Ramón Chao lembra a Onetti en Madrid

Redacción.- O vindeiro xoves 12 de xuño o escritor e xornalista vilalbés Ramón Chao protagonizará en Madrid un Almorzo Informativo sobre a figura de Juan Carlos Onetti, coincidindo co vinte aniversario do pasamento do xenial escritor uruguaio. O acto terá lugar na sede do Club Internacional de Prensa (rúa María de Molina 50) e Chao estará acompañado por Dorothea Muhr, Dolly, viúva do escritor; Carmen Enríquez, presidenta do Club; e Moncho Paz, editor de A Voz de Vilalba.

O mesmo ano da desaparición física de Juan Carlos Onetti saía do prelo o libro de Ramón Chao "Un posible Onetti" (Ronsel, 1994), onde o xornalista chairego recopilaba longas horas de conversa co autor de Juntacadáveres. Máis información sobre este evento en www.clubinterprensa.org

E na tarde do mesmo xoves Ramón Chao participará na Casa de Velázquez, ubicada na Cidade Universitaria, nunha charla-coloquio sobre a película "Arriba España" (1975), de José María Berzosa, da que foi guionista. Esta intervención será no marco das xornadas "Carisma e imaxe política. Poderes e contrapoderes durante a transición democrática". Máis información sobre este evento en www.casadevelazquez.org

10/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión