Porque somos máis, porque somos pobo

"[...] Pois a iso imos. A organizar os republicanos para a revolución, non como ata aquí se veu facendo, para conducilos coma unha manada de años, aos comicios e sacar triunfantes as candidaturas duns cantos cabaleiros aos cales importa máis darse ton de personaxes ou intervir en negocios de dubidosa limpeza, que redimir a patria das vergoñas e quebrantos que baixo a monarquía está a sufrir." 
Blasco Ibáñez. "El Pueblo", xuño de 1895

Modesto Renda Santiso.-

Os resultados das pasadas eleccións ao Parlamento Europeo serviron para acelerar as manobras de Palacio, dende fai tempo urdidas á espera dun acontecemento relevante, ou dunha situación propicia, para ser levadas a cabo.

Despois de 39 anos de reinado, o herdeiro do ditador máis criminal que coñeceu a historia do noso pobo, abdica no seu fillo Felipe, segundo din, para salvar unha Monarquía afundida no lamazal do descrédito e a corrupción que vai ver sentados no banco á filla do rei, ao seu xenro e ao secretario das infantas por branqueo de capitais, delito fiscal e malversación de fondos públicos.

Eleccións, que ao igual que as municipais de 1931, puxeron de manifesto o afundimento das forzas políticas que apuntalaron a lexitimidade da propia institución monárquica dende o mesmo momento da súa restauración.

Un Proceso de descomposición, que de continuar ao ritmo que segue, significaría o fin do edificio institucional construído na transición e por ende da mesma monarquía, ao tempo que deixaría ao propio sistema de produción hexemónico dende 1939 máis deteriorado e cuestionado se cabe ca no momento en que nos atopamos. Máis vale perder un rei antes de que se afunda o sistema capitalista.

Pero a abdicación é o principio do fin, e eles sábeno mellor que ninguén. A aposta polo príncipe non vai mudar a situación dos seis millóns de parados. A pobreza en aumento, unha xuventude perdida así coma unhas institucións en permanente dúbida e corrompidas ata o miolo, non van cambiar dun día para outro porque o rei abdique en favor do seu fillo. Tamén o saben eles, pero por agora constitúe unha tregua, a única posible, para atenuar as cada vez máis irreconciliables diferenzas entre as grandes burguesías históricas do Estado Español.

A crise brutal que padece o noso país en todas as ordes, ben sexa económica, política ou institucional; obriga ao bloque dominante a un derradeiro intento canalizar a indignación e o descontento de millóns de cidadáns, nun proceso que, de novo, deixe completamente á marxe os problemas e reivindicacións centrais aos que, dende fai décadas, fai fronte o conxunto da clase traballadora organizada.

Son esas mesmas forzas do réxime, que contribuíron todos estes anos a manter unhas regras de xogo que a maioría xa non acepta, as que volverán a unir todos os seus folgos na, para eles, impostergable tarefa de lograr que a Juan Carlos I, un rei ilexítimo e imposto polo ditador, lle suceda Felipe VI, igualmente ilexítimo na medida en que non representa os intereses da maioría social agredida polas políticas do capital e os seus bonecos.

Por que cada vez está máis claro que vivimos un proceso histórico, no que a loita pola república e contra a imposta monarquía, crece día a día nas manifestacións e máis nas prazas, ao tempo que a chamada democracia (parafraseando o célebre cántico) «non o é» ; en tanto que se proxecta a modo de reclamo e da que os gobernantes e a monarquía, fixeron o máis xigantesco dos saios a fin que encubrir a corrupción e a inmundicia que sobrevoa a tanta “señoría”, a tanto “mandamás” e demais honorable listaxe de “parásitos” e “vividores”.

E agora, precisamente nestes momentos, fálanos de recuperar o tan cacareado consenso e protexer a democracia, eles, que a violan e prostitúen a diario. Un sainete continuísta que non mira máis alá de asegurar o máis completo inmobilismo dentro marco de dominación ao que nos ten suxeitos esa minoría oligárquica, tamén herdada do franquismo e que controlou o poder político e económico durante os últimos 39 anos.

A convocatoria dun referendo no que o pobo poida optar entre monarquía e república como forma de estado é unha primeira esixencia democrática, está claro; pero o momento de debilidade que exhibe o goberno e o espazo interregno que sofre a presidencia do Estado, corolario dun pobo que dun ou outro xeito se manifesta indignado, non pode resolverse novamente en favor dunha minoría, pois a dicotomía república ou monarquía, significaría neste sentido máis do mesmo.

Calquera impulso de democratización con respecto á elección da Xefatura de Estado representa, neste contexto de esgotamento dos consensos ata agora imperantes no noso devir institucional, moito máis ca o simple paso dun sistema hereditario a un referendado nas urnas cada certo tempo. Representa a oportunidade de dar a voz ao pobo traballador e avanzar na participación e a democracia, ademais de recuperar ese fío condutor do poder popular interrompido por todo o que significou o 18 de xullo, polos 40 anos de ditadura, pola transición do "todo atado e ben atado", polo esquecemento programado, pola vergoñenta maquillaxe ideolóxica e pola consigna do temor ao pasado como a máis perfecta arma de control social.

Basta xá de poñer unha e outra vez os exemplos de Francia, Alemaña ou Italia, onde a palabra República si se comprende esencialmente como Xefatura de Estado non hereditaria. Dende fai 83 anos a palabra República significa moito máis. Significa recuperar un berro de dignidade no que cabemos todas e todos, significa facer xustiza histórica aos centos de miles persoas enterradas nas cunetas, exiliadas, borradas, escravizadas e encerradas; e significa por enriba de todo, recuperar o cordón umbilical da loita de clases no conxunto do noso Estado. Un cordón umbilical que coñecemos en abril de 1931 e nos arrebataron coa Constitución Monárquica do 78.

Por todo isto, e pola a dramática situación que nos asola, é preciso traballar pola unidade das forzas verdadeiramente democráticas e populares. Traballar con audacia e a claridade do que queremos. Unha unidade sobre mínimos na que traballemos en pé de igualdade e sen monopolios políticos.

Agora máis que nunca, a esquerda debe facer fronte á súa responsabilidade histórica e traballar unida para evitar unha nova frustración como a que evitou a ruptura co franquismo e sentou as bases deste modelo que se afunde.

Chegou o momento de que todas as forzas da esquerda social e política encaremos unidas a defensa da maioría traballadora fronte a un réxime bipartidista que frea as súas aspiracións como clase.

Porque de nada serve a loita contra a Monarquía se non incorporamos o impulso da loita social e obreira.
Que resoe nos nosos corazóns a voz de Pasionaria, que era a do pobo, dicíndolles ben alto que “Non Pasarán”; pero que resoe tamén con forza o “non hai dous sen tres” do pasado luns en todas as prazas do Estado; o “Dereito ao teito” e o “Si se pode” de todos eses heroes e heroínas que se organizan na Plataforma de Afectados pola Hipoteca; o “Sanidade pública e gratuíta” dos que inundan as nosas rúas coa marea branca ou o “educación libre” dos que o fan na marea verde; que resoe tamén ese “no meu corpo mando eu” que tantas mulleres e cada vez máis homes respondemos a os que pretenden de novo sepultar a liberdade da muller na súa perversa cárcere moral; o “OTAN NON” que os nosos pais lle berraban aos traidores “de entrada no” alá polo ano 86; a insubmisión fronte a unha débeda ilexítima, o fin deste modelo de Unión Europea e todo o que queiramos engadir porque somos máis, porque somos pobo, ímolos botar.
Felipe non serás rei. A pola terceira, viva a República!

11/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión