Roubar do esquecemento

Antón de Guizán.-

A parroquia dos Vilares, en Guitiriz, vive un ano trascendental porque o seu veciño Xosé María Díaz Castro é o protagonista das letras galegas 2014. E unha das moitas parroquias chairegas, con moito en común con outras parroquias da Chaira e tamén con moitas do país, pero tamén coas sùas diferenzas e peculiaridades.

Manuel María foi un visionario ao ter de amigo a ese poeta vilarego ao que homenaxeamos, pero tamén cando hai xa 20 anos lle fixo a Pastora Veres a encomenda de recoller imaxes e historias a partir daquela exposición fotográfica con retratos cedidos polos parroquianos para a Romaría Labrega da Chaira.

Seguro que o poeta de Outeiro de Rei estaría hoxe doblemente fachendoso, primeiro pola dedicatoria do día das letras galegas ao seu admirado amigo Díaz Castro, e tamén por ver neste mesmo ano realizada a encomenda feita da parroquia dos Vilares e multiplicada, xa que enmprincipio ía ser un libro, acabarase convertindo en libro, documentario e rede social ademáis dun premio (trapeiro de honra).

Ben sabía o poeta da casa de Hortas da importancia de recoller da memoria todo canto se poida, e roubar do esquecemento esas micro historias que como as herbas pequerrechiñas das que fala Díaz Castro son fundamentais para consteuir e ser o que somos desde o orgullo e para avanzar con futuro.

O patrimonio material e inmaterial, as persoas, as costumes, a etnografía, as historias, as lembranzas son cimentos nos que hai que construir desde as entidades máis pequenas, as parroquias, ese país que somos unha suma de herbas pequerrechiñas capaces de encher de perfume o mundo.

Os Vilares, lareira de soños, verá a luz en libro e documentario no Outono deste ano con 800 exemplares que se antoxan xa insuficientes dada a aceptación e apoios acadados tanto entre os propios veciños como fora da parroquia e do concello de Guitiriz.

Non vai ser un libro de historia, senón de múltiples historias contadas polos seus protagonistas, nin vai ser un documentario unicamente de wntrevistas, sinón unha aposta que fuxirá do preciosismo para plantexar algo frwsco e real.

Os autores de ambos traballos, Pastora Veres e Cibrán Tenreiro, levan meses traballando con vilaregos, gravando, investigando, falando, recollendo información e constatando un traballo no que se teñen implicado as xentes do lugar dunha maneira comunal, como sempre se fixeron as cousas...

Será, pois, unha aportación colectiva a un proxecto que a parroquia ve como propio e así o demostra a diario. Os Vilares sábese importante este ano e pretende dar fé do que é e do que representa neste ano do seu veciño Xosé María que é tamén o ano de tódolos vilaregos.

Os Vilares é a luz do mundo, esa lareira de soños conquistados, roubados do esquecemento para disfrute e exemplo.

05/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión