Convenio da Deputación de Lugo co IESCHA

Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, visitou a Casa da Cultura de Vilalba para reunirse co presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Manuel Santamariña; para asinar un convenio de colaboración entre a institución provincial e o colectivo por valor de 12.000 euros para apoiar a actividade do mesmo. Na xuntanza tamén participaron outros directivos do colectivo e os concelleiros do BNG de Vilalba, Félix Jorquera e  Inés Novo.
Nesta ocasión, a actividade do IESCHA contempla a organización da exposición “Árbores senlleiras, singulares e monumentais da Terra Chá”, de Ricardo Polín, unha mostra formada por 50 paneis, cada un deles aportando unha significativa reportaxe fotográfica e identificación coas coordenadas GPS respectivas de cada árbore singular e o seu entorno cultural, social ou ambiental. Unha mostra que pretende un carácter itinerante pola comarca chairega, pasando por centros educativos e outros lugares.
Esta iniciativa do IESCHA inclúe a edición dun catálogo impreso sobre a exposición mencionada no que reproducir contidos esenciais da mostra, como as investigacións recollidas nas correspondentes fichas informativas, tanto a nivel gráfico como documental, así como un plano-guía deseñado especificamente para a divulgación do itinirario chairego das árbores senlleiras, a súa localización e posta en valor.
 Asemade, e dentro do importante labor de recompilación que desenvolve, o IESCHA plantexa a edición do libro “A liñaxe fidalga dos Santomé”, do profesor e historiador recentemente falecido, José-Luis Novo Cazón, unha nova monografía histórica que se suma a outras xa publicadas polo colectivo chairego.

No decurso da xuntanza, Mario Outeiro destacou “o traballo realizado polo Instituto de Estudos Chairegos de cara a promoción da cultura da Terra Chá, na comarca e na provincia. Estamos ante unha entidade que rexistra todo tipo de manifestacións culturais que deben ser obxecto de investigación e recuperación”.

02/05/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión