José Ramil Soneira

Xulio Xiz.-

De volta dunha viaxe fóra do país, repasando os xornais para estar ao tanto do acontecido neses días, encontro o obituario que o Dr. Fernando Pardo Gómez dedicou na Voz de Galicia ao Dr. José Ramil Soneira que finou o pasado 26 de abril aos 94 anos.

Para os do meu tempo era “Don José Ramil”, o médico cercano, familiar, que operara a meu pai na clínica que tiña –coa consulta- no domicilio familiar, e desde mediados do século pasado formaba parte da historia viva do noso pobo.

Pero a don José Ramil non lle bastaba con ser un magnífico médico familiar, senón que tiña unha especial preocupación polo pasado máis vello da nosa terra que o levou a pescudar por todo o territorio vilalbés na percura de pegadas dos devanceiros, convertíndose –por experiencia, por investigación persoal, por dedicación- nunha das primeiras autoridades sobre a prehistoria de Galicia, con incidencia especial na nosa zona, que cristalizou na creación do Museo Arqueolóxico de Vilalba, do que – por creador, impulsor, artífice- foi o seu primeiro director continuando o traballo o seu fillo Eduardo Ramil Rego.

Que Vilalba teña hoxe un museo arqueolóxico, débese á dedicación, vocación e investigacións de Ramil Soneira, recoñecidas polas autoridades académicas e institucionais, no que é posible acceder ao coñecemento do pasado máis lonxano, e no que figuran os seus achádegos ao dispor de todos os vilalbeses nun Museo que se considera exemplar, sendo xa unha institución plenamente integrada na vida vilalbesa.

Hai anos, Xermolos dedicoulle a Ramil Soneira os “Encontros da Terra Chá”, honrándoo pola súa longa traxectoria como prehistoriador e patriarca da cultura vilalbesa. Era un asiduo participante nas actividades que Xermolos organiza en Vilalba ou en Guitiriz, E hai uns anos, o concello vilalbés nomeouno Pregoeiro das festas patronais de San Ramón.

Hai xa tempo que deixei de velo nos actos aos que adoitaba acudir. E agora recibo a nova da súa morte.
Descanse en paz o que foi magnífico médico, destacado prehistoriador, e vilalbés exemplar.

02/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión