Música ao natural

Redacción.-

Onte, 29 de Maio, no auditorio da Casa das Insuas, en Rábade, deu comezo un novo proxecto cidadán que xunta música, natureza e cultura no rural. Trátase dun pequeno ciclo de concertos, que poderá perpetuarse no tempo, se conta co apoio popular.

Os concertos fináncianse coa colaboración do público e, nun futuro, os organizadores esperan poder contar cun número suficiente de subscritores para que a iniciativa siga adiante.

Un dos propósitos deste ciclo é valorar a música como traballo, como medio de vida, e apoialo. Pero Música ao natural, tamén considera importante valorar a artesanía, a autosuficiencia... o traballo vinculado á terra e aos oficios que nos falan da nosa tradición. Así, propoñemos unha sorte de troco: será benvido todo produto artesán, ou de cultivo propio para cambialo polo concerto.

Con esta iniciativa, preténdese:
1- Abrir un espazo á creación, e poder establecer un circuíto moi singular, para gozar -a poucos centímetros- de proxectos acústicos de músicos de primeiro nivel internacional.

2- Aprender e gozar de culturas doutros lugares.

3- Ofrecer cultura de calidade no rural.

Moitas veces laméntase a pouca sensibilidade que mostran as institucións pola cultura, pero a cultura é responsabilidade de todos; é hora de actuar.

Despois dos concertos, poderase conversar cos músicos compartindo comida e bebida procedente de comercio xusto e produción ecolóxica dispensada pola Cova da Terra.

Nesta primeira sesión de Música ao Natural participou o grupo FETEN FETEN que presentou o seu proxecto La Gira del Wasabi.



30/05/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión