Presentación en Vilalba de Carlos Callón

Redacción.- 

O Instituto de Estudo Chairegos organiza o acto de presentación do libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”, de Carlos Callón, que terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura de Vilalba mañá venres, 13 de xuño, ás 20:30 horas e contará coa presenza do propio autor, que estará acompañado polo presidente do Iescha Manuel Castro Santamariña.

Neste libro, ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Trátase dun diálogo lúdico-práctico contado de xeito desenfadado e mediante anécdotas e dirixido a un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorar.

Segundo o propio autor non hai ninguén en Galicia que non queira ao galego e sinala como exemplo delo que moitos rapaces e rapazas,vaínda que non falen en galego apoian ao idioma nas redes sociais. Comenta que hai pouco, Tuenti recibiu un premio por ter 130.000 perfis en galego, en non ten ningunha dúbida en sinalar que a mellor defensa dun idioma é o seu uso.

Carlos Manuel Callón Torres, nado en Santa Uxía de Ribeira o 26 de agosto de 1978, é licenciado en filoloxías galega e portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario. Foi concelleiro por parte do BNG na súa vila natal entre xaneiro de 2001 e xuño de 2002, e membro do Consello Asesor de RTVE en Galicia entre 2001 e 2002. A partir de 1995 ocupou diversas responsabilidades na Mesa pola Normalización Lingüística, organización de cuxa xunta directiva nacional é membro dende 1995 e que preside desde 2002. É presidente tamén do padroado da Fundación Vía Galego, desde a súa constitución en 2006. Preside tamén a Fundación Via Galego e a federación estatal Diverslinguae, desde a constitución de ambas, en 2006 e 2008, respectivamente.

É membro do grupo Galabra da USC e do consello de redacción de Longalingua. Publicación galega de lingua e sociedade. Colaborou nos primeiros pasos da Biblioteca Virtual Galega, da Universidade da Coruña. É autor de diversos traballos centrados na sociolingüística e mais nos estudos literarios, dados a coñecer en diferentes congresos e revistas especializadas. Así mesmo, é autor dos libros Unha historia que nos pertence (A obra poética en galego de Lorenzo Varela) (2005) e En castellano no hay problema (2010), no cal aborda a situación do idioma galego nos últimos tres lustros, facendo especial fincapé na política lingüística do bipartito e do comezo da lexislatura de Alberto Núñez Feijóo.

En febreiro de 2011 gañou o XVI premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Amigos e sodomitas.

12/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión