Aquí Radio España Independiente

Aquí Radio España Independiente, Estación Pirenaica

(Na imaxe, en Bucarest, o equipo que facía as emisións da Radio Pirenaica)

Agustín Fernández Paz.-

Na novela, os pais do protagonista pechábanse no cuarto para escoitar pola noite as emisións de Radio España Independiente, Estación Pirenaica. O mesmo se facía en moitas casas de España, sempre coa precaución de que ningún veciño se decatase, pois estaba prohibido sintonizala. O que se escoitaba ao inicio era isto:

… o PCE contou cun instrumento propagandístico de primeira orde, Radio España Independiente, unha poderosa emisora radiofónica primeiro instalada na URSS, despois en Checoslovaquia e finalmente en Rumanía, desde onde transmitía nas diversas linguas do Estado. Hoxe non é posible cuantificar o número de persoas que en España escoitaba “A Pirenaica. A única emisora de radio sen censura de Franco”, como era familiarmente coñecida –sintonizala era xa un delicto de seu e podía levar ao cárcere a quen o fixese–, mais a súa influencia foi importante.


A Radio Pirenaica estivo activa entre 1941 e 1977. Aínda que o goberno de Franco, con material facilitado polos EEUU, instalou un potente sistema para interferir as frecuencias en que emitía (o que explica as dificultades para escoitala con nitidez), o certo é que non conseguiu que a xente deixase de seguila.

cartas pirenaica 2Malia o seu afastamento xeográfico, os redactores da Pirenaica estaban ao tanto do que ocorría realmente en España, pois chegábanlles moitísimas cartas desde diferentes lugares do país, cartas de persoas anónimas que escribían para informar dos máis diversos sucesos. Unha selección destas cartas apareceu publicada hai pouco, cun estudo de moito interese.

Neste enlace podemos ver un completo e interesante documental sobre a historia da Pirenaica, “Radio Pirenaica. La historia de una radio clandestina“, emitido na TVE-2.

Un dos redactores da Pirenaica foi Jordi Solé Tura, militante do PSUC e unha das persoas que elaborou a Constitución de 1978. Cando xa estaba enfermo de Alzheimer, o seu fillo Albert realizou un documental, Bucarest. La memoria perdida, que a min me pareceu apaixonante. Ben merece unha entrada específica, que virá despois desta.

O texto completo, coas imaxes e ligazóns, pode verse no recomendable blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa última novela A viaxe de Gagarin

01/05/2014

1 comentários :

Danos a túa opinión