Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol

Redacción.-

Onte, 30 de maio, ás 20.30 horas tivo lugar a inauguración da exposición "Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol". Previamente, ás 19.30, puidose escoitar unha conferencia de D. Alfredo Vigo Trasancos.

Rodolfo Ucha Piñeiro. Construíndo Ferrol é a exposición coa que se quere propoñer unha revisión actualizada do legado arquitectónico de Rodolfo Ucha Piñeiro, encargado de renovar a estética da cidade de Ferrol mediante a introdución dos novos estilos á arquitectura do seu tempo.

A exposición inclúe fotografías, documentos históricos e imaxes de arquivo, ademais dunha serie fotográfica do fotógrafo ferrolán Ovidio Aldegunde en homenaxe á arquitectura de Rodolfo Ucha Piñeiro. Tamén se presenta unha coidada publicación con textos de Alfredo Vigo Trasancos e o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, Fernando Agrasar.

Antes da inauguración, ás 19.30 horas, terá lugar no propio Centro Torrente Ballester, unha conferencia de D. Alfredo Vigo Trasancos, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, sobre a arquitectura de Rodolfo Ucha Piñeiro.

Arquitecturas emblemáticas como o Teatro Jofre, o Casino, as escaleiras da Praza de Amboaxe, o edificio da Caixa de Aforros de Ferrol, o Hotel Suízo, a Casa Pereira, a Casa Romero ou a praza da Peixería, poderán verse e coñecerse mediante imaxes fotográficas actuais e de arquivo, ao igual que andares, alzados e documentación que outorgará información histórica sobre o edificio.

Centro Torrente Ballester
Rúa Concepción Arenal, s/n
15402 Ferrol (A Coruña)
España

Para máis información
www.centrotorrenteballester.com

31/05/2014

XIV Ruta Chairega

Redacción.-

Mañá, 1 de xuño, celébrase a XIV Ruta Chairega "Por terras de... Santaballa". A ruta foi deseñada pola Liga Santaballesa e amosa parte do seu patrimonio arqueolóxico e etnográfico. Inclúe medoñas (túmulos), muíños, castros, asentamentos paleolíticos (Pena Grande) e castros.

A Pena Grande o maís importantes monumento do paleolitico en Galicia, e confirma asentamentos en Bordelle dende hay 12.000 anos, e decir dende a época das cuevas de Altamira. Sendo un lugar de acampada para grupos de cazadores nómadas que baixo este potente afloramento rochoso gardabanse do frío clima da época de forma estacional e dende ali arriba controlaban as migracións des grandes manadas de animais (mamuts, renos, rinocerontes lanudos, etc.) que vagaban polo territorio. Estes animais servian de alimento e proporcionaban peles para o abrigo ademaís de ósos e hastas para facer
lanzas e agullas de coser. Un xacemento de sílex fai que este asentamento fabrique aquí en santaballa as suas armas e utensilios.

A pedra Chantada do carrizo, e un menhir simbólico de unhos 3000 - 4000 anos de antigüidade
e o exemplo maís notable que hay en Galicia de pedras chantadas que se conservan. Habitualmente
relacionanse con cultos nas encrucilladas dos camiños, sendo os antecesores dos lares romanos e dos actuáis
cruceiros. Esta pedra de santaballa atópase no medio de unha necrópole megalitica, composta por mais de vinte
sepulcros.

A medoña de Estelo e a maior dos que forman a necropole de pena grande, ten dous metros de altura e
dezaoitometros de diámetro. Candolle retiraron a sua lousa de cuberta puidose ver unha camara mortuoria de
forma poligonal conformada por cinco laxes e aberta a cara para o levante.

Muíño do Caxigueiro Os muiños aparecen na idade de pedra, tratándose estes de unha pedra ovalada que se frota con un redonda de forma alargada maís lisa para desfacer o gran ou a landra. Posteriormente xa no neolítico aparece o muiño circular de man, que son duas pedras redondas con unha manivela, estando a superior furada no centro por
donde entra o grao.
Xa na idade media ( século X-XI) aparece en Galicia os muiños que eran impulsados por auga a cal se almacena
na presa para encauzala pola gavia ata o canle donde se lle da velocidade para entrar no inferno que fai xirar o
rodicio que a sua vez transmite o xiro a moa que está asentada sobre o pé ( duas pedras circulares que na
separación existente entre ambas desfai o grao.
Trastomil e o castro do Iglesario
Trátase de un asentamento da época da romanización de galicia posiblemente de persoas próximas a roma ou os
seus órganos de xestión. Este asentamento estivo ubicado no que hoxe se coñece como a veiga de Bandomil cerca
da igrexa e do castro que existía na época ( so queda parte de un muro exterior). Posiblemente foi esta villae foi
destruida por un incendio. Esta zoa mostra a evolución debido a influencia romana que se fai co paso dos castros
hacia as novas construcción romanas (as villaes.)
Casa Museo de Eladio Naseiro
Casa autoconstruída polo pintor e escultor Eladio Naseiro donde mostra parte das suas obras e pezas singulares
adquiridas.
Escola Habaneira da Liga Santaballesa
Escola habaneira construida entre 1909 e 1917 polos veciños da parroquia de Santaballa e pola Sociedade Liga
Santaballesa da habana, restaurada e rehabilitada mostra unha recreación da aula orixinal de 1922, a casa do
mestre, a sociedade na habana, e unha exposición fotográfica da emigración indiana.
Recreación dun castro e dunha medoña
Próximos a escola da Liga Santaballesa atópase unha recreación dun pequeno poblado castrexo con diversas
construccións e utensilios de uso diario na época, igualmente existe una recreación de unha medoña, donde se
pode visualizar dende o seu interior."
""
K)" D'$/5'2/0" /" 0(&/6" 0+E)@+0+A)%" D)02/%" 8)/" 8)A'*/" %+0M'*/" E)5)" 0+%&/(0/$&+" N+00/" -.H" 7(+" %+"
0+/5'2/0H"$/%"'$%&/5/8'<$%"*/"F'1/"B/$&/4/55+%/6"/A/45+A+$&+"8+*'*/%"E/0/"/")8/%'<$="
K" 8()&/" 7(+" ./4+0H" 7(+" E/1/0" %+0H" *+" OP" Q" E)0" /*(5&)" +" R" Q" E)0"A+$)0" /8)AE/@/*)" I'$853+" /"
8)A'*/"+")"/(&)43%J="
!"&0/%5/*)"*)%"E/0&'8'E/$&+%"

Hai niveis de galeguidade?

Antón de Guizán.-

Un debate antigo pero que non interesa a moitos aclarar para rebaixar o seu nível de exixencia con respecto á súa terra e porque para outeos resulta politicamente incorrecto ofender a algúns figurantes do censo, pero sí, claro que hai níveis, como en todo na vida, e iso non ten porqué supoñer unha ofensa para ninguén nin unha marxinación.

En principio, o primeiro que nos fai ser galegos é falar o galego, primeiro elemento de diferenciación, o idioma fainos pobo, país. Pero non só. Non se é galego en compartimentos estancos illados uns de outros. Pódese falar galego e defender intereses contrarios ao país na práctica reducindo o idioma e a cultura a algo folclórico, mesmo sentimental e secundario.

Galego é quen exerce a diario, na vida laboral, personal, empresarial e mesmo politica, sin que eso supoña odio a outras realidades e nacións, simplemente amor ao que somos e ao que foron os nosos antergos.

E si, claro que me considero máis galego que outros, que aqueles que exercen a rempo parcial, aqueles que falan galego na casa e sinten vergoña fora, aqueles que poñen nomes en outros idiomas ás súas empresas, aqueles que pensan que non temos futuro porque somos un país pequeniño, aqueles que votan a forzas estatais ou galegas coaligadas con forzas de ámbito estatal, aqueles que non teñen como obxectivo do país a súa independencia... si teño que decilo, síntome máis galego que eles...

E non quero dar leccións, pero como decía a canción, igual non sei o que hai que facer, pero si que sei o que non, e sei que ser galeguista (nome usurpado polos que realmente non o son) e/ou nacionalista non é unha ideoloxía, sinón un compromiso coa terra, os que poñen por diante o debate esquerdas-dereitas só buscan o resultadismo e non o que verdadeiramente debemos ser.

Temos un país sen conciencia de tal, é verdade, pero as cousas non se cambian adaptandose ao que hai sinón traballando para mudalo, aínda a base de derrotas parciais, sendo didacticos, abertos, tolerantes e dialogantes, pero firmes nas conviccións. O demáis é terreo ganado sempre polos inimigos.

Fora complexos, non somos nin menos nin máis que ninguèn, somos nós e temos o mesmo dereito que calquera pobo do mundo a selo, aínda que hai quen non o cree e tamén quen ten esa mentalidade sucursalista de quen asume ser de segunda división.

Ser galego é tentar pasar do resistencialismo à fachenda, a pasear polo mundo as múltiples positividades deste país inigualable, porque como dixo Isabel Risco nos premios Mestre Mateo, "aportamos e moito ao mundo, que carallo!".

Que ninguén se ofenda pero si que hai niveis de galeguidade, por suposto, e a mellor maneira de superar este debate, é exercendo de galegos, máis e mellor, o resto son escusas e xustificacións...

Música ao natural

Redacción.-

Onte, 29 de Maio, no auditorio da Casa das Insuas, en Rábade, deu comezo un novo proxecto cidadán que xunta música, natureza e cultura no rural. Trátase dun pequeno ciclo de concertos, que poderá perpetuarse no tempo, se conta co apoio popular.

Os concertos fináncianse coa colaboración do público e, nun futuro, os organizadores esperan poder contar cun número suficiente de subscritores para que a iniciativa siga adiante.

Un dos propósitos deste ciclo é valorar a música como traballo, como medio de vida, e apoialo. Pero Música ao natural, tamén considera importante valorar a artesanía, a autosuficiencia... o traballo vinculado á terra e aos oficios que nos falan da nosa tradición. Así, propoñemos unha sorte de troco: será benvido todo produto artesán, ou de cultivo propio para cambialo polo concerto.

Con esta iniciativa, preténdese:
1- Abrir un espazo á creación, e poder establecer un circuíto moi singular, para gozar -a poucos centímetros- de proxectos acústicos de músicos de primeiro nivel internacional.

2- Aprender e gozar de culturas doutros lugares.

3- Ofrecer cultura de calidade no rural.

Moitas veces laméntase a pouca sensibilidade que mostran as institucións pola cultura, pero a cultura é responsabilidade de todos; é hora de actuar.

Despois dos concertos, poderase conversar cos músicos compartindo comida e bebida procedente de comercio xusto e produción ecolóxica dispensada pola Cova da Terra.

Nesta primeira sesión de Música ao Natural participou o grupo FETEN FETEN que presentou o seu proxecto La Gira del Wasabi.



30/05/2014

XX edición de Ponte nas Ondas

Redacción.-

Hoxe venres 30 de maio emitiuse a XX edición da xornada de comunicación interescolar PONTE...NAS ONDAS!, que pode sintonizarse desde as 10.00 hs. da mañá ata as 10.00 hs. do día seguinte.

A programación poderáse seguir nun reprodutor en directo a través da Web www.pontenasondas.org (conforme a grella da XX edición que pode consultarse na Web) ou en forma de programa á carta, é dicir, que se poderán ver e escoitar os programas que os centros enviaron gravados previamente á xornada.
Os programas en directo seguirán o horario establecido na escaleta de programación que está na Web: www.pontenasondas.org

Así mesmo, estarán dispoñibles as testemuñas dos escritores/as, artistas e xornalistas que enviaron as súas colaboracións para esta edición. Tamén pódense enviar mensaxes a través do correo electrónico ou das redes sociais (Facebook, Twitter) para ser divulgadas durante a xornada.

Entre as 16.00 hs. e as 19.00 hs. emítese conxuntamente coa Radio Galega un programa especial desde o Campus da Universidade de Vigo, por tanto, nesa franxa horaria a emisión poderá escoitarse a través da Radio Galega e da Web: www.pontenasondas.org

García Hermida e as Irmandades da Fala

Redacción.- Onte tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba a charla-coloquio "As Irmandades da Fala e o seu tempo", a cargo do ensaísta e filósofo Antón Baamonde, que foi presentado polo xornalista Moncho Paz. O acto, organizado conxuntamente por A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos, contou coa asistencia de máis de sesenta persoas e celebrouse no marco do ano de Antonio García Hermida (1885-1939), como foi declarado o presente 2014 polas dúas entidades convocantes, en honra ao polifacético autor vilalbés, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.

Baamonde comezou a súa disertación lembrando que en Galicia "existe certa tendencia a esaxerar o carácter rural do país e a esquecer a importancia das vilas que, no caso concreto das Irmandades da Fala, tiveron un papel preponderante". A continuación, fixo unha contextualización do período histórico comprendido entre o 16 de maio de 1916, día no que se crea en A Coruña a irmandade Os Amigos da Fala Galega, e o 5 e 6 de decembro de 1931, datas da fundación en Pontevedra do Partido Galeguista, no que ingresan tras a súa disolución todas as irmandades superviventes e demais organizacións nacionalistas afíns.

De seguido, lembrou que con elas iniciouse e consolidouse en Galicia, en todos os planos, o paso da fase rexionalista á nacionalista. Unha proporción considerable da súa actividade se dedicaba a organizar cursos galego, conferencias sobre historia, literatura, arte, mostras, xogos florais e moitas outras actividades encamiñadas a defender a lingua e a cultura galega.

O filósofo e ensaísta vilalbés apuntou que as Irmandades da Fala estaban integradas "fundamentalmente por intelectuais e membros de profesións liberais (xornalistas, médicos, notarios e avogados), así como por representantes da pequena e mediana burguesía industrial e comercial, como era o caso do meu avó, Antonio García Hermida, secretario da Irmandade da Fala de Vilalba".
_______________
Foto: Chema Felpeto

24/05/2014

Villares segue á fronte do CCG

Redacción.- Tal e como era previsible, o chairego Ramón Villares Paz (Xermade, 1951) foi reelixido onte como presidente do Consello da Cultura Galega para os vindeiros catro anos. A súa era a única candidatura que optaba ao cargo, tras ser proposto por dezanove dos vinte e cinco membros do pleno, que consideraron que o mellor candidato era o mesmo que vén dirixindo nos últimos oito anos o órgano a prol da defensa da lingua e da cultura galega.
Deste xeito, catedrático de Historia afronta o seu terceiro e último mandato á fronte do Consello da Cultura. Ante o plenario fixo un balance da pasada lexislatura e avanzou os obxectivos para o novo exercicio. Neste punto sinalou a necesidade de incidir no papel de asesoría que ten a institución e adiantou tamén que de cara aos dous próximos anos traballarán baixo o referente das Irmandades da Fala, xa que no 2016 cúmprense o centenario do seu xurdimento.
A vinculación de Villares ao Consello da Cultura Galega remóntase a xaneiro do 2003, cando entrou na institución elixido polo propio pleno como personalidade destacada da cultura galega para completar o grupo conformado por dez conselleiros. Villares ten investigado amplamente sobre a historia agraria, social e cultural, así como na historiografía e nos estudos migratorios; uns ámbitos nos que contribuíu con destacadas publicacións que seguen a ser un referente para estudantes e especialistas. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea.
Dentro do Consello da Cultura, foi o responsable da sección de Cultura Galega no Exterior e director do Arquivo da Emigración Galega, ata que o 20 de abril do 2006 saíu elixido presidente da institución, sucedendo a Alfonso Zulueta de Haz. Nese mesmo ano ingresou na Real Academia Galega (RAG) cun discurso sobre Ramón Otero Pedrayo. Villares renovou o cargo no 2010, nun mandato no que incidiu na necesidade de converter o órgano nun laboratorio de ideas, continuar coas tarefas de alta asesoría e traballar de cara unha maior proxección exterior da cultura galega.
Alén da continuidade do presidente, na sesión plenaria de onte tomaron posesión dos seus cargos seis membros do Consello, tras acordarse a reelección de catro deles, os profesores universitarios Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela, e o músico Maximino Zumalave; así como dúas novas incorporacións na quenda de personalidades representativas da cultura galega, as de Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro. 

23/05/2014

Noite de lobos

Xulio Xiz.-

Por Galicia adiante anda a representarse a obra de teatro “Noite de lobos” de Xosé Agrelo Hermo, noiés, nacionalista, que naceu no 1937, morreu en 2006, e destacou polo seu labor polifacético, con especial incidencia no mundo teatral.

Aínda que a obra de Agrelo Hermo non sexa esencialmente naturalista, se o fose podería referirse ao que está a pasar na Chaira onde –despois de moitos anos de non recibir a súa visita- se volven ver pegadas de lobos que de noite se achegan ata as zonas habitadas na procura de alimento.

As novas de aparicións de lobos pola noite xorden de lugares como Labrada de Abadín, os Vilares de Guitiriz, en Vilalba en Ladra, ou en Cospeito, e fan lembrar que quedan moi lonxe, a máis de medio século de distancia, os contos que se escoitaban nos invernos de lobos que chegaban ata as casas, atacaban á xente e ao gando, e preocupaban seriamente a todos os labregos, que só saían de noite en caso de necesidade e non sen tomar antes todas as precaucións posibles.

O lobo deixou logo de saberse del, deixou de preocupar, deixou de ser noticia ou motivo de conto invernal ata que agora volve aparecer, precisamente no tempo en que desapareceu na súa inmensa maioría o gando do monte, as parroquias rurais ven mermar a súa poboación e a consideración social do lobo mellorou de tal maneira que agora é especie protexida e hai preocupación porque non desapareza da nosa xeografía.

Coincide esta presencia nocturna dos lobos coa aparición de osos no sur da provincia, recentemente en Samos, que se dedican a saquear colmeas na percura de alimento, saíndo do seu entorno natural das profundidades montesías da Serra do Courel.

O tema, que antes preocupaba pola seguridade dos humanos, preocupa agora somente polos destrozos en propiedades, xa que somos conscientes de que os animais teñen tanto medo dos humanos, alomenos, como os humanos dos animais.

E por iso, as autoridades competentes deben vixiar estas incursións para evitar males maiores, e para seguir considerando que unha “Noite de lobos” somente pode referirse a unha obra de teatro representada con repetidos éxitos pola nosa xeografía.

22/05/2014

Antón Baamonde falará das Irmandades

Redacción.-
O vindeiro venres 23 de maio terá lugar un novo acto co gallo do ano de Antonio García Hermida (1885-1939), organizado conxuntamente polo xornal A Voz de Vilalba e o Instituto de Estudos Chairegos “Pena do Encanto”, coincidindo co 75 aniversario do pasamento do polifacético autor vilalbés. A partir das 20:30 horas celebrarase na Casa da Cultura a charla-coloquio “As Irmandades da Fala e o seu tempo”, a cargo de Antón Baamonde García, ensaísta, filósofo e neto do homenaxeado. A presentación do acto correrá por conta do xornalista Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba.
García Hermida impulsou varias publicacións na nosa vila durante o primeiro terzo do século XX, considerada a etapa máis fructífera do xornalismo na capital da Terra Cha. As súas inquedanzas no mundo da prensa comezaron a unha idade temprana; en 1902 editou o xornal manuscrito Ideal Villalbés, unha folla voandeira que precedeu ás súas colaboracións en El Eco de Villalba, xornal fundado por Manuel Mato Vizoso e, á morte deste, dirixido por Xosé Novo Pardo. Máis adiante, Tonito da Ponte -como era coñecido entre os seus veciños- fundou e dirixiu a publicación literaria Azul y Blanco, cabeceira que simbolizaba as cores da bandeira galega e que viu a luz en 1914, hai un século.
Esta foi outra efeméride que motivou a decisión de reivindicar, ao longo de 2014, a figura de Antonio García Hermida pola forte pegada que tivo no eido da cultura, tanto local como galega, xa que era militante activo das Irmandades da Fala -sendo secretario da Irmandade de Vilalba- e asiduo colaborador de Ilustración Gallega. Pero o principal fito que protagonizou este home polifácetico na historia da prensa vilalbesa foi a aparición, o 4 de marzo de 1916, do xornal Heraldo de Villalba, subtitulado "Periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa". Fundado e dirixido por García Hermida e con periodicidade quincenal, cesou a súa publicación co número 286, o 12 de abril de 1931, en vésperas da proclamación da II República. García Hermida asinou os seus escritos cos pseudónimos D'Aponte, Garcimida e Ragrech.
Ademáis da súa faceta de articulista, conta cunha breve pero intensa obra: Los niños y los árboles (1914); La herencia de Juanillo (1914); El jardín de Roberto (1919), premiado polo Ateneo-Biblioteca de Ribadeo; El huérfano y la esperanza, diálogo en verso; e “Charetas”, obra póstuma editada en 1973 polo seu fillo Xosé Luís García Mato, que recolle unha ampla selección dos seus poemas e contos.
Antón Baamonde García (Vilalba, 1959) estudou o bacharelato no instituto da súa vila natal e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. É profesor de Filosofía no instituto Xelmírez I de Compostela. Colaborador habitual en diversos medios de comunicación escritos (La Voz de Galicia, La Opinión, El País), radiofónicos (Radio Galega, Cadena SER) ademais de en revistas como Galicia Internacional, Agália ou Grial. Formou parte do Consello de redacción da revista Luzes de Galiza, xunto con Lino Braxe, Xavier Seoane e Manuel Rivas e foi coordinador do "Foro Luzes de Galiza" que se distinguiu por dar á luz unha serie de manifestos que enfocaron Galicia a outra luz distinta da do conservadorismo non só gobernamental. É membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e do Padroado de RadioFusión, entidade que engloba a emisoras municipais galegas. Ademais de participar en numerosos volumes colectivos, Antón Baamonde é autor dunha ampla obra en galego e español.
Os actos de reivindicación da figura de García Hermida contan co inestimable apoio do Instituto de Estudos Chairegos e rematarán o 4 de setembro, día do seu pasamento, no que A Voz de Vilalba publicará unha edición especial en papel.

21/05/2014

Carta aberta ao sr. alcalde de Guitiriz

Antón de Guizán

Estimado Xosé María Teixido:

En primeiro lugar, saudalo afectuosamente e felicitalo como primeiro representante da veciñanza de Guitiriz polo éxito da dedicatoria das letras galegas ao que é xa o seu veciño máis ilustre, Xosé María Díaz Castro.

Puiden comprobar nos actos da pasada fin de semana por vostede mesmo o orgullo de que Guitiriz puidese disfrutar de tal efeméride, "algo que non todos os concellos e alcaldes teñen a fortuna de vivir" segundo as súas propias palabras.

Honra por todo o vivido, pero tamén ao ver como os guitiricos en xeral e vilaregos en particular amosaron un compromiso e un traballo fundamental na celebración das letras, pero tamén os negocios de hostelería con magníficas ideas, os rapaces do colexio e o instiruto, e sobre todo esa magnífica asociación exemplo en todo o País que se chama Xermolos e que está liderada por Alfonso Blanco Torrado.

Penso, ao meu ver, que as letras galegas deste ano tivero un valor engadido sobre outras moitas que se teñen celebrado, e que radica principalmente nese compromiso e participación popular por riba de moitas diferencias e que deu unha imaxe inmellorábel do concello que preside.

Non son guitirico pero son chairego como vostede, e agradezo ter vivido de primeira man unha celebración que conteibue á concienciación da riqueza que supón ter un idioma propio tan rico e a importancia de expresarnos os galegos entre nós e no mundo con identidade dun pobo diferenciado.

Pero lonxe de relaxarnos, agora comeza o verdadeiro traballo para o concello de Guitiriz, ao que se lle presenta unha grande oportunidade que non debe deixar morrer e que pasa por aproveitar os altos índices de coñecemento acadado vinculado a un elemento altamente positivo: a cultura.

Independentemente do que pase no futuro desde o punto de vista politico, de quen goberne, a súa responsabilidade está en dar os primeiros pasos para consolidar e incentivar o papel de Guitiriz como referencia poetica e cultural pola sorte de ter acadado a travès do noso poeta tan alta distinción.

Ao meu ver, a cultura tamén é rendíble si se acredita nela, e lonxe de facer actos soltos e dispersos, do que se trata é de criar estructuras estabeis e camiñar da man doutras institucións para facer no Vilariño esa Casa Museo do poeta vilarego, rutas en todo o concello, eventos permanentes, xornadas, congresos, etc. Todo beneficiará a Guitiriz, á súa hostelería, ao turismo, á creación de postos de traballo, á riqueza material e do coñecemento.

As letras 2014 non deben ser un problema, sinón unha grande oportunidade, non realizable de inmediato pero si planificada a medio plazo como quén fai un plan de turismo ou un plan urbanístico, analizando nunha especie de DAFO as debilidades e fortalezas existentes pero no plano cultural e literario e con Díaz Castro de referencia e no horizonte.

E non dubide vostede que ahí terá ao conxunto dos cidadáns, que con independencia de resultados electorais, saberán valorar os esforzos. Guitiriz, Outeiro de Rei, Vilalba...a Terra Chá toda síntese orgullosa de ter tan grandes poetas, unha producción que non para e que xa ten outros exponentes en Guitiriz con Luz Campello, Jaki Quintela que publicará un poemario este verán con Xermolos, e escritores como Segundo López, o prooio Alfonso Blanco, e Pastora Veres que editará á volta do verán o seu libro da parroquia do poeta. A esto hai que sumar a inquedanza audiovisual vivida neste ano e na que participaron tamén os alumnos do IES, outra das posíbeis apostas posíbeis.

Estou certo de que vostede, a corporación actual e as que a sucedan, son conscientes da responsabilidade pero tamén da ilusión que teñen depositada no futuro. Gutiriz pode ser un concello de tantos que pasado o día pasou a romería ou acadar con todo merecemento ser un referente na defensa do idioma, a literatura e todo canto lles rodea...

Pense vostede na honra que supuxo para a vila á que representa sentirse o centro do mundo literario, que o idioma galego, lonxe de xerar polémicas e problemas, si se trata de defendelo e promovelo, une. Esa unión demostrada estes meses debe ser exemplo de maneira de actuar na defensa do propio e non só no idioma sinón en todo o que mos é propio e común aos galegos e comenzando polos Vilares, por Guitiriz.

Hai concellos que tiveron unha sorte semellante ao seu e non souberon ou non quixeron aproveitala, na súa man está prantar esa semilla para que os xermolos agromen e Guitiriz sexa exemplo...

Reitero os meus parabéns e despídome de vostede agardando volver a coincidir en calquer lugar e circunstancia no seu concello. Unha aperta.

20/05/2014

Castelao nas redes sociais

Redacción.-

As plataformas web do Consello da Cultura Galega, culturagalega.org e consellodacultura.org, veñen de pór en marcha unha iniciativa nas redes sociais para amosar en detalle e promover entre as novas xeracións (que son a fin de contas as que máis usan as comunidades 2.0) o legado do ensaio Sempre en Galiza, “unha das obras máis senlleiras de Castelao e a que sen dúbida sintetiza mellor o seu pensamento político”, sinala o CCG.
Segundo engade, a campaña celebra o 75 aniversario da edición e da presentación (no Prince George Hall de Bois Aires, en xullo de 1944) deste ensaio monumental. A idea é manter no tempo a iniciativa, co fin de facela o máis eficaz posíbel. Deste xeito, todos os días (de hoxe até o xullo) as contas de Twitter de culturagalega.org (@culturagalega) e Consello da Cultura Galega (@consellocultura), así como as páxinas de Facebook, publicarán a primeira hora da mañá unha cita do libro, “difundindo así o pensamento de Castelao a case 15.000 usuarios de medios sociais ligados ás plataformas do CCG”. Asemade, convídase a todos os usuarios de Internet a contribuíren con outras frases e reflexións sobre o papel de Castelao e a súa obra na etiqueta #sempreengz.

Certame Benxamín Paz

Xulio Xiz.-

En Vilalba vense de recuperar o certame literario e de debuxo “Benxamín Paz”, para os nenos dos colexios da comarca, despois de dous anos de interrupción.

Este certame paréceme moi xeitoso, como mínimo en dous importantes aspectos: Dunha banda para honrar a memoria de Benxamín, e con el a todos os que tendo unha minusvalía loitan para superala e triunfar no difícil mundo que nos tocou vivir. E doutra, porque facilita que os nenos e nenas vilalbeses escriban e debuxen para competir limpamente por uns premios modestos pero importantes, aleccionadores, entrañables, nos que participan ducias de pequenos debuxantes e escritores.

Eu coñezo ben este meritorio certame porque fun xurado del nas quince primeiras edicións, convocadas polo Colexio vilalbés Insua Bermúdez, e no que Constantino, Arturo e Chema eran os abandeirados dunha acción cultural que para si quixeran outras moitas institucións culturais e educativas.

Os anos 2012 e 2013, polas razóns que fosen, non puideron convocarse as correspondentes edicións deste certame, pero neste 2014 volve á vida coa edición número XVI, nunha reaparición que eu desexo definitiva e cunha larga vida, polo ben de todos os que temos que ver con el que somos –colexio, xurado, participantes, premiados – moitísima xente.

Nesta nova edición do Certame a cousa non será exactamente igual porque teremos unha carencia vital... Estaremos a maioría do xurado, aínda que un par de membros nos temos xubilado nas nosas tarefas profesionais durante estes dous anos de baleiro, pero faltaramos o imprescindible Bernardo García Cendán que aportaba ao certame a súa natural ledicia, a fondura das súas opinións, a conversa sobre os temas máis diversos, e ata os seus repetidos retrasos debidos á parsimonia vital da que facía gala. Nada será igual sen Bernardo García Cendán, que deixou en nós tanto baleiro.

Pero a vida segue, e afortunadamente o Certame de narración e debuxo “Benxamín Paz”, tamén. Para min, e agardo que para moita xente, é unha excelente noticia.

Cursos de verán de lingua e cultura

Redacción.-

Os Cursos de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras e españolas de fóra de Galicia veñen celebrándose de maneira interrompida desde o verán de 1988. Nos primeiros anos foron organizados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. A partir de 1993 a devandita Dirección Xeral (hoxe Secretaría Xeral) estableceu un convenio coa Real Academia Galega (RAG), a través do seu Seminario de Lexicografía, e coa colaboración do ILG, para as tres institucións organizaren conxuntamente uns cursos que teñen como finalidade proporcionarlles ás persoas participantes a oportunidade de se familiarizaren coa lingua galega e coa realidade sociocultural de Galicia.

Estes cursos están dirixidos a alumnado e profesorado universitario que estea interesado na lingua, na literatura e na cultura galegas e, de maneira particular, o vinculado aos centros de estudos galegos das universidades de fóra de Galicia, aínda que están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia.

O programa dos cursos inicial e medio consta de clases de comprensión e expresión escrita e oral. O programa lectivo desenvólvese de luns a venres, en horario de 9:30 a 11:30 horas. Polas tardes haberá clases prácticas, en que se traballará sobre todo a lingua oral, de 16 a 17:30 horas. O curso superior de lingua e literatura galegas constará de catro seminarios, que tratarán sobre os seguintes temas: problemas de lingüística galega; textos e autores da literatura galega contemporánea; formación e historia social da lingua galega; variación e cambio lingüístico no galego actual.


Ao mesmo tempo, están programadas actividades de ampliación cultural, que constarán fundamentalmente de conferencias sobre literatura, historia e outros eidos da realidade sociocultural de Galicia, así como a proxección de películas e documentais. Estas actividades realizaranse de maneira conxunta para o alumnado de todos os niveis, de 12 a 13:30 horas.

Durante estas semanas tamén se levarán a cabo diversas actividades complementarias de carácter cultural e, se as dispoñibilidades económicas o permiten, xornadas completas de inmersión lingüística e cultural en comarcas de interese cultural e paisaxístico.

O profesorado dos niveis elemental e medio está formado por persoas especializadas en lingua galega, investigadoras do ILG e dos Seminarios de Lexicografía e de Gramática da RAG, con experiencia no ensino da lingua. O curso superior será impartido por profesorado do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (unha parte son tamén investigadores e investigadoras do ILG e membros numerarios da RAG).

Ao longo de todos estes anos os Cursos de verán de lingua e cultura galegas serviron, nuns casos, para poñer en contacto e, en moitos outros, para afondar no coñecemento directo a moitas persoas estranxeiras e españolas de fóra de Galicia, que tiveron ocasión de enchouparse na lingua e na cultura galegas durante unhas semanas intensas. Moita da xente que pasou por estes cursos segue en contacto coa cultura e coa lingua galegas, e en bastantes casos mesmo segue vinculada académica e profesionalmente con algún aspecto de Galicia.
Estes cursos contribuíron de maneira moi importante a que hoxe a lingua e a literatura galegas teñan presenza en moitas universidades non só de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia, e serviron de impulso para o estudo e a investigación sobre a cultura galega en todo o mundo. Esa presenza internacional, xunto cos moitos centos de persoas de moi diferentes nacionalidades que se expresan con toda naturalidade e normalidade en galego cando visitan Galicia, constitúe tamén un factor moi importante de prestixio para a nosa lingua e para a nosa cultura, e por tanto un elemento de normalización moi relevante. A nosa experiencia de todos estes anos é enormemente enriquecedora e motivadora, e esta iniciativa constitúe un orgullo tanto ILG coma para a RAG.

Un ano máis, afrontamos a realización dunha nova edición destes cursos coa mesma ilusión dos primeiros anos, mais tamén coa seguridade de que os froitos serán, de novo, merecentes de todos os esforzos que fagamos tanto o equipo de dirección coma o profesorado e todo o persoal colaborador, entre o que figurarán, como é habitual, relevantes figuras da lingüística, dos estudos literarios, da cultura e da arte de Galicia.

Folla de inscripción aquí.

18/05/2014

Un paso adiante e outro paso adiante

“Un paso adiante e máis outro paso adiante, Galiza!”
Manifesto da plataforma Queremos galego, da autoría da escritora Marica Campo, que será lido nas 8 mobilizacións que terán lugar o 17 de maio de 2014 na Galiza.

O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover libremente polas diversas estancias.

Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados.

A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.

O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é, dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e patriótica. A partir dela e até os nosos días, a nosa lingua foi cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a cadora máis amplos e diversos.

Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste esforzo; mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.

Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o poeta a quen celebramos este ano, diremos:

Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias.

Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.

Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.

Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.

Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.

Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.

Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.

Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.

Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.

Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.

Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente, e este decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.

Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados.

O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos para seguir nomeando o mundo desde nós.

Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e existir.

Viva a lingua galega!

Fagámola vivir e ser útil!

É tempo de falarmos: somos nós!

17/05/2014

As mentes pequeniñas

Antón de Guizán.-

Haiche xente para tódolos gustos. Digo esto porque teño escoitado de todo sobre a dedicatoria do día das letras a Díaz Castro, e o que é peor, a cargos públicos e mesmo a veciños, que sendo moi minoritarios, non deixan de ser indocumentados que no caso dos veciños pode ser perdonable pero nunca nunhas persoas que teñen calquera responsabilidade e representación pública.

Para que quede claro dunha vez por todas e saltandome calquera xustificación literaria que parece importar pouco ou nada a esas mentes pequenas, a dedicatoria das letras a un veciño dos Vilares, supuxo situar no mapa, no coñecemento do país e mesmo de ultramar á parroquia dos Vilares e ao concello de Guitiriz, algo que estaría fora das posibilidades dun concello pequeno en poboación e recursos e que deles dependerá saber aproveitalo noutros ámbitos despois deste ano.

As numerosas publicacións, audiovisuais, os traballos e estudos do autor e do seu lugar de procedencia, supoñen unha honra que non ten discusión posíble desde calquera punto de vista e ademáis desde unha perspectiva cultural e galega, pero ao tempo universal, nun lugar "pequerrechiño" que como decía o noso poeta, "o universo sería máis pequeno sin ti", algo moi dificil de entender para algúns...

Por sorte, a maior parte de veciños de Guitiriz, negocios, escolares e politicos están volcados con esta celebración e Díaz Castro é xa o seu veciño máis importante e ilustre por riba de envexas, críticas infundadas e comentarios que non merecen nin ser mentados.

Entendo, despois de escoitar certas críticas, que o lider do grupo británico Inmaculate Fools, Kevin weatherill, que resideu un tempo en Guitiriz, creara o tema "Cotillas" adicado a esa fauna existente en moitos lugares pero que aínda sobrevive en Guitiriz. Eses comentarios crìticos proceden desa especie que polo visto non precisa protección sinón máis ben batidas de caza polo ben do país e a súa cultura.

Esta casta de "cotillas" son selectivos e adícanse a criticar todo aquelo que destaca ou non entenden nas súas limitacións, e aínda que sobreviven con cotilleos no cotidiano, atópanse no seu habitat cando algo ten máis relevancia pública, e aínda que fastidia escoitalos, canto máis falan máis cativos se fan, no peor dos sentidos.

Díaz Castro está nunha altura ética e literaria da que os chairegos e galegos estamos orgullosos, e que grazas á dedicatoria das letras galegas aprendimos a coñecer máis e mellor e que provocou nos Vilares, en Gitiriz, na Chaira e Galiza, como cada ano co resto de adicatorias unha reafirmación a prol da nosa lingua e cultura e unha volta máis na defensa da nosa identidade como galegos, o resto é soedade...

A Brigada Político-Social

(A imaxe corresponde a un fotograma da película A vida dos outros, de Florian Henckel)

Agustín Fernández Paz.-

En diversos capítulos da novela, a familia do protagonista sofre o acoso da Brigada Político Social, a policía política do franquismo (o equivalente á Stasi da RDA, tan ben retratada na película A vida dos outros). Como se indica na entrada que lle dedica a Wikipedia, cunha información fiable e rigorosa:

La Brigada Político-Social (BPS), cuyo nombre oficial era Brigada de Investigación Social (BSI), fue la policía secreta que existió durante la dictadura franquista, encargada de perseguir y reprimir a todos los movimientos de la oposición al franquismo. Orgánicamente constituía una sección del Cuerpo Ganeral de Policía (CGP). Durante la transición fue reestructurada y sustituida por la Brigada Central de Información. Entre la oposición antifranquista fue conocida comúnmente como La Social, La Secreta o La Brigada.


Aínda que foi creada en 1941 e instruída nos primeiros anos por Paul Winzer, membro das SS e da Gestapo, a partir de 1945 fóronse configurando as funcións que tería en anos posteriores, que se concretaron definitivamente nunha lei de xuño de 1959. Estas funcións eran moitas; entre outras:
* Perseguir os actos que atenten contra a unidade espiritual, nacional, política e social de España, calquera que sexa o seu grao de exteriorización.
* Os paros colectivos e os peches ou suspensións ilegais de empresas…
* As manifestacións e as reunións públicas ilegais…
* Detención de calquera persoa se se considera necesario para a preservación da orde.
* Inspeccións e rexistros domiciliarios en calquera momento que se considere necesario.
(…)

(Aqui pódese escoitar un interesante podcast sobre a Brigada Político Social)

Foron moitas as persoas que sufriron vexacións e torturas por parte da Brigada Político Social, sobre todo do mundo obreiro e da militancia política. Impresiona ler os testemuños sobre estes feitos, que pouco a pouco van saínda á luz.

Todo isto pode parecer cousa dun pasado remoto, mais a realidade encárgase de nos lembrar a vixencia de moitos feitos: velaí a petición de extradición do comisario da BPS coñecido como Billy el Niño (denegada hai só uns días pola Audiencia Nacional)

No ano 2013, estreouse o documental Brigada Político Social, la gestapo española, dirixido por Javier Caballero e baseado na documentación que posúe Antoni Batista, posiblemente o investigador que máis sabe sobre a BPS. Deste documental, pódese ver o impresionante trailer nesta páxina.

Existe outro magnífico documental sobre o que significou a existencia da BPS no ámbito cultural, Brigada Político Social. La cultura vigilada. Velaquí o tráiler (o documental íntegro, imprescindible para coñecer o alcance da represión nos ámbitos culturais, pódese ver neste enlace, na web de Canal Sur):

Na Rede hai informacións interesantes sobre a Brigada Político Social, se ben aínda queda moito por investigar. Esta imprescindible conversa con Antoni Batista, o meirande coñecedor da BPS, é de gran interese.

O texto íntegro, con todas as imaxes e ligazóns, pode lerse no blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa nova novela: A viaxe de Gagarín.

Lugo, pola lingua e a cultura galega

Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, fixo unha lembranza, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, de todas as colaboracións que está a levar a cabo a área de Cultura co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta chairego Xosé María Díaz Castro. Segundo explicou Outeiro orgullámonos, entre outras cousas, de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua”.
Entre as colaboracións da área de Cultura da Deputación coa celebración do Ano Díaz Castro, atopamos a edición do almanaque “O Gaiteiro de Lugo” dedicado integramente a Díaz Castro, a edición de “Poesía Galega Completa”, editada por Galaxia e coordinada por Armando Requeixo, publicación que compila ao completo a obra de Díaz Castro escrita en galego, ou a adquisición da obra “Vida e obra de Xosé María Díaz Castro”, da autoría do xa mencionado Armando Requeixo.
No eido audiovisual, a área colaborou coa longametraxe documental “O instante eterno”, dirixida polo tamén guitiricense Xosé Antón Cascudo, unha ferramenta valiosísima coa que dar a coñecer a vida e obra de Xosé María Díaz Castro, e coa curtametraxe “Os camiños esquencidos”, da que son protagonistas as alumnas e alumnos do IES Poeta Díaz Castro.
Asemade, outra das colaboración na que desde a área de Cultura se ten volcado máis esforzo é na edición dunha Fotobiografía sonora con música d’ A Quenlla, “Desorballando outonos”, coordinada pola Asociación Cultural Xermolos. Unha asociación que nos últimos meses centralizou tamén un inxente traballo encamiñado a coñecer, e recoñecer, a importancia de Díaz Castro non só para Guitiriz, senón para a propia Galicia.

16/05/2014

Comeza a aventura do .gal

Redacción.- A Asociación puntoGAL presentou esta maña www.dominio.gal a primeira páxina web baixo o dominio da Internet para a sociedade galega. A presentación tivo lugar na véspera do Día das Letras Galegas na Cidade da Cultura de Galicia e contou coas intervencións de Manuel González, presidente da Asociación, Alberto Nuñez Feijóo, presidente da Xunta e Xosé Antonio Gómez Segade, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago.

O novo portal explica os prazos e os criterios que rexen o lanzamento do .gal. Así, dende o 1 de xuño a Asociación aceptará candidaturas para o Programa de Pioneiros. Durante o mes de xuño recibiranse propostas e a Asociación seleccionará, baseándose en criterios de visibilidade e notoriedade, até un máximo de 90 Nomes Pioneiros.

Estas direccións de pioneiros entrarán en funcionamento na Rede o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. Os pioneiros terán a vantaxe de poder publicar webs baixo o .gal catro meses antes co resto, gozando dunha maior visibilidade. Iso si, terán que afrontar un prezo especial (entre 3.000 e 400 euros segundo e o tipo de solicitante) e loxicamente, cumprir unha serie de requisitos. PuntoGAL publicará todos os detalles do Programa de Pioneiros (prezos, etc.) dentro de 15 días, o 1 de xuño, cando xa se poderá solicitar participar nesta fase.

A seguinte fase, bautizada como Abrente, comezará en setembro, durará até novembro e busca protexer dominios de interese público. No Abrente as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio. Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas, marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet), etc. Cómpre lembrar que unha das finalidades do puntoGAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima a comunidade galega.

Paralelamente ao Abrente haberá unha Carreira para o público en xeral para as direccións que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por direccións especialmente atractivas. E finalmente, en decembro, chegará a Fase Aberta, na que todo o público poderá acceder ao dominio .gal sen máis restricións.

As condicións e características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal con suficiente antelación. Ademais, a través desta páxina indícase a fórmula para consultar e solventar dúbidas.

Os motivos para organizar o lanzamento en diferentes fases son para garantir a súa estabilidade técnica, cumprir as normas establecidas por ICANN e garantir un lanzamento ordenado e que protexa os dereitos públicos e privados.

O novo portal tamén explica que páxinas webs poderán mostrarse baixo un .gal . O rexistro será libre e os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña específicamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o establece a candidatura do .gal aprobada por ICANN.

Durante o seu discurso, Manuel González destacou as vantaxes de todo tipo (a nivel económico, de autoestima, tecnolóxico, etc.) que o .gal aportará á sociedade galega. Así, o presidente de puntoGAL salientou que o novo identificador fará máis accesíbeis as páxinas web en galego, aumentando o seu tráfico e favorecendo o comercio electrónico e o desenvolvemento de novas ferramentas na Rede para o idioma. No seu discurso de presentación o voceiro indicou que “o o .gal servirá para que os internautas atopen máis rápido e eficazmente información relacionada co galego ou coa cultura galega. Os grandes buscadores de Internet poderán ordenar e clasificar os contidos en galego dun xeito máis eficaz de como o facían ata agora”.

"Este dominio vai xerar beneficio económico para Galicia. Unha parte importante da recadación polo uso de cada dominio .gal quedará en Galicia, en vez de migrar ao exterior. Todos os beneficios que xere a súa xestión serán dedicados ao fomento da presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías. A utilización do .gal vai ser un elemento de visibilidade para os produtores, empresarios e comerciantes de produtos en que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade, e facilitará a súa implantación e expansión no mercado. Os nosos viños, o peixe e marisco das nosas rías, a nosa moda, a nosa natureza, o turismo, etc. beneficiaranse co .gal” explicou González.

O presidente da Xunta argumentou "actos coma este explican porque no ceminterio dos pobos e das culturas non está Galicia". En opinión de Alberto Nuñez Feijóo o novo identificador "o puntoGAL será o mellor salvoconducto para que Galicia atravese fronteiras". O mandatario destacou, entre outros puntos, as vantaxes económicas que aportará o puntoGAL, que evitará que parte do diñeiro que os galegos invisten en rexistrar dos dominios marche do país.

Pola súa banda, Xosé Antonio Gómez Segade explicou o funcionamento do sistema de nome de dominos e destacou a importancia simbólica do identificador pois "o dominio puntoGAL é o barco polo que a lingua e a cultura galegas van navegar polo ciberespazo".

A Asociación puntoGAL está formada por 114 organizacións de todos os sectores sociais, incluídas as principais institucións culturais do país e ducias de asociacións culturais de base. Durante os seus sete anos de traballo continuado gañouse o apoio de máis de 12.000 persoas, apoio que foi fundamental para que a ICANN aprobase a candidatura en 2013 e delegase o dominio esta primavera. A todos estas persoas e institucións puntoGAL quere dar as grazas unha vez máis. O domino é voso. Máis información en www.dominio.gal

Versos ao vento

Antón de Guizán.-

O sábado 10 de Maio, e dentro do Maio das letras da Deputación de Lugo, celebrouse na Praza de San Marcos unha iniciativa merecedora de extender e siacaso aprender para mellorala.

Lino Salgado alias Lino de Baltar, o poeta inquedo orixinario da Pastoriza foi o ideólogo de levar ás rúas, ao vento, a poesía nun formato bonito en carpa, co seu escenario enmoquetado, a súa pantalla de led, os poetas e un músicos marabillosos cantando poemas de autores que están xa no Olimpo das nosas letras como Celso Emilio, Leiras Pulpeiro ou como non podía ser menos este ano, Xosé María Díaz Castro.

A poesía din que é un xénero minoritario, algo discutible, pero que en calquer caso xustifica o apoio institucional porque Galiza é unha potwncia mundial en producción poética e tamén de autores de grande calidade.

Popularizar a poesía como se fixo en Lugo con autores noveis e consagrados como Marica Campo, Lois Diéguez ou Vazquez Pintor recitando e disfrutando deu a idea clara de que a poesía tamén pode ser divertida e comprometida, alegre e atractiva para o grande público.

Co chairego Díaz Castro de protagonista este ano en todo canto acto literario se realiza, hai que felicitar ao chairego Lino de Baltar pola fermosa iniciativa e procurar multiplicala por rúas e prazas do país deixando que autores locais e máis famosos se dean da man sumando e que músicos tan bós como Cesar e Alfonso Morán deleiten como fixeron na praza luguesa, aos transeuntes...

Os meus parabén son tamén para a área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, especialmente sensible con todo o que atinxe á nm osa lingua e ás nosas letras.

É con estas "herbas pequerrechiñas" das que fala Díaz Castro coas que facemos país desde a cultura e a lingua, columnas fundamentais da nosa casa común, Galiza.

Sobre mesas & outras cousas

Redacción.-

Onte, 15 de Maio ás 20.00 h., inaugurose a exposición de mobiliario e obxectos "Sobre mesas & outras cousas", do deseñador Tomás Alonso na Galería Espacio Sirvent, de Vigo.
Logo da conferencia inaugural, o propio autor fixo unha visita guiada pola exposición. Neste acto presentouse tamén como primicia internacional, ademais doutros produtos, a primeira serie de mobiliario deseñada en exclusiva para SIRVENT Edicións, ao mesmo tempo que a colección de mobles Offset para a empresa MAX Design, presentada o pasado mes de Abril na Feira do Moble de Milán.
A mostra poderase visitar ata o 20 de xuño.

Horario
De L-V: 09.30 a 13.30 h - 16.30 a 20.00 h
S: 10.00 a 13.30 h

SIRVENT | Gran Vía 129, Vigo |
T. +34 986 424 422 | www.sirventvigo.com
Aparcamentos no Centro Comercial Gran Vía e Pintor Colmeiro

Pedrón de Ouro 2014

Redacción.-

O padroado da Fundación Pedrón de Ouro acordou outorgarlle o seu galardón anual ao Museo do Pobo Galego "polo seu compromiso co patrimonio histórico-antropolóxico". Cando se cumpren 50 anos destes galardóns que recoñecen o traballo a prol da cultura do país, a entidade decidiu tamén outorgalle o premio Pedrón de Honra á arqueóloga portuguesa Teresa Soeiro, en recoñecemento ao seu traballo para o coñecemento de Galicia e do Norte de Portugal como unidade histórica e cultural. Os galardóns entregaranse o vindeiro 18 de maio nun acto literario na Casa da Matanza, en Padrón, que moderará Xosé Luís Méndez Ferrín.

A Fundación Pedrón de Ouro sinalou que pretende vincular os 50 anos dos seus galardóns cos 25 aniversario do pasamento de Xaquín Lorenzo Xocas, membro da entidade e un dos principais impulsores do Museo do Pobo.

12/05/2014

Todo é mentira

Antón de Guizán.-

"Todo es mentira en este mundo,
todo ea mentira, la verdad"
MANU CHAO

Cando aos gobernantes se lles enche a boca en tempos de crise falando de emprender, de animar aos mozos a crear empresas, algún dos que temos experiencia en crear empresas sin apenas capital nin apoio económico danos a risa.

A hipocresía é tal que roza o engano e a burla. Crear empresas cando a banca non da un peso, cando ademáis de afrontar segundo os casos, locais, mercados oy alugados, transporte, material básico, gastos corrientes de luz, auga internet, e sobre todo, seguridade social, IRPF, empregados si se teñen, e adiantos cando se rraballa para a administración e esperas de varios meses para cobrar, non son precisamente incentivos para emprender...

As administracións esixen esrar ao corriente de pagos coas administracións cando en moitos casos son elas mesmas as que afogan economicamente a pequenas e medianas empresas, as maioritarias en Galiza, e as que crean a maior parte do emprego, pero que sobreviven en moitos casos a pesares desas administracións que promoven propagandisticamente o emprendemento empresarial.

Cando unha pequena empresa galega queda afogada polas débedas, o drama multiplica ao dunha grande emprwsa porque en moitos casos estas empresas dan traballo a amigos, veciños e mesmo familiares, e ao fracaso empresarial vai engadido un drama persoal polas connotacións deste tipo de negocios.

Resulta facil encher a boca para animar á mocidade a asumir riscos, pero só con palabras non se axuda a emprender, crear empresa e emprego, e neste país todo ven sendo mentira.

Resulta curioso que na administración se multipliquen os casos de corrupción politica por chanchullos con grandes empresas e mentras, as empresas galegas, medianas e pequenas, twnten sobrevivir heroicamente nun contexto contrario.

Son testemuña de como se nos esixen rebaixas de prwzos, mesmo descontos nas propostas económicas, mentras a grandes empresas foraneas se lles paga relixiosamente. Outra demostración de país colonizado.

Ese sentimento de que as propostas propias son de sefunda categoría e de que todo o foraneo só por vir de fora merece outro respeto e maior prezo non deixa de ser unha demosteación de pailanismo e autoalienación.

Hai, pois que apostar polo consumo de empresas propias, nas comarcas, no país, fomentar o consumo do noso para rexenerar a economía e facer boicot a todo o de fora, non por un acto de desprecio, sinón por unha militancia de autodefensa, un consumo en defensa propia... todo o demáis é mentira.

Temos os mellores productos, as capacidades e as ideas, e para facelas efectivas hai que camiñar cara a radicalidade do propio, porque como dinmos nosos vellos, que son moi sabios, " ninguén che vai traer nada à casa". Temos que gañalo.

11/05/2014

Revista avozdevilalba.com de abril en PDF

Redacción.-

Xa está ao dispor dos nosos lectores o número 71 da revista A Voz de Vilalba, correspondente ao mes de abril de 2014. Para poder lela só teñen que picar na imaxe adxunta ou ben entrar na nosa Hemeroteca no menú superior.

A APG elixe nova xunta directiva

Redacción.- Esta tarde celebrouse en Compostela a asemblea xeral extraordinaria da Asociación de Periodistas de Galicia (APG), na que Arturo Maneiro renovou como presidente para os vindeiros cinco anos. O resto dos integrantes da nova xunta directiva son Pepe Castro (vicepresidente), Javier García Sánchez (secretario), Luís Rivero de Aguilar (tesoureiro), Moncho Paz (vocal para comunicación e relacións externas), María Méndez (vocal para formación e desenvolvemento) e Virgilio Costas (vocal para novas tecnoloxías). Tamén forman parte da directiva os delegados da APG nas principais cidades galegas: Ana Fernández Roca (A Coruña), Alfonso Riveiro (Lugo), Juan José Feijóo (Ourense), Martín Fernández Vizoso (Pontevedra) e Octavio Rodríguez (Vigo).

Na primeira reunión da directiva elixida pola asemblea establecéronse as directrices para fomentar a captación de novos socios para a entidade. Neste aspecto, a nova xunta mostrou como unha das súas preferencias as novas tecnoloxías “co fin de ter unha maior presenza e visibilidad en todos os ámbitos, desde a páxina web ás redes sociais”. Ademais da organización de eventos profesionais, presenza en foros e debates, a directiva da APG lembrou que en 2015 cumpriranse vinte anos do seu premio de xornalismo, bautizado como “Diego Bernal” tralo pasamento do recordado xornalista compostelano. Finalmente, a directiva acordou nomear a Ángel Botana, ex director da cadea SER, como presidente de honor da entidade. 
_________________
Foto: Pepe Ferrín (AGN)

09/05/2014

"Remontar o río", de Helena Villar

Redacción.- Esta tarde, a escritora Helena Villar Janeiro (Becerreá, 1940) presentará en Compostela o seu novo libro. Baixo o título Remontar o río, trátase –na súa propia definición– dun poemario neonato, pois a motivación e os primeiros apuntes xorden abordo mentres a autora subía o Danubio desde Budapest a Linz.

O feito de que o ­barco fose contra a corrente ­suscítalle a idea de remontar o propio río do tempo, volver deste o seu outono á ­primavera onde a estarán agardando o vals e a rosa. Nos poemas veranse reflectidos ­elementos da ­paisaxe evocada: os soutos, os ­prados, a chuvia, a area das ribeiras...

O acto terá lugar ás 20 horas na igrexa da USC, sita na Praza da Universidade. A autora estará acompañada por Luz Darriba, ilustradora; Marica Campo, poeta; María Solar, xornalista; e Francisco Durán, vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela.

08/05/2014

As cabanas da auga

Redacción.-

O vindeiro venres 16 de maio as 21:00 h. inagúrase as Cabanas da Auga, estrutura de vimbio vivo composta por tres domos unidos por dous túneles e esquematizando a molécula da auga (H2O). Localízase na Casa das Insuas en Rábade e foi construída polos participantes do Obradoiro de trenzado de vimbio vivo: Construción dunha cabana de vimbio nun xardín infantil, organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio e coordinado por Idoia Cuesta e Martiño Cabana e coa colaboración do Concello de Rábade.

A inauguración farase cun concerto de Aquófono: O Concerto do Soño
O Aquófono é un innovador instrumento de percusión con líquido, unha escultura sonora portátil e un sistema infusor de gotas musicais. Música, ciencia e natureza conxugadas nesta máquina do tempo, creadora e recreadora dunha enorme gama de paisaxes sonoros orgánicos…

O “Concerto do Soño” presenta unha sucesión de paisaxes sonoros relaxantes baseados nos cinco elementos: Metal, Auga, Madeira, Terra e Lume. Foi composto especificamente para a súa presentación en espazos e institucións vinculadas coa auga, a tranquilidade e o benestar.

O xogo aleatorio de la choiva musical controlada, recrea a riqueza polirrítmica da natureza sobre a que se improvisa libremente para compoñer pezas sonoras únicas, efímeras e irrepetibles. O Aquófono é un sistema único para desfrutar dunha viaxe particular a través de lugares descoñecidos onde a choiva é arte, sexan catro gotas, chuvieira, treboada ou orballo.

A Chaira tamén con Carvalho Calero


Antón de Guizán.-

Os chairegos estamos de festa este ano coa dedicatoria das letras galegas ao noso paisano Díaz Castro, sabedores de que non será o único que terá esa honra no futuro, xa que a Terra Chá ten a sorte de contar con moitos autores merecedores desa distinción.
Afortunadamente, hai un país que produce escritores e poetas de grande calidade e a Terra Chá suma como calquera outra comarca galega a esa potencialidade literaria sin fin.
E alegres como estamos esre ano, debemos ter a responsabilidade de reclamar xustiza para un autor dos màis importantes defensores da língua, comprometido coa realidade nacional do país e mestre de numerosas xeneracións de escritores hoxe recoñecidos.
Resulta incomprensible que se siga adiando a dedicatoria do Día das Letras Galegas a Don Ricardo Carbahlo Calero e só entendíble desde parámetros esrrictamente políticos.
Que a Real Academia Galega leve anos facendo ouvidos xordos ao que se está a convertir nun clamor despois de diversos mandatos de distinta pelaxe, só se explica desde o temor a resucitar un debate que nonninteresa aos distintos estamentos institucionais e semella que cada ano hai que buscar literatos que leven máis de dez anos mortos con unha única exclusión: Ricardo Carbahlo Calero.
Agora, con un "galeguista" anti nacionalista presidindo a Academia, aposto que Don Ricardo seguirá agardando mentras esta situación de ocultamento deliberado está a facer del unha especie de autor maldito que co tempo lle beneficiará, porque como decía o poema "os mortos que vós matades, gozan de boa saúde".
Non sei si a dependencia económica do estado e da Xunta, condicionan decisións deste tipo, mesmo a persecución ao anterior presidente da RAG, e /ou que o que realmente hai é pavor a un intelectual que desde a súa posición educada, respetuosa, mesmo solemne, foi e sigue a ser, a conciencia lingüística dos apaños e pactos politicos arredor do noso idioma.
En calquera caso, que non se lle adiquen as letras a Carbalho Calero no 2015, non será sorpresa, pero canto máis tarden, máis medrará o interés e o respeto polo profesor ano tras ano, que o saiban os mediocres que nos governan a tódolos niveis...
E os chairegos, orgullosos do noso, temos por riba o orgullo do país, e o amor á Chaira non cega a xustiza para quen a merece dwsde hai tempo e se lle nega sistematicamente.
A chaira está intercomunicada por moitas vías con Ferrolterra e Carbahlo Calero é tamén dos nosos e de tódolos tempos galegos, daquí e do mundo. Xustiza.

Actos do Iescha para as Letras Galegas

Redacción.-

Esta programación que organiza en colaboración co IES Basanta Silva dará comezo coa sesión de contacontos de Celso Sanmartín prevista para o xoves 8, a proxección do documental "O Instante Eterno" para o venres 9 e a representación de "Memorias dun neno labrego" para o venres 16 de maio.

O Instituto de Estudos Chairegos, como ven sendo habitual por estas datas, contempla, en colaboración co IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, unha serie de actos co gallo das Letras Galegas 2014.

Trátase de actos de diversas modalidades e temáticas; ademais de dirixirse a públicos diferentes. O primeiro dos casos protagonízao o compilador e contador Celso Sanmartín que ofrecerá un “contacontos” no auditorio municipal o xoves 8 de maio a partir das cinco da tarde baixo a denominación de “Contos que non falten”. Celso confesa sentir “devoción” polas persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade, e asegura que o seu repertorio está composto “básicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea (na que temos arte e parte) e tamén na cultura agrícola-gandeira e pedestre”.

‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, é un documental que recolle “o talento poético, a humildade e o silencio arredor dunha vida inzada de múltiples enigmas”. Sobre o poeta ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro, autor dun único poemario que marcou a literatura galega do século XXI, Nimbos, falará Alfonso Blanco Torrado antes da proxección deste documental o venres 9 de maio a partir das oito do serán no salón de actos do IES Basanta Silva.

E xa para rematar esta programación arredor das Letras Galegas deste 2014, o IESCHA achega a Vilalba a representación das Memorias dun neno labrego da man da Cándido Pazó nun espectáculo de videocreación, elaborada iluminación, música orixinal en forma de conto teatralizado ou teatro contado. A súa representación terá lugar no auditorio municipal o venres 16 de maio a partir das oito e media do serán.

05/05/2014

Dr. López Otín, premio Ramiro Carregal

A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos acolleu hoxe luns, 5 de maio, a gala de entrega do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal Fundación A Rosaleda. O acto, que comezou ás 19.30 horas, estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Xunto con el estiveron na mesa presidencial a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera; o alcalde de Santiago, Anxo Currás; o presidente executivo do Xurado e xefe de Oncoloxía Médica do CHUS, o Dr. Rafael López; o presidente do Grupo Frinsa, Ramiro Carregal e un representante da Fundación A Rosaleda, ademais do premiado, o Dr. Carlos López Otín.

Ao acto asistiron todos os membros do Xurado do Premio: Francisco González, vicerreitor en funcións de Investigación e Innovación da USC; Juan Gestal, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC; Manuel Freire-Garabal, catedrático en Farmacoloxía; Pilar Garrido, presidenta da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), e Rafael Silva Agregán, director xerente do Grupo hospitalario A Rosaleda. Tampouco faltaron representantes da vida política, sanitaria, cultural e social de toda Galicia, que xa confirmaran a súa presenza na terceira edición deste Premio que recibiron en anos anteriores os prestixiosos doutores e investigadores Mariano Barbacid e José Baselga.

O Dr. López Otín é catedrático de Bioquímica e Bioloxía molecular na facultade de Medicamento da Universidade de Oviedo e unha eminencia internacional na investigación oncolóxica. Ademais realizou estancias nas universidades de Lund (Suecia), Nova York e Harvard e foi galardoado co Premio Nacional de Bioloxía, co que o Ministerio de Ciencia e Innovación recoñece algunhas das súas principais contribucións, como o descubrimento e caracterización de proteínas implicadas no cancro e o envellecemento.

Xunto a Elías Campo é responsable do proxecto español para a secuenciación do xenoma da leucemia linfática crónica, inscrito no Proxecto Internacional do Xenoma do Cancro. O seu traballo foi esencial para a secuenciación do xenoma humano e dos xenomas do rato, a rata, o chimpancé e o ornitorrinco. A súa presenza nestas investigacións demostran a súa importancia a nivel mundial, do mesmo xeito que o alto número de publicacións en revistas internacionais e o seu "factor h", un dos indicadores que miden produtividade científica.

Convenio da Deputación de Lugo co IESCHA

Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, visitou a Casa da Cultura de Vilalba para reunirse co presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Manuel Santamariña; para asinar un convenio de colaboración entre a institución provincial e o colectivo por valor de 12.000 euros para apoiar a actividade do mesmo. Na xuntanza tamén participaron outros directivos do colectivo e os concelleiros do BNG de Vilalba, Félix Jorquera e  Inés Novo.
Nesta ocasión, a actividade do IESCHA contempla a organización da exposición “Árbores senlleiras, singulares e monumentais da Terra Chá”, de Ricardo Polín, unha mostra formada por 50 paneis, cada un deles aportando unha significativa reportaxe fotográfica e identificación coas coordenadas GPS respectivas de cada árbore singular e o seu entorno cultural, social ou ambiental. Unha mostra que pretende un carácter itinerante pola comarca chairega, pasando por centros educativos e outros lugares.
Esta iniciativa do IESCHA inclúe a edición dun catálogo impreso sobre a exposición mencionada no que reproducir contidos esenciais da mostra, como as investigacións recollidas nas correspondentes fichas informativas, tanto a nivel gráfico como documental, así como un plano-guía deseñado especificamente para a divulgación do itinirario chairego das árbores senlleiras, a súa localización e posta en valor.
 Asemade, e dentro do importante labor de recompilación que desenvolve, o IESCHA plantexa a edición do libro “A liñaxe fidalga dos Santomé”, do profesor e historiador recentemente falecido, José-Luis Novo Cazón, unha nova monografía histórica que se suma a outras xa publicadas polo colectivo chairego.

No decurso da xuntanza, Mario Outeiro destacou “o traballo realizado polo Instituto de Estudos Chairegos de cara a promoción da cultura da Terra Chá, na comarca e na provincia. Estamos ante unha entidade que rexistra todo tipo de manifestacións culturais que deben ser obxecto de investigación e recuperación”.

02/05/2014