A primavera de Praga

(Unha das imaxes da ocupación de Praga, tomada do blog “Cuadernos de resistencia”)

Agustín Fernández Paz.-

No capítulo 14 da novela, os pais do protagonista e a parella coa que se reúnen con frecuencia, discuten sobre o acontecido en Checoslovaquia:

(…) Tamén para discutir, pois algunhas veces había serios desacordos entre eles. Lembro unha das cuestións que non deixou de aparecer durante varios meses: as mudanzas que se estaban a experimentar en Checoslovaquia desde a chegada ao poder de Alexander Dubcek, e o malestar da URSS ante eses cambios. En agosto produciuse a ocupación de Praga e outras cidades do país polos tanques e as tropas do Pacto de Varsovia, e iso provocou as conversas máis apaixonadas das que gardo lembranza.

A Primavera de Praga

Tras o reparto das áreas de influencia entre as potencias vencedoras da 2ª Guerra Mundial, os países do Este de Europa quedaron baixo o control da URSS, que impuxo neles a súa ideoloxía. O esmagamento de Hungría en 1956 deixou clara este dependencia.

Cando Kruschev subiu ao poder na URSS e denunciou as desfeitas do stalinismo, as cousas pareceron cambiar. Esta política de Kruschev continuou con Breznev, o novo secretario xeral do Partido Comunista.

Checoslovaquia era o estado onde a sociedade demandaba unhas maiores liberdades. O 5 de xaneiro de 1968, Alexander Dubcek ocupou a xefatura do Partido e do goberno. Decontado impulsou un proceso de reformas, na procura do que se denominou “o socialismo con rostro humano“. Estas reformas foron moi ben aceptadas pola poboación, sobre todo entre a mocidade.

Dubcek e o seu goberno non cuestionaban a pertenza ao Pacto de Varsovia nin tampouco a ideoloxía socialista. Só querían levar á práctica unha vía propia para unha nova sociedade socialista.

O esmagamento do “socialismo con rostro humano”

Mais estes cambios en Checoslovaquia suscitaron as protestas dos gobernos da República Democrática Alemá e de Polonia, así como o malestar da URSS. E así, o 20 de agosto de 1968 medio millón de soldados e 7000 tanques invadiron o país, ocuparon a capital e as principais cidades e detiveron aos gobernantes. Houbo moitas protestas entre a poboación, máis de nada serviron. A “Primavera de Praga” quedou definitivamente esmagada.

Isto motivou grandes discusións nos partidos comunistas de Europa Occidental, sobre todo no francés, no español e no italiano, que decidiron seguir unha vía propia, sen dependencia da URSS. Nacía o que se chamou o “eurocomunismo”.

O texto completo, con todas as imaxes e ligazóns, pódese ler no blog de Agustín Fernández Paz adicado á súa última novela, A viaxe de Gagarin.

19/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión