A evacuación dos nenos e nenas vascos

Agustín Fernández Paz.-

(A vila de Gernika despois do bombardeo da aviación alemana en 1937)

No capítulo 11 da novela, o pai do protagonista cóntalle como foi a súa marcha de Bilbao, dentro dunha evacuación organizada polo goberno vasco:

O último día de marzo, os avións da Lexión Cóndor que Hitler enviara para axudar a Franco bombardearon Durango, e menos dun mes despois, a vila de Gernika. Semanas máis tarde, Bilbao comezou a sufrir tamén os primeiros bombardeos. Foi entón cando o goberno vasco organizou a evacuación dos nenos e nenas que quixesen marchar. Os meus pais falaron con Tina e comigo e explicáronnos o perigo que corriamos e a conveniencia de marcharmos mentres a guerra non rematase.
Embarcamos o 6 de marzo, no porto de Santurce. A maioría fíxoo nun transatlántico, o Habana, mais a nós tocounos nun barco máis pequeno, o Goizeko Izarra, que quere dicir «Estrela da Mañá». Eu era a primeira vez que viaxaba nun barco e pasei moito medo, sobre todo porque había un buque de guerra dos de Franco, o Almirante Cervera, que nos quería impedir a marcha e ameazaba con nos afundir se non regresabamos ao porto. Menos mal que preto de nós había outros barcos ingleses que nos protexían! E así foi como deixamos Bilbao e chegamos ao porto de La Rochelle. Alí estivemos durante dous anos, nunha colonia que funcionaba coma un internado. (…)

A evacuación dos nenos e nenas de Euskadi é un episodio da Guerra Civil que se coñece ben menos ca outras evacuacións, coma a dos nenos desprazados a Rusia, sobre os que hai unha abundante bibliografía (tamén de ficción: en galego temos Tristes armas, a novela de Marina Mayoral). A última novela do escritor Kirmen Uribe, Mussche (Lo que mueve el mundo) achéganos a historia dos nenos acollidos en Bélxica.

Este episodio dos nenos e nenas de Euskadi está moi ben sintetizado nunha das páxinas que consultei na Rede:

Durante a Guerra Civil, milleiros de familias vascas tiveron que tomar unha decisión moi dura, a de enviar as súas fillas e fillos a outros países co obxectivo de afastalos dos desastres dunha guerra que se presentaba como especialmente cruel coa poboación civil.
As tropas fascistas no seu avance polo País Vasco estaban demostrando unha crueldade ata entón descoñecida coa poboación civil. Os bombardeos de Durango e Gernika, indicaban que para as tropas de Franco, desde o punto de vista da consecución da vitoria militar, a poboación civil era un obxectivo tan prioritario como as tropas que defendían a legalidade republicana contra os insurrectos.
O porto de Bilbao foi testemuña muda da marcha de miles de nenos vascos que se dirixiron a países que, naqueles momentos, estaban lonxe da guerra: Francia, Gran Bretaña, Bélxica… Os nenos e as nenas vascos foron a avanzada do que despois sería o exilio de milleiros e milleiros de vascos.

A EITB, a canle pública vasca de televisión, elaborou unha serie de reportaxes sobre a Guerra Civil en Euskadi. O capítulo 4, “Camino del destierro”, está dedicado á odisea dos nenos e nenas que tiveron que marchar. De alto interese, na miña opinión, paga a pena dedicarlle o tempo necesario para velo completo.

O texto completo, con todas as imaxes e ligazóns, pódese ler no blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa última novela, A viaxe de Gagarin.

4 de xuño de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión