Curros cantado en Celanova

Redacción.-

“Do mar pola orela/mireina pasar/ na frente unha estrela / no bico un cantar”. Con estes versos de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 1851- A Habana, 1908) abreuse o concerto No bico un cantar, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria este serán. A segunda edición desta actividade que aúna poesía, música e mocidade, tivo lugar en Celanova, por ser o lugar de orixe de Curros Enríquez. Catrocentos nenos e nenas de conservatorios profesionais de música de Galicia cantaron catro poemas de Curros que foron musicados por recoñecidos compositores galegos. Ademais, Ramón Villares, presidente do CCG anunciou que a vindeira edición deste concerto homenaxeará a Ramón Cabanillas.

“Celanova é un dos lugares maiores da cultura galega. Aquí deu os primeiros pasos Rosendo e é esta unha terra literaria e de poetas” apuntou Ramón Villares no inicio da segunda edición de No bico un cantar. Ademais, anunciou que “esta actividade leva pouco tempo, pero pretendemos continuala no futuro, sempre sobre a poesía e cunha figura emblemática que para o vindeiro ano será Ramón Cabanillas”. Canda o presidente do CCG, estaba Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e José Luis Ferro, alcalde de Celanova. Todos eles incidiron no valor cultural e didáctico deste concerto que xuntou preto de catrocentos nenos e nenas chegados de sete conservatorios profesionais de música de Galicia (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo) e de tres coros (do CPI Tomás de Lemos, Nenos Cantores Capela Madrigalista, Orfeón Unión Ourensana. Maximino Zumalave repetiu como director dunha actividade na que a escritora María Canosa exerceu de presentadora e o grupo de metais Hércules Brass foron os intérpretes. O concerto tivo lugar na igrexa do mosteiro de San Salvador.

Texto e música no programa
O programa estivo conformado por catro poemas de Curros Enríquez que foron musicados e adaptados por recoñecidos compositores da música culta galega. Alén de “A Rosalía” sobre música de Xosé Baldomir, interpretáronse “Unha noite na eira do trigo” con música de Xoán Montes e “Os teus ollos” con música de Xosé Castro Chané. Ademais, o Consello da Cultura Galega encargoulle a Xabier Comesanha a versión para coro de nenos e sexteto de metais de “Nouturnio”, un dos poemas máis coñecidos de Curros, que conta a historia dun vello afogado pola mala situación económica e por varias desgrazas persoais, que ten que saír polo mundo a pedir. Unha encarga que tivo a estrea absoluta este venres.
Todas as obras que conforman o programa dan conta da natureza social, cívica, satírica, costumista e de denuncia social que caracterizou a escrita de Manuel Curros Enríquez (Celanova, 19851- La Habana 1908). Agás “A Rosalía”, publicado trala morte da escritora, o resto de poemas pertencen ao poemario Aires da miña terra.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega ten feito diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis recentes, destaca a versión de Penélope, de Xosé María Díaz Castro, para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (celebrado o 16 de maio en Lugo). Nesta ocasión, ademais da estrea de “Nouturnio”, o CCG pediulle a Juan Durán os arranxos da música de Xosé Baldomir na versión para coros de nenos e sexteto de metais do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa enmárcase na elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios.

Imaxe: La Voz de Galicia

07/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión