Vinte anos sen Onetti

Redacción.- Esta mañá tivo lugar en Madrid un encontró informativo con Ramón Chao, escritor e xornalista vilalbés afincado en París. A convocatoria, baixo o título "Vinte anos sen Onetti" celebrouse ás 10 horas na sede do Club Internacional de Prensa (María de Molina 50) e reuniu a un importante grupo de xornalistas interesados na figura do xenial escritor uruguaio, de cuxo pasamento se cumpren agora vinte anos.
 
Chao lembrou a súa especial relación con Onetti, recoñecendo que "a súa persoalidade marcoume moito, desde a primeira vez que o coñecín, na súa casa da Avenida de América en Madrid" e tamén referiuse ás longas conversas mantidas con el que viron a luz no libro "Un posible Onetti", editado por Ronsel en 1994, o mesmo ano do pasamento do escritor. O acto de hoxe tamén contou coa presenza de Dolly Onetti, viúva do escritor; Carmen Enríquez, directora do Club Internacional de Prensa; e Moncho Paz, xornalista e editor de A Voz de Vilalba.
 
O ano Onetti, promovido polo Centro de Arte Moderno de Madrid, lanzouse a mediados do mes de xaneiro, cunha táboa redonda na que participaron Juan Cruz Ruiz, Eduardo Becerra e Ernesto Pérez Zúñiga. Entre outros actos, o pasado 30 de maio -coincidindo co día da morte do escritor- lanzouse a edición Juan Carlos Onetti y Jorge Luis Borges - fotografía original, con 50 exemplares numerados e asinados por Dolly Onetti, autora da fotografía dos dous autores no 1980 en Barcelona. O vindeiro 26 de xuño terá lugar a presentación do libro "Con Onetti. Diálogo con Dolly Onetti", de Raúl Manrique Girón e Claudio Pérez Míguez (Del Centro Editores). O 26 de xullo proxectarase a película "Mal día para pescar", dirixida por Álvaro Brechner e protagonizada por Gary Piquer, Jouko Ahola, Antonella Costa e César Troncoso. Asemade, o 10 de setembro inaugúrase a mostra "Reencontro con Onetti", na Casa de América. E tamén no mes de setembro, pero aínda pendente de confirmar, haberá una charla-coloquio sobre Onetti a cargo de Antonio Muñoz Molina.

12/06/2014

0 comentários :

Danos a túa opinión