Lugo, pola lingua e a cultura galega

Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, fixo unha lembranza, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución provincial, de todas as colaboracións que está a levar a cabo a área de Cultura co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta chairego Xosé María Díaz Castro. Segundo explicou Outeiro orgullámonos, entre outras cousas, de poder contribuír, deste xeito, ao recoñecemento dun galego bo e xeneroso que, mesmo estando na emigración, sempre levou moi dentro Galiza, sen esquecer nunca nin a súa terra nin a súa lingua”.
Entre as colaboracións da área de Cultura da Deputación coa celebración do Ano Díaz Castro, atopamos a edición do almanaque “O Gaiteiro de Lugo” dedicado integramente a Díaz Castro, a edición de “Poesía Galega Completa”, editada por Galaxia e coordinada por Armando Requeixo, publicación que compila ao completo a obra de Díaz Castro escrita en galego, ou a adquisición da obra “Vida e obra de Xosé María Díaz Castro”, da autoría do xa mencionado Armando Requeixo.
No eido audiovisual, a área colaborou coa longametraxe documental “O instante eterno”, dirixida polo tamén guitiricense Xosé Antón Cascudo, unha ferramenta valiosísima coa que dar a coñecer a vida e obra de Xosé María Díaz Castro, e coa curtametraxe “Os camiños esquencidos”, da que son protagonistas as alumnas e alumnos do IES Poeta Díaz Castro.
Asemade, outra das colaboración na que desde a área de Cultura se ten volcado máis esforzo é na edición dunha Fotobiografía sonora con música d’ A Quenlla, “Desorballando outonos”, coordinada pola Asociación Cultural Xermolos. Unha asociación que nos últimos meses centralizou tamén un inxente traballo encamiñado a coñecer, e recoñecer, a importancia de Díaz Castro non só para Guitiriz, senón para a propia Galicia.

16/05/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión