liberados, compartían candidatura en recoñecemento ao seu traballo e á difícil labor de informar nestes momentos en Siria, con mención especial a Vilanova polo seu traballo como freelance sen ter a cobertura dun gran medio detrás.

O acto comezou coa intervención do vicepresidente do Club de Prensa de Ferrol, Xoán Rubia, quen agradeceu a súa presenza ao público asistente e salientou que este ano é o décimo do galardón impulsado polo Club de Prensa e o CPXG co apoio de 'la Caixa', sen o que non tería sido posible chegar a esta edición. Rubia lembrou ademais que o 30 de abril terá lugar a entrega do premio en Ferrol, que, como cada ano, irá acompañada do Concerto pola Liberdade, este ano a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.
A continuación, o secretario do premio, Darío Janeiro deu lectura á acta do fallo, asinada polo señor notario D. Héctor Pardo García, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. Abertos e recontados os votos, este levantou acta do resultado entre os cinco candidatos que optaban ó galardón, resultando vencedora a candidatura de García Vilanova, Espinosa e Marginedas. Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa.
Janeiro quixo transmitir "unha vez máis, o alento e o apoio total á familia de José, que loita incansablemente, contra as dificultades que vai atopando". "Tamén é o momento -sinalou- de facer constar os esforzos que o xuíz Pedraz está realizando para evitar o arquivo do caso". Aproveitou tamén para facer un reconto dos galardoados, agradecendo o traballo desinteresado de todas as persoas que colaboraron nestes dez anos.
Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, expresou a súa convicción de que "o premio deste ano non é concedido aos gañadores polo feito do secuestro en si, senón polas condicións nas que desenvolven o seu traballo os xornalistas en situación de conflito". "Ademais", engadiu, "cada vez teñen menos asistencia dos grandes medios, o que fai que a súa situación sexa máis precaria, o mesmo que a información que fan chegar á cidadanía".

Pola súa banda, Marc Arthur Benhamou, Director territorial de ‘la Caixa’ en Galicia, asegurou que para esta entidade "poder participar na organización deste premio á liberdade de prensa é un orgullo, ademáis dunha cuestión ética". Benhamou quixo, "pese á dureza das cifras", quixo facer unha chamada ao optimismo "porque non nos queda outro remedio que defender aos xornalistas como unha parte esencial da calidade democrática de calquera país"e recoñeceu a súa "admiración" cara aos premiados.

O acto finalizou cunha multiconferencia cos tres xornalistas premiados. Nela, Marginedas afirmou que, para el, "o xornalismo é estar aí e ir aos sitios onde está a noticia, e tamén pórlle cara aos números". Javier Espinosa tamén incidiu neste tema da importancia de estar nos lugares onde se producen os feitos e comentou que "un freelance, por exemplo, cobra uns cen euros por unha reportaxe e un escolta, nestes lugares, cobra douscentos, co que acaban desenvolvendo o seu labor sen escolta". García Vilanova, pola súa banda dixo que estaba “abrumado” polo apoio recibido nestes meses e quixo dar as grazas especialmente aos compañeiros, encabezados por Gervasio Sánchez, que o estiveron a apoiar nestes meses de secuestro e que puxeron en marcha unha iniciativa para que recupere o seu equipo de traballo, dado que nestes meses non tivo ningún ingreso. Os tres xornalistas confirmaron a súa asistencia aos actos de entrega do premio, que terán lugar o vindeiro 30 de abril en Ferrol.

Os premiados
Ricardo García Vilanova (Barcelona, 1972) é un video e fotorreporteiro freelance que leva 15 anos traballando como fotoxornalista. O seu traballo publicouse nos xornais e revistas máis prestixiosos e expúxose en varias capitais do mundo. Desde o 16 de setembro ao 29 de marzo estivo secuestrado en Siria por un grupo vinculado a Al Qaeda.

Xunto a el foi tamén secuestrado Javier Espinosa, enviado especial do xornal El Mundo ao conflito sirio. Nacido en Málaga en 1964, iniciou a súa carreira xornalística en Canarias e desde 1994 publica en El Mundo, onde ten sido correspondente en México e Marrocos.
Marc Marginedas, pola súa banda, naceu en Barcelona en 1967 e comezou a súa traxectoria profesional hai 25 anos como correspondente en Arxelia. É redactor de El Periódico desde 1992 e na actualidade exerce como enviado especial en zonas de conflito, como Irak, Afganistán ou Siria. Foi secuestrado nos arredores de Hama o 4 de setembro e liberado o pasado 2 de marzo.
Con Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas xa son dez os galardoados co Premio das Ás Ceibes. Ademais destes tres xornalistas, os outros gañadores do Couso foron: Ali Lmrabet (2005), Le Monde Diplomatique (2006), Jon Lee Anderson (2007), José Vidal – Beneyto (2008), Rosa María Calaf (2009), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), WikiLeaks (2011), o Consejo de Informativos da RTVE (2012) e Mónica García Prieto (2013).
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.


08/04/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión