A eternidade preto de Dunhuang


Mario Paz González.-

Preto de Dunhuang, cidade chinesa da provincia de Gansu citada por Rustichello da Pisa e Marco Polo no seu Libro das marabillas do mundo, o explorador británico de orixe austrohúngaro Sir Marc Aurel Stein descubriu para occidente, no ano 1907, as chamadas covas do Mil Budas ou covas de Mogao.

Stein, que seguindo a Ruta da Seda conseguira achar restos até entón descoñecidos do extremo occidental da gran muralla chinesa, escoitou falar a un mercador turco, no deserto de Lop Nor, duns antigos santuarios escavados na roca no século IV xurdidos dunha desaforada hipérbole. Un monxe chamado Lo-tsun tivera a visión de mil Budas que lle mandaron erixir naquel mesmo lugar un xigantesco templo na súa honra, decorándoo con pinturas, esculturas e textos sacros.

Quen informou ao explorador da existencia destas covas, advertiuno tamén de que estaban custodiadas por un monxe taoísta chamado Wang Yuanlu, que atopara uns anos antes, nunha delas, unha biblioteca chea de textos manuscritos en papel e en seda que gardaba celosamente.

Movido pola natural curiosidade, Stein chegou ao lugar en marzo de 1907 e gañouse a amizade de Wang Yuanlu. Na súa narración cóntanos como, ao entrar na cova que albergaba a biblioteca do santuario, a pequena lámpada do monxe alumou “unha apertada masa de manuscritos enrolados e apilados en estratos sen orde” que, para a súa sorpresa, “alcanzaban o tres metros de altura e enchían cento cincuenta metros cúbicos como puiden medir posteriormente”. Aquel lugar contiña uns corenta mil documentos que permaneceran alí ocultos desde había mil anos, cando a cova foi selada ao ser invadida a rexión pola tribo nómade dos Tangut, tamén citados no fermoso libro de Rustichello da Pisa.

Pero o máis curioso do descubrimento de Stein foi o achado dun bo número de libros impresos varios séculos antes da invención atribuída a Gutenberg. Un deles, cunha lonxitude de cinco metros enrolados nun cilindro de madeira, mesmo tiña data. Editárase no “decimotercer día da cuarta lúa do noveno ano de Xiantong”, na época da dinastía Tang, data que se correspondería co 11 de maio do ano 868 da nosa era. Tratábase dun antigo texto budista coñecido co nome de Sutra do Diamante.

Ao ler os poemas que inclúe antoloxía Raros de tiempo non puiden deixar de evocar esta historia que ben podería proceder dun manual de ultramarinos, pois quen sabe até cando pode durar a tenacidade do esquecemento? Quen pode saber a posteridade que agarda a un texto, a un autor, a un libro ata que a eternidade acuda no seu rescate como ocorreu preto de Dunhuang? Coma se fose unha moralexa que se nos impón a través da aventura protagonizada por Stein, o Sutra do Diamante lembra o ensino central do budismo, pois fala da importancia da non permanencia, do cambio constante…
Compriría tamén engadir unhas consideracións sobre o título desta antoloxía. Reunir nun volume unha serie de poetas “feridos do tempo”, insinuando con iso que sobre os seus textos puidese gravitar o peso do esquecemento, pode parecer un acto de desafío ou unha provocación. Un paradoxo, en calquera caso. A súa publicación, o feito de reunilos e ofrecelos ao lector engádelle unha sustancia de eternidade indefinible que insiste en contradicir a noción que o propio título parece invocar. Facelo, con todo, nunha colección secreta é darlle outra volta de torca. É un intento, se cadra van pero máis que loable, de tratar de restaurar ao seu lugar exacto a orde natural das cousas.


A antoloxía Raros de tempo (León: Manual de Ultramarinos, 2014) inclúe textos dos poetas Jorge Carbalho Branco, Bruno Marcos, Eduardo Moga, José Luis Puerto, Eloy Rubio Carro, Tomás Sánchez Santiago e un limiar de Mario Paz González.

14/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión