Actos do Iescha para as Letras Galegas

Redacción.-

Esta programación que organiza en colaboración co IES Basanta Silva dará comezo coa sesión de contacontos de Celso Sanmartín prevista para o xoves 8, a proxección do documental "O Instante Eterno" para o venres 9 e a representación de "Memorias dun neno labrego" para o venres 16 de maio.

O Instituto de Estudos Chairegos, como ven sendo habitual por estas datas, contempla, en colaboración co IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, unha serie de actos co gallo das Letras Galegas 2014.

Trátase de actos de diversas modalidades e temáticas; ademais de dirixirse a públicos diferentes. O primeiro dos casos protagonízao o compilador e contador Celso Sanmartín que ofrecerá un “contacontos” no auditorio municipal o xoves 8 de maio a partir das cinco da tarde baixo a denominación de “Contos que non falten”. Celso confesa sentir “devoción” polas persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade, e asegura que o seu repertorio está composto “básicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea (na que temos arte e parte) e tamén na cultura agrícola-gandeira e pedestre”.

‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, é un documental que recolle “o talento poético, a humildade e o silencio arredor dunha vida inzada de múltiples enigmas”. Sobre o poeta ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro, autor dun único poemario que marcou a literatura galega do século XXI, Nimbos, falará Alfonso Blanco Torrado antes da proxección deste documental o venres 9 de maio a partir das oito do serán no salón de actos do IES Basanta Silva.

E xa para rematar esta programación arredor das Letras Galegas deste 2014, o IESCHA achega a Vilalba a representación das Memorias dun neno labrego da man da Cándido Pazó nun espectáculo de videocreación, elaborada iluminación, música orixinal en forma de conto teatralizado ou teatro contado. A súa representación terá lugar no auditorio municipal o venres 16 de maio a partir das oito e media do serán.

05/05/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión