Villares segue á fronte do CCG

Redacción.- Tal e como era previsible, o chairego Ramón Villares Paz (Xermade, 1951) foi reelixido onte como presidente do Consello da Cultura Galega para os vindeiros catro anos. A súa era a única candidatura que optaba ao cargo, tras ser proposto por dezanove dos vinte e cinco membros do pleno, que consideraron que o mellor candidato era o mesmo que vén dirixindo nos últimos oito anos o órgano a prol da defensa da lingua e da cultura galega.
Deste xeito, catedrático de Historia afronta o seu terceiro e último mandato á fronte do Consello da Cultura. Ante o plenario fixo un balance da pasada lexislatura e avanzou os obxectivos para o novo exercicio. Neste punto sinalou a necesidade de incidir no papel de asesoría que ten a institución e adiantou tamén que de cara aos dous próximos anos traballarán baixo o referente das Irmandades da Fala, xa que no 2016 cúmprense o centenario do seu xurdimento.
A vinculación de Villares ao Consello da Cultura Galega remóntase a xaneiro do 2003, cando entrou na institución elixido polo propio pleno como personalidade destacada da cultura galega para completar o grupo conformado por dez conselleiros. Villares ten investigado amplamente sobre a historia agraria, social e cultural, así como na historiografía e nos estudos migratorios; uns ámbitos nos que contribuíu con destacadas publicacións que seguen a ser un referente para estudantes e especialistas. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea.
Dentro do Consello da Cultura, foi o responsable da sección de Cultura Galega no Exterior e director do Arquivo da Emigración Galega, ata que o 20 de abril do 2006 saíu elixido presidente da institución, sucedendo a Alfonso Zulueta de Haz. Nese mesmo ano ingresou na Real Academia Galega (RAG) cun discurso sobre Ramón Otero Pedrayo. Villares renovou o cargo no 2010, nun mandato no que incidiu na necesidade de converter o órgano nun laboratorio de ideas, continuar coas tarefas de alta asesoría e traballar de cara unha maior proxección exterior da cultura galega.
Alén da continuidade do presidente, na sesión plenaria de onte tomaron posesión dos seus cargos seis membros do Consello, tras acordarse a reelección de catro deles, os profesores universitarios Xosé López, Ramón Máiz, Concepción Varela, e o músico Maximino Zumalave; así como dúas novas incorporacións na quenda de personalidades representativas da cultura galega, as de Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro. 

23/05/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión